luns, 20 de xullo de 2015

GALICIA INMORRENTE



HISTORIA DO HIMNO DE GALICIA

 (Carta da man de X. Fontenla Leal)

(Fotos pertencentes aos fondos da Real Academia Galega: Pondal, á esquerda, Pascual Veiga e Fontenla Leal)

O himno é un dos principais elementos da identidade nacional a través do cal unha nación proclama a súa identidade e soberanía. Foi precisamente na década de 1880 cando comezaron en Galiza as primeiras propostas hímnicas. Cando o Orfeón Coruñés nº 4, dirixido por Pascual Veiga, decidiu organizar un Certame Musical en 1890, o texto poético para a composición de partituras foille encargado a Eduardo Pondal, o poeta nacional galego nesa altura. Pascual Veiga interpretou o himno en diversas ocasións a través dos coros que dirixiu posteriormente até a súa morte en 1906.


(Fotos coa caligrafía de Eduardo Pondal: podedes ver que nas primeiras versións hai variantes con respecto á versión definitiva do himno)

Non obstante foi en Cuba onde o himno foi “oficializado” por primeira vez mercé ao traballo entusiástico de Xosé Fontenla Leal, sendo interpretado por primeira vez o día 20 de decembro de 1907, no Gran Teatro da Habana. O himno ten presenza en todas as actividades oficiais da comunidade galega en Cuba, que “reenvía” en 1909 o texto e a partitura para Galiza. Foi con ocasión da translación dos restos de Pascual Veiga a Mondoñedo, cando o himno ten a súa primeira interpretación explícita, pública e solemne nos actos conmemorativos, para comezar a aparecer en celebracións e solemnidades ligadas a figuras sobranceiras galegas, especialmente Rosalía.
Con todo, é a partir dos anos 1915-1916, grazas ao impulso do alcalde Manuel Casás á súa interpretación, que o himno comeza a ser ouvido publicamente na cidade da Coruña, con grande éxito. Neste ano 1916 fúndase na Coruña, as Irmandades da Fala, que adoptan este himno pondaliano como Himno Nacional Galego. Comeza a consolidarse como símbolo nacional, sendo interpretado en todo tipo de celebracións. Desde o comezo da expansión do himno se establece o cerimonial ligado á súa interpretación: público de pé, homes coa súa cabeza descuberta e ambiente solemne. A acción das Irmandades é percibida con clareza por observadores e medios xornalísticos. Desta maneira, un himno inicialmente descoñecido, comeza agora a consolidarse e a converterse nun verdadeiro himno nacional: está presente en todo tipo de actividades culturais.


En 1923 prodúcese o golpe de Estado e comeza a ditadura de Primo de Rivera, que amortece as expresións públicas do himno, que sobrevive traballosamente até 1931, final da ditadura e proclamación da república. Coa reorganización das sociedades e agrupacións nacionalistas e coa fundación do Partido Galeguista, o Himno constitúese definitivamente como expresión oficial nos actos galeguistas, de acordo coa súa presenza por todo o país.

 (Carta de man de Pascual Veiga a Pondal, marzo de 1890)

A guerra civil e a posterior ditadura franquista prohibe de facto calquera aparición pública do Himno, que se converte nun símbolo máis de antifranquista, antifascista e de reivindicación política democrática de Galiza. O Homno sobrevive “exiliado” na conciencia dos cidadáns e nas comunidades galegas en  América.
Coa morte de Franco e a desaparición da ditadura, o Himno é recuperado con normalidade polas organizacións políticas democráticas. En 1981 apróbase o Estatuto de Autonomía onde se recoñece que Galiza ten himno “de seu”. O Himno Galego é definitivamente institucionalizado na Lei de Símbolos de 1984 aprobada polo Parlamento galego, dando cumprimento á súa esixencia “no ánimo e no pensar do pobo”, oficializando a letra e a música que “Pondal e Veiga puxeron na memoria e na boca dos galegos”.
(Texto seleccionado e copiado por Francisco J. Lodeiro Prieto e Antón Varela Gestoso, 1º de Bacharelato: o texto pertence á publicación do ano 2007, publicación con que se celebrou por parte da RAG e mais das tres Universidades galegas o centenario do Himno Galego; nesa publicación colaboraron persoas concretas tamén: Hugo Arias (UDC), Julia Núñez (UDV), Manuel Ferreiro (UDC), amais de empresas como ‘Imaxe Free’ (UDC) e ‘Tórculo’ (USC); todos os documentos reproducidos nesa publicación do centenario pertencen á RAG).

(Foto da coidada edición con que no ano 2007 a RAG e as tres Universidades celebran o centenario do Himno. Dentro dunha especie de caixa gárdanse os cinco caderniños: a historia, a correspondencia, manuscritos autógrafos d'Os Pinos, do Certame Musical de 1890, e a Partitura do Himno de Pascual Veiga).

Ningún comentario:

Publicar un comentario