venres, 5 de agosto de 2022

VISITANDO

 

VISITANDO A LANZADA

 

(Ermida de Nosa Señora da Lanzada. Foto de Mario García)
 

Visitamos O Grove porque temos amigos que pasan aí boa parte do verán. Pola mañá paseamos o areal da Lanzada e facemos proxectos de visitar algún día a illa de Ons -unha vergonza, diredes, non coñecela aínda-. Os nosos amigos propoñen unha tarde visitar a ermida dedicada á Virxe e mais os restos do castelo. En realidade, revisitamos esa pequena península cargada de historia e tradicións. A tarde espléndida: o lugar é o tal para solpores dignos de seren mitificados.

Tres cousas chaman poderosamente a nosa atención e só sobre esas tres falaremos, para non excedernos: o ritual de varrer o altar da ermida, o berce da Virxe e os restos do castelo.

 

(Foto de Mario García)

 

O ritual de varrer o altar: é algo que se fai moito, porque teñen dúas vasoiras alí dispostas e porque xa limos nalgures que está limitado o número de persoas que o poden facer a 20, en días de gran afluencia. A miña amiga Fita transmítenos unha información por ela recibida e dinos que a cuestión é varrer por detrás do altar para así asegurarse o regreso ao lugar. Estupenda transformación e reactualización dun vello rito. Agora, coa modernidade, pouca é a xente que cre nas meigas e meigallos: os turistas, en troques, o que queren é seguir sendo turistas, seguir visitando lugares, cousa moi humana e pouco nociva; así que copiamos da famosísima Fontana de Trevi, e varremos coma quen bota a moeda na auga. Realmente é un método doado para conservar un ritual dándolle un sentido quizais máis acorde cos tempos. A tradición, a vella tradición galaica dinos que varremos para espantar o mal de ollo, o meigallo. A Virxe é o antídoto eficaz contra esas vellas crenzas en meigas, o seu instrumento é o varredoiro. Di a vox populi que a Virxe da Lanzada é avogosa contra os meigallos. Citemos só un par de documentos que nos ilustrarán con datos a este respecto:

Ademáis, a Virxe prevén contra o mal de ollo a quen, seguindo a tradición varra tres veces arredor do retablo da ermida no día da romaría. O mal de ollo tamén pode ser tratado con tres moedas no cepillo da ermida, tres voltas á capela, ou tres misas. Non por nada a Virxe da Lanzada é considerada das máis milagreiras da zona (en: https://blog.turismo.gal/experiencias-gl/a-lanzada-unha-praia-banada-por-lendas/).

Exemplos destes rituais curativos son: o rito das Nove ondas, para favorecer a fertilidade e curar a esterilidade; o rito de varrer por detrás do altar, para eliminar o meigallo; o rito de envolquillarse na herba do santuario, para curar a sarna e outros males de pel (en: R. Quintía Pereira, A Nosa Señora da Lanzada. A idea do máis alá na xénese dun santuario costeiro, https://asombradebouzapanda.files.wordpress.com/2011/06/a-nosa-sec3b1ora-da-lanzada-a-idea-do-mc3a1is-alc3a1-na-xc3a9nese-dun-santuario-costeiro1.pdf).

Varrer como rito máxico: dicía a nosa sogra, da parroquia trasdezá de Santa María de Cortegada, que pola noite non se podía varrer a lareira, porque viñan quentarse ao lumiño ou á borralla as ánimas dos defuntiños da casa e varríalas a elas tamén e non volvían. Facía extensivo o tabú á cheminea de pedra que se instalou na casa nos anos 70 do pasado século (na parte que Risco dedicou á etnografía xa se nos di: no lume da lareira véñense quentar as ánimas, mais tamén veñen as bruxas, p. 277, t. I, Historia de Galiza dirixida por R. Otero Pedrayo).

