sábado, 27 de xuño de 2015

Biografías Lectoras (XII): Agustín Fernández Paz

  1. Cal foi o primeiro libro en galego que liches?
Máis ca do primeiro que lin, tería que falar do primeiro que escoitei. Foi cando eu tiña oito anos. Unha tarde, o meu pai chegou á casa con dous libros nas mans. Sentada a familia enteira á mesa da cociña, papá amosounos a marabilla que traía: dous libros escritos en galego, Merlín e familia e Á lus do candil, un préstamo dun encadernador do que era moi amigo. O meu pai leunos algunhas páxinas en voz alta, que escoitamos cunha emoción semellante á do primeiro europeo que viu cisnes negros en terras australianas. Había libros de verdade escritos en galego!
Deses títulos, que estiveron varios días na casa, lin pola miña conta algúns dos relatos de Ánxel Fole. Esa foi a miña primeira lectura en galego.
O primeiro libro completo tardei ben máis tempo en lelo. Foi Cantares gallegos, sendo eu xa adolescente, nunha edición perdida na biblioteca da Universidade Laboral de Xixón. A gran Rosalía, sen intermediarios, desvelándome o seu xenio e sinalándome o camiño!
  1. E en castelán?
Se non conto a grande cantidade de tebeos que lin, tanto de humor como de aventuras, o primeiro libro que lembro ler enteiro foi La isla misteriosa, de Jules Verne. Formaba parte da reducida "biblioteca" do meu pai, un lector voraz. Foi el quen me meteu as ganas de lelo, contándome entusiasmado o que ía encontrar nel. Desde aquela primeira lectura, é un libro mítico para min, ao que volvo cada certo tempo.
  1. Un libro que fose especialmente importante na túa vida?
É difícil limitarse a un só título, mais non teño dúbida: Punto cero, de José Ángel Valente. Foi un libro que merquei na Coruña, na libraría Ágora. Era o ano 1972, acababa de publicarse. Nel Valente reunía toda a poesía que publicara ata aquel momento.
Foi estraño o que me sucedeu con ese libro, que lin e relín ata acabar sabendo de memoria a maioría dos poemas. Sentíame reflectido neles, alí estaban as palabras que explicaban a miña concepción da vida. Sigo volvendo a el, así como aos libros que Valente publicou posteriormente. Valente é, sen dúbida, o poeta da miña vida.
  1. Que libro che prestaría ler agora en galego?
Algúns que aínda non existen, mais que poderían existir. Coma tal, un novo libro de relatos de Méndez Ferrín. Ou unha novela inédita de Blanco Amor, escrita nos meses derradeiros da súa vida. E, xaora, os libros que Cunqueiro declarou estar a piques de rematar , aínda que nunca chegou a escribilos.
  1. E en castelán?
Encantaríame que se descubrise unha novela inédita de Juan Rulfo, aínda máis fermosa ca o seu Pedro Páramo.
  1. Cal pensas que podía ser un libro que lle gustaría ler á xente nova?
Hai tantos! O listado podería ser interminable. Ademais, pola miña experiencia, sei que un título que a alguén lle parece marabilloso pode non gustarlle a outro. Non todos mozos teñen os mesmos gustos nin o mesmo nivel de lectura.
Citemos algúns títulos: Narración de Arthur Gordon Pym, de Edgar Allan Poe; unha selección dos contos de Julio Cortázar; Arnoia, Arnoia, de Méndez Ferrín; A metamorfose, de Franz Kafka; As uvas da ira, de John Steimbeck...
  1. Algún título para agasallar a un amigo ou amiga?
Se é amiga ou amigo, seguro que xa leu moitos dos que eu agasallaría con gusto. Tería que buscar unha delicatessen, como Ardalén de Miguelanxo Prado. E, se xa o leu, a Antología de Spoon River, de Edgar Lee Masters ou os Crímenes ejemplares, de Max Aub.
  1. Que libro tés neste momento enriba da mesiña de noite ou no e-book?
Teño varios, non son persoa de ter un só. Estes días ando con Olympia Ring, 1934, de Xabier López; con American Noir, unha selección de relatos dos mellores autores do xénero negro en USA; e cos Días de Nevada, de Bernardo Atxaga.
  1. Que libro leva agardando moitos anos por ti?
Houbo un tempo en que non tiña cartos para libros, debía conformarme con velos nos andeis. Por algúns agardei anos, como Cartas a Felice, de Franz Kafka.
Agora é ao revés: hai títulos na miña biblioteca que non sei se chegarei a ler algún día. Tócalles agardar.
  1. Houbo algún textos ou autores que che quedasen na memoria para sempre?
Xaora que houbo! Son eses libros, ou eses autores, que te marcan, sabes que xa nunca os esquecerás. Velaquí algúns: Follas novas, de Rosalía de Castro; Rayuela, de Julio Cortázar; todo Franz Kafka; Arraianos, de Méndez Ferrín; todo José Ángel Valente; varias novelas de Roald Dahl; boa parte dos relatos de H. P. Lovecraft; Merlín e familia, de Álvaro Cunqueiro; os álbums de Miguelanxo Prado; a poesía de Wislawa Szymborska; varias novelas de Robert Louis Stevenson...
  1. Uns versos dun dos teus poemas favoritos?
O poema chámase "Sé tú mi límite", pertence ao libro La memoria y los signos, de José Ángel Valente. Velaquí os primeiros versos:

Tu cuerpo puede

llenar mi vida,

como puede tu risa

volar el muro opaco

de la tristeza.

Una sola palabra tuya quiebra

la ciega soledad en mil pedazos.

(...)

Agustín Fernández Paz, escritor
(Sección Coordinada por Xosé P. Mondelo)

1 comentario:

  1. Thanks for sharing, nice post! Post really provice useful information!

    Giaonhan247 chuyên dịch vụ vận chuyển hàng đi mỹ cũng như dịch vụ ship hàng mỹ từ dịch vụ nhận mua hộ hàng mỹ từ trang ebay vn cùng với dịch vụ mua hàng amazon về VN uy tín, giá rẻ.

    ResponderEliminar