LENDO A CARLOS
CASARES
(As fotos están tomadas de Internet)
Mandamos ler no
segundo trimestre Vento ferido, de
Carlos Casares, en cuarto da ESO. Non sempre as decisións de departamento gozan
da miña total comuñón de espírito. Pero si esta vez. Encántame ese libro. Lino
hai tempo e volvín lelo con gusto. Con vistas ao día 17 de maio, hoxe
xustamente, hai unha semana decido facerlles sete preguntiñas sobre o libro:
1ª. Que relatos che gustaron máis?, 2ª. Por que?, 3ª. Que ideas cres que nos
quixo transmitir o autor?, 4ª. Cres que o logrou?, 5ª. Que sabes do autor
(empezando polo nome)?, 6ª. A relación cos outros autores (a que xeración
pertence o autor/o libro?), a relación cos outros libros (con que outros libros
ou películas relacionarías todo ou parte de Vento
ferido?), 7ª. Sabes quen é o homenaxeado este ano no Día das Letras
Galegas?
Un tópico entre
colegas á hora de tomar un café ou así é aquel que di que tras o verán dáse
entre o alumnado unha especie de varrido
mental (báñanse no río Limia...) e esquecen todo o aprendido no curso
anterior. Este día pensei que non facía falta falar dun verán enteiro: abonda con
que pase un mes. De 30 alumnos só sete recordaban o nome do autor de Vento ferido. En fin, non suframos.
Mantiñan desperta a sensibilidade e a memoria noutros puntos. Despois déixovos
constancia do pensamento das miñas dilectas alumnas e dos meus dilectos alumnos.
Pero antes ídesme permitir que peque de libre subxectivismo. Entre os meus
relatos favoritos están “O xogo da guerra” e “A rapaza do circo”. No primeiro
salta á palestra, entre outros temas posibles, o tema da dialéctica
individuo-grupo. Recordo unha vez cando o meu primoxénito estudaba aínda na
facultade de física en Santiago, que foramos oír unha conferencia co gallo
dunha festa (quizais final de curso ou de grao...) e un profesor fixera unha exposición científica, con
formulacións físico-matemáticas precisas, sobre as variacións do comportamento
humano individual e grupal... A presión do grupo (de poder) sobre o individuo
tamén forma parte doutra obra paradigmática do autor ourensán: Ilustrísima, novela onde o bo home, o
home de paz representado polo bispo, claudica e cede ante a violencia sectaria
da curia.
(A primeira edición do libro que lemos na aula, da famosa colección 'Illa Nova'. Vén de celebrarse a primeira edición do premio de narrativa precisamente así chamado, Illa Nova)
O segundo relato favorito meu (“A rapaza do
circo”) conmóveme como me conmove sempre o amor puro ou case puro: digo aquel
primeiro amor, o da adolescencia, o que pode deixar marcas indelebles, e tinxe
facilmente a memoria de saudades. Á hora de establecer relacións con outras
obras de arte (literarias e mais tamén cinematográficas), este foi o raio que
non cesa: multiplicámonos entre todos na aula ata o infinito... Con todo, eles
non mentaron dous relatos que eu si tiña in mente: un de Ferrín, “Fría
Hortensia”, onde o rapaz adolescente namora da curmá, de Maribel. Que delicada
tea recobre os nosos corazóns xoves! Que privilexio poder reler, poder revivir,
poder relembrar...
Casares desenvolve
unha vez máis este importante tema na súa fermosísima novela O sol do verán. Un deses libros que te
absorbe e envolve (coma cando eu era adolescente e lía con paixón Crónica del alba, de Sender, outro
grande da literatura hispánica con amores adolescentes). Pero por que, te
preguntas durante todo o tempo, por que Helena casa con Arturo se a quen ama,
se quen domina a súa mente e ocupa todo o seu corazón é Carlos? E ao tempo ves
claramente que Carlos só pensa nela, en Helena. Aquí quizais rompe Casares o
seu predilecto xogo dos triángulos: un home que se debate entre dúas mulleres:
a esposa-amante nai e señora da casa/a amante aguillón intelectual. Helena éo
todo: a que se quere por amante e a que se quere como interlocutora intelectual
válida. E mais non casan. Por que? Creo que a resposta está máis ben en Carlos.
Carlos non se ama ben a si mesmo: logo non está seguro de poder amala a ela
como merece. Ou iso cre el. Ou iso creo eu cando reflexiono sobre el etc.
Mellor deixemos que
se expresen os rapaces e as rapazas de cuarto:
O meu favorito sen dúbida foi aquel que falaba da vida
dun solitario vello, sumido na súa rutina: como pasaba a maior parte do día no
seu balcón, sen case ninguén, sen sobresaltos... A apatía e tristeza que me
transmitiu este relato é o motivo polo que xamais o esquecerei (Sara Martínez
Iglesias. O relato é “Longa espera ao sol”).
O meu favorito foi o primeiro (“O
xogo da guerra”), non pola súa
brutalidade, senón pola demostración do que pode facer a presión do grupo na
mente de alguén, ata o punto de levalo a torturar e matar (Mario García
García).
É difícil sabelo con exactitude (Que
ideas quixo transmitir o autor con este libro?), pero dende o meu punto de vista, podemos observar en moitos dos
relatos o lado escuro de todo ser humano. E todo moi marcado pola realidade da
época (Pablo Eduardo Menéndez-Valdés Pérez).
Quixo transmitir que todo o bo, ou todo aquilo que parece estar ben, pode
destruírse ou desaparecer de súpeto (Laura Orgueira
Peteiro).
Ainda que non lembro os títulos, gustáronme moito os
relatos que tiñan un tinte máis familiar, coma o do ancián que agardaba unha
tarde polo seu neto ou aqueloutro no que un xove ía visitar unha vez ao ano á
súa parella, mais a relación deteriorábase. Ambos tratan temas cotiáns de
maneira un tanto tráxica e tenra á vez (Estela Novo Vázquez).
Outro que me gustou moito foi o do avó que esperaba o seu
neto. Fíxome recapacitar sobre a monotonía da vida e o paso do tempo. [...] Na maioría dos relatos
podemos atopar un transfondo crítico, en cada un diferente. Basicamente fala da
sociedade e critica as ideas que son imposibles ou moi difíciles de cambiar (Ana
Mingote Blanco-Rajoy).
Un dos relatos que máis me impresionou foi aquel no que
se falaba dun home que estaba nun bar e a policía foi buscalo, xa que tiña
unhas ideas diferentes das do réxime. No relato ninguén sae a defendelo a pesar
de ser un bo amigo por medo ás represalias. Percíbese o medo do pobo, medo a
ser encarcerado, torturado e fusilado por
non coincidir coas ideas políticas da época (Paula Santalla Estévez. O relato é “Coma
lobos”).
Sobre todo fálase de como a sociedade nos inculca uns
coñecementos e nos impón uns límites, e moitas veces debemos calar e non
podemos expresar todo o que quixeramos (Carolina Sanmartín Pérez).
O autor quixo contar e explicar os actos máis profundos
do ser humano, como por que somos leais, por que lle damos as costas á nosa
familia e aos nosos amigos, por que recordamos tanto certos incidentes do noso
pasado... (Marta Roibás Zas).
(Unha cabana apache propia do territorio do Nordeste dos EEUU: no libro O sol do verán, Carlos e Periqueta xogan de nenos nunha deste estilo, un wigwam dinos o narrador, na fraga galega)
Ningún comentario:
Publicar un comentario