luns, 4 de abril de 2022

VISITANDO MEMPHIS

VISITANDO MEMPHIS

 


 

Pasamos case unha semana en Memphis, Tennessee. Suso tiña traballo alí e viaxamos con el desde Birmingham, Alabama. A viaxe en autopista de ida (non así a volta, con sol, coa primavera máis presente, coa mente tranquila analizando topónimos…) fíxoseme longa, monótona e perigosa pola forte chuvia e a ameaza (real en condados próximos) de tornados… Esa é unha tremenda realidade en boa parte do país… hoxe mesmo fomos celebrar un cumpreanos dunha curmanciña do meu neto á casa dos pais preto de Selma e paseando pola propiedade vimos tres ou catro árbores enormes caídas, coas raíces poderosas ao aire, impúdicas case na súa descarnada esencia, e contábanos que o causante foi un furacán de hai un ano… Logo no coche comentáballe eu aos meus: “francamente, creo que si é plausible a explicación que daba un axente indio no século XIX para explicar por que os Chickasaws nunca se asentaron de forma permanente nas terras do oeste do río Tennesse, moita chuvia, inundacións e uns ventos moi fortes” (1). Máis ou menos. 

(Popular lugar para comer barbacoa)

 



O caso é que me gustou bastante a cidade.  E non se come mal. O primeiro día quixen probar a barbacoa de porco, que é o típico e fomos a un establecemento que tiña boas críticas en Internet de españois que pasaron por alí. Era un local típico, popular, un pouco xa para turistas, pero iso, meus queridos, é dífícil de evitar, aínda que tamén xantamos en sitios auténticos, que só coñecen os autóctonos (Suso xa non é a primeira vez que está en Menphis, ten colegas que levan anos vivindo na cidade e logo estaba a prima da miña nora, aquí establecida de vello, que nos guiou). Eu pillei costela ben adubada, e algo doce, aquí gústanlle moito a mestura de sabores, xa comín en Birmingham touciño e coles de Bruxelas tamén doces, bañado todo sabe Deus se en mel ou en xirope de arce: se a barbacoa está ben feita, o porco resultante case sabe tan ben coma o xamón… Había unha montoneira de xente, dás o nome e dinche “chamarémosvos en 20 minutos”. En vez de quedar na cola fomos dar unha volta ata a famosa rúa Beale (que recorda moito a Broadway de Nashville, chea de bares con música ao vivo), e volvimos xusto cando se cumpría o tempo e si, chamáronnos. Olía que arrecendía ao churrasco. Os cubertos de plástico branco: todo non se pode pedir; a cervexa moi boa; Suso pediu brisket (carne de peito de vaca) e non estaba tan bo coma as miñas ribs. A gornición, servida en vasiños de plástico, moi propia do sur: unha especie de papas de millo, un tipo de col -cole slaw- e beans (fabas escuras doces).

(Museo para Nenos. O avión e todos os mecanismos que o rodean foron custeados pola empresa de paquetería da que falamos no texto. É un excelente museo, moi didáctico en moitos sentidos)

 

A viaxe nosa está condicionada polo netiño: con el hai que procurar espazos onde poida moverse sen problemas, correr e inteactuar coma un meniño de tres anos con moitísima enerxía. E neste sentido, a cidade prové en abundancia. Unha mañá pasámola tan felizmente no Children's Museum ‘Museo para nenos’, outra no Zoolóxico, no parque Overton, na Pirámide (un templo do consumismo de estética discutible), outra no Fire Museum ‘Museo do Lume ou do Fogo’, outra explorando o famoso Peabody Hotel despois de asistir a non menos famosa camiñada pola alfombra vermella e baño en fonte de mármol dos parrulos do Peabody, entre outras actividades que escuso contarvos. 

 


(Fotos do Xardín Botánico. Unha marabilla: combina sabiamente botánica e construcións para pasar o día cos nenos)

 



Para min foi especialmente valiosa a primeira toma de contacto co río, o Mississipi, non puiden por menos de volver aos dez ou once anos, cando lin por primeira vez a Mark Twain. O río é un mar de auga feraz, unha beleza acastañada, coas ribeiras da outra banda cheas de vexetación despertando á primavera… Imposible non traer á memoria a primeira vez que os europeos, os seiscentos españois comandados por Hernando de Soto (un estremeño que trae entre os seus apelidos un Méndez e un Arias, de máis ca probable raigame na nosa terra) viron este río en 1541 cos seus ollos que podiamos cualificar de virxes… E que sen dúbida cruzarían con barcazas (lin que se estableceron varios meses en campamentos do territorio Quizquiz -quizais onde hoxe está Chucalissa- precisamente para facer barcazas para cruzar o gran río). A memoria de Hernando de Soto é preservada en Memphis: déronlle o seu nome á ponte, ben iluminada pola noite (aí atrás coas luces de cores da bandeira de Ucraína).

 

(Ponte Hernando de Soto, sobre o río Mississippi)

 

Tamén preservaron nesta cidade o nome do galego Manuel Gayoso de Lemos. Vin o letreiro no Dawn Town ‘O centro da cidade’, pretiño da rúa Beale, co nome, ‘Gayoso’ e vexo na cartografía antigo e actual que se conserva parte do bayon ‘especie de arroio’ -creo que unha antiga canle pantanosa- que leva tamén o seu nome. Este pontevedrés (2) foi gobernador de Natchez (xa en 1790) e de Luisiana (nomeamento en 1797) e pasa a historia -entre outros valores- pola capacidade de pactar cos indios (3). En 1795 funda no que logo será o asentamento de Menfis, o Forte de San Fernando das Barrancas, en maio de 1795, tras lograr o consentemento dos chickasaw locais. 

