martes, 21 de xuño de 2022

COLABORACIÓNS ESPECIAIS

 

As aureanas de Valdeorras

Luis Alonso Álvarez

 

Dixéronme de neno que alá polos anos vinte ou trinta do século pasado, miña bisavoa materna Nicasia traballaba no oficio de aureana. Chegueina a coñecer xa de velliña, preto dos noventa e eu só con cinco ou seis anos. Pero mantívose sempre na familia materna a lembranza de que de nova fora aureana e que ía sempre a batear cando viñan as barradas do río no areal que había fronte aos Barroncos, un lugar que acollía unhas rochas de lousa que torcían o Sil cara á Proba de camiño ao mar. Hoxe, coas mudanzas que trouxeron os encoros bloqueando as crecidas do río, os Barroncos desapareceron —e tamén o topónimo— e deron lugar a unha paisaxe irreal, chea de lamigueiros e illas no medio da corrente, que non ten que ver coa que os nenos dos corenta e dos cincuenta temos gardado na memoria. A miña bisavoa Nicasia baixaba da aldea de Vales segundo sobes a montaña, preto de Cesures, Correxais e Fervenza e de camiño a Penouta e Valencia, co cunco de madeira de castiñeiro na man na procura dunha area dourada. Nunca me dixo miña nai se formaba parte dese grupo de mulleres que percorrían o Sil durante os meses de verán ou se o facía en solitario como tantas outras. Nin tampouco se fora de solteira ou de viúva, porque as aureanas non podían ser casadas: estaba mal visto naqueles tempos pois tiñan que levar a casa familiar.

      Din os especialistas que o traballo das aureanas coñecíase xa na Antigüidade hai tres mil anos e que é posible que moitas das xoias que apareceron en asentamentos castrexos —os torques, arracadas ou colares— procedían de areas dos ríos do sueste ourensán recollidas polas aureanas. Tamén as explotaron os romanos, como é sabido polos escritos dos xeógrafos gregos Posidonio e Estrabón, que testemuñaron o emprego de cestas de vimbio para recollelas, e a evidencia máis afamada que nos queda é a de Montefurado.


 

Alexandrina, unha das últimas aureanas

bateando entre San Xusto e Pumares

 

      O traballo das aureanas, que tamén se chamaban silouras, batedoras ou oreanas en outros lugares, servía para axudar aos homes da casa, como se dicía entón, supondo que a renda do home era a principal, e que agora en expresión unha miga pedante considérase unha actividade de auxilio para as economías familiares. Principiaban moi novas e as maiores aprendíanlles o oficio. Moitas delas percorrían longos tramos do Sil pero tamén doutros ríos da bisbarra nos veráns de calor sempre abafante, de Quiroga ata o Bierzo, pero en xeral deixaban o traballo ao casar. Certas lendas que corrían polo Sil as igualaban coas ninfas de corpo de serea que enfeitizaban aos mozos que cruzaban o río a nado tras delas e remataban afogados nas augas fondas e traizoeiras dos Barroncos.

      Falei hai pouco co home que máis coñece a historia das aureanas de terra de Valdeorras e mesmo sabe traballar el de aureán, pois tamén había uns poucos aureáns. Chámase Pepe, nacido en Larouco e veciño de Vilamartín. Solo el sabe dos sitios onde hai trazas de ouro, pero Pepe ten a ben levar os nenos das escolas da bisbarra aos areais e lugares onde se acocha o ouro, xeralmente en penas de lousa batidas pola corrente que ao escacharen deixan unha lama na que se depositan as areas douradas. Apréndelles tamén a batear, a filtrar as areas e deixar as douradas no fondo do cunco. Cando se xuntan unhas poucas, engádeselles azougue para formar unha amalgama que hai que quecer con lume de torgo para que ceibe o metal precioso.

      Falei tamén con Ricardo Gurriarán que ten escrito hai anos un libro no que recolle testemuñas das aureanas que aínda vivían en San Xusto, unha aldeíña ao pé de Sobradelo. O seu bisavó, que se chamaba mesmamente como el, era un banqueiro que mercaba as areas de ouro, e tamén as poucas pebidas que atopaban. O seu bisneto conta como as levaba logo a vender a financeiros de León e como na casa dos seus pais aínda conservaban unha pebida, grande coma un garavanzo. Quero pensar que a miña bisavoa Nicasia venderíalle tamén ao vello Ricardo as areas que ía atopando nos Barroncos, pero que tamén diría algo así como relatou Delfina, a última aureana do Sil: “Os únicos que podían gañar unhas cadelas foron os que nos compraron o ouro a todas”.


 

 Balanza de pesar o ouro en Valdeorras

 

      Os traballos e os días das aureanas dos ríos galegos foron cantados por bardos tanto nosos como alleos. De todos eles, quero deixar aquí o poema de Valentín Lamas Carbajal, que escribiu no Heraldo Gallego versos tan fermosos como estes:


 

 

 

::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::

 

NOTA SOBRE O AUTOR:

 

Luis Alonso Álvares, profesor universitario e valdeorrés de nacemento, hónranos coa súa amizade e coa súa amable colaboración neste blog. Na etapa do bacharelato, o profesor Alonso Álvarez confiou a educación do seu fillo Miguel ao noso Instituto. É autor dunha extensa obra, da que destacamos un interesante libro sobre a coruñesa fábrica de tabacos. Agradecémoslle unha vez máis a súa participación neste blog.


 

 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario