venres, 4 de agosto de 2023

BUSCANDO PALABRAS

 

BUSCANDO PALABRAS 

 

LUGO E OS SEUS VIÑOS I

 

(Portada da revista LUCUS do ano 1965)

 

Agosto na aldea. Revisamos, reordenamos e limpamos as librarías. Ás veces rexorden pequenos tesouros dos fondos dos caixóns ou nas partes de atrás dos libros á vista. Desta feito imos rescatar unha revista en branco e negro dos anos 60, editada pola Deputación de Lugo, cuxo presidente era daquela José de la Torre Moreiras. A revista chámase Lucus e o seu director era J. Trapero Pardo. Sabedes que pasamos moitos veráns en Trasdeza. Esta terra eclesiasticamente pertence á diócese de Lugo. Se relembrades, algunha vez temos falado da igrexa desta parroquia, consagrada a Santa María.

En concreto temos a idea de seleccionar vocabulario curioso vinculado ao viño. Todas as verbas e unidades fraseolóxicas son do artigo titulado “Noticia de Lugo como provincia productora de vinos” (pp. 16-22), sen sinatura. O primeiro que nos chama a atención son certos nomes, microtopónimos lucenses, referidos a antigas viñas e dos cales se nos di, literalmente, que xa non queda viñedo ningún: Leira da Viña, Viña do Crego, Viña do Chantre, Casa da Viña, Soaviña, Viña da Cima (p. 16). En segundo lugar, facemos fincapé na terminoloxía que alude ao tipo de viñas utilizado. Conservaremos a disposición gráfica orixinal mais traducimos coa máxima fidelidade ao galego.

TIPO DE VIÑAS UTILIZADO:

Bóveda……………………………… Plantío en cepa baixa

Carballedo………………………… A corrente

Chantada……………………………Varios tipos

Ferreira de Pantón…………….. Rasa ou baixa*

Monforte…………………………….Bancais e superficie plana

Negueira de Muñiz…………….. Tinto, Sorodo, Mencía e Branca país

Pobra do Brollón……………….   A corrente

Quiroga……………………………… Viña rasa

Saviñao……………………………… Bancais ou Muras**

Sober………………………………….Mencía, Xerez, Alicante, Moscatel, Albariño etc.

Taboada…………………………….. Bancais

 

(*Neste artigo que traemos hoxe á palestra ponse en oposición o tipo raso ou baixo co cultivo en parra alta que se practica por exemplo, na limítrofe Pontevedra e di que esas parras van armadas con cañizo (p. 17). Buscamos cañizo nos 2 dicionarios académicos (RAG e RAE) e non figura esa acepción. O DRAG é máis rico en acepcións, trae 4 para canizo pero ningunha se refire ao cultivo do viño.

**Sic.,  a voz mura ‘bancal’ non figura nin no DRAG nin no DRAE, pero si figura no DdD (Diccionario de dicionarios). Na p. 17 explícasenos que as muras son paredes de contención da terra, formándose de este modo en los montes una especie de escaleras).

(Viñedos na provincia de Lugo. Foto tirada de Internet)

 

A persoa que escribe este artigo explícanos que nalgunhas zonas de Quiroga a viña pode crecer en galleira, é dicir, asociándoa ao cultivo de patacas, millo, garavanzo, nabo forraxeiro etc. Esa voz, galleira, na frase preposicional recollida nesta revista de 1965, non figura nin no DRAG nin no DdD. Caben dúas posibilidades interpretativas: 1, asociala á gallo, galla, gallado etc e pensar no concepto de ‘apoio’, coma quen di “viñas enganchadas ou apoiadas noutros cultivos”, ou, se temos en conta que o DdD nos fornece galleira ‘traveso’, podemos pensar no sema de ‘atravesado’, é dicir, viñas atravesadas, situadas a través dos outros cultivos. Vén sendo…, pero non é o mesmo.

Con respecto ás clases de viño que se obteñen, distínguese entre viños de mesa e viños para o vaseo, de máis graduación. Parécenos unha denominación moi curiosa. Enxalza en particular os viños de Amandi, xa amentados pola súa bondade -disenos- en antigos documentos de San Martín de Quiroga.

Agora imos ver denonimacións de viños citadas na p. 18:

En Ferreira de Pantón: hai viños que levan o nome popular de Espasantes, Monteiros, Bazal, Pombeiro, Balboa, Amandi, Priorato etc.

En Chantada: Belesar, San Fiz e Nogueira.

Monforte: mosto, blanquiño (é consciente a persoa autora do artigo de que nuns casos a denominación vén ao dereito do topónimo onde se cultiva o viño; noutros, do modo de preparar o caldo ou da propia coloración e noutros -caso de Quiroga- pola variedade de uvas na composición).

Negueira de Muñiz: Ernes, Vilaseca, Sanformar, Ouviaño, Vilagodín.

Pobra do Brollón: Peago, Salamanca, Valdofrade do Chao.

Quiroga: Alicante, Mencía, Gran Negro, María Ordóñez -tamén coñecido como Vilachá-Aramán, Mouratón, Jerez, Albillo, Godello etc. Outros viños quirogueses de consumo local son os chamados purrela ou viños de agulla. Obtéñense despois do primeiro descubado e ao finalizar a primeira fermentación tumultuosa, engadindo ao bullo, bagullo ou brisa uvas lixeiramente pasificadas e bastante cantidade de auga.

Claretes de Quiroga: Lor Baixo, Nocedo, Roxío, San Martín-Pacios, Hermida, San Julián -chamado por antonomasia O Pozo do Viño- Medas, Bendollo-Villaester, Rivedo, Montefurado, Villanuiz e Encineira.

Saviñao: Acoba, Esperón, Abeado e Piteiro.

Sober: Amandi, Rosende, Chanteiro.

Taboada: Tinto Madrid, Mouratón, Mencía, Vilachá, Castellano Negro, Alicante etc.

 

(Unha adega lucense. Foto tirada de Internet)

 

Logo dedícalle unha páxina ás augardentes. Cremos que paga a pena botarlle tamén un vistazo aos nomes.

Bóveda…. …. …. …. augardente de orujo.

Carballedo…. …. …. “país” e “de herbas”.

Chantada….. …. …. San Fiz, Belesar, Nogueira.

Ferreira de Pantón. Tipo único, co nome de Pantón.

Monforte …. ….. ….. País, de herbas, restrea etc.

Negueira de Muñiz. País.

P. do Brollón. País, Vilachá, Chao.

Quiroga…. ….. …….. País, zanganillas etc.

Saviñao ….. ….. …… País.

Sober …… …… …….. Caña, chisca e franela

Taboada …. …. ……. País.

Nesa clasificación tipolóxica hai verbas interesantes. Unha delas é restrea. Non logramos dar co seu significado nin temos clara a etimoloxía. No DdD figuran restrea e restea como variantes sinónimas pero falta a definición. No DRAE vén restear como unha voz propia de Venezuela: tr. Ven. Dicho de un jugador: Poner en la apuesta todo el dinero que le queda sobre la mesa. Parece deducirse que derivaría de resto (porque o xogador pon o resto, o que lle queda). Aplicado a unha augardente non lle cadra mal ese valor semántico porque é unha bebida que se fai co bagaño, o residuo ou resto da uva. 

(Alambiques. Foto tirada de Internet)

 

Canto á franela e chisca son (ou eran: habería que investigar un pouco se se conservan a día de hoxe, no ano 2023, a ver se o facemos noutra ocasión) nomes populares que lle dan á augardente segundo as zonas. A franela explica o artigo que se debe ao feito de tomaren os labregos unha ou dúas copiñas pola mañá, con algo de queixo e así dicían que ían máis abrigados que se levara un chaleque de franela. A forma galega estándar é flanela. Con este valor, un tipo de augardente, non o rexistramos nos dicionarios.

Chisca é sinónimo de grolo, trago. Disque un chisquiño de augardente non fai mal á xente. A voz, con este significado, figura no DdD.

A zanganilla quiroguesa é de pouca graduación e utilízase normalmente na preparación de bebidas coma o licor-café. Supoñemos que a voz pertence á familia de zángao, zángano (DdD), zangonear: quizais a conexión semántica veña polo sema de ‘frouxidade’ (é unha augardente frouxa), un sema que caracteriza esa familia de voces referidas á inactividade, á lacazanaría. A voz, zanganilla, non figura nos dicionarios.

Aínda nos di máis este entretido artigo: dinos que a augardente de primeira destilación (en Valdeorras dise tamén de primeira prensada) se chama de cabezas. A frase non a rexistran tampouco os dicionarios. Enténdese ben porque ao ter máis alcohol, sóbese á cabeza.

Ata aquí por hoxe. Deixamos para dentro de 15 días a segunda parte, dedicada ás operacións de cultivo e mais ao folclore. Feliz día da Virxe de Agosto (e mais de san Roque).

 

(Fermosa foto dunha casa de aldea da provincia de Lugo na primeira metade do século XX. Foto tirada da revista LUCUS do ano 1965)

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario