BUSCANDO PALABRAS
Como saberedes
algúns de vós, sobre todo os que máis me tratades, este día acudimos a unhas
xornadas en Santiago. Xornadas de
fraseoloxía multilingüe na aula (4, 5 e 12 de maio de 2018, inda non
remataron xa que logo). A dirección correu a cargo de Carmen Mellado Blanco e
Mª Isabel González Rey, e na secretaría están Alba Cid Fernández e M. Carmen
Losada Aldrey.
(Carmen Mellado e Xesús Ferro. Foto feita por Charo Soto)
Aló estivemos e
dígovos de verdade que aprendimos moito. Como corremos o risco de excedernos na
dose de información, imos procurar darvos só un par de ideas do que dixeron
aqueles participantes dos que tomamos notas. Empezamos co primeiro, o señor
Xesús Ferro Ruibal, a quen nos honramos en chamar amigo. Querería do seu
discurso subliñar catro cousiñas taxadas: unha, dixo que os nenos apenas usan
fraseoloxía (importante dato: aí temos os docentes moito que facer). Segunda
cousiña: contou, a propósito do grande filólogo e fraseólogo Sarmiento que xa
daquela, en vida súa, era estimado como un sabio ilustre, que incluso Linneo mandou un propio a Madrid para
que falase con el; que outro sabio, tras visitalo, comezou a bicar o chan que
pisaba Sarmiento e dixo ante o abraio xeral: fágoo para que vostedes saiban a quen teñen aquí. En terceiro
lugar, relembrou do seu oficio de tradutor (porque claro, a fraseoloxía é o pan
noso fundamental de cada día para traducir) da Biblia (Ferro foi dos primeiros
en versionar o libro dos libros no noso idioma) e comentaba das dificultades,
porque –dicía Xesús- traducimos a Biblia do grego escrita por xente que pensaba
en arameo ou en hebreo.... e puxo algúns exempliños que reproduzo: Te-lo ollo malo significa ser cutre, Beber o cálice ‘pasar un
trago difícil’, Non coñezo varón ‘non
vivo con ningún home’, Que hai entre ti e
min (a frase do filla á nai canda as vodas de Caná) ‘E a ti que che
importa...?’, Que ese diñeiro sexa para a
perdición túa realmente
significa ‘así rebentes ti e mais os
teus cartos’; vaia, que a tradución bíblica
era algo complexo e difícil, incluso a orde das palabras consideran os
doutores, os expertos, que está inspirada. Á derradeira falou Ferro do seu
proxecto dourado para o futuro próximo: editar un refraneiro inmenso e inédito,
cuxo material foi recollido pacientemente por un militar. Son 2000 folios
mecanografados ordenados por temas e subtemas, con fontes propias e exclusivas.
Este militar dáballes permiso de fin de semana aos subordinados-soldados a
cambio de que lle trouxeran á volta refráns da avoa... A fonte máis antiga que
consta nesa riquísima documentación é dun informante de 1844 –tiña daquela 7
anos Rosalía- e a máis serodia é de 1955. Pediu dez voluntarios para axudalo á
edición, cun compromiso de 3 horas diarias de traballo durante uns meses...
Mágoa estarmos xa comprometidos noutra sabadeira.
(Charles Bally, lingüista suízo discípulo e seguidor de F. de Saussure. Foto tomada de Internet)
Logo falou Mª
Isabel González Rey, outra grande fraseóloga do país. Falou de fraseodidáctica
e explicou tecnicamente como se dividen as unidades fraseolóxicas: as
categorías fraseolóxicas. Fixo mención do MCER (Marco Común Europeo de
Referencia) e lamentou que apenas se teñan en conta aí as paremias. Hai moi
pouca competencia cultural nese sentido (paremiolóxico, de refráns) entre as
novas xeracións. Hai que proceder sistematica e paulatinamente desde o
principio: a lingua, toda a lingua, pode ensinarse a través da fraseoloxía. E
insistiu nun razoamento elemental, básico: o profesor non está afeito a
traballar con, a ensinar fraseoloxía, porque non ten tampouco unha conciencia
ao respecto. Comentaba tamén o carácter “conservador” das unidades
fraseolóxicas: as UFs conservan, por exemplo, arcaísmos: as UFs teñen así un
valor de refuxio. E, seguindo con este fío [“esta fonte seguídea ben”, que
diría Pero Meogo na Idade Media] recordou María Isabel algo moi interesante ao
noso ver: o carácter orgánico das linguas: nacen, medran, úsanse, desaparecen.
Pero na fraseoloxía deposítanse unidades “conxeladas”. E engadiu: O que está conxelado, pode desconxelarse. Que idea suxestiva e poderosa! Outra nova
oportunidade para as palabras e unidades fraseolóxicas esquecidas! Así, meus
queridos, podemos reiniciar o proceso: as linguas nacen, medran, xeran novas
familias de palabras no seu seo, morren e poden resucitar/reencarnarse/revivir!
Encantoume a idea, que queredes que vos diga? [Recordade que a miña colega, e
profesora de moitos de vós, Carme López Taboada, e mais unha servidora,
elaboramos un novo repertorio fraseolóxico cun certo número non desprezable de
localismos e algún arcaísmo: deámoslle unha nova oportunidade a esas formas
minoritarias ou xa moi esquecidas...]. En todo momento, a profesora González
Rey salferiu a súa intervención con citas apropiadas doutros expertos. Entre
eles citou a Mª Ángeles Solano Rodríguez, Carmen Navarro e citou a Charles
Bally, pai dalgunha maneira da fraseoloxía e da fraseodidáctica: en Suíza, en
1909, preparou 180 exercicios para os seus alumnos. Tamén me pareceu fascinante
a súa reflexión sobre como se aprehenden as unidades fraseolóxicas: en bloque.
En xeral, facemos bloques falando,
non combinamos unidades illadas (en liñas xerais, claro, e neste sentido,
volvemos a Ch. Bally –o que fora discípulo de F. Saussure, pai do
estruturalismo europeo, e se me apurades do americano porque Bloomfield o leu-
: seu é este pensamento: É máis doado
aprender palabras xuntas que soltas, un pensamento moi útil, por iso moitos
de nós para ensinar por exemplo ortografía apelamos ás familias léxicas...).
Xogarmos, traballarmos coa fraseoloxía é unha maneira de facer lingua, e se o
entendemos –como docentes- así, o ensinaremos así. Finalizou o seu discurso
trazando unha escaleira ascendente, con tres chanzos: abaixo a CURIOSIDADE, no
medio o DESCUBRIMENTO, arriba o CONVENCEMENTO. Unha fermosa progresión, abofé!
(Mª Isabel González Rey, fotografada por Charo Soto na homenaxe a Xesús Ferro, en Santiago de Compostela, Nadal de 2016)
Ningún comentario:
Publicar un comentario