domingo, 11 de decembro de 2022

VISITANDO

 

VISITANDO NOVA YORK

 

(Outono en Central Park. Vemos a pedra negra que pisaría a xente Lenape... Todas as fotos foron feitas por Charo Soto)

 

Aproveitando que Suso tiña que traballar uns días na vella illa de Manhattan, convencéronnos para que foramos con eles e desfrutar un pouco do ambiente de Nadal, entre luces, glamour e unha montoneira de xente. “Petado”, como di a mocidade. Nova York estaba petada.


 

Así que alá nos veriades, na terra que foi dos lenapes. Lemos, a propósito dese edificio neoclásico con reloxo (o “Consolidated Edison Building”), que o sitio no que está fora ocupado polos lenape ata ben entrado o século XVII. Tamén lemos nese mesmo artigo que Manhattan empeza a cuadricularse conforme o chamado ‘Plan dos Comisionados de 1811’. Na lingua que falaba esta xente precolombina (lingua delaware, da familia algonquina), Manhattan significaba algo así como ‘illa dos altos outeiros’. Moito tiveron que dinamitar para achanzala tal como agora a vemos. Con todo, algunha boa pena de cor basáltica, escura, aínda se pode apreciar no seu céntrico parque.


 

O noso día a día prográmase (como xa ocorrera cando visitamos Memphis) en función das necesidades e apetencias do netiño. Que se pode facer en NY cun meniño de tres anos? A verdade é que se poden facer moitas cousas, algunhas moi neoiorquinas, quer dicir, entre glamourosas, kitsch e snobs: iso si, sempre cun dominio absoluto do que é o espectáculo. Pero en xeral gustounos todo. Para pasar uns días a cidade é moito, non para vivir, desde logo. Dicíanos un taxista, literalmente: esta é unha cidade tola. Porén, os ríos son fermosos. E choveu mainiño. 

 


En Central Park cheiraba a bosta de cabalo mais as cores das árbores brillaban aínda coas vestimentas de outono. Amamos as xinkgoáceas amarelas: no noso xardín galaico medra unha destas árbores, cuxa semente veu precisamente da cidade do Hudson. 

 


(Os vellos depósitos de auga son de madeira: os modernos, caso de habelos, xa son de metal)


Temos dous curmáns nesta metrópole pero nunca cheguei a coñecelos; os tíos, irmáns da miña nai, naceran en Cuba e viviran longos anos en NY antes do sol do retiro en Florida.

 


 

(Placa de bronce que nos mostra como era esta praza, Union Square, noutrora. Idea feliz que debería adoptar o Concello da Coruña: como mínimo había que deseñar cinco destas: unha coa torre de Hércules baixo medieval, unha segunda co castelo do santo Amaro, unha terceira que nos relembrase ata onde chegaba o mar na dársena hai un século ou dous, unha cuarta en Garás, co nome tradicional e histórico, GARÁS, cunha foto de finais do XIX, e unha quinta onde estivo o Castelo de san Diego, cun gravado da época).



No mercado de Nadal de Union Square perdimos o rapaz, raudo e escorregadizo coma un raio ou anguía e podedes imaxinar a feroz angustia durante cinco minutos. Grazas á xente, incrible na axuda que nos brindou, puidémolo atopar axiña. Unha experiencia para non repetir. Si, dígovolo sinceramente: a xente é, salvo contadas excepcións, amable e hospitalaria, suficientemente comprensiva cando eu pedía que me falasen paseniño. Así a todo, vin máis pobreza ca da outra vez, hai xa case vinte anos, máis homeless, e as beirarrúas e taxis moi baqueteados.


 


 


 

Máis nada por hoxe. Déixovos cunha pequena selección de fotos. Fantástico o Museo de Historia Natural, que tamén lle rechiflou ao pequeno. Se non abuso da vosa paciencia, cóntovos unha anécdota: había nun dos vestíbulos un grande mural no que se vía, na marxe esquerda, parte dun forte e no espazo central, enorme, un par de holandeses en pacífica actitude falangueira tendendo as mans a un par de nativos sucintamente vestidos, co pelo estilo ‘O derradeiro mohicano’… Entón di o meu benquerido esposo: que idílico… nada que ver cos malvados españois, que chegaron xa arrasando… Ten o seu punto de verdade este amargo sarcasmo. Querendo, podiamos aínda gastar máis diso: desta feita non pisamos a illa de Ellis pero doutra volta fomos conscientes de que no “universal” museo da emigración que alí teñen faltamos nós, os galegos. E haber hóuboos. Na miña familia hai un Arias probado, un tío-avó, que migrou a principios do século XX aos EEUU. Por poñer só un exempliño…

 

(Color Factory. Experiencia cromática, olfactiva, moi sensorial, todo para os nenos)



(Espectáculo de burbullas)


 

 

(As tres derradeiras fotos son do Museo de Historia Natural. O meteorito é de ferro, chámase Willamette. Os ovos son de tartaruga)

Ningún comentario:

Publicar un comentario