luns, 1 de decembro de 2025

A CORUÑA

 

A CORUÑA

TRES MICROTOPÓNIMOS POUCO COÑECIDOS

 

(Pintura de J. Seijo Rubio. Vense as ruínas do chamado 'Castelo de Eirís'. Ao fondo á dereita a vella capela de Santa María de Oza, a cal, afortunadamente, se conserva. A foto está tomada de Internet).
 

Como sabedes xa moitos de vós, nacín na casa dos meus avós que daquela vivían na rúa Joaquín Galiacho. Crieime nos Castros e tiña amigas e amigos. Mais tamén tiña en Monelos unha boa panda de amigas, e con iso e co moito que quería os meus avós, pasei moitas horas pero moitas, da miña infancia en Monelos. Relembrar aquel Monelos é relembrar a pulpería do señor Ramón, a churraría que había en fronte de Carmiña a Asturiana, é relembrar a casa da tía Agustina, que cosía: nas fiestras de atrás, relembro ver as hortas que ían dar á Cubela alagadas polo río de Monelos… E é relembrar a rúa que levaba desde Cabaleiros a Eirís. Hoxe, avenida de Monelos. Conforme subías, quedaba á esquerda o Liceo, co estanque e a pista (de baile), auténtico paraíso para nós, as rapazas, onde podías xogar ás casiñas e ás tendas. Tiña distintos niveis, terrazas pintadas en branco en vermello, onde colocaban en días de baile o bar (chamábanlle cun galicismo, ambigú) e había un precioso valado de coníferas altas, cheas de bugallas. Aínda hoxe cando cheiro esas baias evoco aquel marabilloso lugar. Á man dereita ficaba a praza de Monelos, cos seus azulexos brancos, aquela froita, dicía a miña avoa Pura “as mellores cereixas son as de Loureda”. E máis arriba o forno de Matilde. E un pouquiño máis arriba, á dereita, relembro as barcas que nos arrandeaban, as rosquilleiras, as luces da romaría de Eirís[1]


 

Eirís era territorio familiar… Creo recordar a parede da canteira de Eirís; en Eirís viviu Lesta Meis, a quen a avoa Pura relembraba, camiñaba ergueito, sempre co sombreiro posto, un home cortés, dicía ela. Un pouco antes de Nadal, a avoa levábanos (as netas e os curmáns) á casa abandonada de Eirís, o castelo de Eirís, a recoller carriza para o nacemento. In illo tempore, dos tres microtopónimos que protagonizan estas páxinas, eu só coñecía un, a Madosa. Na escola unha das miñas mellores amigas, Fina, era da Madosa. Aínda se conservan algunhas casas. A ampliación das instalacións do Hospital Universitario inundan aquel espazo.

Custoume moito aceptar a regaleguización dese topónimo. Cando vin que o Concello puxera Lamadosa como nome dunha rúa alí, protestei dicíndolles aos meus, pero se toda a vida foi Madosa, “Fina vivía na Madosa”… Pero, como dixo o outro, os feitos poden moito (teño entendido que o dixo Lenin). E aquí os feitos son os documentos do século XVIII: Libro Real de Leigos do Catastro de Ensenada. Aí, e dentro dos límites de Santa María de Oza, lese Lama de óza (https://arqueotoponimia.blogspot.com/2023/10/lamadosa-coruna.html). Non ten volta. A regaleguización, xa que logo, é boa. A forma Lamadosa implica a realización como /s/ da interdental zeta. Resulta interesante constatar, unha vez máis, que por estes lares pasaba a isoglosa do seseo. A Coruña seseaba, ou parte dela. Temos outra proba no lugar de Seavella, que viña ser o Portiño[2] (consérvase a voz como nome dunha rúa, subindo desde Río á igrexa de San Pedro de Visma). Hai tempo que deducimos que viña de Acea vella. Non somos os únicos, desde logo. Naquela estupenda charla, a través do ordenador, cuxo nome era Celtiberia.net, o participante chamado Giannini xa o deixou escrito en 2008 (https://celtiberia.net/es/biblioteca/?id=3149&cadena=Seavella). A nós axudounos unha noticia da prensa do XIX: Se vende en precio muy económico, la fábrica de salazón de sardina sita en el lugar de Acea-Vella, parroquia de San Pedro de Visma, con varias edificaciones, unida a ella una huerta de cuatro ferrados y que todo está cerrado de muralla (El Noroeste, 21/4/1912)[3]. Se paseades ata o Portiño, fixádevos, porque hai restos desa muralla, ou iso creo. O caso é que a fábrica estaba situada á orilla mar (El Telegrama, 13/2/1912). E podemos pensar que no lugar ocupado pola fábrica de salga houbo antes unha vella acea. A proximidade ao mar tamén nos fai pensar na posibilidade de que fose un muíño de maré, porque haber houbo un montón de muíños de maré nas nosas costas[4].

(Foto tirada do blog amentado, de arqueotoponimia)

 

O segundo microtopónimo chegounos de pura chiripa. Estabamos á altura da liña que une o Instituto ‘Monte das Moas’ co centro de saúde próximo e buscabamos un atallo para chegar a Lamadosa, cruzando o novo parque de Eirís. En paralelo a esa liña e antes de entrar na zona axardinada ou reurbanizada como parque hai unhas leiras, algunha casoupa para gardar apeiros de labranza, e dunha delas saíu un paisano septuaxenario e sen pensalo dúas veces pregunteille: e logo este sitio onde vostede ten a súa propiedade como lle chaman, “Monte das Moas”? Calibrando talvez se merecería a información, miroume varios segundos con certa indulxencia non desprovista dun pouco de sorna e tamén algo de sorrisa  e díxome no ton de quen sabe que a súa resposta vai sorprender: Non é Monte das Moas, non. Isto é Camiño do Souto. Si que me gustou. As sorpresas sempre gustan, se non son malas, claro. Aí queda. Camiño do Souto. Digo eu que en tempos tivo que haber un souto nas proximidades.

Auga non faltaba. Alí preto atopamos o terceiro microtopónimo: a fonte do Cácharo. Xa llo oíra a un taxista de cincuenta e tantos anos que me contou que se criou en Eirís e pregunteille pola Madosa e como me viu tan interesada polos nomes díxome así de socate, pero a que vostede non coñece a fonte do Cácharo? O informante do Camiño do Souto confirmoume que aínda existía e indicoume como chegar, está onda o estanque dos parrulos, no actual parque de Eirís.

(A que supoñemos que é a Fonte do Cácharo. Parque de Eirís. Foto tirada por Charo Soto)

 

Sen dúbida esa ten que ser a fonte que abastecía de auga o forte de Valparaíso (que viña estar situado onde hoxe están as ruínas chamadas popularmente Castelo de Eirís) e da que fala Pascual Madoz no seu famoso dicionario (publicado entre 1845-1850): Está dominado por la altura de Valparaiso dist. 622 varas. En esta altura se ven los vestigios de un fuerte mandado construir en aquel punto, despues del dia 4 de mayo de 1589 en que atacaron los ingleses á la Coruña, en vista del daño que desde allí causó el enemigo a la plaza y embarcaciones que se hallaban en el puerto, siendo capitan general de Galicia el conde de Valparaiso. Los edificios que contiene este cast. son la capilla, casa del gobernador, habitación para un capellan, cuarto para un oficial, cuartel para 30 hombres, una bodega y un pequeño almacen de pólvora. También hay fuera del fuerte y á dist. de 20 varas un local que sirve para depósito de cureñas y demas efectos de artilleria. No tiene agua, pero se provee de una fuente que se halla a dist. de 200 varas.

Chama a nosa atención a forza da memoria colectiva: Madoz chámalle “castillo” e o pobo coruñés conserva esa voz cando fala do Castelo de Eirís.

Con respecto á etimoloxía de Cácharo, elucubremos algo se vos prace. Ao primeiro, caben dúas opcións xerais: ou temos un apelido (un topónimo que vén dun antropónimo, cousa moi frecuente) ou temos un nome común. Tamén é verdade que se fose un apelido, con moita probabilidade proviría dun nome común, así que imos comezar por aí. Como nome común, vemos en cácharo o interfixo -ar-, moi vello. Con frecuencia, a nova forma, acrecentada, non varía de significado en relación á base. Así, nevarada = nevada, carapucha = capucha, cáscara = casca etc. Por esa regra de tres, cácharo = cacho. Esta voz ten un par de significados básicos e un deles pode que nos interese: cacho ‘cabeza’. A título de hipótese, teriamos un cabezón (cabeza fisicamente grande) ou cabezudo (tipo túzaro), un cácharo. Recordemos que moitos dos apelidos actuais teñen orixe en vellos alcumes (gago, pinto, rouco etc.). O apelido Cácharo non chegou aos nosos días (pero na nosa familia política, si que coñeceron unha persoa coruñesa alcumada o Cácharo). Porén, é doado documentalo na prensa do XIX, sempre como apelido e no 99% dos casos, en prensa coruñesa. Digamos, e con isto concluímos por hoxe, que na primeira década do s. XXI había unha rúa próxima á fonte chamada O Cácharo. Agora aquel tramo forma parte da rúa Terranova de Eirís.

 

(Ruínas do Castelo de Eirís actualmente. Foto tirada por Charo Soto)

 

 

 

 



[1] Hai cumprida información daquela romaría nun folleto das festas, en honra de Santo Antón de Padua, con publicidade moita (aparece o establecemento que relembrabamos arriba de Carmiña a asturiana, era leitaría) mais tamén coas verbas sempre sabias do cronista e académico Juan Naya (Grandes fiestas en Eiris : en honor a su excelso Patrono San Antonio de Padua (conf.) venerado en la Parroquia de Santa María de Oza : durante los días 19, 20 y 21 de Junio de 1955 : programa de fiestas, accesible en https://biblioteca.galiciana.gal/gl/consulta/resultados_ocr.do).

 

[2] Fernando Cabanas López, no seu libro Historia del antiguo Puerto del Portiño (Seavella) di que Seavella e o outro nome do Portiño. Nunha descrición de parroquias de Oza que se publicou por capítulos en El Ideal Gallego (11/3/1930) lemos que Seavella é unha caleta insignificante aberta ao N.O. na aba occidental do monte de San Pedro e separada da de Bens polo monte Rexo. Engade que de fronte a ela están os puntos máis culminantes del arrecife de Pena Boa, que son os islotes de San Pedro.

[3] Uns dez anos despois, aínda hai fábrica de salga e sae o nome do propietario, un coñecido armador na época,  na prensa: La buceta los condujo [os superviventes dunha explosión no pesqueiro Antoñita] a un desembarcadero que hay en la próxima parroquia de San Pedro de Visma, donde existe una fábrica de salazón del señor Lamigueiro (El diario de Pontevedra, 2/5/1021).

[4] Véxase o artigo de Begoña Bas “Muíños de marés da ría de Arousa”. Brigantium 2, 141-177. Se houbo unha acea antes da fábrica debeu ser en tempos moi antigos, porque en 1865 xa documentamos a presenza dunha fábrica de salga: Venta de una Fábrica de salazon en San Pedro de Visma, Ayuntamiento de Oza, que puede servir para fábrica de curtidos, con muelle ó rambla al mar, […] ocho ferrados de monte, amurallada (Boletín oficial de la provincia de La Coruña, 18/3/1865).

1 comentario:

  1. Como siempre, un trabajo interesantísimo, Charo! Paseo bastante por la zona del 'forte' (Castillo) y me pregunto porque no hay mucho interés en conservar o reconstruir lo que queda de este estructura. Gracias Charo! 🌹

    ResponderEliminar