domingo, 8 de novembro de 2015

GALICIA INMORRENTE



GALICIA INMORRENTE.

Os mouros: pobo mítico.

Este día fomos ás Portas Ártabras para escoitar falar sobre o tema dos mouros a un antropólogo, profesor de Universidade e autor de numerosas publicacións, o doutor Mariño Ferro. Pero antes de el desenvolver a súa ben trabada teoría, tomou para presentalo a palabra o señor Alberte Corral (da directiva do Facho, un home próximo aos 70 anos) e relembrou que cando era rapaz ían xogar ao campo que circunda a torre e aló, cerca da caseta de pedra que protexe a inscrición famosa, había un burato e eles metían a cabeza e berraban Mouro, dáme do teu tesouro! Mouro, mouro, dáme do teu tesouro! E unha servidora  pensou varias cousas en torrente, unha, “Ca! Que terra a nosa, tan rica en mitos!”; dúas, que poder evocador tan a palabra... Este Alberte percorreu nun tris toda a traxectoria vivida e volveu á infancia dun golpe, ao poder da palabra que traza un mito; e tres, amigo!, eu sempre souben que Coruña é unha cidade mítica [pacen bois da cor vermella, os de Xerión, logo déitanse os ósos para fundar a cidade nun claro ritual de fundación; un dos Carré recolle no Orzán unha lenda de vilas asolagadas; hai unha baía das ánimas onde embarcaban verosimilmente os mortos; hai un santo Amaro onde desembarcaban os que viñan, como Trezentonio, de buscar o paraíso; hai lendas de sereas, etc, etc.], e velaquí, outra proba máis...


(Este día, 27 de outono, nas Portas Ártabras: á esquerda da imaxe o prof. Mariño Ferro; á dereita, o señor A. Corral; foto de Charo Soto).
En fin, imos ao caso: os mouros. O primeiro que temos que facer para centrar ben o discurso –iso entendinlle ao orador- é enterrar vellas trolas, como que as crenzas dos galegos aldeáns son todas supersticións ou que a propia cultura aldeá é cousa de ignorantes paifocos infradesenvolvidos. Moitos son prexuízos que veñen, curiosa-contraditoriamente da Ilustración, e están en boa medida promovidos desde unha elite claramente interesada en explotar esa forza de traballo. Hai que enfocar a construción mítica dos mouros como algo cunha clara funcionalidade, e esa construción (o subtítulo da conferencia era: A inspirada aplicación galega do método universal para crear pobos míticos) segue un método, comparable ao que seguiron outros pobos europeos (puxo como exemplo os gregos: crean o mito das amazonas: comen carne, cortan un peito, usan o arco e todo en oposición á forma “civilizada” de ser, comendo pan de trigo e usando a espada como arma nobre...).
Logo debuxou un cadro de trazos semellantes entre nós (os paisanos galegos) e eles (os mouros): son semellantes as técnicas agrícolas, a cría de gando, o feito de ferraren cabalos, achanzar coa grade, faceren monllos, mallaren, conservar en tullas, ir ao muíño, á fonte, á feira, gustarlles o viño, mercar leite (sobre todo as mouras portuguesas), comerciar, viviren en casas (e pazos, castelos, onde teñen lacenas, chaves), unha semellante repartición do traballo (os homes traballan a terra e as donas fían e van por auga...).

Para proseguir a continuación cos trazos diferenciais: un núcleo irradiador de diferenzas áchase nas crenzas relixiosas: se os mouros van á misa, suponse que seguen ritos propios. Outra diferenza básica co paisano galego: son tremendamente ricos: teñen ouro e teñen tesouros (velaí as trabes de ouro, os apeiros de labranza de ouro, a galiña dos pitos de ouro), gardados frecuentemente por unha serpe. Eles, os mouros, son en síntese, os pagáns. Aquí amosounos o prof. Mariño unha serie de cadros medievais e renacentistas onde se ve o nacemento de Xesús xunto ás vellas ruínas (ao igual que os mouros aparecen xunto as ruínas de castros ou xunta as vellas pedras do megalitismo): ao lado da nova fe aparece o Tempo vello, o home vello, a serpe vella...
Os mouros, unha diferenza máis, viven debaixo da terra: nós enriba. 

 (Ghirlandaio: sobre as ruínas do paganismo, nace Xesús)

E cal é o sentido da construción deste pobo mítico? A resposta que nos deu Mariño Ferro é clara: o pobo crea esa identidade mítica para reforzar a identidade propia. Falou de graos de identidade, nunha especie de escaleira antropolóxica de Xacob: 1º, a casa; 2º, a aldea; 3º, a parroquia; 4º, Galicia/España; 5º, a cristiandade: grao máis elevado. E así en toda a Europa tradicional (un discurso, polo europeísmo e a tradición,  moi propio do Grupo Nós).


Conclusións. Escollamos só tres para non enfadarvos moito co tema. Unha: somos parte de Europa (xa o sabiamos pero non está de máis recordalo: xa o dixo Goethe, desde outro enfoque, complementario, “O Camiño de Santiago fixo Europa”); dúas, hai que reler a Risco e ver que di el dos mouros (revista Nós, nº 43, 1927) ; tres, estes mitos de mouros, serpes que gardan ouro, tesouros e galiñas marabillosas forman parte dun folclore que une e aúna vontades: do antropólogo, do folclorista, e mais do arqueólogo. Somos, os amantes destes temas, ou deberiamos ser, un equipo.
Permitídeme, vós, os novos,  unha cuestión derradeira no día de hoxe. Ide e preguntade aos vosos, aos que teñen un pé –ou ráiz- na aldea, cando e a quen oíron falar por primeira vez da existencia dos mouros. De min sei dicir que foi a miña nai valdeorresa, a súa avoa prohibíalle pasar polo arroio de Rascouprín (Valencia do Sil) porque podía aparecer no camiño a moura loira que peiteaba os cabelos con peite de ouro. Non parecía ser cousa apetecible topar con ela. Pode ser que o temible fose caer nos buratos, vestixios de vella minería prehistórica, que quedan por alí...

 (Rossetti: cadro amosado polo profesor Mariño, a propósito de mulleres-serpes-mouras con cabelos sedutores... Sobre interpretacións da moura mítica en feminino resulta imprescindible o estudo da prof. Mar Llinares)

(E. Munch: máis sobre os envolventes cabelos da figura mítica feminina)

Ningún comentario:

Publicar un comentario