mércores, 24 de novembro de 2021

ENTREVISTAS

 

ENTREVISTA A FELIPE ARIAS VILAS, ARQUEÓLOGO GALEGO

 

(Felipe Arias Vilas. Todas as fotos, agás unha, son xentileza do entrevistado)

 

1ª. A primeira pregunta sempre é de rigor: Onde estudou o bacharelato? Garda algunha lembranza especial dalgún profesor?

Estudei todo o bacharelato no Instituto Masculino (hoxe Lucus Augusti) de Lugo, e teño un especial recordo (positivo) de 3 profesores: o de Grego d. Joan Vaqué Jordi, o de Latín d. Amable Veiga Arias e o de Literatura d. Xesús Alonso Montero. Recordo negativo tamén hai algún pero que prefiro non lembrar...


 
2ª. Fálenos do seu labor no Castro de Viladonga, na fundación do seu museo: 

A fins dos anos 70, estando eu no Museo Provincial de Lugo, o iniciador das escavacións en Viladonga, Manuel Chamoso Lamas, pediume que lle axudara, pero ata 1982 non me fixen cargo da dirección dos traballos no castro, que daquela dependía do Ministerio de Cultura. Poucos anos despois, e desenvolvendo unha idea do mesmo Chamoso, conseguimos que o Ministerio creara o Museo do xacemento en 1983 e logo o fose dotando de recursos e de persoal. O Museo, que viña completar decisivamente a importancia patrimonial do castro, abriu ó público en novembro de 1986 -ou sexa hai 35 anos- na súa primeira instalación, pois logo habería dúas grandes reformas máis, incluída a súa ampliación en 1992 cando a súa  xestión xa dependía da Xunta de Galicia. En resumo, eu botei máis de 32 anos traballando en Viladonga e dedicando iguales esforzos á investigación arqueolóxica e histórica que á conservación e difusión patrimonial para toda a sociedade.

 

(Castro lucense de Viladonga)

 


3ª. Este ano cúmprese o 50 aniversario des que empezaron as escavacións arqueolóxicas no castro. Como o celebraron ou celebran?

O Museo, baixo a actual dirección, ten en marcha varias actividades conmemorativas, especialmente unha exposición e unha publicación, ademais de recorrer hoxe tamén á difusión da celebración dos 50 anos nas redes sociais. Nese e noutros labores sempre conta co apoio da Asociación de Amigos do Castro e do Museo, que xa se creou en 1989 e que entre 1991 e 2005 se encargou da publicación anual dun Boletín de investigación científica e difusión cultural, denominado Croa, que agora edita a Xunta. 

 


 

4ª. Vostede ten que estar orgulloso, case que por forza, do seu papel na historia da cultura de Galicia. Sentou as bases dun modelo de xestión de parte importante do noso patrimonio. Cal é o segredo? Por que non hai moitos máis proxectos coma o de Viladonga no país, porque exceptuando quizais o de san Cibrán de Las…?

En conxunto, estou satisfeito da miña vida profesional vinculada á arqueoloxía e á historia e, sobre todo, ó patrimonio cultural, pero sempre queda a idea de que se podería facer máis, aínda que o mundo do patrimonio é abondo complexo, incluso socialmente, e non sempre se consegue todo o que un cre que se debería facer.

En efecto, Viladonga converteuse nunha referencia pioneira se pensamos que a fins dos anos 80 era o único xacemento que contaba cun museo propio e que funcionara plenamente como tal; daquela, na Península Ibérica os exemplos similares case se contaban cos dedos dunha man... Afortunadamente, o panorama, tamén en Galicia, foi cambiando, pero é ben certo que ós poucos e paseniñamente, e utilizando outras formas patrimoniais como os centros de interpretación (caso de S. Cibrao de Las) ou similares, porque museos monográficos (pero de incidencia moito máis que comarcal) seguen sendo moi escasos. Moitas veces, por desgraza, créanse “museos” ou centros que logo, cando pasan unhas eleccións, se deixan no esquecemento ou deixan de apoiarse e de dotarse como se debera.

 


 

5ª. Despois de vostede, viñeron outros arqueólogos e continuaron o vieiro, o camiño por vostede aberto: velaí está ese magnífico alxibe. Fálenos un pouquiño dese achado, por favor.

Na zona onde apareceu, no ángulo N.E. da coroa do castro, xa descubriramos nos anos 80 parte dunha construción que non parecía unha casa “normal” máis da croa, pero en efecto foi nos últimos anos cando se completou a escavación dese alxibe, un elemento que, por outro lado, cada vez aparece con maior frecuencia, e con certa lóxica, noutros grandes castros.

6ª. Que está vostede lendo arestora, señor Arias?

Habitualmente leo temas de arqueoloxía, historia ou patrimonio en xeral, e tamén de lingua e literatura galegas ou guías de viaxe... En xeral teño 2 libros ou obras “abertas” de xeito simultáneo para ir alternando. Por exemplo, agora estou coas Actas dun Congreso sobre Cultura Castrexa celebrado en 2018 en Portugal e tamén co último número da revista galega Encrucillada.




7ª. Fáganos un breve balance final. Que lle pide aínda á Providencia, ao fatum, ao futuro?

Pouca cousa pero que, en realidade, xa é moito: por un lado, poder seguir traballando a aprendendo nos temas que me gustan, e por outro, poder seguir dedicándome á familia e ver medrar os netos (9) que temos. Cando un ten 72 anos e xa pasou moitas, pois só pensas que hai que ir indo...

 

 


Graciñas mil ó blog Cazatesouros por interesarvos por min.

Felipe Arias Vilas

 

 

(Esta foto, coas dúas panteiras xuncidas, fermoso obxecto aparecido no Castro, está tirada de Internet)

 

domingo, 7 de novembro de 2021

COLABORACIÓNS ESPECIAIS

 

PARQUE DO MEGALISTISMO DA COSTA DA MORTE, RECURSO PARA AS AULAS

 

(Fernando Cabeza. Todas as fotos, agás a derradeira desta serie, están tiradas de Internet)

 

En canto aos topónimos que se refiren aos monumentos funerarios do período megalítico, o primeiro que cómpre dicir é que non se sabe que nome lle puideron dar os seus construtores prehistóricos, xa que non se coñece nada da lingua que falaban, o que non sucede cos castros, palabra procedente da latina castru(m), a cal, á súa vez, debeu substituír a céltica romanizada briga ‘poboado fortificado nunha altura’, pois así o parecen indicar dous documentos epigráficos atopados, respectivamente, nos castros ourensáns de Castromao (a antiga Caeliobriga) e San Cibrao de Las (no seu tempo de vida Lansbriga). Antigos topónimos galegos aos que cómpre unir os de, todos citados polos autores de época clásica, Adrobriga, Abobriga, Volobriga, Lambriga, Tuntobriga e Nemetóbriga, que darían nome a grandes castros ou brigas, como o de Santa Tegra. 

 


(Mina de Recesindes)

 

Do nome que recibirían os máis antigos enterramentos megalíticos, reparando nos dolmens do futuro Parque do Megalitismo da Costa da Morte, só atopamos un posible indicio (é unha nosa hipótese provisional, que non aparece na bibliografía arqueolóxica nin na toponímica). Trátase do topónimo Carnio, referido ao dolmen hoxe chamado A Pedra da Moura de Carnio, situado na parroquia de Treos, Vimianzo (A Coruña), anta á cal os seus contemporáneos puideron darlle o nome de *carn, palabra que, á parte de referirse ao elemento pedra en estado natural, tamén ten o significado, nos países europeos do arco atlántico, de ‘túmulo pétreo que xeralmente cobre un dolmen, túmulo de pedra’  e ‘morea de pedras’. Esta voz, de orixe prerromana, está presente en topónimos de Cornualla, Irlanda, Bretaña e Escocia, como, por exemplo Carn Bre, en Cornualla, lugar onde se documentaron os restos dun poboado neolítico. Tamén existen varios lugares irlandeses chamados Carn, como, entre outros, referido a un antigo túmulo funerario, Carn Méibhe ‘o carn ou túmulo pétreo de Maeve’. Na Bretaña francesa parécenos ben significativo o topónimo Carnac, referido ao conxunto megalítico dese nome. A nosa proposta sería verosímil se o lugar de Carnio, próximo ao dolmen, recíbese o nome do monumento, e non viceversa, o que parece concordar coas características naturais do solo sobre o que e se asenta aldea, onde non se ven pedras en superficie e, segundo nos contaron os seus habitantes, “non hai canteiras”. Esta circunstancia invita a pensar na posibilidade de que o topónimo Carnio se refira ao monumento megalítico  e non  ao elemento pedra en estado nativo, como si sucede, por exemplo, con relación aos nomes de lugar galegos Carnés, Carnota e Carnoedo


(Pedra da Arca. Cerqueda)


Polo que respecta ao nome popular da anta de Carnio, A Pedra da Moura, que produciu o topónimo homónimo, moito máis recente no tempo ca Carnio, repítese na Costa da Morte, onde dá nome a outros dolmens, construídos, segundo o folclore popular, por unha moura. Esta lenda aínda se conserva con relación ao dolmen de Aldemunde (Carballo), alias A Pedra da Moura, que sería construído por unha moura quen transportou as grandes pedras do megálito na súa cabeza, mentres fiaba nunha roca e aleitaba un seu fillo. Aos topónimos arqueolóxicos da Costa da Morte A Pedra da Moura de Carnio e de Aldemunde cómpre engadir o da Pedra (da) Moura de Pedra Vixía de Lamas, no concello de Zas. Unha lenda similar, que neste caso falaría duns mouros, en xénero masculino, de certo menos traballadores que as súas consortes, debeu crear os topónimos do futuro Parque do Megalitismo da Costa da Morte A Casa dos Mouros, dolmen que foi tomado dende tempos antigos como referente visible para delimitar dúas antigas comunidades ou propiedades e na actualidade os concellos de Vimianzo e Dumbría, e A Fornela dos Mouros, nome doutra anta localizada a carón da aldea do Aprazaduiro, na parroquia de Nande, concello de Laxe.

Outro termo popular referido ás antas que tamén callou una toponimia é o de arca, pola forma das arcas pétreas dos dolmens, que recordan unha arca ou caixa. Esta palabra está presente nos topónimos arqueolóxicos A Pedra da Arca da parroquia de Cerqueda, concello de Malpica, e A Pedra da Arca (alias A Casa dos Mouros), situado na lindeira dos concellos de Vimianzo e mais Dumbría. A voz arca tamén está no topónimo, que nomea outra arca de pedra ou dolmen, A Arca da Piosa, situado esta vez no limite entre os concellos de Vimianzo e Zas (velaí outra vez a posterior función delimitadora das antas). Este dolmen foi inmortalizado polo poeta Pondal, quen o converteu na tumba do valente guerreiro Brandomil. Tamén existen, no concello de Vimianzo, A Arca de Rabós e A Arquiña de Vilaseco, este referido a un dolmen cuberto por unha mámoa enorme, polo que neste topónimo o vocábulo arquiña debeu funcionar para expresar a idea de afecto ou agarimo e non a de pequenez.  

En canto á palabra casa e o seu derivado despectivo casota, está presente nos topónimos ou lexemas toponímicos A Casa dos Mouros, referido ao dolmen, que para a apreciación popular tería no seu día aparencia de casa, tamén chamado A Pedra da Arca, situado entre os concellos de Dumbría e Vimianzo, e A Casota de Freán, no de Vimianzo.

A voz forno e o seu derivado fornela está nas denominacións e topónimos populares A Fornela dos Mouros, na parroquia laxense de Nande e A Fornela de Vilaseco, o nome antigo do dolmen de Dombate; a certa similitude destas dúas antas ou cámaras funerarias de pedra con fornos producirían estes dous topónimos e moitos máis espallados polo territorio galego.  

Polo que respecta á palabra mina, referida ao cono de violación das mámoas para acceder ao seu dolmen e saquealo, semellante á boca dunha mina, está na Mina da Parxubeira, dolmen con restos da súa mámoa situado no concello de Mazaricos, e na Mina de Recesindes, nome doutra anta e a súa cubrición ou mámoa en moi mal estado localizada no concello de Vimianzo.

No territorio pertencente ao proxectado Parque do Megalitismo da Costa da Morte tamén existe, como en toda Galicia, o topónimo A Mámoa e As Mámoas, procedente da palabra latina mammula, diminutivo, seguramente agarimoso, de mamma ‘mama’, pola semellanza da redondez do túmulo funerario ou mámoa que orixinalmente cubría os dolmens coa teta ou mama feminina.

Outro termo arqueolóxico que designou as mámoas foi o de medoña, que deu o topónimo A Medoña ou As Medoñas, procedente, co sufixo prerromano -oña, da voz galega meda, procedente á súa vez da latina meta. En canto á diferenza de significado entre os termos mámoa e meda e os seus topónimos homónimos, quizais, é unha apreciación persoal, o da Medoña se refira aos túmulos funerarios cando este aínda tiñan, en época máis antiga, forma piramidal ou de meda, mentres que o topónimo A Mámoa podería nomear o estado dos túmulos en épocas posteriores, cando, co paso do tempo, estaban máis rebaixados e redondeados, de aí a voz mámoa para definilos e non a de medoña. A este respecto, no Chan da Embarrada do concello de Coristanco existe o microtopónimo arqueolóxico A Mámoa da Medoña, cuxa segunda parte, A Medoña, é máis antiga no tempo que a primeira, A Mámoa. Composición  frecuente neste tipo de topónimos compostos, nos que o primeiro compoñente sempre é o topónimo máis recente, que rebautizou o que lle segue, cando, neste caso concreto, a medoña, nomeada na segunda parte, puido adoptar por desgaste a forma de mámoa co paso dos anos.

 

FERNANDO CABEZA QUILES

 

 


 (Presentación do libro sobre a toponimia de Carballo no Casino desa localidade bergantiñá, coa presenza na mesa de autoridades do Presidente da RAG e a Presidenta de AGON. Foto feita por Charo Soto)

::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::..

 

NOTA:

Fernando Cabeza Quiles non necesita moita presentación: ponferradino ben establecido en Bergantiños, membro do AGON e experto en toponimia. Na colección Terra Nomeada acaba de publicar "Toponimia de Carballo". Parabéns, Fernando! Honrámonos e sentímonos moi compracidos desta súa colaboración no noso blog. 

:::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::

NOTA NOVA:

Escríbenos Fernando e dinos que fagamos constar estas súas palabras: : "Encantado de aparecer e poder colaborar no magnífico blog Cazatesouros, que sigo dende hai tempo".

Moitas grazas, admirado amigo!