 

(Mapa do XVIII co forte de San Fernando das Barrancas. Á esquerda podedes ver o arroio ou canle Gayoso)

 

A moderna Memphis foi fundada en 1819 por tres estadounidenses sobranceiros: John Overton (que deu nome ao parque arriba mentado), James Winchester e o que logo sería presidente do país, Andrew Jackson. Chamáronlle Memphis en memoria da antiga capital de Exipto, tamén situada no río máis importante do seu territorio; tedes que ter en conta que nesa época, principios do XIX, están frescos os feitos de Napoleón en Exipto e en 1803 aparece a tradución ao grego antigo da Pedra Rosetta (achada alí en 1799 polo soldado Pierre-François Bouchard precisamente durante a campaña francesa en Egipto), que fala precisamente do ‘Decreto de Menfis’.

 

(Mapa de Menfis de 1870. Hai numerosas igrexas e hai dous mercados, entre outras construcións)


 

Mapa do río Mississippi de 1699, en tinta e augada de cores a situación dos países, os asentamentos indíxenas e os afluentes e outros detalles (Arquivo de Indias).

(Tratado de Nogales. Vese a sinatura de Manuel Gayoso de Lemos)



A situación da cidade escolleuse porque os altos Chickasaw Bluffs (especie de acantilados) protexían a ubicación das augas do Mississippi. A cidade converteuse nuna das máis grandes do sur polo mercado de produtos agrícolas, de recursos naturais (madeira) e o comercio de escravos estadounidense. Tras a fin da escravitude, a cidade aínda medrou máis no s. XX por ser un mercado a escala mundial do algodón e a madeira. Xa na era dos dereitos civís (no hotel onde asasinaron a Martin Luther King hai agora un museo dos dereitos civís: queda para outra viaxe), Memphis é un importante núcleo de transporte e loxística. Aquí ten a sé a empresa FedEX: o seu fundador é de aquí, estudou en Yale e alí desenvolveu a idea de centralizar todas as operacións nun só punto, Memphis: a aquí chegan e de aquí parten todos os envíos do país. Un só centro de distribución. Parece unha idea simple, de sentido común, pero xa sabedes que a posteriori é máis doado velo, como sabemos que non sempre o sentido común é o máis común dos sentidos. Sexa como for, o caso é a o Aeroporto Internacional de Memphis é por esta razón o segundo máis transitado do mundo e iso asegúrovos que se nota; pola noite parecía estar durmindo nun avión trasatlántico, o ruído de fondo é continuo. Volvemos ao de sempre: todo non cabe no saco. Unha observación que me indica que por hoxe xa chega. Feliz primavera!

 

(A fonte onde se bañan os parrulos dúas veces ao día. Viven 3 meses na casiña da azotea e logo volven á vida na granxa onde os crían. Hotel Peabody)


(Scent of Magnolias, do artista español Juan Rojo (Jay Etkin –

.Gallery)

Foto da exposición Memphis Quarantine, de Jamie Harmon


(Estamos no parque Overton, paseamos pola Fraga Vella, o resto máis antigo de todo Menfis dos bosques de outrora. No medio da imaxe, un sicomoro. A natureza é ricaz, magnífica)   



(Unha honeysuckle nativa: chuchameles)


(Esta é unha 'buckeye')

::::::::::::::::

NOTAS:

(1). I have heard it said that the Indians, when asked why none of them lived permanently in West Tennessee, replied than it leaked too much. For a time after I first went there I thought it rained, hailed, thundered and lightened with more wind than I had known elsewhere (en Tennessee’s Indian Peoples, de Ronald N. Satz, 1979, pp. 13-14; o axente dos territorios indios era Memucan Hunt Howard)

(2) Hai quen di que nacera en Porto, de pai pontevedrés, pero a Real Academia da Historia na súa biografía dáo como pontevedrés, en: https://dbe.rah.es/biografias/55740/manuel-gayoso-de-lemos. Coma sempre, estas páxinas da RAH son excelentes, aínda que neste caso concreto falta un dato: dise ao final que Gayoso está enterrado na Catedral de San Luís (Nova Orleans) e que actualmente hai rúas co seu nome en Natchez e Nova Orleans; porén falta a rúa de Memphis.

(3) De Hernando de Soto a historiografía hispana tamén salienta esa capacidade, mentres que boa parte da historiografía estadounidense destaca dos españois a extrema ambición, a obsesión polo ouro e a crueldade sen matices; non teño interese en comentar este tema, é complexo. Permitídeme, iso si, recordarvos os millóns de falantes de linguas precolombinas en territorios hispanoamericanos: pódese contrastar o dato co número de centos de miles -sendo optimistas- de falantes das correspondentes linguas nativas no actual territorio dos EEUU. Para sermos xustos engadiremos que ese punto de vista negativo tamén é extensible a franceses e británicos na época da colonización de Norteamérica.

 

 

2 comentarios:

  1. Grazas Charo por esa descrición tan detallada dos lugsres que estades visitando, e polas rememoracións históricas dos nosos antepasados que recorreron esos interesantes paraxes.

    ResponderEliminar
  2. Grazas a ti, querida, por ler o que escribo. Queda o tema aberto para un MENFIS 2, onde hai que integrar a música. Será outro día. Biquiños.

    ResponderEliminar