A NOSA
CASA: LUIS MOSQUERA GÓMEZ.
(Retrato da esposa do pintor, Carmen Pedrosa)
Como saberedes
moitos de vós, a nosa casa vai cumprir 125 anos. Faremos festa. Celebrarémolo.
Unha das cousas que estamos preparando é un artigo bonitiño onde aparecerán
algunhas das personalidades máis ou menos relevantes que pasaron (como alumnas,
alumnos ou docentes) por ela. Francamente, meus amigos, évos un luxo de casa...
(Foto no estudio de Román Navarro, mestre de Mosquera, a quen vemos coa cabeza inclinada achegándose a el)
(Retrato da coruñesa María Casares; ten moita razón Luis Caruncho cando fala, a propósito deste cadro, dun certo aire que nos relembra a Modigliani)
(Retrato do Nóbel galego, Camilo José Cela, nos tempos en que viaxaría pola Alcarria)
(Retrato do membro da chamada Xeración do 98, o vasco Pío Baroja)
(Retrato de Pedro Barrié de la Maza: a fundación que leva o seu nome -á que lle debemos a publicación do libro de L. Caruncho sobre a obra de L. Mosquera- desenvolve actualmente un labor de mecenado a prol da cultura de Galicia)
Falaremos hoxe –día
grisallo do mes de Santiago- de Luís Mosquera Gómez, pintor coruñés nacido en
1899, bo retratista. Mosquera empezou sendo discípulo de Román Navarro (o que
pintou o teito do noso Salón de Actos, nalgunha páxina do blog aparecen os seus
cabalos bebendo en san Roque de Afora) con oito anos. Fixo os seus estudos de
bacharelato no Instituto (daquela inda non se chamaba oficialmente ‘Eusebio da
Guarda’, era o Instituto por antonomasia). Sendo Navarro Director da Escola de
Artes e Oficios (aínda recordo eu perfectamente esa Escola sita na primeira
planta do edificio do Instituto), nomeouno con apenas 18 anos profesor adxunto
de Debuxo. Logo chegaría a ser membro correspondente da Real Academia Galega, académico de honor da Real Academia Galega de
Belas Artes Nosa Señora do Rosario (o nomeamento ten lugar no ano 1974), vogal do Real Padroado do Museo
do Prado, profesor da Escola Superior de Belas Artes de San Fernando, membro da
Real Academia de Belas Artes de San Fernando... (tendes máis información na
páxina do Prado: //www.museodelprado.es/enciclopedia/enciclopedia-on-line/voz/mosquera-gomez-luis/).
(Resulta difícil elixir un bodegón, hainos moi bos)
(Espido de muller)
(Preto de Labañou, monte de san Pedro, antes do paseo, pero xa estaba a canteira)
(Bastiagueiro: a praia dos domingos da nosa infancia, cando se ía andando, cruzando polas Xubias na barca... Aínda non está o "chalé do mexicano" -á esquerda-, nin creo que estea o merendeiro que logo houbo e hoxe xa non hai, e dubido que estean os "chalés dos madrileños")
E ademais, foi un
home que tivo bos amigos: Luis Caruncho (autor do libro de onde atiramos as
fotografías), Cela, Quiroga, Lloréns, por citar só algúns. Cultivou o retrato,
os espidos, os bodegóns, a paisaxe... E se tivese que destacar algún trazo
esencial do seu bo facer, destacaría –seguindo a Caruncho- a mesura cromática,
a perspicacia con que sabe captar a psique do retratado, a sobriedade
expresiva, a luz amable dos rostros, trazo este que dalgunha maneira nos fai
pensar en que era un home alegre, que amou a vida e amou os seus.
(Mª Rosario Soto
Arias).
Ningún comentario:
Publicar un comentario