BUSCANDO PALABRAS
A
IRMANDADE FRASEOLÓXICA GALEGO-PORTUGUESA
(Madeira. Foto tomada da Internet)
Este tema, o da irmandade lingüística entre o
galego e o portugués actuais tomando como pé a fraseoloxía xa foi abordado por
Bouza Brei (Cuadernos de Estudios
Gallegos I,2,1944; 296-297), por Xesús Ferro (no seu discurso de entrada á RAG,
unha preciosa parrafada que podedes ler libremente na rede) e antes aínda por
Vicente Risco (revista Nós, nº 27,
creo relembrar, non teño a man a revista, pero recordo que cita un profesor
miñoto e as frases que entran na comparanza son do tipo: máis vello có demo, seco coma
rabo de bacallau, etc.), entre outros. Nós cultivaremos un pouco máis este
campo, que tanto nos gusta, todo hai que dicilo.
Por que hai tantas e tan curiosas
coincidencias fraseolóxicas, e non perdamos de vista o dato de que a
fraseoloxía é unha caixa que garda as esencias, quer dicir, formas específicas
e identitarias en grao sumo para cada dominio lingüístico, por que hai tantas concomitancias específicas
entre o galego e o portugués, meus queridos (falo máis ben para os alumnos,
para os que entran por primeira vez nesta parte da historia da península)?
Porque houbo un tronco común, unha orixe histórica única: tal e tamaña unidade
se pode enfocar no noroeste histórico (a vella Gallaecia en boa medida) que non
necesitamos un punto en concreto a partir do cal se expande o galego vello, o
galego-portugués medieval, o galego actual e o portugués actual: nin Verín e
arredores (quizais un círculo entre Verín e Calem ou Calóbriga), como pensaba o
defunto Isidoro Millán, que en gloria estea, nin outro punto concreto aquén ou
alén do Miño...
Ora ben, estas unidades fraseolóxicas tan
estrañas que trataremos, tan difíciles de explicar como “mera coincidencia”
(por exemplo, un pensa na frase “bo coma o pan” ou “como o can e o gato” e a
ninguén lle estraña que dous idiomas en puntos distintos do planeta cheguen cada un polo seu lado a formalas)
fannos ter en mente dúas vías digamos de chegada: 1. Proceden do vello tronco
común e a súa xénese é , xa que logo, anterior á Idade Media (ou desa época), e
2. Baixaron do norte ao sur en calquera momento sen necesidade de concretar,
coa migración humana. Porque as palabras, meus amigos, dicían os neogramáticos
de finais do XIX, nacen, multiplícanse –forman familias-, e morren. Ao que nós
sen dúbida podemos engadir: “e viaxan ou (e)migran”. É unha imaxe bioloxicista pero moi útil e
plástica.
Vexamos casos concretos de unidades
fraseolóxicas documentadas tanto en galego como en portugués:
A dar cum pau (DEPP) (Dicionário de Expressões populares
portuguesas, Gulherme Augusto Simões)
(moi común en galego)
A esmo ‘ao acaso’, ‘ás toas’
(DEPP) (en galego, documéntase no DdD, Dicionario
de Dicionarios, que coordina o prof. Antón Santamarina, dispoñible na rede)
Comer-lhe as papas na cabeça
‘enganar outrem’ (DEPP) (en galego ten dous valores lixeiramente distintos: 1.
Avantaxar, ser superior a, 2. [claramente acepción secundaria] Ser máis alto)
Comer pão com côdea ‘ser já homem’ (DEPP)
(relativamente común en galego)
Como sardinha em canastra (DEPP)
Dar ao canelo ’andar moito’ (DEPP) /Dar à
canela/ Sebo
nas canelas! (DEPP) (en galego documentamos Dar canela, Darlle á(s)
canela(s) e Darlle sebo ás canelas
[contáronnos un conto por Pastoriza, montaña lucense, onde a ovella era
perseguida polo lobo e dicía: “des que
son ruza e vella nunca tanto lle dei á canela”])
Dar á taramela ‘falar de mais, falar muito’
(DEPP) (en galego actual é máis común a variante con –b-, darlle ao tarabelo, pero tamén trae o DdD ser unha taramela ‘falar moito’)
Dar como em centeio verde (DEPP)
‘golpear’ (moi común en galego)
Fazer-se lucas ‘fazer-se desentendido’ (DEPP)
(en galego hai moitas frases con este valor, Chamarse andaina/Andrés/de covas/Xan de nega; Facerse de Angrois, e unha delas é precisamente Chamarse Lucas, documéntase na narrativa
de Martínez Oca, por ex.).
Feita a machado ‘feito
grosseiramente’ (DEPP) (común en galego, desde Bergantiños a Valdeorras; hai
variantes co feminino, a machada)
Fino como um alho ‘moito
esperto’ (DEPP) (común en galego, sobre todo cos adxectivos ‘agudo’ ou ‘listo’;
algún alumno curioso pregunta que teñen que ver os allos coa calidade de
‘listo’, supoño que a resposta está na imaxe da planta: érguese dereita, tesa,
e de aí, de ir dereitiña, en liña recta, pásase por derivación á idea de
rapidez mental ou axilidade)
Fio do lombo ‘coluna vertebral’ (DEPP)
Levar às carranchas ‘às
cavalitas’ (DEPP) (figura esta frase no DdD, hai variantes – ás carrancas, a carranchapernas, ás carrancholas-; forma parte dunha
familia moi común e rica en galego, a ela pertence o vbo. escarranchar ‘abrir as pernas’,
e inda que non temos a man os libros de consulta por estarmos fóra de
casa, sóanos que Corominas entronca estas voces con garra [de feito, en castelán dialectal temos co mesmo valor a garraminchas]; na nosa opinión hai que
relacionalas con esparrancar e demais
voces emparentadas que dan idea de abertura e/ou espallamento, todas
caracterizadas por unha matriz de oclusiva + erre forte, *Karr-/Parr-)
Levou-o a breca ‘Morreu de doença’ (DEPP);
cfr. galego Estar
levado da breca (DdD, onde ‘breca’
conmuta por ‘demo’)
Lusco-fusco, lusque-fusque, lusquifusque (DEPP)
Ter cara de lua cheia ‘cara
muito gorda’ (DEPP) (tamén común en galego)
Tintim por tintim ‘con todos os pormenores’
(DEPP) (en galego a frase correspondente é tintín
por barín, viva por exemplo na fala da nosa amiga Carmela, concello de
Arzúa, Coruña, co mesmo valor có portugués; a voz tintín é onomatopeica, do son que produce o metal, e en concreto
unha moeda: a imaxe fraseolóxica virá de aí, de contar algo coma quen conta
moedas, unha a unha, sen que se perda nada no cómputo ou no conto).
O dos pés marelos: Esta é a
derradeira frase que estudaremos hoxe, quedan outras no tinteiro (ou na man, que
se di en galego), para outra ocasión. Esta frase, Carme López Taboada e mais
unha servidora, tiñámola rexistrada en galego co valor de ‘O fillo
primoxénito’, pero perdemos o dato da localización; vemos no TILG (dispoñible
na rede) estoutro contexto: “Coidou que
era mellor traé- la para a súa [traer a muller que ama á casa] , ou mellor dito para a de seus pais , que
anque el ía ser o dos pés marelos , logo non o foi “ (dun relato de Manuel
Vázquez Fernández), onde, evidentemente, o significado non pode ser exactamente
o de primoxénito. Pedímoslle axuda ao
prof. Santamarina (pregúntolle ao que fora o meu profesor se cabe pensar nun
posible lusismo) e velaquí o que amablemente nos di:
Teño
oído esa frase algunha vez. O sentido é “o
fillo máis querido (que en xeral é o máis pequeno)”. Téñoa sentido moitas veces a Couceiro e
aprendeuna en Feás. (Aranga e non nos libros de portugués). O sentido que tén
no exemplo de Manuel Vázquez parece ser o de ‘fillo mellorado’ (na
herencia). O sema común que teñen as dúas acepcións é a de ‘fillo preferido’.
Outra cousa é a motivación. Por qué lle
chaman “dos pés marelos” ao ‘fillo preferido (mellorado ou benxamín)’.
Nós non
podemos asegurar nada da orixe desta frase curiosa, pero si nos é dado
elucubrar cunha orixe bíblica. Unha das historias máis prototípicas sobre pés e
primoxénitos é a do nacemento de Esau e Xacobe (no libro da Xénese): son
xemelgos, e como daquela o dereito de primoxenitura valía moito, Xacobe agarra
polo pé ao seu irmán para estorbarlle a saída, pero inda así o que nace
primeiro e Esau, e dáse a casualidade de que a Biblia o describe como rubio,
roxo, pero xa sabemos que rubio e amarelo van da man: o sol pode describirse
como louro ou loiro, e de feito vemos que nalgunha tradución da Biblia, o primoxénito
Esau é descrito como rubio (en
castelán), non como rojizo. Así que
temos aí, nesa imaxe bíblica, un primoxénito de pés amarelos-rubios.
E en
lingua portuguesa? Pois en portugués das Illas de Madeira documentamos na
Internet os pés amarelos na frase ficar com os pés amarelos ‘quedar para
vestir santos’, tradicionalmente referido á muller (en: http://o-rabo-do-gato.blogspot.com.es/2005/08/ficar-com-os-ps-amarelos.html, a autora do artigo é Lília Mata).
Variante:
Morrer com os pés amarelos, ‘morrer
solteira’ [en: http://gangdoserrado.no.sapo.pt/Falares.htm , consultado 26 de Santiago 2015]
(Termos retirados do dicionário "Falares da Ilha" de Abel Marques
Caldeira , 2ª edição – 1993).
Lília
Mata ofrécenos, á súa vez, outra hipótese para explicar a unidade fraseolóxica
da súa terra madeirense: trataríase dunha semellanza coas patas das galiñas,
que se volven marelas cando se fan vellas. Observación moi curiosa, aínda que
sospeitamos ser mera coincidencia cromática. Quizais haxa que optar por ver na
acepción madeirense unha variante secundaria, a partir da primoxenitura: o
primoxénito sempre é o máis vello dos fillos. Con respecto ao que di
Santamarina de que o fillo mellorado soe ser sinónimo do máis querido, pode
ser, evidentemente, pero na terra do meu home, e non creo que sexa a única, o
mellorado (o que queda coa casa) era normalmente o maior; está claro, e xa
rematamos, que ser o maior non é sinónimo de ser o chichí, o preferido. En todo
caso, poderíase dar como sema común non tanto “fillo favorito” como “fillo
favorecido”.
Como
diciamos, hai máis materia, a ver outro día...
(Charo Soto)
(Rubens: "A reconciliación de Esaú e Xacobe", foto tomada da Internet)
Compráceme dicirvos que o meu pai (un nativo de Orosa, Aranga) foi a única persoa a quen lle escoitei esa expresión "dos pés marelos" e con ese sentido. Estaba por pensar que o imaxinara, pero vese que non. Graciñas! :-)))
ResponderEliminarPor certo que el se refería a unha muller, "a dos pés marelos". Cando lle preguntei díxome que era a herdeira que quedaba na casa.
ResponderEliminar