xoves, 25 de setembro de 2025

GALICIA INMORRENTE

 

GALICIA INMORRENTE

DE GALEGAS E GALEGOS NA DIÁSPORA I

 

(Foto tirada da páxina da revista "Casa Galicia" neoiorquina)
 

Cando a miña irmá e o seu esposo haberá uns 25 anos viaxaron a Nova York, onde temos familia, visitaron o Museo da Emigración da Illa Ellis. Á miña irmá, que é licenciada en Historia, chamoulle a atención que non figurara Galicia entre os pobos orixe de bolsas importantes de emigración. Podiades pensar que estaría integrado o fenómeno baixo o nome de España pero si que figuraban os vascos. Nada novo baixo as estrelas, podiades comentar. Galicia é tantas veces na historia coma Urganda a descoñecida… Francamente, pódese dicir así. Cando Humberto Morales, prestixioso lingüista, publica en 2010 o seu Diccionario de Americanismos hai varias páxinas no inicio do magno libro con listados de linguas que influíron na formación do español de América: figura o inglés de aquí e acolá, o portugués, o brasileiro, o aragonés… pero non o galego. Si, certamente, o mundo está cheo de inxustizas e esta non é das maiores, se ben todas feren (a derradeira mata).

A emigración a América do Sur desde Galicia está moi estudada. En troques, non hai moitos estudos da presenza de galegas e galegos nos EEUU. O número dos que se asentaron nese territorio non ten comparanza co dos que iniciaron unha nova vida na América hispana. A migración debeu ser máis fluída no último cuartel do século XX e, sobre todo, no tránsito do XIX ao XX.[1]  Sabemos que The White Star Line, por exemplo,  aparece por primeira vez en 1870, repite en 1873 sen consolidar escalas pero a partir dos anos dez canalizará emigrantes galegos aos EEUU desde Liverpool[2].

(Directiva de "Casa Galicia" en N. Y. nos anos 60. Vemos o coruñés ilustre, Emilio González López, de pé, é o quinto contando de esquerda á dereita)

 

Tamén sabemos que a maior parte dos noieses que viaxaron aos EEUU o fixeron desde o porto de Vigo. Alí case todos eles subiron ao transatlántico SS Mongolia, de la American Line que daquela cubría periodicamente o traxecto Hamburgo-Vigo-Azores-Nova York. E houbo quen viaxou no SS Manchuria, da mesma compañía navieira, que cubría o mesmo traxecto mais en diferentes momentos do ano. Esta mesma fonte de información dinos que non faltou quen abandonou a súa Galicia natal desde o porto da Coruña noutros barcos, coma o Gothland, o Louisiane e o Niagara (en: https://elrincondelagenealogia.wordpress.com/2015/11/10/los-noyeses-que-emigraron-a-nueva-york-2/).

Os nosos avós maternos, que emigraron a Cuba a principios dos anos XX, fixérono desde Vigo. O avó Ángel ía chamado polo seu irmán maior, o tío-avó Belisario. A figura deste tío Belisario está envolta nunha especie de halo épico. Foi un dos primeiros galegos en viaxar aos EEUU. [3] Segundo os dicires da nosa familia (irmaos da nosa nai e curmáns nosos criados con el e cos seus fillos na Maia, Oriente, Cuba) de moi novo viaxou aos EEUU como polisón. Foi traballar ás minas en California. Falamos dos anos arredor de 1900. Serían minas de ouro? Probablemente (nós fixemos no ano 2012 parte da famosa ruta 66 e vimos un par de vellos campamentos de mineiros abandonados había como moito décadas…). Faría algo de fortuna xa alí? Non temos datos. Logo pasou a Cuba e na illa caribeña si que acabou logrando unha grande riqueza.[4]

Hoxe queremos traer á palestra uns breves retrincos da vida dos emigrantes de Galicia en Nova York na primeira metade do século XX. A colonia galega na cidade do Hudson debeu ser abundante. Nun artigo fundamental fálase de máis de 188.000 galegas e galegos que emigran aos EEUU legalmente entre 1900-1924 [5]. E só en Nova York a prensa cifra en 12000 o seu número na década dos 30 (El pueblo gallego, 7/9/1938). En que traballaban? Polo que puidemos averiguar había moitos fogueiros, traballadores nas fábricas etc. (Artigo de Jaime Solá en Vida gallega : ilustración regional, 5/6/1914). Sabemos que eran fortemente solidarios:

(Seoane contribuíu tamén nas ilustracións da revista)

 

Segundo lemos no periódico español La Prensa, de Nova York, as sociedades galegas “Sada y sus contornos” e “Club Coruña”, recadaron na Festa da Flor a cantidade de 1.120 dólares, deducidos gastos. Desta suma destináronse 560 dólares ao Sanatorio Marítimo de Oza e unha cantidade igual á Escola Integral de Sada (El Compostelano, 10/7/1925).

 

(Do artigo de Jaime Solá)

 

E tamén podemos engadir que antes de proceder a unirse, estaban repartidos en distintas sociedades.

Unha das publicacións máis interesantes das que editan os nosos paisanos en Nova York é a de Unidad Gallega, fundada a principios dos anos 40. 

(Artigo de EGL 2)

(Artigo de EGL 1)
 

 

A sección de Instrucción e Cultura desta sociedade galega é digna de subliñarse. Organizaban conferencias, algunhas delas memorables. Entre os conferenciantes vemos nomes importantes na historia de Galicia e de todo o mundo hispanoamericano: Emilio González López, Ernesto Guerra da Cal, Ciro Alegría, Arturo Uslar-Pietri etc.

(Artigo de EGL 3. Publicado na revista "Unidad Gallega").

 

Non me vou estender moito máis. Hai sobrada información nas páxinas de dominio público, a xa amentada do Consello da Cultura Galega e a da propia asociación neoiorquina (https://www.casagaliciany.com/casa-galicia.php). 

 

(Nese espléndido álbum que podedes ler porque é de dominio público hai varias fotos de xente procedente de Galicia, como as persoas que ocupan o lugar central na fotografía)

 

Só un detalliño, antes de deixar a pluma: o nome feminino Anduriña. Documentámolo aí por primeira vez no que nós sabemos. No ano 1946. Na páxina do CCG vedes a foto onde aparece a meniña chamada Anduriña. Adiántase máis de 20 anos á celebre Anduriña de Juan Pardo. O cal nos fai relembrar que hai nomes míticos galegos, como Lugo, que se documentan antes fóra ca dentro de Galicia.[6]

 

 

(Unha das meniñas, calculamos que é a do centro, á dereita, é Anduriña)



[1] La migración gallega a Estados Unidos tuvo lugar principalmente entre 1868 y 1930 (https://es.wikipedia.org/wiki/Inmigraci%C3%B3n_gallega_en_Estados_Unidos).

[2] Alejandro Vázquez González, “El ocaso de la armaduría gallega y la emergencia de los nuevos señores del transporte emigratorio a América: los consignatarios (1847-1880)”, Semata 11, 235-255).

[3] Probablemente é unha observación hiperbólica. Limítome a reproducir o que oio na familia.

[4] Lemos unha mención do noso tío-avó nun artigo de dominio público sobre a construción dun cuartel en Songo (nas partidas de nacemento dos irmaos da nosa nai, figura “Alto Songo”), La Maya, Cuba, nos anos 40 do século pasado (parece que os terreos onde se construíu ese cuartel eran antes canavais da propiedade do tío Belisario) (https://www.ecured.cu/Cuartel_de_la_tiran%C3%ADa_en_Songo_La_Maya).

[6] No noso dicionario de nomes (Dime quen leva o meu nome) comentamos: Lugo. Nome de home. Vén do topónimo galaico Lugo. Ferro et al. dinnos que houbo galeguistas en América que lles puxeron ese nome aos seus fillos.

luns, 8 de setembro de 2025

VISITANDO...

 

VISITANDO CIDADES DO NORTE

OS OFICIOS. AS ESTATUAS

 

(Estatua dedicada aos mariñeiros, da autoría de J. F. Escudero. A Coruña)

 

Desde Madrid subimos ao norte. En Oviedo, a onde había longos anos que non iamos, chamounos a atención a ricaz arte estatuaria urbana. Queremos centrarnos nos oficios pero igualmente amentaremos algunha que sae do marco, como por exemplo os cabalos asturcóns, moi dignos de seren aquí salientados. Inmediatamente pensamos nos nosos lampóns[1], veloces coma un lampo, carentes de estatua en Galicia, no que nós sabemos. Tocante aos oficios, Oviedo leva a merecida palma: a peixeira, o vendedor de peixe, as vendedoras do (mercado do) Fontán, o profesor (Los libros que nos unen, dedicado a Emilio Alarcos Llorach), os danzantes tradicionais (Homenaje al folcklore asturiano), os aprendices da fábrica de Trubia, a leiteira, a guisandeira, a muller fotógrafa (La Torera), o violinista, o toureiro (El Diestro), a bailarina, os oleiros…

("Acarrexador", de Francisco Leiro)

 

Que riqueza, miñas donas e meus señores, que riqueza! Hai máis dun cento de estatuas nesa cidade de feliz memoria. A comparanza coa nosa Coruña é inevitable. Aquí tamén relembramos en forma de imperecedoiras estatuas algúns oficios: Xente, de Emilio Celeiro, en homenaxe ao persoal sanitario; Monumento aos heroes do Orzán, de José Manuel López Mihura (serve para relembrar os policías que o dan todo pola seguridade dos máis); Monumento ás cigarreiras, de María Jesús Urgoiti, na praza da Palloza; A lavandeira, en Feáns; Monumento aos redeiros, de Francisco Ramil; "Acarrexador", de Francisco Leiro; Os Mariñeiros, de Francisco Escudero; O Soldado, de Fernando Botero; As Misteiras (Homenaje a las cerilleras coruñesas) de Xosé Castiñeiras…

Como en Oviedo, aquí tamén houbo fotógrados que te abordaban nos xardíns, no Relleno, na Rosaleda, na dársena… 

(Fotos da infancia: a máis antiga é de 1959, as outras son dos anos 60. O fotógrafo viña ao Liceo de Monelos, á Dársena, á Rosaleda... Aínda se poden ler algúns selos: "Foto Manolo. Calle Disciplina", "Foto R. Pedreira, Vereda del Polvorín", "Foto Pedreira. Calle Adelaida Muros")

 

Faltan emporiso: o barquilleiro (personaxe, ademais, con forte impresión literaria, era o pai de Amparo, a protagonista de La Tribuna). E falta a peixeira. O noso amigo e colega Emilio Insua relembra o nome da vendedora de peixe da súa rúa (A rúa da Torre): a señora Encarnación. Traía do muro a mercadoría na patela e establecíase nun lugar fixo da rúa da Torre. Unha servidora, criada nos Castros, actual avenida de Oza, tamén recorda o nome: Lola, a pescadeira; ía e viña pola rúa anunciando con boa voz Sardiña vivíííña! Inesquecible.

Houbo moitos oficios desaparecidos na nosa cidade (é de supoñer que en común con moitas outras cidades de España e boa parte de Europa) e é imposible facer estatuas para todos. Nós, os nacidos na década dos 50, relembramos uns cantos: estaba o carboneiro que subía á casa o carbón, sempre tisnado, con aquel saco-capa posto sobre cabeza e costas, e aquel carbón gardábase na carboneira, coa súa pequena porta branca na cociña. Estaba a muller que viña semanalmente pola lavadura (para alimentar os porcos no Montiño; Emilio tamén lembra o home que viña á súa casa, dime que foi o derradeiro en deixar a zona, vivía preto da Torre de Hércules, onde hoxe están os tamarindos). O que fora profesor de latín de moitos de vós, o profesor Insua, relembra con agarimo a vendedora de moras: tamén cantaba o produto: (a)moras, moras, compren as moras. Pregúntolle como as vendía, en cucuruchos? (porque me asalta outra lembranza da infancia, cando veraneabamos en Cercedilla de la Sierra –o banco onde traballaba o noso pai tiña alí unha residencia para solaz dos empregados e familias-, na estación do tren sempre nos agardaban as vendedoras de piñóns, riquísimos e vendíanolos en cucuruchos). –Non, tiña unha especie de gobelete como aqueles de facer os flans, recordas?, pois esa era a medida.

("Vendedoras del Fontán" de Amado González, fotografía tirada de Internet)

 

Pregúntolle tamén a Emilio se el recordaba ter visto as vendedoras de piñas no que hoxe é a coruñesa praza de España e dime que el xa non, pero si as recordaba a súa tía Palmira. Desa praza (Campo da Leña ou Praza de Porlier ou de España) que foi noutrora un mercado, si que relembra un vestixio daquela actividade comercial: o chambo, nun recanto, onde se vendían mobles usados, artigos de segunda man, en fin, chambonadas.

 

("Torera", de Mauro Álvarez Fernández, en Oviedo)

 

Tamén relembra o meleiro. Ata hai pouco. Frecuentaba a rúa da Torre mais tamén frecuentaba San Roque de Afora, porque nós aínda lle compramos mel na nosa casa haberá uns vinte anos. Traía mel da Alcarria, en dous especie de pequenos tanques e traía a romana e un saquiño con queixos de Castilla (porque meus prezados interlocutores, a día de hoxe podemos consumir gran variedade de queixos e de viños, por poñer outro caso, pero antes, país e Castilla, ou do Ribeiro e Castilla e punto). O profesor Insua é observador e garda detalles precisos da indumentaria gris, atípica en Galicia, do meleiro, vestía ao uso manchego…

En  Bilbao houbo tres obras escultóricas que chamaron especialmente a nosa atención. Unha é o xigantesco Xesús, na prototípica representación en que amosa o seu sagrado corazón[2]. O conxunto mide 40 metros, é espectacular. O monumento foi obra do arquitecto Pedro Muguruza Otaño e a figura de Xesús, en bronce recuberto de fina capa de ouro de lei, é do escultor Lorenzo Coullaut Valera[3]. Fíxose por iniciativa dos xesuítas e pagouse por subscrición popular. Inaugurouse en 1927. Estivo a piques de ser demolida en tempos da Segunda República por unha lei que logo, por presións de partidos coma o Nacionalista Vasco e presións de moitos católicos que se botaron á rúa, foi derogada. En fin, que queredes que vos diga que non saibades xa? Ás veces sentimos non poder ver obras de grandes artistas que non chegan aos nosos días por causa das leis (pensemos na obra de Asorey en Oviedo que lle dedicara ao coronel Teixeiro). Diredes, “lex dura sed leg”. Concordamos. Pero outras veces tamén pensamos que hai iniciativas de leis que merecen paus, coma por exemplo a que no século XIX ía votarse en Lugo para derrubar a muralla que “constrinxía” o progreso da cidade[4]

(Foto tirada de Internet)

 

A segunda obra que admiramos en Bilbao e que nos deu bastante que pensar foi o busto,  instalado en 2011, de máis de dous metros de altura, en bronce,  da autoría da escultora Lourdes Umerez, que homenaxea a John Adams, segundo presidente dos Estados Unidos e un dos redactores da Constitución americana. Alguén no grupo familiar dixo: Adams creo que amentou Bilbao nun dos seus escritos… E inmediatamente dixen en voz alta: se por iso fose, Karl Marx amenta varias veces Coruña[5] e ben merecería tamén unha estatua…

Mais era inexacto –ou incompleto- o dato: Adams visitou Bilbao en xaneiro de 1780 para coñecer de cerca o sistema foral vasco. E deixou ditas estas verbas: Esta xente extraordinaria preservou a súa antiga lingua, xenio, leis, goberno e costumes sen cambios, moito máis ca calquera outra nación de Europa.

Dubido moito, sendo realistas e coñecendo as discrepancias que a figura do filósofo prusiano suscita, que os nosos ollos cheguen nunca a ver unha estatua del na Coruña. Outro alemán, Alexander Humboldt, quizais teña máis papeletas para logralo. Estivo quince días na Coruña e sobre Galicia dixo un par de grandes verdades. Nunha carta  dirixida a Forrell o 1 de xuño de 1799, exclama: Que probreza e que laboriosidade dos seus habitantes! Non sempre o froito do traballo é o benestar.

 

O terceiro grupo escultórico bilbaíno que nos fascinou temo que vai quedar para outro día. Xa nos estendemos moito por hoxe. Se pola nosa idea fose, nun futuro próximo na Coruña habería aínda que levantar novas estatuas, dedicadas a María Barbeito Cerviño, Juana de Vega, Teresa Herrera Pedrosa, Amparo A Tribuna, Urbano Lugrís González… E dentro das mitolóxicas, fáltanos Crunna ou Cruña ou Crunia ou Clunia[6], a mítica primeira muller habitante da cidade.

 

 



[1] Evolat ante omnes rapidoque per aera curru / Callaicus Lampon fugit atque ingentia tranat /exultans spatia et ventos post terga relinquit ‘Sae voando ante todos e foxe con rápido carro polos aires Lampón galaico e sulca exultante grandes espazos e deixa ás súas costas os ventos’ (Silio Italico, 16,333-335, a tradución ao galego baseámola no texto romance de Joaquín Pascual Barea, “Razas y empleos de los caballos de Hispania según los textos griegos y latinos de la Antigüedad”, p. 145).

[2] O autor quizais máis famoso da imaxe do Sagrado Corazón de Xesús é o pintor toscano Pompeyo Batoni: a súa pintura, encargada pola raíña María de Portugal en 1780, converteuse na imaxe oficial para a devoción popular do Sagrado Corazón de Xesús. Unha servidora gusta de levar enriba a imaxe dese corazón en prata, imaxe moi popular en Nápoles, imaxe con que me agasallou en outubro a miña amiga María, que vive en Nápoles. Batoni, á súa vez, segue no seu deseño as directrices de dúas mulleres europeas que tiveron visións do Fillo de Deus amosando o seu resplandecente corazón: unha foi Santa Xertrude a Grande (1256-1302), irmá de santa Matilde, monxa bieita e escritora mística alemá e a outro foi a salesiana francesa Margarida María de Alacoque, quen viviu no s. XVII. Vemos que as orixes desta veneración son antigas aínda que o verdadeiro auxe popular non chegase ata o século XIX (pensemos, por exemplo, que a primeira pedra colocada no outeiro de Montmartre para a Basílica do Sacré-Cœur data de 1875).

[3] Coullaut Valera é un dos grandes escultores do XIX. Sevillano e sobriño do escritor Juan Valera, gaña en 1906 o Premio Nacional de Escultura da Real Academia de San Fernando. Tivo como mestre, entre outros, a Agustín Querol. En Galicia deixou varias obras: un Sagrado Corazón e mais o monumento a Curros Enríquez,  en Vigo; o monumento a E. Pardo Bazán na Coruña [relembremos que o escultor e a escritora coruñesa frecuentaron a tertulia en Madrid na casa de Juan Valera, na Cuesta de Santo Domingo] e hai unha medalla en bronce-homenaxe a M. Menéndez Pelayo da autoría do sevillano depositada no coruñés Museo de Belas Artes [é un Depósito das Escuelas Populares Gratuitas de A Coruña. Entrou con data de 20/02/1951. Esta información témoslla que agradecer a F. Dorrego Martínez, conservadora e documentalista do Museo de Belas Artes coruñés]; o monumento a Enrique Peinador Vela e o deseño da escaleira do bosque do balneario, en Mondariz.

(Cortesía do Museo de Belas Artes da Coruña. Fixéranse 4 de ouro e varias de bronce, para celebrar que o sabio cántabro foi nomeado Presidente da Real Academia da Historia)

 

[4] En 1895 o Concello pasa á Junta Consultativa de Urbanización y Obras en Madrid o expediente sobre se conviña ou non a demolición da muralla. Nas súas argumentacións consideraban que a muralla era coma un cinto que apreixaba o centro da cidade, que dificultaba as medidas previsoras que debían observarse en relación coa hixiene pública. E aínda logo de declararse Monumento Nacional, tivo que acudir o intelixente Juan Rof Codina (en “Una cuenta alrededor de la muralla”, artigo publicado en 1905) ás matemáticas para convencer os lucenses de que non compensaba derrubar a muralla porque, tras doutos cálculos, ditaminou que se necesitarían 1.573.900 carros para transportar pedras e cascallos e aínda que se retirasen 100 carros diarios traballando 200 días ao ano, se necesitarían máis de 78 anos… (Adolfo Abel Vilela, “La sociedad lucense y la arqueología”, Boletín do Museo Provincial de Lugo 7, 1995-1996, 7-28).

[5] Hai moitos anos, Ferrín citou nunha conferencia o libro Revolución en España, onde Marx afirma que os españois fan por primeira vez unha revolución urbana na que participa o proletariado, e logo cita A Coruña. Marx di nos seus escritos sobre España, e concretamente sobre A Coruña, que o proletariado coruñés é moi moi pobre.  A conferencia en cuestión foi impartida no noso Instituto polo profesor e escritor X. L. Méndez Ferrín nos inicios do curso 2002-2003, co título: “A Coruña e o galeguismo” e foi publicada polo Equipo de Normalización Lingüística (coordinador: Xulio Cuba, deseño e maquetación: Juan Ouro) na revista do Instituto, Nós (nº 13, ano 2003). Presencia da Coruña. A referencia aos escritos de K. Marx sobre A Coruña figura na páx. 9. En realidade, nos seus escritos (artigos para o xornal New York Daily Tribune) entre 1854-1856, Marx alude varias veces á nosa cidade. Améntaa canda a sublevación das Cortes de Coruña no s. XVI; vólvea citar a propósito da parada da armada contra os ingleses en 1588, para abastecerse na cidade de víveres e auga; unha terceira vez para aludir á proclamación da Constitución de Porlier en 1815; e tamén cando A Coruña é unha das primeiras cidades españolas en proclamar a revolución de 1856. A Coruña aparece como prototipo de cidade liberal.

[6] e fizo [Hércules] meter la cabeça de gerion en el cimiento. e mando poblar y una grand cibdat. e fazie escreuir los nombres de los omnes e de las mugeres que y uinien poblar. y el primero poblador que y uino. fue una muger que auie nombre crunna. e por essol puso assi nombre a la cibdat (Afonso X, Estoria de Espanna, c 1270, CORDE, a letra grosa é nosa).