domingo, 31 de xaneiro de 2016

LENDO A

LENDO A GEOFFREY DE MONMOUTH



Relembraredes talvez que quedou pendente rastrexar pegadas da literatura francesa na segunda parte do Quijote. En abril escribiremos verbo do tema, e especialmente sobre a presenza de Merlín na obra cervantina.


Consideremos o de hoxe coma unha especie de adianto. Uns prolegómenos. Sempre experimentei unha fascinación especial por ese personaxe: debe haber unha especie de afinidade electiva pairando nas augas do Atlántico que bañan estas costas...


Inicialmente, hai un par de interrogantes sobre o personaxe: a orixe, en que terra están as súas raíces, e a orde de prelación entre materia oral e materia escrita. Onde nace Merlin, na Bretaña ou na Galia? Na illa grande de Bretaña, en Gales, por exemplo, ou no territorio francés? O mérito innegable da novelización da materia (e do tema concreto) é francés. O proceso importante do paso da oralidade previa, caso de habela pero tamén parece innegable, e da narración histórica (e/ou pseudohistórica) previa á literatura (o proceso da literaturidade) é un logro de seres que vivían en Francia (María de Bretaña que traballa sobre lais –lendas con maior ou menor lirismo- bretóns [e non podemos perder de vista que precisamente os seus relatos, os de María de Bretaña, son espléndidos testemuños da propia Materia como conxunción e connubio de dúas civilizacións: a da tradición celta e a da creación literaria desenvolvida nas cortes dos señores anglonormandos e do norte de Francia], Chretien de Troyes e o clérigo Wace) e escriben en francés. Ten sentido opoñer cultura celto-britona a cultura francesa cando enfocamos a xénese da materia merlinesca-de Bretaña? Francamente, é preferible centrarnos na unidade, nesa síntese prodixiosa que xera un dos núcleos de literatura europea máis potentes de todos os tempos. 



Existe un recoñecemento tácito por parte dalgúns autores acerca dunha literatura oral de procedencia céltiva que influíu de modo decisivo na produción de novelas (“romans”). Resulta difícil calibrar o grao de incidencia do mundo británico nestas obras francesas a falta de textos en lingua céltica que permitan unha comparación efectiva. Por iso, Jean Frappier chegou a soster que “a materia de Bretaña é unha invención francesa”. Porén, nela existen algúns indicios que revelan a supervivencia dunha civilización diferente (...). Xunto á materia antigua [enténdase, materia de Roma, Grecia, Troia...] comezaron a elaborarse unhas obras cuxa acción se desenvolvía nalgunha zona do mundo británico: Irlanda, Cornuailles, Bretaña “a menor” (ou sexa, a península armoricana), cuxos personaxes tiñan uns nomes procedentes das linguas célticas, do bretón, galés ou gaélico. Todos estes relatos configuraron a “materia de Bretaña” cuxas posibles fontes procederon na súa maior parte da oralidade, a diferenza das fontes da materia antiga (pp. 38, 39, en La novela artúrica. Orígenes de la ficción en la cultura europea, de Victoria Cirlot. Tradución ao galego nosa).

Cando volvemos a vista tan atrás no tempo, é obvio que falarmos de prelación materia oral-escrita non ten demasiado sentido: o oral non se conserva (só modernamente, coas gravadoras, cine e demais), o escrito si. Pero ás veces temos a clara percepción de oír a voz previa ao rexistro literario na propia letra escrita, ao seu través. Isto é importante e marabilloso á vez. Eis a forza primixenia dos cantos épicos, a forza da primitiva poesía que cautiva os homes do neotrovadorismo galaico-portugués, os homes da Xeración do 27, a forza do romanceiro que atrae coma as sereas a Ulises a Menéndez Pidal e os homes da súa Escola...


A materia artúrica fíxase (literaturízase) en boa medida, basicamente,  a través dunha obra escrita nunha lingua culta, a de Geoffrey de Monmouth. Este autor, normando-galés, escribe 

Vita Merlini, (A vida de Merlín), arredor de 1135. Con palabras de Cirlot, Merlín é descrito no texto coma un profeta. Hai unha serie de episodios nos cales perde a razón e vive nos bosques coma un animal salvaxe, de maneira semellante á de Nebuchadnezzar no Libro de Daniel. É, ademais, o primeiro libro en falar de Morgana, un personaxe que, posteriormente, será moi importante no ciclo artúrico. De Morgana xa falaremos noutra ocasión (ben merece un comentario especial). Agora interésame máis falar da obra deste clérigo que escribe en latín e que viste co traxe da verosimilitude histórica a figura de Merlin, o autor da Historia regum Britanniae, libro escrito antes de que pasaran cen anos da batalla de Hastings (en 1066), cando os normandos asentados no norte de Francia conquistan a Illa grande de Bretaña. Débolle ao meu colega Gundín que me mergullase a bucío (como diría Ferrín) na lectura desa obra, seguindo a moi boa tradución de Luis Alberto de Cuenca.

Aquí está o núcleo duro (a cerna) deste comentario semanal: hai que ler a Geoffrey de Monmouth, hai que ler dos albores da literatura atlántica europea. Da man de Gundín á miña: da miña á vosa: lede sen medo ao desánimo. Anque vos pesen os nomes, anque vos pareza imposible. 



Merlin aparece aquí tamén coma un arquitecto: solventa o problema da construción sempre atrancada porque dous dragóns roían as raíces... Estamos diante, outra lectura máis, dun mito fundacional (recordádeme que escriba dese tema: en Galicia sobran datos...). Hai no noroeste da nosa península ibérica, na fundación da catedral de León, un mito semellante (se en Bretaña eran dous dragóns, en León é unha toupa xigantesca: unha das variantes últimas publicadas está relatada por Alfonso García, os feitos sitúanse na época do rei Alfonso IX, o da Carta de Repoboación da Coruña, e o home que soluciona o problema chámase Gaspar Manrique, carpinteiro de profesión).



Tamén da inspirada mente de Merlín xorde no libro de Geoffrey  (ten outros nomes este home culto emparentado cos señores de Carleón, podédelo tamén chamar Galfridus Monemutensis ou Galfridus Brito) o episodio do “Círculo dos Xigantes”: Merlín aconsella que vaian a Irlanda e traian de aló as pedras do famoso círculo (trátase do mito de fundación de Stonehenge), e aí enterrerán os reis de Bretaña, Aurelio Ambrosio e mais o seu irmán, Úter, da xinea de Artur (non podo por menos de traer tamén eu á vosa memoria a historia recorrente en Galicia de seres míticos femininos que transportan menhires e/ou antas pola terra adiante, mentres fían na roca ou aleitan un fillo).

Unha lectura nutricia, xa volo digo... Dou as grazas a Xosé Luis Gundín, profesor de literatura, cervantista, amigo dos libros.

Non pecho este capítulo sen facervos sentir novamente aquilo... Dentro das liñas da historia escrita en latín de Geoffrey de Carleón ou de Monmouth (quen, de por parte, lera tamén a Gildas -s. VI-, a Beda -s. VIII-  e a Nenius –s.IX; posteriormente serán lidos por Shakespeare), latexa a vida: latexa a oralidade: latexa a linguaxe preliteraria do cantor, do bardo, da purísima oralidade primixenia. Mirade, escoitade, sentide:

Fulminado por el impacto, Flolón se desploma batiendo el suelo con sus talones, y exhala su alma al viento (p. 216 da edición de L. A. de Cuenca, a tradución súa é insuperable, o subliñado é noso: aí está a oralidade, a forma primeira, a metáfora para significar ‘morrer’)

Cando relata o momento en que Artur é nomeado rei, con apenas quince anos, á coroa que cinxe chámalle diadema do reino.

Hai máis casos paradigmáticos ilustrativos, pero non sigo porque xa falei moito. A conclusión é a que é: somos coma deuses bifrontes: dúas caras: palma e dorso dunha mesma man que dá literatura e dá vida: oralidade e escrita: palabra falada, palabra escrita.


xoves, 28 de xaneiro de 2016

Falésias da morte, 1950


A curtametraxe que podes ver nesta entrada (Falaises de la mort) foi rodada no 1950 polo director Ernest Alfter. Explicada por unha voz francesa, ten os subtítulos en castelán. Foron rodadas na zona de Muxía e Fisterra. Sinxelamente, é abraiante velo: a túa alma ten que sentir calafríos ao contemplalo. Quen é máis duro, o mariñeiro ou o mar?.

Unha grande sorte recuperalo. Desfrútao e compárteo.

(Sección coordinada por Mario S. García, coa axuda do profesor Xosé P. Mondelo)

domingo, 24 de xaneiro de 2016

VISITANDO



VISITANDO


Este mércores pasado, 20 de xaneiro, visitounos unha eminencia, o doutor Ángel Carracedo. A finalidade era darlles unha charla aos noso alumnos de ciencias de bacharelato e alí estaban todos, enchendo o Salón de Actos. O señor Alcalde da Coruña, D. Xulio Ferreiro,  quen nos debía unha visita (xa nola prometera cando estiveramos nós de visita no Concello, foi cando nos dixo que nunca entrara no Instituto) aproveitou a oportunidade e veu tamén canda el, e ademais quixo presentalo. Na súa presentación, por certo, comentou que Carracedo, entre outros múltiples méritos, tiña un premio que lle fora concedido por un xurado formado por 21 Premios Nobel. Non vos está nada mal...

https://www.dropbox.com/sh/pbc3a4ozuj4bou6/AADM_pvJC0BSiPMeBOIMCE90a?dl=0
 (O doutor Carracedo, o Alcalde da Coruña, a Directora do Instituto. 
Verás moitas fotos máis se fas clic nela)

Vou eu agora transmitirvos algúns dos datos oídos pero deixádeme que empece polo final. Na rolda de preguntas que houbo, e respondendo a unha concreta, o eminente xenetista fixo un repaso breve e sistemático da súa traxectoria: impresionoume profundamente a fidelidade ás raíces así como o agradecemento sincero aos pais; lembrou como a nai estudaba con el, repasaba con el, como o pai o animou a loitar por conseguir un futuro, animouno a intentalo, a non renderse. Vivían en Santa Comba, o pai traballaba no Banco Pastor e falou co director da sucursal para que axudase ao rapaz a conseguir unha bolsa de estudos e ir fóra para estudar xenética... Contaba que a el se debe a fundación por parte de Pedro Barrié dun sistema de axudas para que os galegos poidan ampliar coñecementos no estranxeiro. Gustoume a lealdade aos que o axudaron e o agradecemento sincero (a verdade é que recordei da miña propia vida, meu pai tamén traballaba nun banco e daquela os bancos eran institucións con humanidade: veraneabamos as familias dos traballadores naquela magnífica residencia de Cercedilla, había bolsas para frecuentar a Universidade fóra de Coruña, etc., etc.).

(Foto: Mario S. García)


Comezou dicindo que a súa esposa foi alumna do Eusebio da Guarda, unha honra e un pracer  dobremente xustificado estaren aquí...

Carracedo ten sentido evidente do humor: xustificando o ter que falar sempre sentado, contounos que lle gustaría dicir que a dor da hernia que está padecendo fora producida pola pesca dun exemplar xigantesco pero que en realidade fora por podar hortensias.

(Foto: Pedro R. Porca)


Entrando en materia xa:

Dirixo un grupo de 150 persoas... Facemos investigación xenómica e tamén aplicamos os nosos coñecementos a solucionar problemas tanto na xustiza (xa dixera o señor alcalde que formaban unha especie de CSI en Galicia) como no eido da saúde... No grupo hai 15 nacionalidades... O inglés é o idioma da ciencia... O planeta ten uns 4500 millóns de anos pero a vida ten menos, digamos que hai uns 4000 millóns de anos que apareceu a vida... Que é o que ten vida? Todo aquilo que ten ADN... Nós podemos sintetizar quimicamente o ADN... A vida puido nacer sintetizando... e tamén puido nacer de forma espontánea, e tamén hai quen di que veu do espazo exterior. O caso é que apareceu, e o máis probable é que aparecese aquí e se sintetizase aquí... Un gato, unha árbore, unha bacteria teñen ADN. É unha molécula de instrucións. Pódese dividir... O libro da vida parte dun vocabulario de catro letras: A T G C. Pódese dividir... e así apareceron os organismos pluricelulares... A morte celular é un novo capítulo, e necesario, nese libro da vida... Se as células non morresen, teriamos 500 quilos de cerebro, intestinos de varios quilómetros que arrastrariamos polo chan... imaxinade, non se podería vivir...O cancro é un fallo dunha ou máis instrucións de morte celular. Outra instrución é a mutación... para diferenciar os fillos. As mutacións son imprescindibles, se non virían os cambios climáticos ou un andazo e morreriamos todos. A mutación é a fonte da variabilidade, orixinou as diferenzas entre os seres vivos mais tamén é causa da enfermidade. Así que morte e enfermidade son consubstanciais á vida... No libro da vida contamos 23 tomos, cada un coma unha Torre de Hércules... 3.200.000.000 pares de xens... Un grande sabio, Frederik Sanger, inventou unha técnica (secuenciación) para ler no libro da vida, grazas a el puidemos avanzar, porque ante sen el se cadra para ler unha páxina de 100 letras facían falta cen homes científicos e un mes de tempo... Pero houbo grandes avances, non vos dades unha idea, tanto no mundo da informática como no da química, e así, tras doce anos de duro e intenso traballo e miles de millóns de euros, completouse o Proxecto do Xenoma Humano. Unha auténtica revolución en Medicina. Desde 1990 ao 2002. Avanzouse moitísimo: permite diagnosticar enfermidades xenéticas: son logros antes impensables. Eu formo parte da Fundación Galega de Medicina Xenómica... Imos falar agora doutra aplicación: un 99’5% das letras son iguais (esencial Identidade Humana). Unha formiga con respecto á outra é dez veces máis distinta ca un home con respecto a outro home. Un chinés é moito máis distinto a outro chinés ca un europeo doutro europeo. Hai, como vos dicía, outra aplicación importante destes coñecementos: a medicina forense...están implicados químicos, psiquiatras, xenetistas... De moitas partes do mundo nos consultan. Que nos piden? Pois por exemplo, probas de paternidade. Tedes que saber que antes iso non valía para nada. As leis ditaban “Fillo ilexítimo” e punto, pero agora, desde o ano 1980, a raíz da Constitución de 1978, os fillos, habidos ou non no matrimonio, teñen todos os mesmos dereitos, aínda que as leis poden variar algo, por exemplo e a diferenza do que ocorre en Europa, en España a xustiza pide, para poder un fillo solicitar a proba de paternidade, “un principio de proba”. Son probas fáciles, abonda cun pouco de cuspe, de sangue... Xa non tan fáciles no campo da criminalística biolóxica porque se contaminan as probas e poden xuntarse moitas... Hai poucos laboratorios especializados no mundo. Nós recibimos probas e peticións de todo o mundo.

Falou tamén do ADN mitocondrial, que se transmite por vía feminina: Vale para reproducir xenealoxías... Aplicouse, por exemplo, ao caso dos Romanov... grazas á relación de parentela entre o Príncipe de Edimburgo e a zarina Alejandra... e inda que me desguste quitarlle o velo ao misterio, debo dicirvos que alí [soterrada] estaba Anastasia... [da importancia do mito romántico]... E se analizamos os restos de Santiago e dos dous discípulos que descansan na Catedral e vemos que son galegos? Tamén se analizaron os restos de Colón que supostamente xacen tanto en Sevilla como en Santo Domingo, pero claro, cando analizamos os restos do fillo, os resultados remiten á nai, non ao pai...

Cando os atentados de Atocha en Madrid tamén nos pediron que analizásemos restos... Puidemos chegar a conclusións como esta: é tantos millóns máis probable que sexa arxelino ca europeo... analizamos nunha gorra ou mochila... tantos millóns máis probable que esa gorra ou mochila sexa dun europeo ca dun arxelino, porque claro no tren ían máis pasaxeiros ca os propios terroristas... Podemos asegurar, outro exemplo, duns restos: hai un 80% de riscos de africano, un X%  [non recordo exactamente] de europeo, un 7% de americano, isto é, un ser humano do Caribe e en concreto de Xamaica...

Outro tema fascinante que tocou:  E que pasa coas bases de datos de ADN? Hainas en países de cero democracia... Hai estados como Alabama que propoñen facer bases de datos de todo o mundo... Queremos estar tan controlados? Cal é o límite entre seguridade e liberdade?

Este tipo de ferramentas é básico para coñecer a historia das migracións humanas. É unha ferramenta esencia para a historia da humanidade.

 (Foto: Mario S. García)

E xa para rematar, un par de datos máis: Unha persoa do público preguntoulle, a propósito do ADN mitocondrial se se podía falar en orixe dunha Eva e moitos Adáns e el respondeu: Sete Evas... De cando en vez, cada 4 xeracións, unha letra cambia. As sete letras máis antigas están en África.

E o derradeiro concepto por hoxe: Levamos 150.000 anos como homo sapiens. Levamos iso. Antes había outra cousa...

xoves, 21 de xaneiro de 2016

As nosas músicas: Leilía

Leilía: "O meu amor"
(Sección coordinada por Mario S. García, coa colaboración de X. P. Mondelo)

domingo, 17 de xaneiro de 2016

LENDO A...



LENDO A XAVIER QUIROGA

Lemos (os alumnos de bacharelato e eu con eles)  Zapatillas rotas. Crin que protestarían: por dúas razóns básicas, pola extensión da novela e pola dificultade do léxico. Para nada. Salvo 4, todos cumpriron.




Imos comenzar polo léxico. Difícil realmente: aquí é onde nacen as futuras teses de doutoramento. Dei con varias voces que non  coñecía e que tiven que consultar. Vexámolas:


 Cazarrote  (“Que fas?” “Limpar o cazarrote para que incen os coellos”, p. 114 na ed. De Xerais do 2014). Non figura no DdD. Parece metátese sobre carroza, de carro.


Vilela (El sabía que a Lola non amaba o seu home, e sabía tamén, polo que oía na casa, que o Luís do Raxo fora un vilela máis dado a esbardallar nas liortas labregas ou a levantar as saias máis lixeiras que a procurar unha familia, p. 115). Esta si que vén no DdD: ‘Dícese del hombre alto y desgarbado’, recolleuna Aníbal Otero nun lugar pequeno de  Portugal (cfr. o refrán –ou  especie de compendio  pseudofilosófico- Hai tres clases de matrimonio: varón, varela e varicunda. Varón: manda ela, e el non; varela: el non manda, e manda ela; varicunda: manda ela, e el nunca (M. Quintáns Suárez, Corcubión). Ese vilela terá que ver con este varela? Pouco verosímil. Talvez sexa deturpación do latín vir, viri, ‘varón’, sen máis voltas.


Tapar un burato na moa ‘matar a fame, supoñemos (p. 115). Documentamos no CORGA tapar o burato que sentimos no bandullo e no TILG hai que comer algo detrás para tapar o burato. Pero esta variante coa moa nós nunca a oiramos.


De moito aloumiño (= cast. De cuidado) (p. 118), conmuta por de moito mimo. Bonita, xa a oíra pero non con frecuencia...


Pegar un rouso: nunca a vira como frase, como unidade fraseolóxica con suxeito humano –si para os carros da vendima en Valdeorras cando rousaban; vale por ‘dar unha volta’.


Nin trato nin la de gato: Outra frase chusquiña, na boca do sarxento, un dos personaxes con máis sentido común da novela. Nunca antes a oíra eu nin a lera.


Corricho por ‘bacoriño’ érame descoñecida; ídem con requitropa, que rexistra só Elixio Rivas no DdD (= unha patulea, que diría Curros Enríquez). Un amarretas, ben se entende (eu diría un aforricas), non figura tampouco no DdD. Outra novidosa para min: ...que o trouxese aínda que fose co cenzo a rastro, frase hiperbólica, ‘aínda que fose coas tripas de fóra’. No canto da frase coñecida sen dicir esta boca é miña, Quiroga usa estoutra: sen dicir esta palla é miña. O rapaz fora criado aos cachos pola Lola. Nunca tal oín. De novo dános a clave no DdD Eligio Rivas Quintas, bo lexicógrafo onde os haxa, pero el documéntao para a crianza dos animaliños, aos que se lle dá o leite nos cachos (=olas, vasillas) porque non poden mamar da teta da nai. Etc. Non sigamos por non resultar aborrecidos. Agora, iso si, quedamos coa ansia de saber máis deste escritor. Onde naceu, onde estudou, a quen lle oíu este galego feraz, riquísimo, como lle naceu a vocación...

 (Foto do autor, tomada da Internet)

Deamos mellor a voz aos alumnos.

Que foi o que menos lles gustou do libro? En síntese:

-         - Pouca credibilidade no aspecto da investigación do caso, quizais unha excesiva mobilidade das forzas policíacas e dos medios de comunicación...

-          -Quizais a parte do final, o capítulo final era predicible

-          -Non me gustou moito o personaxe de Pepe, non me gustou a forma de ser

-          -Creo que hai demasiadas historias secundarias dalgúns personaxes que se desvían moito da trama principal

-          -O peor é que hai moitas escenas que parecen postas aí para rechear páxinas, con pouca base argumental... O problema son a multitude de personaxes...

-          -Tampouco me gustou o lío de personaxes, aparecen moitos tipos de mandos e xenerais ou gardas, e iso despistoume bastante

-          -O que menos me gustou foi que a Vane, a neta do vello, non sinta mágoa polo avó e que lle importe máis ir de compras a Londres

-          -O que non me gustou foi o final, ata me enfadou... sentinme decepcionada


E que foi o que máis lles gustou?


-          -Na miña opinión o máis atractivo da obra é a relación entre Lola e Xaquín.

-          - Gústame Lola. Lola foi unha persoa que poñía as necesidades dos demais por diante das súas.

-         - Para min os momentos máis interesantes foron os do pasado de Xaquín na aldea, cando contaba a historia da súa familia ...

-          -O que máis me gustou da obra foron os valores que transmite: dende a denuncia social do maltrato e descoido das persoas maiores e a situación da nosa sociedade na que as frivolidades teñen éxito e o esencial pasa desapercibido...

-          -Unha das cousas que máis me gustaron foi como o autor, por medio dunha historia familiar, consegue englobar case todo o que pasa a miúdo na sociedade...

-          -É curioso que eu crea que é unha boa obra cando, ao mesmo tempo, vexo que está cargada de tristura e pesimismo.

-         - É un libro que te deixa coa intriga ata que o rematas

-          -Valorei moito a crítica dos medios de comunicación, que moitas veces o único que queren é conseguir un titular... e non lles importa darlle a volta ao asunto...

-          -A min o que máis me gustou é a escena no helicóptero, como o Menduíña empeza a mocear con Miriam... foi unha situación graciosa, que me fixo rir

-         - O máis interesante é a crítica social... esta sociedade que xa non atende os maiores...

-          -Este sería un libro que recomendaría pero avisando que teñan coidado co  final, que ás veces non todo sae ben

-          -Gústame a idea que transmite o autor cando nos describe as vidas... no século pasado, amósase a diferenza entre as clases sociais, os casamentos xa acordados.. fai que o lector comece a darse conta da sorte que temos porque se produciu unha mellora neses campos.


( (Foto do Saviñao, a terra que viu nacer ao noso autor)

:::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::



Agora relembrade que tanto o DdD (Dicionario de dicionarios da lingua galega), como o TILG (Tesouro Informatizado da Lingua Galega) coma o CORGA (Corpus de Galego Actual) están na rede e son de libre acceso.