luns, 5 de setembro de 2022

VISITANDO

VISITANDO DEZA

ALGUNHAS CATAS NAS FONTES DO CAMIÑO DE SANTIAGO AO SEU PASO POR TERRAS DE DEZA



 

(Fonte de Lalín de Arriba. Todas as fotos foron feitas por Luís González ou Charo Soto)

Como sabedes, este é ano xacobeo e por aquí, pola terra de Deza, polo camiño chamado ‘Vía da Prata’ ou tamén, nunha das variantes, ‘Camiño de Inverno’, pasan moitos peregrinos. Pero moitos moitos… Nós estivemos todo agosto na aldea, na parroquia de Santa María de Cortegada (en Trasdeza) e dígovos que foi case unha constante nas conversas cotiás, a centos saían dos albergues de Silleda a diario, contáronme; como tamén foi frecuente entrar nunha especie de dialéctica sobre vantaxes e desvantaxes das novas leis de conservación do patrimonio ao longo do Camiño. Un tema sobre o que non quería eu afondar porque nos pilla algo de esguello e porque é complexo de abondo como para sintetizalo sequera en poucas liñas; só remarcaremos un dato e é que observamos entre a paisanaxe certas contradicións: dunha banda amosan satisfacción e orgullo pola afluencia de peregrinos (subliñemos que sempre falan ben da xente que pasa, son educados, amables, agradecidos…), encántanlles comentarios do tipo non vimos moitos traxectos tan fermosos e con tanta natureza magnífica como este traxecto entre Lalín e Silleda…) pero por outra banda protestan porque as leis poden ser restritivas e non lles deixan digamos por poñer un exemplo, botar abaixo un vello valado ou construír isto e aquilo porque hai que respectar determinado elemento do patrimonio. Supoño que é unha contradición moi humana: como en todo, sempre hai que buscar e lograr un ten con ten. En principio, eu son amiga do aforismo latino, lex dura sed lex. Escolle os teus representantes pero cando lexislen, procura acatar. Non podes abrir o libro da lei e ir riscando, isto si, isto gústame; isto non, estoutro para o gato…

Unha servidora nunca peregrinou a Santiago; peregrinaron amigos, peregrinou en bici desde Roncesvales a miña irmá… Ás veces dígome que aínda estou en tempo pero dígoo sen convicción. Creo honestamente que a razón deste aparente desinterese é que xa estou na súa casa. Santiago de Compostela éme e foime sempre propicia, honrei o patrón de Galicia dándolle o seu nome a un fillo, na cidade xa coñecera o meu esposo (podía cantarvos aqueles versos de Pai Gomez Chariño ¡Ay, Santiago, padrón sabido, | vós mh'adugades o meu amigo!). Que sei eu… Porén, antes de botar a andar este escrito que tendes nas mans, algo viaxei coa mente e co corazón, porque lin libros marabillosos e con eles fixen unha pseudoperegrinaxe. Especialmente recoméndovos estes dous: o de J. M. Navaza Dafonte, Guía das fontes do Camiño de Santiago en Galicia  e o de E. Valiño Sampedro, El Camino de Santiago: Guía del peregrino. “Cousa bonita!”, que diría o noso colega Xulio Cuba…

En fin, entremos en materia. Visitaremos doce fontes situadas no Camiño ou moi preto del, no traxecto para nós familiar e amable entre Lalín e Silleda. Quixera podervos explicar por que amo tanto as fontes, polo contexto frecuentemente delicioso con olor a menta, a loureiro, a figueira?, pola propia auga humilde -auga é case sinónimo de misterio na nosa idea?, porque nunca facemos suficiente fincapé na importancia e necesidade de conservar limpas as nosas augas?

 

 

(Fonte Sanguiña, Lalín)

1.     1. A Fonte de Lalín de Arriba (Lalín, Camiño de Inverno). Está ao pé da estrada. Tiña auga e había unha procesión de xente recolléndoa. Nun banco de pedra próximo descansaban e parolaban dúas mulleres, unha de alí mesmo (de Penacoba) e outra andorrana casada cun lalinense. -Esta auga debe ser moi boa… -É moi boa. -E para que? -Para beber! (silencio) -É bo milagre que inda deite auga… -Nunca na miña vida a vin cun fío tan delgado, se isto segue así nun par de semanas vai secar… Logo achegueime a un home maior que enchía varias garrafas grandes co líquido. -Por que leva tanta auga? -Antes bebiamos do pozo da casa pero agora están as súas augas contaminadas cos puríns…, hai tempo que bebemos desta, é un traballo pero compensa…

 

Canto ao nome, digamos que é un típico nome situacional ou se preferides, locativo/toponímico sen máis: Fonte de + o nome do lugar. Nos libros antes citados son os nomes que máis abondan. Algúns exemplos con nomes de topónimos: fonte do Barcal /das Pasantes (en Triacastela); f. do Empalme-Castrocán (concello de Samos), f. de Perros / de Rente / de Pintín / de Vilei / de Ribeira das Paredes (c. Sarria); fonte de Gonzar (c. Portomarín); fonte do Preguntoño / de Boente Darriba (c. Arzúa); fonte de Lengüelle (c. Pino); f. de Liñares / do Hospital da Condesa / de Fonfría (O Cebreiro) etc. En Silleda hai unha fonte chamada ‘a fonte de Abaixo’, cunha denominación semellante: enténdese que está situada na parte de abaixo do núcleo urbano da vila.

 

(Fonte do Hospitalillo, Lalín)


2.    2.  A fonte Sanguiña (Lalín). Está dentro da capital de Deza, preto do lugar actual da feira. Foi trasladada (antes estaba non moi lonxe) e refeita (para nós sen grande éxito). Lemos na prensa:

 La Fonte Sanguiña nacía en el campo da feira vello pero con las edificaciones desapareció. La que existe ahora procede de una mina, que años atrás, surtía también de agua la casa de un abogado que vivía en la zona. Con el agua de esta fuente se hacía el pan que vendía Santiago Fernández. Su casa, recuerdan algunos, fue la primera que se construyó allí y que lleva el nombre de la fuente.(en: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/deza/2005/11/12/riqueza-natural-agua/0003_4247632.htm).

En troques, parécenos sumamente interesante o nome. Supoñemos que o recibe dun elemento fitonímico: habería noutrora onda a fonte un ou varios sanguiños (podedes ler o que din Sarmiento, Cuveiro e Valladares sobre esta árbore ou arbusto común noutrora en Galicia -en DdD-, usado en coceduras para a sarna). Se fose certa a suposición, teriamos un nome de fonte orixinado na fitonimia. Fontes así denominadas hai as que se queira. Na Idade Media, por exemplo, sen saír de Galicia, tiñamos: fonte de illo Amenedo/ de  Avelanares / de Auelanaria / de Avellaneto / de Carualios / de Castaria /  de Genesta / de Genesto / de Salgueros /; fonte de Sazedo (de salix, -ĭcis?) / de Pumare Grande/de illo Vimineiro/ de Quercu de Spinoso / de Pineiru / de Texeira / de Salzelos /de Pumedelo /de Panizales / de Felgosa /de pomerio de Sudres (CODOLGA).

 

Nomes fitonímicos actuais -sempre referidos a fontes próximas ao Camiño, nas distintas variantes peninsulares- son: fonte dos Buxos (Parada-Silleda, VP), o picho do Carballal (Palas de Rei), f. da Carballeira de Santa Susana (Santiago), f. Carballo (no Pindo, CFM), f. do Castiñeiro (Lugo, P), f. do Ciprés (Samos), f. da Devesa (Portomarín, chamada así polos moitos carballos de arredor), f. do Figueiro (Tomiño, CP) f. do Souto (Paradela-Lugo) etc.

 

3.     3. A fonte do Hospitalillo (Lalín). Custounos averiguar o nome. Está na rúa Luís Glez. Taboada,  pegada ao valado exterior do actual IES Laxeiro. Varias persoas ás que lle preguntei non souberon dicirme. Agradecemos de novo a información ao noso prezado Antonio Ferradás. Logo xa, cando me refería á fonte do hospitalillo, outros lalinenses maiores de 70 anos, xa me confirmaron o nome. A fonte está seca mais non carece de certa beleza, polos peixes…

 

(Foto tirada do artigo citado de Malheiro)

 

O nome débese ao antigo edificio do hospitalillo que estaba alí, feito con cartos dos lalinenses emigrados a América (datos no erudito artigo de X. M. Malheiro,  https://www.lalin.gal/documents/34907/5bdf48af-888b-d109-e331-29dae1144606?t=1618394831116). Fontes que reciben o nome do edificio ou elemento arquitectónico adxunto hai moitas. Entran no capítulo xeral das denominacións locativas ou toponímicas. Pero especificamente podemos chamalos nomes metonímicos, por contigüidade espacial. Así temos: fonte da Capela (Triacastela), f. do Castelo /do Convento (en Melide, a do Castelo posiblemente se refira a un vello castro ou castrelo), f. do Cristo (por un cruceiro que había a carón) (Porriño, CP), f. do Cruceiro (Portomarín), f. da Fonte (a casa a carón é “a casa da Fonte”: típico caso de nomenclatura redundante, circular, en Palas de Rei), f. de las Pelayas (por estar no Convento desas freiras chamadas Pelayas, en Oviedo, P), f. do Pombal (Santa Cristina da Ramallosa, Baiona, CPC), f. da Porta do Camiño (Santiago; tamén en Santiago entrarían nesta categoría os nomes de fontes coma a dos Concheiros -pola rúa- ou a da Praza de Cervantes), f. do Rego (por estar preto da casa do Rego,  Triacastela) etc.

 

4.     A fonte da Picha (Donramiro-Lalín). Está en Donramiro, parroquia que pertence ao concello de Lalín, lugar con moitas casas vellas abandonadas pero posuidor, aínda, dun engado especial. A igrexa é merecedora de que volvamos, a ver se temos sorte e podemos entrar para gozar do seu espectacular retábulo que só coñecemos por fotos. A fonte é enorme e tiña auga. Foi recomposta non hai moito e, efectivamente, o cano de saída da auga -reparado con gusto discutible- é enorme, de aí o feminino (o uso do xénero gramatical sabedes ben moitos dos que fostes alumnos meus indica frecuentemente diferenza de tamaño, a favor do feminino, salvo raras excepcións). Este nome, A Picha, entra na categoría de fontes denominadas pola forma, por algún elemento que as conforma, neste caso ter un cano grande, unha picha e non un picho. Chamarlle o picho a unha fonte é moi común. Na Coruña (CI) temos, no que nós sabemos, dúas: a do santo Amaro -chamada polos coruñeses da zona, do barrio da Torre e arredores, “o picho”- e a do Mirador ou noutrora, de san Diego (no pasado abastecía de auga á gornición dese castelo defensivo); a xente dos Castros sempre lle chamou tamén ‘o picho’. Dalgunha maneira, se queredes, son denominancións redundantes. ‘Picho’ e ‘fonte’ chegan a ser sinónimos. Vexamos agora outros casos de fontes que reciben nome pola forma ou tamaño, por un elemento arquitectónico, polo tipo de conduto ou incluso pola cantidade de auga: fonte da Bica (Paradela), f. dos Catro Canos (Melide), f. de los Cuatro Caños / Cañu del Fontán ou Fuente de los Caños del Fontán (Oviedo, P), f. dos Dous Canos (Arzúa), f.  do Chafarico (Samos), f. do Cucurín (con dúbidas: talvez porque queda nun curutiño, aló enriba, ou porque hai que anicarse para beber -confróntese  poñerse de cucuriñas ‘anicarse’), f.  do Demo (pola cara de pedra pola que sae o cano,  Sarria), f. do Fontao (Samos), f. de Fontearcuda (polas paredes en forma de arco, en Samos), f. do Gurruchiño (ou da Cetárea, onde estivo a vella capela de San Roque de Afora, A Coruña), f. Pequena (Palas de Rei), f. da Pinguela (Samos), f. da Perguicia (Triacastela, así chamada porque o cano de pedra está a unha altura que permite beber de pé) etc.

 

(Fonte da Picha, Donramiro-Lalín)

5.    5.  A fonte de Liñares (Prado-Lalín): esta fonte está xunto a entrada do Pazo de Liñares, esplendidamente restaurado non hai moito (2014), pazo onde se criou o insigne aviador, unha das glorias de Galicia, Joaquín Loriga Taboada, a quen lle temos que dedicar un par de páxinas calquera día. Para a nosa sorpresa non tiña auga (levamos máis de 30 anos visitando estas terras e nunca tal viramos!). No frontal está gravada a inscrición BBYVT. Preguntámonos o porqué desa fórmula expeditiva e pensamos que non é tanto unha orde carente de cortesía coma unha mensaxe en certo modo lúdico-didáctica (ao cabo é un xeroglífico que cumpría descodificar) ou incluso ecolóxica (bebe, non te pares a facer algo malo como emporcar o lugar e vaite logo”). A mesma incrición (aínda que máis rústica) pode verse na fonte de Taboada Vella). A denominación é toponímica.

 

(Fonte de Liñares. Pazo de Liñares, Prado-Lalín)

6.     A fonte de Fontiñas (Taboada Vella-Silleda, VP). Unha delicia de localización. Moi recomendable achegarse… Compréndese aí ben o que vos dicía da beleza paisaxística incuestionable deste tramo do Camiño… Pretiño está a ponte Taboada, unha xoia en pedra para reter na memoria. Falamos con peregrinos burgaleses. Era un día de moita calor, o que fixo subir enteiros na nosa consideración o valor desta xente. Fontiñas alude ao tamaño, supoñemos. Ou quizais ao feito de haber varias… pero serían sempre pequenas, senón chamaríanas As fontes. A denominación desta fonte entra no que acabamos de ver no punto catro, “pola forma ou tamaño”; en Asturias sabemos, polo menos de unha chamada la fuentina (San Miguel de Lillo, preto de Oviedo e no propio Oviedo está La Fuentona).

 

(Fontiñas. Taboada Vella-Silleda)


As outras seis fontes deixámolas para a próxima quincena. Setembro é normalmente un mes pracenteiro, con tardes de suave cromatismo boas para pasear e visitar novas fontes, por exemplo.

 

 

::::::::::::::::::::::::::::::

 

LISTADO DE ABREVIATURAS:

CFM: Camiño Fisterra-Muxía

CI: Camiño Inglés

CP: Camiño Portugués

CPC: Camiño Portugués da Costa

P: Camiño Primitivo

VP: Vía da Prata

 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario