xoves, 10 de febreiro de 2022

ENTREVISTAS

 

ENTREVISTA A DOMINGO VILLAR

 

(Domingo Villar. Todas as fotos están tomadas de Internet)

 

(Nota previa: as verbas escritas como respostas do noso autor son unha transcrición da oralidade)

M.ª R. S.: A primeira pregunta é de rigor: onde estudou o bacharelato? Garda algunha lembranza especial do profesorado?

-D. V.: Estudei en Vigo en varios centros, entre eles o Colexio Rosalía de Castro. Teño unha lembranza estupenda de varios dos meus profesores, de dous fundamentalmente: Luís Pérez Collazo, quer era o meu profesor de Historia e Pedro Iturburúa, de Lingua. Con Pedro inda me vexo de cando en vez. Creo que podo dicir que somos amigos, máis alá de sermos mestre e profesor. Teño con eles unha relación moi boa, igual que coa miña escola…

 


 

-Como e cando soubo que a súa vocación era a escritura, a creación literaria?

-Non hai un día en que todo se desencadee, pero si que é verdade que desde rapaz eu fun dado á fábula, a contar cousas e a escribilas despois. De feito, a Pedro Iturburúa, que era o meu profesor de Literatura, non lle estraña -creo que a ningún dos meus mestres lles estraña- que o meu oficio sexa este, o que é. Xa tiña unha certa tendencia á fabulación. 

 

(A illa de Toralla. Vigo e os fermosos arredores son escenarios das novelas de Villar)

 

- Podemos dicir que é vostede unha criatura afortunada: éxito, fama, a súa obra levada ao cine, premios literarios... Con que queda? Cal é o maior logro ao seu entender?

-É estraño o da fortuna, o do éxito… Fundamentalmente, que é o éxito?: Escribir o libro que queres escribir?, que a xente te coñeza?, poder dedicarte profesionalmente á túa vocación (creo que ese sería o éxito íntimo, o que máis me…, o que polo menos me serena, me tranquiliza e me devolve unha imaxe no espello que non me desgusta)? Pero co que quedo, máis que cos premios e as vendas e con todo, o máis bonito que me sucedeu na miña carreira literaria foi desencadear o desexo de coñecer a miña terra a partir dos meus libros, das miñas historias e dos meus personaxes. Iso é o máis bonito. Que alguén queira coñecer a túa terra porque leu un libro teu e faga despois a viaxe é impagable.

-Díganos algún segrediño: por exemplo, en que nome longo pensou cando bautizou o seu introvertido comisario como 'Leo'? Pensou en Leonardo, Leocadio, Leopoldo...? Unha cousiña máis: aquela espléndida receita das luras cociñadas de xeito simple pero efectivo (xa o esperimentei na miña cociña e asegúrolle que nos encantou), con cebola ben picada e un vaso de viño branco, de quen a aprendeu?

-Pois non pensei en ningún deles. Pensei en Léo Ferré, que é o cantante francés que me gusta moito e nun dos libros explico que era o nome… En realidade, alguén fala dunha musiquiña e cantarúxaa e…, creo que é Antonio Trabazo, o mariñeiro de A praia dos afogados, cantaruxa unha melodía e di: “á túa nai encantáballe”, dando a entender que á súa nai lle encantaba Léo Ferré e que foi ela a que decidiu poñerlle Leo ao rapazolo, ao seu fillo.

A receita das luras? É como se cociñan as luras no Elixio. Non ten moito segredo. Aprendino alí coas cociñeiras. Sempre me gustou cociñar e comer… Son cousas que se van aprendendo ás poucas.

 


 
(Da importancia da comida na literatura... Hai bares que xa son espazos míticos ou case)

- A serie de Leo Caldas vai continuar ou ten outros proxectos in mente?

-Teño outros proxectos in mente e un deles é continuar coa serie de Leo Caldas. Téñoo pescudando na aparición dun cadáver nunha cova fronte ao Atlántico na costa de Santa María de Oia, e niso está el agora mesmo.

-Que está lendo arestora? Recoméndelles aos nosos alumnos algún libro que lle resultara especialmente amado.

-Eu colecciono dous libros: O falcón maltés de Dashiell Hammett e A illa do tesouro de R. L. Stevenson. Creo que poderían ser dúas boas recomendacións. Entre os libros que estou a ler agora mesmo estou con La nostalgia de la mujer anfibia de Cristina Sánchez Andrade; acabo de  comenzar, non sei ata que teña lido máis se a podo recomendar pero ten unha pinta estupenda.

-Moitas grazas, Domingo, por dedicarnos parte do seu precioso tempo. Desexámoslle moitos éxitos na vida.

-Charo, unha aperta moi grande! Adeus!

 

(Parte do equipo que filmou no seu día 'La playa de los ahogados'. Están en Vigo. Como sabedes o filme está baseado na novela de D. Villar, unha das protagonizadas por Leo Caldas)

 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario