GALICIA INMORRENTE
DE JOAQUÍN LORIGA TABOADA
![]() |
| (Fotografía de Joaquín Loriga Taboada. Fonte: Galiciana) |
Este abril cúmprense cen anos desde que o dezao Joaquín Loriga Taboada, o grande aviador galego, participou na fazaña do voo Madrid-Manila[1]. Hai varios escritos sobre o tema e hai un libro, aínda fundamental, de Daniel González Alén. Botamos en falta, iso si, máis información nos medios públicos, nada non vimos, un documental ben feito, na televisión… En fin, coma sempre, mire cada un por si e vexa se merece a pena saber deste heroe. Nós achegaremos o noso gran de area botando man das lembranzas do avó dos fillos, el falaba cando lle turrabamos da lingua aquilo que recordaba, eu sempre supuxen que eran só retrincos. Imos empezar por aí:
![]() |
| (Tirado do libro de Daniel González Alén) |
«D. Rafael, Dª Araceli, D Amalio, D. Eliseo … o pai era D. Carlos, Dª Ramona a nai de D. Amalio Taboada. D Eliseo e Araceli , ela foi dama da Cruz Roja, eran os pais de Joaquín Loriga. Tía Esperanza estaba con eles, estuvo moitos anos vivindo con eles en Madrid… Casou en secreto… Estaba casado cunha costureira, os pais non o deixaban, porque era dunha familia tan grande, tan importante… Morreu en Cuatro Vientos en Madrid… Aterrizou no Toxo… Unha vez voou tan baixo, viña por Prado, voou tan baixo que pasou por riba do castiñeiro, un castiñeiro grandísimo que había alí xunta o Casarón, e cortoulle a punta, iba moi baixo… Déjame, que estou con mis amigos, porque a nai quería que subise a falar con aqueles señores, viñan periodistas e xente de Madrid[2]… El caeu non sei en que isla, o avión caeu ao mar. Collérono uns piratas, querían cobrar o rescate, querían escapar con el. Diron parte… A marina portuguesa[3] andaba buscando tamén… e preguntaron aos do barco…
Morreu Loriga. Pode ser
Non o creo anque me pese
Quen di que un home coma ese
Sen máis poida morrer.
Morreu Loriga, si
Levouno lonxe o seu galardón
Pero morrer, eso non
Teno Lalín ben gardado.
… si, si, foi nesa viaxe a Filipinas… Cando caeu foi unha trampa que lle fixeron.
O avión que andaba con el tíñao avariado e daquela pediu o avión emprestado a un francés e ía cheo de gasolina e tiña que manobrar a moita altura e era de pouca potencia…
Desde Madrid a Manila
Foi voando polo aire…
Cuando su esposa lo supo
Echó manos al cabello
Ai Joaquín, ai Joaquín
Ai, que mi Joaquín ha muerto»
Estas verbas marcadas entre comiñas e por un tipo de letra distinto, foron, como digo, por nós recollidas da boca de Eliseo González Blanco, nado en Bendoiro, Lalín, Pontevedra, en 1919. Teoricamente debía relembrarse moi ben dos nomes que os pais de Joaquín Loriga lle puxeron aos seus fillos porque in illo tempore os seus propios avós, de Eliseo G. B., Manuel González e Manuela Fernández, eran criados-administradores no pazo de Liñares, onde naceu o aviador e conforme nacían os fillos “arriba”, eles, Manuel e Manuela, ían bautizando os propios fillos que lle nacían cos mesmos nomes[4].
![]() |
| (Do libro de D. G. A.) |
A esposa coa que casou supostamente en segredo chamábase Josefa Ruiz Berolla[5]; é vox populi que os pais de Loriga non lla querían por muller, por causa da súa orixe humilde.
![]() |
| (Tirado do artigo de Francisco Rubia) |
E falando de “vox populi”, unha servidora, desde a primeira vez que lle oíu recitar eses versos a Eliseo, unha servidora estaba convencida de que repetía versos, retrincos, dun romance popular anónimo. Non sería a primeira vez que de forma anónima se xeran romances para rememorar feitos que conmoven a conciencia colectiva. Non hai que recorrer só á rica bibliografía de Carlo Baroja sobre a chamada literatura de cordel: nós, cando traballamos en Pontedeume, recollimos, sen ir máis lonxe, uns cantos romances anónimos que as avoas de parte do alumnado dos arredores (Monfero, Montemaior…) sabían aínda de memoria; os temas eran variados, básicamente amores desgraciados, asasinatos ou morte violentas etc.

(Fonte: o folleto-libriño do ano 1933. O apelido debe ser Froiz)
![]() |
| (De esq. a dereita: Gallarza e Loriga. Fonte: RAH) |
Porén, esta cuestión da orixe dos versos que recitaba o meu sogro non a teño xa tan clara, por dicilo de forma rápida e coloquial. Deixounos a nosa curmá silledense, Eulalia Trabazo[6], un folleto, medio libriño, do ano 1933 e nel aparecen boa parte deles. E, ou moito me equivoco, ou teñen autor[7]. Claro é que algún verso dos de Eliseo é distinto, concretamente ese do galardón (Levouno lonxe o seu galardón, onde a voz galardón máis ca premio parece significar ‘destino glorioso’ ou algo así). E debemos dicir tamén que o meu esposo recordaba oírlle á tía María de Fondevila, maior ca Eliseo, cando el era un rapaz, versos sobre Loriga distintos aos do pai e cando eu lle pido que faga memoria só lle vén á mente unha frase, traidor francés (moi probablemente outra indicación do proceso de mitificación/dramatización de feitos dignos de seren versificados).
Non podemos concluír estas páxinas do blog sen animar os escritores galegos a novelar a aventureira e heroica vida do aviador Loriga. Pensamos que é o primeiro paso para que logo a televisión galega ou a que fose, fixese unha boa serie ou filme sobre esta parte da nosa historia. Na nosa humilde opinión, é Gonzalo Navaza Blanco o escritor chamado a escribir da vida e milagres de Joaquín Loriga. Navaza, lalinense, hai anos que amosou o seu forte interese en saber cousas del. Se non lle parece mal que llo digamos, non concibimos mellor e máis capacitada pluma para este labor.
![]() |
![]() |
| (Aquí estivo primeiro o corpo de J. Loriga, agora está dentro da igrexa, no panteón familiar. Igrexa de Santa Eulalia de Losón) |
[1] El viaje a Filipinas se inició el 5 de abril de 1926, desde Cuatro Vientos. Se bautizó a la patrulla con el nombre de Elcano y los aviones con los de Magallanes, Elcano y Legazpi. […] Gallarza [o rioxano Eduardo González-Gallarza Iragorri ten a súa ficha na Real Academia da Historia [RAH], https://historia-hispanica.rah.es/biografias/21112-eduardo-gonzalez-gallarza-iragorri) y Loriga [o avión de Esteve perdérase no deserto de Siria] comenzaron la penúltima etapa de su viaje volando a Aparri en la isla de Luzón. La última etapa hasta Manila fue un apoteósico paseo. A media mañana del día 13 de mayo de 1926, el Legazpi aterrizó en el aeródromo Nichols de Manila. El recibimiento fue triunfal, escalofriante. Fueron literalmente sacados a hombros del aparato, zarandeados, apretujados. Así se dio por terminada esa fantástica aventura en la que los aviadores hubieron de cubrir más de 17.000 kilómetros de ruta, a través del Mediterráneo, desierto arábigo, golfo pérsico, Indostán, océano Índico y mar de la China, teniendo que luchar contra toda clase de adversidades; condiciones meteorológicas muy diversas; recorrido sobre zonas desconocidas, gran fatiga y constantes averías de los motores. Por esta memorable hazaña, los tripulantes de la patrulla Elcano, recibieron la Medalla de Oro de Ultramar, la Medalla de la Liga Internacional de Aviadores y numerosas condecoraciones de los países visitados (ficha da autoría de Adolfo Roldán Villén, https://historia-hispanica.rah.es/biografias/26181-joaquin-loriga-taboada).
[2] Dato este que talvez haxa que encadralo no proceso de “mitificación” popular do heroe: segundo as verbas do noso sogro e o que sempre oíu dicir na casa, Joaquín consideraba os seus verdadeiros amigos “os de abaixo”, non os señores que a nai recibía “arriba”.
[3] Esta información fragmentada de Eliseo Gonzáles Blanco responde á realidade. Eses episodios poden lerse por enteiro no libro de D. González Alén (O aviador Loriga. Diputación Provincial de Pontevedra. Pontevedra, 1989).
[4] Un dato curioso e moi indicador dun modo de vida que responde a unha sociedade organizada en ríxidos estamentos; neste sentido, Galicia non é distinta á sociedade británica, fortemente clasista: abonda revisar series clásicas como Arriba e Abaixo (Upstairs, Downstairs, estreada en 1971) ou, moito máis recente, The Gold (2023-2025, escrita e creada por Neil Forsyth), serie británica recomendable que trata non só da corrupción financeira brutal nas chamadas altas esferas, senón tamén da férrea estrutura social que impide ás clases traballadoras (representadas moi ben polos nados e criados na área do sur de Londres) a mobilidade social, factor que explica en boa medida que se salten leis, que se roube ou estafe para medrar socialmente. O personaxe do avogado Edwyn Cooper representa perfectamente o desprezo e rexeitamento das clases altas polos “arribistas” sen avoengo. Digamos, de paso, que entre o ancestro paternos dos nosos fillos, o criado do pazo de Liñares, e o señor do pazo houbo unha interesante correspondencia, custodiada a día de hoxe no pazo de Don Freán; algunhas desas cartas pódense ler no artigo: Francisco Rubia Alejos (2004), “El palacio señorial de Liñares en las últimas centurias”, Deza. Anuario de Estudios e Investigación, nº 6, 177-230. Este artigo fornécenos, amais, dunha espléndida descrición do antigo pazo de Liñares, con interesantes fotografías. Actualmente, no renovado pazo de LIñares hai un espazo-museo dedicado ao ilustre aviador.
[5] Non é doado documentar o apelido materno da esposa do aviador. Só o puidemos atopar na ficha da RAH.
[6] Dámoslle as grazas a Lala, sempre tan interesada por todo o relativo á súa terra dezá, sempre disposta a compartir connosco información e fotografías do seu magnífico arquivo. Tamén queremos agradecer a Josefa Cortizo as lembranzas que a ela lle transmitía a súa tía Luísa, de Vilar do Río, daquela rapaza. A tía Luísa contaba que a comitiva do sepelio parara na escola de Prado, todas eran flores, coroas e coroas de flores. Aquilo -dinos Fita Cortizo- foi un acontecemento para eles… A tía recordaba que viñeron avións, varios, unha escuadrilla, e botaban flores a eito desde o aire. Unha chuvia de flores. Algo inesquecible para a xente desa xeración e da seguinte tamén, como vemos mercé a Fita.
[7] A outra alternativa é que o autor se inspirase ou completase o suposto romance popular. Con todo, se debo ser sincera, case que me inclino por pensar nun proceso paralelo ao que sucedeu co poema de Curros Enríquez, a famosa Cántiga escrita en 1869: popularizouse e o pobo cantou ese poema con certas variantes.




.png)