Citemos, á derradeira sobre este tema de varrer coma un acto máxico-ritual, un libro xa clásico, de J. Rodríguez López, Supersticiones de Galicia, 10ª ed. (1993). Aí lemos:

En 1609, Ana Rodríguez confesaba que para arrojar a las brujas que existen en el fuego del hogar, había que barrer bien la piedra (lareira) con un rastrillo de lino, quemar los residuos reunidos en el fuego y apagarlo después con agua bendita (páx. 62).

Antes de pechar este apartado, relembremos uns versos dunha cantiga popular onde fica ben claro que os rituais da Lanzada serven para erradicar feitizos e toda clase de males: Levei á miña muller á Lanzada, ás nove olas; levein'a desenfeitar e botar os demos fóra (1884, Domingo Blanco, TILG).

 

(Foto de Mario García)

 

O berce da Virxe: desta cavidade na rocha, veciña á ermida, sabemos -grazas ás lecturas- un par de cousas. Unha, que o berce da Virxe ou cama da santa é, ou foi, lugar apropiado para ritos de fertilidade (tedes datos en: http://caminoporsanxenxo.blogspot.com/2012/07/ruta-de-senderismo-8-3-parte.html). Neste sentido, cumpriría traer á palestra outros magníficos penedos aos que tamén se lles atribúe marabillosas propiedades milagreiras: o de san Guillerme en Fisterra e o do Pindo (ambos os dous amentados por Risco na obra antes citada; a de san Guillerme foi ben estudado polo noso apreciado e sempre relembrado J. L. Pensado Tomé, nun maxistral artigo onde fala de Orcavella), aos que habería que sumar a cama de san Xulián no monte Aloia (da que falamos noutro momento neste blog e da que pouca memoria gardabamos no relativo a ritos de fertilidade; refrescounos a memoria estas palabras:

esta cama de pedra, como tantas outras que hai polo país adiante, ten a virtude de favorecer a fertilidade de quen o precise. As parellas que non logran ter descendencia acoden a este lugar e fan o que é mester para reproducirse. Xunto ao burato hai unha pedra independente que sirve de almofada para tal fin (en: http://tudensia.blogspot.com/2022/01/san-xulian-do-monte-aloia-devocions-e.html)).

 

(O 'Berce da Virxe'. Foto de Charo Soto)

 

E dúas, logramos saber -tras un tempo de navegación pola rede- que a cama da santa serviulle de estupendo medio de transporte submarino. É digno de subliñarse: indícanos que o imaxinario popular é un libro que nunca acabamos de ler e, naturalmente, iso fainos extremadamente felices (a frase que acabamos de subliñar non é nosa: é doutra das nosas queridas amigas, Uxía, que foi profesora de lingua e literatura galegas de moitos de vós, ben no Eusebio ben no F. Aguiar de Betanzos; onte mandeille media ducia de fotos da capital do vello reino, a xinkgoácea do xardín de san Clemente e varias imaxes da igrexa de Santa María do Camiño, fermosa igrexa na que nunca antes entraramos… e Uxía contestoume con esa deliciosa frase, Santiago é un libro que nunca remata…). Que a Virxe peregrine en barca de pedra non é novidade, sabémolo e sábeno ben os muxiáns. Santos galegos e bretóns ben coñecidos tamén o fixeron, digo viaxar en barca de pedra… Que unha imaxe se desprace por man humana a outro lugar e que ela mesma, de forma marabillosa, retorne ao lugar orixinario, iso tamén é frecuente na nosa mitoloxía popular galega; ora ben, que viaxe polo fondo do mar, eis a novidade para nós!

Chama a atención a estraña forma da roca, da que deriva outra lenda. Segundo contan os máis vellos, a virxe foi roubada no seu santuario séculos atrás polos veciños de San Vicente, na península do Grove. Din que ela mesma, na súa cama de pedra volveu á súa morada por baixo do mar (en: https://www.osalnes.com/gl/descubre/cultura/lendas/lenda-da-virxe-da-lanzada.html).

 

A terceira historia íame levar moito espazo. Debe quedar para outro día. Hai que ir paseniño. Feliz agosto, aínda que hei comunicarme convosco dentro de quince días, deo volente.

 

(Foto de Mario García)

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario