luns, 2 de xuño de 2014

Lendo a Mary Shelley

LENDO A MARY SHELLEY (Mary Wollstonecraft Godwin).

Comentar unha novela como Frankestein supón un reto importante para un profesor de Literatura porque é unha obra coñecida por todos os alumnos pero este coñecemento procede máis de imaxes preconcibidas ou cinematográficas que da lectura do libro orixinal. Por iso, cando os novos lectores se enfrontan a esta novela, sorpréndense ao ver que pouco ou nada ten que ver coa historia dese personaxe estraño, deforme e monstroso que nos legou o cine.

    Gústame dicir que comezar unha obra literaria na clase é igual a encetar, a abrir un melón: podes saber de que zona vén a froita, coñecer a que variedade pertence, advertir se está madura ou non pero, ata que non o abres, non sabes como é o sabor ou como vai ser apreciado polos comensais; o mesmo ocorre cunha novela que presentas ante unha clase: coñeces como é, como reaccionaron ante ela outros anos mais nada te prepara para os comentarios que despertará nos novos comensais. E este ano sorprendeume a visión que os lectores recentes tiveron perante Frankestein porque souberon ver e profundar en certos aspectos que, moitas veces, quedan solapados ou ocultos pola forza do tema principal da novela. Non podemos quedar só coa lectura evidente da obra, centrada nos conflitos ético-filosófico-morais da creación dun novo ser humano, o castigo do home que xoga a ser Deus, a paternidade e mais os seus problemas, etc., porque hai un aspecto da obra que é importante e que os meus alumnos destacaron por riba de todos os demais: o rexeitamento de todo o que é diferente. A nosa lectura de Frankestein centrouse neste aspecto da obra, a  criatura abandona a casa do seu creador e sae a un mundo duro e cruel que a rexeita polo seu aspecto físico diferente. Este rexeitamento social que padece a  creación de Víctor (négome a chamalo monstro) vén motivado por unha aparencia física distinta e é triste comprobar como despois de tantos anos esta actitude da sociedade non só non cambiou senón que aumentou e seguimos demonizando a quen é diferente, ben sexa polo seu físico, ideoloxía, etc.

    A criatura é, desde esta perspectiva, unha vítima e un verdugo asemade, vítima porque foi creada e abandonada por un pai que xoga a ser Deus pero que escapa aterrorizado ante a súa propia obra e verdugo porque se vinga do seu creador dunha forma primitiva e terrible, eliminando a todas as persoas queridas por Víctor para que sinta a soidade como el a está percibindo.

    É curioso ver que, aínda que Víctor Frankestein trata de dirixir a nosa crítica cara á criatura á que denomina estafermo, mostro, etc., non consegue evitar que sintamos unha certa simpatía ante este ser abandonado polo pai, carente de referentes femininos, desprezado pola sociedade e marcado pola falta de afecto verdadeiro na súa vida. Obríganos, xa que logo, a non ter unha visión simplista da vida, fainos ver que as cousas non son brancas ou negras senón que todos temos arestas que explican, aínda que non xustifican, as nosas condutas e nos permiten comprender que hai que ser máis abertos á hora de xulgar os demais. Todos temos unha historia que nos fai ser como somos e debemos abrazar as diferenzas e non temelas ou rexeitalas.

    Así pois, nestes tempos en que vemos con preocupación o rexurdimento de ideas que xa criamos esquecidas ou soterradas no pasado, recoméndovos a lectura desta obra porque necesitamos exercitar a nosa tolerancia e esta novela faranos reflexionar sobre estes temas.

                                                                          Mª Luisa Varela Barroso, prof. de Lingua e literatura.
                                                        (Broche de madeira feito por José M. Tato Ramos)

Ningún comentario:

Publicar un comentario