martes, 21 de xuño de 2022

COLABORACIÓNS ESPECIAIS

 

As aureanas de Valdeorras

Luis Alonso Álvarez

 

Dixéronme de neno que alá polos anos vinte ou trinta do século pasado, miña bisavoa materna Nicasia traballaba no oficio de aureana. Chegueina a coñecer xa de velliña, preto dos noventa e eu só con cinco ou seis anos. Pero mantívose sempre na familia materna a lembranza de que de nova fora aureana e que ía sempre a batear cando viñan as barradas do río no areal que había fronte aos Barroncos, un lugar que acollía unhas rochas de lousa que torcían o Sil cara á Proba de camiño ao mar. Hoxe, coas mudanzas que trouxeron os encoros bloqueando as crecidas do río, os Barroncos desapareceron —e tamén o topónimo— e deron lugar a unha paisaxe irreal, chea de lamigueiros e illas no medio da corrente, que non ten que ver coa que os nenos dos corenta e dos cincuenta temos gardado na memoria. A miña bisavoa Nicasia baixaba da aldea de Vales segundo sobes a montaña, preto de Cesures, Correxais e Fervenza e de camiño a Penouta e Valencia, co cunco de madeira de castiñeiro na man na procura dunha area dourada. Nunca me dixo miña nai se formaba parte dese grupo de mulleres que percorrían o Sil durante os meses de verán ou se o facía en solitario como tantas outras. Nin tampouco se fora de solteira ou de viúva, porque as aureanas non podían ser casadas: estaba mal visto naqueles tempos pois tiñan que levar a casa familiar.

      Din os especialistas que o traballo das aureanas coñecíase xa na Antigüidade hai tres mil anos e que é posible que moitas das xoias que apareceron en asentamentos castrexos —os torques, arracadas ou colares— procedían de areas dos ríos do sueste ourensán recollidas polas aureanas. Tamén as explotaron os romanos, como é sabido polos escritos dos xeógrafos gregos Posidonio e Estrabón, que testemuñaron o emprego de cestas de vimbio para recollelas, e a evidencia máis afamada que nos queda é a de Montefurado.


 

Alexandrina, unha das últimas aureanas

bateando entre San Xusto e Pumares

 

      O traballo das aureanas, que tamén se chamaban silouras, batedoras ou oreanas en outros lugares, servía para axudar aos homes da casa, como se dicía entón, supondo que a renda do home era a principal, e que agora en expresión unha miga pedante considérase unha actividade de auxilio para as economías familiares. Principiaban moi novas e as maiores aprendíanlles o oficio. Moitas delas percorrían longos tramos do Sil pero tamén doutros ríos da bisbarra nos veráns de calor sempre abafante, de Quiroga ata o Bierzo, pero en xeral deixaban o traballo ao casar. Certas lendas que corrían polo Sil as igualaban coas ninfas de corpo de serea que enfeitizaban aos mozos que cruzaban o río a nado tras delas e remataban afogados nas augas fondas e traizoeiras dos Barroncos.

      Falei hai pouco co home que máis coñece a historia das aureanas de terra de Valdeorras e mesmo sabe traballar el de aureán, pois tamén había uns poucos aureáns. Chámase Pepe, nacido en Larouco e veciño de Vilamartín. Solo el sabe dos sitios onde hai trazas de ouro, pero Pepe ten a ben levar os nenos das escolas da bisbarra aos areais e lugares onde se acocha o ouro, xeralmente en penas de lousa batidas pola corrente que ao escacharen deixan unha lama na que se depositan as areas douradas. Apréndelles tamén a batear, a filtrar as areas e deixar as douradas no fondo do cunco. Cando se xuntan unhas poucas, engádeselles azougue para formar unha amalgama que hai que quecer con lume de torgo para que ceibe o metal precioso.

      Falei tamén con Ricardo Gurriarán que ten escrito hai anos un libro no que recolle testemuñas das aureanas que aínda vivían en San Xusto, unha aldeíña ao pé de Sobradelo. O seu bisavó, que se chamaba mesmamente como el, era un banqueiro que mercaba as areas de ouro, e tamén as poucas pebidas que atopaban. O seu bisneto conta como as levaba logo a vender a financeiros de León e como na casa dos seus pais aínda conservaban unha pebida, grande coma un garavanzo. Quero pensar que a miña bisavoa Nicasia venderíalle tamén ao vello Ricardo as areas que ía atopando nos Barroncos, pero que tamén diría algo así como relatou Delfina, a última aureana do Sil: “Os únicos que podían gañar unhas cadelas foron os que nos compraron o ouro a todas”.


 

 Balanza de pesar o ouro en Valdeorras

 

      Os traballos e os días das aureanas dos ríos galegos foron cantados por bardos tanto nosos como alleos. De todos eles, quero deixar aquí o poema de Valentín Lamas Carbajal, que escribiu no Heraldo Gallego versos tan fermosos como estes:


 

 

 

::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::

 

NOTA SOBRE O AUTOR:

 

Luis Alonso Álvares, profesor universitario e valdeorrés de nacemento, hónranos coa súa amizade e coa súa amable colaboración neste blog. Na etapa do bacharelato, o profesor Alonso Álvarez confiou a educación do seu fillo Miguel ao noso Instituto. É autor dunha extensa obra, da que destacamos un interesante libro sobre a coruñesa fábrica de tabacos. Agradecémoslle unha vez máis a súa participación neste blog.


 

 

 

luns, 6 de xuño de 2022

COLABORACIÓNS ESPECIAIS

 

“Eusebio bótase ao monte”

28 de maio do 2022

(Estatua en forma de Lobishome. Así entenderon que sería o 'Vákner'. Está no Marco do Couto. Todas as fotos foron feitas por J. Carlos Rivas)

 

Unha vez máis, e despois do longo intermedio (a última fora a visita fidalga ao pazo de Oca e a zona da Ulla, Outubro do 2019), saímos de novo á estrada, a terras de Mazaricos e Dumbría, do North West peninsular, ou do Finisterrae ao que peregrinaba a incipiente Europa desde o seu berce, así podemos levar na nosa mochila as historias e as vivencias dos peregrinos, que despois de atravesar boa parte de Europa se sentían atraídos por eses imáns xeográficos que son os diferente “fins da terra no occidente europeo”.

Unha das historias que nos ilustra é a do bispo armenio que se dirixe ao promontorio Nerio e supera o difícil atranco do Vákner pouco despois das liortas irmandiñas, o lobishome que fai que Romasanta sea algo do mes pasado.

(Pedra Cabalgada do Brazal, Dumbría)

 

O percorrido de Frai Martín Sarmiento por esta zona, tomando notas e apuntamentos, tanto botánicos como filolóxicos, quen de rexurdir Galicia cal Ave Fénix, e de alumear cara ao século das luces, da Ilustración.

O bo facer das administración locais e a promoción axeitada fai de nós un paraíso quilómetro cero, low cost non, porque ninguén sabe o que realmente vale ata que nos abren os ollos.

Nos rescaldos da nosa pedra do lar tamén saltan muxicas e charamuscas reflectidas no caer acompasado e nebulizante da Noveira, que nos achegan a invernía dos tempos e a piedade popular, amosada na visión mística de Bartolomé Esteban Murillo, nese magnifico cruceiro de Colúns (Mazaricos), esvelto e ben traballado das mans dun muradán, dos anos 40 do século XX. 

(O Pindo ao fondo. Visto desde o Brazal)

 

As emocións espirituais e relixiosas xúntanse co papel difusor do libro, como vínculo móbil de gravados, obras de arte e, neste caso, como papel catequético e culturizador de estampas e das reproducións artísticas en tamaño ambulante, igual que a gran revolución do “pocketbook”, o libro manexable, coma aquelas coleccións da nosa nenez ou xuventude de novelas de Marcial Lafuente Estefanía, moi boas de portar no peto. Parece que nunha estampiña ou nun gravado deses que se gardaban nas casas prendeu a mestría dun muradán que non quixo ser pescador pero si Mestre canteiro/escultor en terra firme.

As estampiñas formarían parte da súa biblioteca virtual, posiblemente nalgunha que outra ocasión asomarían pola aula virtual, polas aulas da vida.

Ao respecto das viandas, boas foron as que nos brindaron na familiar parroquia de Treos (Casa Landeira), como quen se abriga dunha tormenta e acaba descubrindo e facendo amizades; e boa foi a desinteresada atención e aquela tortilla con ovos de Santa Clara, que santa tan alimenticia.

 

(Cruceiro de Colúns, Mazaricos)

 

No itinerario medieval de Camiños Chans/Olveiroa, recíbenos Casa Manola, parada e fonda no camiño, con categoría pousada do xogo da oca, como para quedar tres ou catro días: un magnífico servizo e a calidade dos produtos de proximidade fan que esteamos a un paso de entrar na Xerusalén Celeste do Pórtico da Gloria, fogóns acompasados por fídulas, arpas, salterios e organistros. Aquí entendemos o porqué do sorriso de Daniel: sorriso pola acollida e hospitalidade, calidade e xenerosidade de pratos e viandas. Felicitamos a Lucía e o seu equipo, a súa hospitalidade é de sobresainte.

Antes de que o bucolismo se apodere de nós no mirador do Ézaro, o Tourmalet galaico, evocamos aquela etapa raíña de Pandozarco nos Ancares galegos branqueados pola neve, aquí estamos na zona de confort e veciños da frescura oceánica, ¿fin da terra ou principio? Parece que estamos diante do pantocrátor da vida, alfa e omega, principio e fin da nosa esencia.

 

(Fervenza 'A Noveira')

Apartado de reflexións:

Xa tiñamos gana de saír de novo, o prazo de inscrición abreuse , e nun vira vira encheuse o aforo, como cambian os tempos, do foro romano pasamos a pagar os foros, e agora restrinximos a nosa presenza cos aforos.

Ao aire libre e no medio da agrimensura pecuaria, cun sol de xustiza, calquera desculpa é boa para montarnos nunha brincaderia paisaxística a bordo dun Setra Seida con acondicionamento refrixerado, máis de 14 metros de longo. O comandante da nave é un cubano, de apelido Elías, da flota de Autos Rico, máis de 16 anos viaxando con eles. Que bo persoal e mellores profesionais teñen.

Cando levamos un músico aos mandos, quen de convertir o vento en sinfonía podemos ter dous pensamentos: un para dicir: “coa música a outra parte”, ou como neste caso “mira Elena tan contenta y su familia está asfixiada. Se marchó, se marchó con un trompetista de la vecindad”, e Elena viña con Miguel, pero viña contenta. Sabemos por oídas do seu virtuosismo musical, e desde onte sabemos da súa mestría e dun doutoramento cum laude na orografía galega.

Os membros da expedición teñen un mérito especial e adquiren as competencias para comprender o noso medio rural en tempo récord, ademais de alumnado avantaxado son xente dunha sensibilidade especial que interactúa coa paisaxe e coa paisanaxe, unha vez dentro da nave nodriza proseguen intercambiando experiencias. Serían capaces de reformular o pensamento empirista, tamén aportarían luz ao estudio da antropoloxía e da etnografía.

(Presa de Santa Uxía)

 

Un fala e sementa, hai pouco rematou a sementeira do cereal forraxeiro por excelencia, o millo. Parece que a sementeira promete xa antes de darlle os tres sachos: de cru, arrendo e cabo (cando se facía á man).

Un intruso de dubidosa cualificación ceiba a semente aos catro ventos, semente que leva algo de todo. Intenta dar alicerces e varas de vimbio para ir creando ese pequeno cesto que colla na Biblioteca móvil dixital dos nosos corazóns. A escola non só é de aprendizaxe, tamén o é de emocións, de compartir, de contar contos, de escoitar a natureza e os nativos.

O discurso ha de ser sinxelo, como a boa homilía (igual que a saia, nin corta, nin longa, na súa xusta medida e que ensine o suficiente).

A poder ser deixamos a grandilocuencia para a paisaxe, o entorno, devesas e bosques de ribeira, sobresaturados de especies comerciais, pero claro, as xentes do rural tamén teñen que comer e vivir. 

(Miradoiro do Ézaro)

 

A sinfonía virá marcada nun principio polo son do violín, o violín da nosa terra, quen de abrollar en nós sentimentos de emoción, “que interesante todo esto…, nunca pensei que este tipo de cousas estaban tan a man agora que se fala tanto dos produtos locais, ou de Quilómetro Cero”.

Non sei cantas edicións levamos do “Eusebio bótase ao monte”, cada vez máis preparados para a descuberta, cos brazos abertos para recibir, e cos petos accesibles para empatizar, repartir cariño sorrisos, boas caras; nas Redes Sociais, iconas de cariñas sorrintes, de puños pechados co dedo pulgar levantado en sinal de conformidade, dos famosos likes e da viralización de imaxes.

Intentamos beber nas fontes frescas dos prados, que emanan sabedoría fresca e sacian a nosa inqueda sede, ganas da descuberta.

Chegamos a empatizar con monstruos malignos de más de cinco séculos (o Vákner) porque os vemos con bos ollos.

 

Onte, 28 de maio fomos de ruada da man do río Xallas, quen de situarnos nas coordenadas espazo temporais, de situarnos no mapa e de dar a valer o noso patrimonio, os nosos costumes, a nosa forma de ser, esa capacidade que tanto se salienta no Camiño da vida, aquí nas beiras do Camiño de Santiago.

Non quero aburrir con datos, só quero que esta particular homenaxe á nosa terra a poidamos continuar moitas primaveras e moitos outonos máis.

Somos un dos institutos con máis historia e tamén dos máis urbanitas de Galicia: a nosa historia foi feita coas achegas de moita xente, estudantes inquedos e ansiosos de mellorar na vida, na procura dunha estabilidade económica. Da máis variada procedencia, unha auténtica diáspora eusebiana, cantos traballos pasaron as súas familias para convertelos en persoas de ben e cunha amplia formación.

Somos un centro de referencia, certo, pero nunca debemos esquecer de onde vimos, é boa verdade o lema da nosa cidade, “…cidade na que ninguén é forasterio”. O mundo urbano ha de ser considerado unha continuación do rural, sen a contribución do mundo rural non poderiamos vivir tan ben.

Como bo instituto teremos as portas están sempre abertas, e os brazos estendidos, para acoller e abrazar a quen vén, para axudar e entender a quen se vai, como o fillo que se emancipa e deixa a casa petrucia para fundar a súa propia.

Estamos condenados a entendernos, debemos valorar todo o patrimonio material e inmaterial, todo o mundo que nos rodea; debemos ser tolerantes,  e ter amplitude de miras.

 

Antonio Fondo

 

(A obra, de case cinco metros de altura e 1300 kg de peso,  débese ao artista Cándido Pazos)