venres, 5 de setembro de 2014

A NOSA CASA (VI)

A NOSA CASA (VI)

Aquí estamos. Outra vez na nosa casa. Entramos o un de setembro e saudamos aos colegas –iso é o mellor de volver, rir mentres nos laiamos con certa inevitable saudade da fin das vacacións, falarmos de viaxes e gozos acabados de pasar, alegrarnos talvez de seguir vivos-. Dixo Emma: á miña filla encántalle vir aquí comigo –a nena ten catro anos-, “mamá, isto é coma un castelo, coas escaleiras…”. Seguro que quería dicir coma un palacio, coas escaleiras marmóreas ou marmóricas. Gustoume oílo. Entón comentou Emilio: Ese era un tema interesante, ver como enfocan os rapaces a entrada no noso instituto. Por exemplo, algún dos nenos de aquí ao lado –das Escolas da Guarda- , ti sabes como lle chaman ao noso centro? Dixen que non o sabía. Pois chámanlle “A casa branca”. Tomade nota. Será polo impacto visual do mármore de Carrara, tan níveo.

Relembrei así nun lampo cando eu entrei por primeira vez, no ano 1965, no chamado Ingreso. Medo, esa foi a impresión inicial ao ver as estatuas. Daquela botaban na televisión, acabada de estrear coma quen di, a serie de misterio e suspense Belfegor, el fantasma del Louvre, e as estatuas exipcias impoñían coa súa presenza negra.
 (As nosas dúas exipcias na entrada do Instituto teñen un globo entre as mans, portador primeiro do gas e logo da electricidade; outras estatuas do estilo poden ter teas; foto de Mario S. García)
Chegamos desta forma ao tema. As dúas estatuas exipcias que iluminan e franquean a entrada, a grande escalinata de mármore  do Instituto Eusebio da Guarda da Coruña. Debo agora ceder a palabra a Raúl Trillo, amigo, colega xa mentado noutras ocasións, arquitecto e catedrático no centro. Sempre ten a bendita canle da comunicación aberta a nós: Son estatuas procedentes da industria de fundición do ferro en Europa… Daquela eran frecuentes, en Inglaterra, Alemaña, Francia, e tamén en Portugal… Eu vin dúas irmás xemelgas das nosas nos xardíns do Pazo de Cristal do Porto, son –no que eu sei- as máis próximas a nós… Hai que ter en conta que en principio, a estatuaria manufacturada é custosa, e cando empezou a haber unha gran demanda para o ornato de parques ou edificios, a principios do XIX, a industria da fundición ofertou unha produción que tivo moito éxito nas cidades europeas. As nosas esculturas, as exipcias, son da empresa francesa Val d’Osne. Tiveron un tremendo éxito nas exposicións internacionais e vendíanse por catálogo. Na fundición do Val d’Osne traballaron escultores coñecidos, algúns polo menos, coma Pierre Rouillard, que, se non erro, colaborou na fachada da Ópera Garnier de París.

(No cilindro na base da estatua lese ben o nome da fábrica, Val d'Osne; foto de Mario S. García)

Miramos xuntos na Internet e atopamos mesmo o catálogo. Había unha foto dunha galería da fábrica esa, no Alto Marne francés, e Raúl dixo: xa me gustaría visitar esta galería, seguro que encontrabamos as exipcias…
(Foto de Mario S. García)
Coméntolle a Raúl que D. Eusebio da Guarda González (pai portugués e nai coruñesa) tamén se vincula á  industria do ferro na construción da primeira praza de Lugo, aquel fermoso edificio modernista lamentablemente perdido.
(Foto de Mario S. García)

- E dime, Raúl, ti cres que o artista ou artistas se inspirarían nun modelo de estatua exipcia coma as que están no Museo Británico, aquela faraona, Hatshepsut, ou?

-Non exactamente, falta o hieratismo. As estatuas nosas teñen unhas curvaturas claramente “nouveau”, non percibes ese aire historicista, decimonónico? Tamén facían estatuas gregas, mesopotámicas… Fíxate na flexión das cadeiras, como xiran a perna… Respiran o modernismo da época. Esa modulación sensual dos brazos… Modernismo, ese é o concepto clave. Estas nosas estatuas están aquí desde a inauguración do Instituto, en 1890.

Non ousaría contradicir a Raúl, mais non deixei logo de pensar que na arte exipcia ás veces se rompe o hieratismo (especialmente na pintura: nas danzarinas do Museo británico, nesa das tres mulleres que tocan o laúde, a arpa e a frauta, nunha tumba en Tebas, ou aquela estatua de madeira da deusa Selket, co seu símbolo-escaravello na cabeza, no Museo do Cairo).
 (Estatua de fundición en Postdam, na Orangerie, Neur Garten; temos o correlato masculino das nosas exipcias; foto de Mario S. García)
Para rematar, un par de datos sobre a industria da fundición de ferro en España. Dos primeiros –no que eu sei- os andaluces (Manuel A. Heredia Martínez, un rioxano que emigra ao sur e por matrimonio entronca coa burguesía ilustrada malagueña e funda a fábrica  La Constancia en 1833 en Málaga); os barceloneses (no 1836, “Talleres Nuevo Vulcano”),  os valencianos (en 1841, en Alicante, onde a Asociación Británica fundou unha fábrica metalúrxica pé do outeiro  do Molinet), os vascos (a fábrica vasca de santa Ana de Bolueta, ata 1843 non empeza a producir), os coruñeses (Joaquín Galiacho –non conseguín averiguar con certeza a orixe-, de novo un home casado cunha coruñesa, funda a primeira fábrica de fundición do ferro galega aquí en Monelos, en 1843, daquela Monelos pertencía non ao concello coruñés, senón ao de Oza; unha servidora naceu na rúa que leva o seu nome, Joaquín Galiacho, sita onde estivo a fábrica, ‘La Victoria’, cerca da ponte sobre o río de Monelos que tan mal cheiraba sendo eu nena, aínda que o meu avó coruñés lembraba ben cando se pescaban anguías augas arriba); seguen os zaragozanos: a fundición máis antiga de Aragón establécese en 1855 en Zaragoza, fúndaa un enxeñeiro galo,  Antonio Averly, estes si que facían estatuas, coma a da fonte da Samaritana, ou o monumento ao Xustiza de Aragón.

Non citei os cántabros porque a fábrica ‘La Cavada’, aínda sendo como foi a primeira siderurxia e industria armamentística do país e ter producido durante máis de dous séculos, en 1835 estaba xa abandonada. Noutra ocasión cóntovos máis cousas de Joaquín Galiacho, primeiro quero averiguar máis dese difícil apelido.
(Foto dunha das dúas estatuas exipcias nos xardíns do Pazo de Cristal do Porto, foto tomada da Internet)

 (Foto que nos envía un ex alumno do centro desde un bar de Madrid, as dimensións da estatua coinciden máis ou menos coas das nosas exipcias; foi comprada a estatua nun anticuario)
 ("Ás veces as fotos atopan o fotógrafo...", autor Mario S. García)


Ningún comentario:

Publicar un comentario