xoves, 12 de setembro de 2024

ENTREVISTA A...

 

ENTREVISTA A HOMES QUE AMAN A GAITA

ENTREVISTA A PEDRO LAMAS

 

(Pedro Lamas. Todas as fotos están tiradas de Internet)

 

-(Mª R. Soto) Moitas grazas, Pedro, por dedicarnos parte do teu tempo.

- Grazas a ti, Charo.

- Unha pregunta obrigada: onde estudaches o bacharelato? Gardas lembranzas dalgún profesor en particular?

- Estudei o antigo bacharelato no Instituto de Sigrás, en Cambre. Hoxe chámase IES David Buján.

- Cando e como nace ou xorde o teu amor pola gaita? Quen foron os teus mestres co tradicional instrumento?

- Todo comezou no ano 1986 cando unha xeración de nenos e nenas entre os que me atopaba iniciamos diferentes actividades no seo da Asociación Cultural Garrulaxe de Cecebre, de onde son natural. Xerardo García foi o meu mestre de gaita e transmitiume os valores e a importancia da nosa música tradicional

-Sen ser eu ningunha experta na materia, podo citar de memoria aquí e agora algúns gaiteiros célebres na historia moderna de Galicia: o de Moneixas, o Rilo de Betanzos, o de Soutelo de Montes, e máis próximos a nós no tempo, X. Manuel Budiño,  Carlos Núñez Cristina Pato, Susana Seivane… Queres engadir algún nome propio, alguén que para ti resulte imperdoable esquecer ou non citar?

(Áurea Rodríguez)

 

- Son moitos, pero non quixera deixar fora desa lista a Farruco Paradela, un dos grandes referentes da gaita nas terras da Coruña, ou a Áurea Rodríguez, unha das primeiras gaiteiras das que temos constancia.

-Este día escoitei a Margarita Viso tocar no piano unha melodía composta por Diego Antonio Machado, quen fora organista na Colexiata de Santa María do Campo no século XVIII. Eu nunca oíra falar de Machado. Logo lin nun interesante artigo de Andrés Díaz Pazos (en Adra 11, 2016) que resulta ser o máis antigo exemplo coñecido de composición para piano utilizando unha forma tradicional. Teño entendido que ti coñeces ben esa peza, creo que xa a tocaches coa gaita algunha vez…

(Do Álbum de Galicia, na páxina web do Consello da Cultura Galega. Velaí tedes "Os Maravillas de Cartelle", con Áurea Rodríguez)

 

- Coñezo o artigo de Andrés e foi o acicate para achegarme máis á figura de Machado. A peza que interpretei o pasado mes de marzo na Colexiata de Santa María do Campo foi precisamente a súa “Alborada” interpretada coa gaita no “toque pechado” característico dos vellos gaiteiros.

-Neste mesmo blog algo se falou e mais trouxemos de novo á palestra sabias palabras dun programa da televisión galega sobre a historia do instrumento. Nun futuro próximo habemos falar das distintas funcións que cumpre ou cumpriu a gaita. Ás veces a xente, o común da xente, así en xeral, gusta de polemizar sobre o noso instrumento eu diría que nacional… Hai quen di que é auga pasada, que non deixa de ser unha especie de reliquia e hai quen, coma ti, loita pola súa permanencia na sociedade actual. O estudo, a investigación que ti levas a cabo forma parte desa loita, non si? Sintetiza un pouco o que eu non dubido en cualificar de logros teus, algún froito da túa investigación que queiras, aquí e agora, compartir.

(Unha mostra da produción musical de Lamas)

 


- A permanencia da gaita na sociedade actual está completamente en vigor. Hai máis xente aprendendo a tocar o instrumento hoxe en día do que nunca aconteceu en séculos. Outra cousa ben distinta é a profesionalización dos músicos que tocan a gaita ou o lugar que se lle dá ao instrumento dentro das programacións culturais. Eu non concibo a loita como unha ferramenta de sedución cara á nosa música tradicional, tan só tento de facer o meu traballo o mellor posible e compartilo, transmitilo á sociedade coa mesma paixón coa que a vivo. A "Misa de Gaita", o "estilo pechado", e tantas outras facianas da música tradicional estiveron aí moito antes de que eu lles prestase a atención que merecen, o mesmo que acontece con outras manifestacións da nosa cultura que pasan maiormente desapercibidas para o público xeral. A respecto do meu traballo investigador, podo dicirvos que levo practicamente 15 anos entrevistando a músicos e informantes de toda a comarca das Mariñas. Comecei por Cecebre e quería publicar un primeiro libro darredor destas historias. Aínda non está publicado pero virá de camiño.

 


-A gaita déixase acompañar ben por outros instrumentos. Este día, na Coruña, tocastes ti a gaita e Rupert Twine o órgano con moi bos resultados. Pódesnos poñer máis exemplos?


- O instrumento non condiciona o diálogo entre os músicos, senón a calidade dos mesmos e a súa vontade de traballar en común. Na miña experiencia profesional teño interpretado a gaita xunto a todo tipo de instrumentos, tamén aqueles pertencentes a outras culturas dos que non tiña coñecemento previo coma o byrbine lituano ou o kankles, só por poñer algún exemplo.

(A conexión celto-checa:

https://espanol.radio.cz/el-gaitero-gallego-pedro-lamas-y-la-conexion-celta-checa-8817544)


 


-E que nos dis das grandes agrupacións de gaiteiros… Vénme á mente, aquela concentración de gaitas de Ourense cando Fraga fora proclamado Presidente da Xunta de Galicia, e máis próximo no tempo, ao festival de Ortigueira deste ano veu un grupo bretón, case 200 persoas, aínda que as gaitas eran máis escocesas que bretoas… Bagad Brief, se non me falla a memoria… Que nos dis? 


- Paréceme lóxico que se hai tanta xente a interpretar o instrumento tamén proliferen diversas agrupacións de músicos tanto de pequeno como de grande formato, tal e como as que citas. No meu caso teño preferencia polas formacións máis pequenas.


-Aquí o deixamos por hoxe. Moitísimas grazas, de novo, por concedernos esta entrevista. Confiemos en que haxa tempo e ocasión  para oírte en vivo. Moito éxito con ese libro cuxa publicación se aveciña e longos anos de vida á gaita galega!

 

-Moitas grazas a ti pola entrevista.

 


 

 

 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario