xoves, 9 de xaneiro de 2025

A CORUÑA

 

A Coruña

Un coruñés máis no Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses: D. César Antonio Molina Sánchez.

(Todas as fotos están tiradas de Internet)

 

Non é a primeira vez que temos a honra de escribir unhas palabras sobre este coruñés ilustre. Cando elaboramos o libro O Instituto da Guarda da Coruña. 125 anos de historia (2016) xa nos tocou o labor de redactar unha breve ficha biográfica súa.[1]


 

Desta volta participamos como oínte no acto da súa recepción como Membro de Número do amentado Instituto J. C. de E. C. no fermoso Salón de Sesións do Palacio Municipal de María Pita da Coruña. Foi o 16 de decembro do ano acabado de rematar. Alí xuntouse moita xente coñecida e entre eses rostros familiares podo dicirvos que me encantou poder darlle unha aperta a máis dunha persoa. Do mundo da cultura da nosa cidade estaba, por exemplo, a nosa arquiveira municipal (dona María de la O Suárez) o cóengo arquiveiro da Colexiata de Santa María do Campo (o señor Ismael Velo), o profesor de arquitectura que colaborou sempre xentilmente co noso Instituto (o señor J. Ramón Soraluce); estaba a directora do Cornide (dona Ana Romero), o que fora director do Museo do Castelo de San Antón (o señor J. María Bello), e non esquezo outro dos seus exdirectores, o señor Felipe Senén, quen se encargou da contestación ao discurso do novo membro: un discurso-contestación apaixonado, notábase o aprecio cara ao señor C. A. Molina. Había tamén representación do noso centro (estaba a que foi profesora de historia de moitos de vós, dona Mª Aurora Chavert) e había polo menos un membro da Real Academia Galega (dona Olivia Carmen Rodríguez). E, por suposto –tendo en conta que o señor Molina foi ministro do Goberno de España- había políticos. Podiamos dicir que estaban as vellas glorias do socialismo coruñés (o señor Francisco Vázquez, o señor Salvador Fernández Moreda…) pero, francamente, pouco me gusta a min esa frase. É un punto malévola, porque todos imos ser vellos e se tivemos o aquel de deixar feito algo que toque en maior ou menor medida a gloria, algo que deixe unha lembranza inda que sexa un ápice gloriosa, non vexo por que debemos menosprezar ese concepto. A ver se imos pecar de idadismo. Unha servidora non ten relación con estes señores socialistas e con todo, debo relembrar que unha vez, aló polo curso 1985-1986, solicitei unha entrevista co  alcalde  da miña cidade para a revista do Instituto e rapidamente foi aceptada a solicitude e eu era o que sigo sendo, unha persoa do común, sen renome. A entrevista non chegou a ser publicada polas circunstancias persoais miñas (estaba embarazada do meu primoxénito e ausenteime antes do previsto das aulas) pero tanto a miña alumna-axudante (unha rapaza marabillosa, que me quería moito e  eu moito a quería tamén, que sería dela? Só recordo o seu apelido, Salorio) coma min fomos magnificamente tratadas, no despacho do señor Vázquez, en María Pita. Apenas relembro as preguntas, salvo unha: pregunteille por que para o anteproxecto aquel case que faraónico para o porto coruñés había que chamar a un catalán, a ver se non había arquitectos coruñeses ou do país e el me dixo que para unha grande obra nada coma un bo (probadamente bo) arquitecto. Para que arriscarse? Veu dicir.  E eu retrucáralle sen cortarme que o concepto de ‘Concurso público’ era un concepto moi interesante e conveniente e que foi grazas a un concurso público como Filippo Brunelleschi fora o elixido para facer a cúpula de Santa María del Fiore de Florencia. E o señor Francisco Vázquez soubo encaixar. Ou iso creo recordar… Creo que non vos pesará esta digresión. Hai anos que me apetecía contárvolo, talvez por xustiza poética, porque noutra ocasión a miña petición foi rexeitada.


 

 

O discurso de entrada no Cornide de D. Antonio Molina Sánchez titúlase “Unha arqueoloxía de min mesmo e a miña cidade” e recoméndovos a súa lectura (dispoñible en: https://www.coruna.gal/ijcec/es/publicaciones/detalle-publicaciones/cesar-antonio-molina-sanchez-discurso-de-ingreso/contenido/1453884017181?argIdioma=es).

Hai moi boas reflexións, hai forza expresiva, sinceridade ás mans cheas e importantes dialécticas. Que é mellor, procurar quedar na terra que te viu nacer ou encarar o descoñecido? A néboa materna ou o sol do exilio? Que é máis poderosa, a soidade ou a gloria?

Gran discurso, esa é a verdade. Fina percepción de si mesmo. Algo que quizais só se consegue cos anos. Non en balde Alonso Quijano ten os anos que ten cando exclama “Eu sei quen son”. 


 

Os que fostes meus alumnos e gardades algo de memoria dos grandes poetas galegos do exilio (Seoane, Pita, Varela…) saberedes que Molina non é o primeiro galego que navega entre eses dous mares, metaforicamente falando. Non se pode evitar pensar nesoutras vidas que en número altísimo perigan, padecen, emigran malamente. Non, non se pode evitar sufrir con eles a parte alícuota. Hai sufrimentos universais. Reflexionar, pararse a pensar, agradecer que alguén saiba verter en forma literaria, poética, algo que nos iguala dalgunha mínima maneira a nós, galegos, con esa humanidade doente que se move precariamente polo mundo, é case que un proceso redentor. Agradecemos a César Antonio Molina o que nos fixo sentir e o que nos fai pensar.



[1] Molina Sánchez, César Antonio: A Coruña, 1952. Escritor e político. Licenciado en Dereito pola USC e en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid. Fixo os exames de Reválida (de cuarto e mais de sexto de Bacharelato) no noso Instituto. El mesmo recorda así o seu paso polo centro: “Siempre me dio la impresión, por el lujo que ostenta, que acudía a un edificio equivocado, a un teatro, a la ópera, pero no a un centro de enseñanza. Cuando vi la Ópera de París o la de Viena recordé aquella sensación infantil” (Viaje a la Costa da Morte, 2003, p. 165). Colaborou con distintos periódicos (ocupou o cargo de Director adxunto de Cambio 16), exerceu a docencia na Universidade e foi Director do Instituto Cervantes entre 2004-7. Ministro de Cultura entre 2007-9. Deputado en Cortes pola provincia da Coruña desde marzo do 2008 ata setembro do 2009. É autor de máis dunha trintena de obras, tanto en castelán como en galego. Entre as varias condecoracións coas que foi honrado, destaquemos o coruñés Premio Fernádez Latorre e a Medalla Castelao de Galicia. (p. 118).