A NOSA CASA.
GLORIA DE LLANO LÓPEZ
(Retrato da artista tirado do discurso de ingreso no ICEC de Rosario Sarmiento)
Polo noso Instituto, como moitos de vós sabedes, pasaron moitos persoeiros importantes do mundo da cultura, das artes e das ciencias. Só tedes que botar un vistazo ao libro que publicamos no seu día (https://www.edu.xunta.gal/centros/ieseusebioguarda/system/files/O%20Instituto%20da%20Guarda%20da%20Coru%C3%B1a%20125%20anos%20de%20historia_0.pdf), co gallo dos 125 anos de ‘Instituto da Guarda’, especialmente o capítulo titulado “Personalidades relevantes que pasaron polo noso instituto (docentes e/ou discentes)”.
Hoxe queremos deternos na obra dunha pintora coruñesa que exerceu a docencia na nosa casa. No libro dos 125 anos de Instituto dedicámoslle un breve parágrafo:
Llano López, Gloria de: A Coruña, 1918. Profesora e pintora. Tivo como mestra a Díaz Baliño. Traballou varios anos baixo a dirección de Carlos Maside. Estuda na Escola de Artes e Oficios. Hai obra súa no Museo Carlos Maside e no Centro Galego de Bos Aires. Acta da toma de posesión como profesora adxunta interina de Debuxo asinada en novembro de 1962. Cesou no 65. Acta da toma de posesión como profesora adxunta interina de Debuxo para a Sección Delegada adscrita a este Instituto no 66. Cesa no 67.
[Bibliografía básica: “Gloria de Llano, continuadora de la línea expresiva de Carlos Maside”, de Fernando Mon, en Chan. La revista de los gallegos, nº 18 (1969)].
(Do libro de Actas históricas do noso Instituto. Fixádevos que na sinatura daquela non usaba o G de Gloria)
Vedes que estudou na Escola de Artes e Oficios (EAO), que daquela estaba situada na primeira planta do edificio que chamamos “a nosa casa”. Houbo máis pintoras coruñesas que estudaron aí: por exemplo, Carmela Correa-Barceló e Pérez Escudero. Como houbo outras pintoras coruñesas que exerceron a docencia na EAO, eis o caso de Mª del Carmen Corredoira y Ruiz de Baro.
Gloria foi alumna de Dolores Díaz Baliño[1] (de quen falamos dúas veces neste blog, unha cando lle dedicamos unhas páxinas a Mª Antonia Dans -10 xaneiro 2016- e outra cando falamos das mulleres senlleiras do noso Instituto -21 setembro 2016). De feito, Gloria e María Antonia foron condiscípulas de D. Díaz Baliño e xuntas expoñen por primeira vez en 1950 na Asociación de Artistas da Coruña. Non será esa a única vez que Gloria de Llano expón nese lugar destacado para o desenvolvemento da vida artística herculina nos anos do franquismo:
Celebrada na Sala de Exposicións do Concello da Coruña en abril de 1960, reuniu a un total de trinta e oito artistas galegas, entre pintoras, debuxantes e escultoras. Elvira Santiso, Mª Carmen Corredoyra, Lolita Díaz Baliño, Julia Minguillón, Elena Fernández-Gago, Gloria de Llano, Mª Antonia Dans, Mercedes Ruibal, Ángeles Pérez, Carmen e María Formoso… serán algunhas das participantes nesta mostra que terá eco no só na prensa local senón tamén en revistas como Vida Gallega, onde Jose Luis Bugallal publicará un amplo artigo no que alude ao gran florecemento de vocacións femininas que supón esta mostra. (Rosario Sarmiento, ESPAZOS DE INTIMIDADE. ARTISTAS CORUÑESAS NOS ANOS DO FRANQUISMO. 1939-1975, discurso de entrada no Instituto Cornide de Estudos Coruñeses, 2024, p. 14, nota 26.).
A propia Lolita Díaz Baliño recoñecía nunha entrevista en 1962 que Mª Antonia Dans e Gloria de Llano foron dúas das súas alumnas máis destacadas nas clases impartidas no seu estudio coruñés:
-P. Para usted que supuso o enseñar a pintar?
-R. Me permitió la satisfacción de ver qué podían llegar a ser más de lo que yo fui todos aquellos a los que enseñé; alcanzar un plano muy superior al mio.
-P. Alumnos triunfantes?
-R. Mª Antonia Dans y Gloria de Llano son las que más destacaron.
No primeiro caso Lolita acertou xa que Mª Antonia Dans converteríase, non sen un grande esforzo, nunha pintora de éxito e recoñecemento. A súa compañeira Gloria de Llano non seguirá o mesmo camiño, a súa figura quedará fagocitada por unha sociedade pechada e provinciana onde era moi difícil poder desenvolver unha carreira como artista naqueles anos (Rosario Sarmiento, discurso de entrada no ICEC, p. 58).
(González Garcés describe eloxiosamente esta obra de Gloria dos xogadores de cartas)
Volvémolas ver xuntas, a María Antonia e mais a Gloria, na carta de Luís Seoane a Francisco del Riego datada en Buenos Aires o 15 de maio de 1958:
Hablemos de otra cosa. Necesitaría que me enviases obras, dibujos y grabados preferentemente, para el Centro Lucense[2]. Estos días se inaugura una exposición conjunta de jóvenes coruñeses: Cremaes, María Antonia Dans, Gloria del Llano y Rey Latorre. (en: https://consellodacultura.gal/fondos_documentais/epistolarios/epistola.php?id=517&epistolario=).
Imos rematar xa: non é doado atopar obra de Gloria. O verbo “fagocitar” usado pola miña tocaia, R. Sarmiento, parece apropiado. Tampouco se localizan facilmente fotos dos seus cadros en Internet. Con todo, sabede que foi estimada e valorada por Carlos Maside, referente indiscutible da nosa pintura contemporánea. No museo que leva o seu nome hai cadros dela. Fomos onte para fotografalos, non sabiamos que o Museo Carlos Maside agora só abre os venres catro horas pola mañá e punto. Non sei que dicirvos, hai xa varias reflexións de xente máis autorizada ca nós sobre esta especie de “abandono” dun museo de pintura tan importante para Galicia. Había unha familia de fóra que tamén topou coa porta pechada e quedou por alí vagando… Uns diredes, “é patético este abandono do patrimonio cultural”, outros dirán “os cartos para o Estado do Benestar non dan para máis”. Certo que os cartos non nacen debaixo dos fentos, como di a frase feita. Pero pero… Francamente, amigas e amigos, antes que deixar que esas xoias pictóricas morran de risa… hai opcións. Hai outros espazos e algúns ben bos no corazón do vello reino.
(Outra obra súa doada a "Mans Unidas". Esta pertence á nosa familia)
Tamén hai obra de Gloria (ou había) no Centro Galego de Buenos Aires. Outra desfeita, outro tesouro patrimonial de Galicia pola barrouca abaixo. Vaia por Deus! E posúe obra súa o Concello de Vigo (https://www.vigoe.es/cultura/arte/picasso-chillida-magritte-y-tapies-ya-estan-en-vigo-con-la-exposicion-destacados/)
Críticos importantes da arte galega como Fernando Mon ou González Garcés dedicáronlle a Gloria de Llano palabras eloxiosas. Aquí o deixo pero queda viva a gana de seguir indagando sobre a súa obra. Bo Día de Galicia!
(Mon dedícalle unha breve loanza á nosa pintora)
[1] Para saber máis de Dolores Díaz Baliño e daquelas súas clases de pintura no caserón da cidade alta ou vella, resulta imprescindible –ao meu entender- o artigo de Rosario Sarmiento Escalona: “LOLITA DÍAZ BALIÑO: A ILUSTRADORA MODERNA”, en Abrente 51.
[2] O Centro Lucense foi fundado en 1943 pola fusión de varias sociedades de emigrantes galegos naturais da provincia de Lugo e que formaban parte da Federación de Sociedades Gallegas de la República Argentina e dura ata 1979, data da fusión dos centros provinciais nunha nova entidade chamada Centro Galicia de Buenos Aires. Máis información en:
https://arquivo.consellodacultura.gal/index.php/centro-lucense-de-buenos-aires-2