martes, 13 de xaneiro de 2015

Miro Casabella: O meu país

"Un reino val o que a canción que lle sae por portas, á hora de alba." 

Álvaro Cunqueiro

A NOSA MÚSICA
 
Canta, miña compañeira, meu compañeiro canta, porque cando un canta ten o corazón ledo. Canta as cancións nosas e chegarás ao fondo da túa alma, á raíz da nosa terra.

Déixate levar polo son antigo das nosas cantigas populares, esas que postas na boca das nosas cantareiras mozas nos reconcilian con aquilo que está no profundo do noso pobo. Pon tamén nos teus beizos as delicadas palabras dos poetas de sempre, aquelas que gardan a memoria das cousas e nos moven cara un futuro ensoñado.

O noso pobo sempre gustou de cantar e de bailar, de facer festa arredor dunha gaita ou dun acordeón. Da xuntanza festiva e da canción. Por iso editamos agora para ti este álbum de música, para que siga a festa e se alede o corazón.
 
Se cala o cantor, cala a vida. E nos queremos educarnos na alegría, vivir a nosa música, antiga e contemporánea, descubrila en toda a súa variedade, para que siga o canto.

Sabes que a música popular galega está hoxe entre as músicas de vangarda do mundo. Daquela, ergue con fachenda e amor o teu canto libre.



Canta: Miro Casabella, "O meu país"
(Sección coordinada por Xosé P. Mondelo)

5 comentarios:

  1. Miro Casabella é un gran músico. Canta un repertorio de pezas con distintas temáticas pero todas relacionadas con un tema principal, a terra e a lingua galega. Rinde un pequeno homenaxe a uns músicos falecidos cando os alude e canta fragmentos das súas obras. A parte disto é un xenio da guitarra e escoitalo e un pracer. - Juncal Castro 4ºD

    ResponderEliminar
  2. Magníficas palabras para describir a nosa terra. Sempre representada polos seus verdes campos e pola súa xente, cunha historia que defender. Unha terra chea de mitos, tradicións e costumes que non todos coñecen pero que moitos protexemos.- Carmen Casanova 4ºC

    ResponderEliminar
  3. Graciñas Miro por esta magnífica demostración do que somos nós, sabias palabras as túas. Creo que se nos preguntan de onde somos, temos que respostar con este vídeo; a nosa música. Un verdadeiro pracer escoitalo.- Sergio López 4 º D

    ResponderEliminar
  4. A nosa música

    Miro Casabella e Xoán Manuel Casado: “O meu país”

    O meu país

    O meu país/ é verde e neboento
    É saudoso e antergo,/ é unha terra e un chan.
    O meu país/ labrego e mariñeiro
    É un recuncho sin tempo/ que durme nugallán.

    Que quece na lareira,/ alo na carballeira
    Bota a rir.
    E unha folla no vento/ alento e desalento,
    O meu país.

    O meu país/ tecendo a sua historia,
    Muiñeira e corredoira / agocha a sua verdá
    O meu país/ sauda ao mar aberto
    Escoita o barlovento/ e ponse a camiñar

    Cara metas sin nome/ van ringleiras de homes
    E sin fin.
    Tristes eidos de algures,/ vieiros para ningures,
    O meu pais.
    O meu país/ nas noites de invernía
    Dibuxa a súa agonía/ nun vello en un rapaz.
    O meu país/ de lenda e maruxias
    Agarda novos días/ marchando de vagar.

    Polas corgas i herdanzas
    Nasce e morre unha espranza/ no porvir.
    E unha folla no vento/ alento e desalento
    O meu país.


    Foi nos anos sesenta cando o cantautor do Valadouro Miro Casabella coñeceu ao poeta Xoán Manuel Casado en Barcelona. Miro emigrara para estudar arquitectura á cidade condal, onde nacera Xoán Manuel que estudaba dereito. A unión destes dous xenios deu lugar a esta obra de arte. As verbas enxebres de Casado e a voz de Casabella saen do máis profundo da nosa terra e chegan lenemente, como o voo dunha anduriña, ao corazón. O poema lembra en certa medida á poesía “Penélope” de Xosé María Díaz Castro xa que resume maxistralmente as esencias e a historia galegas.
    Grazas a cousas como esta o noso idioma é aínda máis grande. O noso idioma, chave imprescindible para unir esta colectividade que somos, porque o noso país está por riba do tempo. Porque o noso país son os devanceiros que se foron, os galegos de hoxe que camiñamos polas corredoiras do mundo e máis os que han de vir alumear os vieiros da nosa patria inmortal.

    ResponderEliminar