xoves, 28 de setembro de 2017

A CORUÑA



A CORUÑA

SALVADOR DE MADARIAGA: UN CORUÑÉS UNIVERSAL


 (Acto do día 21 de setembro, de esquerda a dereita, Director do Instituto Cornide de Estudos Coruñeses, Alcalde da Coruña, o autor do libro. Foto tomada de Internet)
 
Este día, exactamente o día 21 deste mes, asistimos no salón de plenos do Concello da Coruña á presentación dun libro sobre a traxectoria vital do coruñés universal Salvador de Madariaga. Alí estaba o señor Rexedor da cidade, o Director do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses e o autor do libro, o prof. Emilio Grandío Seoane, tamén coruñés, docente da USC. Do que se dixo a título de prolegómenos e como colofón, dúas cousas nos chamaron especialmente a atención: unha, a chamada á conciliación, ao diálogo –un trazo esencial da idiosincrasia do personaxe e unha necesidade esencial en todos os tempos, neste tamén desde logo...- e dúas, a importancia que naquel momento histórico –primeiras décadas do século XX- tivo o noso Instituto: lugar e ámbito cultural onde se forma a burguesía con ansia rexeneradora que logo xogará un papel importante en España e en Europa: Casares Quiroga, Novoa Santos, Madariaga... Unha burguesía ben pensante, con posibles, si, pero preocupada polo poder social dos máis, capaz de mirar alén da propia clase, do clan.

 (Casa onde naceu S. Madariaga y Rojo, nº 16 da rúa do Orzán, xa desaparecida. Esta e as fotos seguintes están tomadas do libro do prof. Grandío)

 (M. na época de París, ano 1910; ela no ano 1905. Ela é Constance Archibald, a primeira esposa de Madariaga)

Lemos o libro dun tirón, dun pulo. A medida que liamos subliñabamos determinadas frases ou parágrafos. Recupero agora algunas para vós.
Era a e expresión personalizada da loita interna do rexeneracionismo cultural por intentar insertarse nunha Europa que se afastaba [...]. Demándase especialmente máis cultura, máis educación, mellor formación da sociedade en todos os ámbitos: unha renovación total que permitiría saír da esclerose progresiva en que se entontraba instalada a política do Estado de principios de século [...] [O sistema aparece] repleto de prexuízos culturais propios da evolución histórica das relacións entre a sociedade e o Estado en España. Iso non sucede onde el se formou [Francia]. A mestura de intelectualidade e política sera algo consubstancial e natural en  Madariaga (na primeira etapa, arredor de 1915). En 1926 publica un escrito titulado Ingleses, Franceses, Españoles, onde verque estas ideas:
                Ninguén que coñeza España deixaría de observar a impoñente suma de esforzos individuais que se perden en actividades sen cohesión ou, o que quizais é peor, no baleiro. Caso típico, que merece mención á marxe, é o da chamada minoría intelectual. España parece incapaz de proporcionar aos seus intelectuais un cadro axeitado á súa actividade. A maioría deles non atopa no seu país a resistencia necesaria na masa para aborber os seus esforzos e facerlles render traballo útil, de tal xeito que, ao traballar no baleiro, numerosos intelectuais van perdendo de modo gradual o seu equilibrio interno e se decantan por un individualismo extremo, cada vez menos útil á colectividade e a eles mesmos.

Relevante é o impacto da I Guerra Mundial [...]. O pacifismo revélase xa aquí como unha necesidade para Madariaga. É curioso observar como neses momentos tan complicados os compañeiros da Coruña do Eusebio da Guarda se encontran tamén do lado do bando aliadófilo. A algúns deles, como Casares Quiroga, cómpre recoñecerlles a súa participación neste conflito coa Lexión de Honor francesa. En organizacións vinculadas á paz. Tamén a Madariaga.

 (En Paris, en 1932)

Pouco a pouco Salvador vai ascendendo no escalafón da acabada de crear Sociedade de Nacións en Suíza: en 1922 é nomeado Subsecretario de Desarme; mantén excelentes relacións co Goberno británico; en Xenebra faise amigo dun alto responsable da intelixencia dos EEUU. E cultiva tamén o xornalismo: publica en El Sol baixo pseudónimos; o seu favorito é Sancho Quijano. Ofrécenlle e desempeñá un tempo unha cátedra en Oxford e na súa prestixiosa editorial universitaria publica varios libros. En 1930 publica un dos seus textos máis tanscendentes: España. Ensayo de Historia Contemporánea. Dinos o prof. Grandío que Gregorio Marañón consideraba que España... fora fundamental para captar a certas elites a favor da República. Madariaga é elixido deputado a Cortes pola Coruña nos comicios do 28 de xuño do 31. Casares integrárao nas listas da Federación Republicana Galega.
A súa actividade nas Cortes será recoñecida por unha postura centrada e defensora do parlamentarismo liberal:
                Como liberal que son, dou unha importancia mínima ao económico, unha mediana ao político, e unha máxima ao humano.

Cando é nomeado nesta lexislatura constituínte Vicepresidente Cuarto das Cortes, nos debates da Constitución empéñase en colocar dentro da Carta Magna de 1931 unha cláusula expresa de renuncia á guerra como instrumento político.
O un de xaneiro de 1932 é nomeado Embaixador en París e Delegado de España na Sociedade de Nacións. Madariaga amósase, ademais, coma un excelente enlace entre a Sociedade e os países latinoamericanos. O papel de España como ponte con América consolídase con Madariaga [...]. E especialmente relevante o seu protagonismo para formar unha ampla fronte de rexeitamento contra a invasión de Manchuria por parte de Xapón. De aí o seu alcume Don Quijote de Manchuria.

Madariaga tamén tivo as súas tentacións: algunha vez foi tentado pola dereita máis reaccionaria. En 1935 reúnese por única vez co Xeneral Franco, Xefe do Estado Maior do Exército nomeado polo Ministro de Guerra Gil Robles, no hotel Nacional de Madrid. E entrégalle o seu libro [“Anarquía y Jerarquía”]. En comentarios posteriores Madariaga non tivo un especial nin positivo recordo deste encontro, pero Franco soubo aproveitalo. Nos tempos en que Madariaga se converteu nun dos homes a difamar polo réxime franquista, a propaganda da Ditadura difundiu esta obra coma un anticipo da democracia orgánica que desenvolvía o réxime.

Tras fuxir de España no 36, Madariaga formula un plan de paz baixo a dirección dun comite de tres potencias: un plan de intervención humanitaria e un goberno de personalidades que non estean comprometidas nin coa Monarquía, nin coa República nin coa Xunta sublevada. Para garantir este plan de paz entrarían en España forzas armadas ás ordes de oficiais británicos, mexicanos e arxentinos. Á parte do trauma brutal do enfrontamento entre irmáns no seu país, Madariaga ten que asumir fracasos, como todo ser humano, pero fracasos –como ese plan de paz, ou como a loita fallida para que a España de Franco non entre na ONU, cousa que sucede o 4 nov. 1950, coa abstención de Gran Bretaña e Francia- que nunca o frean. En xullo do 37 envíalle unha carta a Franco: “liquide esta guerra canto antes. Achégase unha negociación”.



(Homenaxe en París en 1956, cando cumpre 70 anos. Xunto aos líderes do europeísmo e Xefes de Estado, Camus, Bertrand Rusell, Marcel Bataillon, André Maurois, Gregorio Marañón, Paul Casals, María Casares... Velaquí algunhas das cousas fermosas que dixo precisamente a dama coruñesa da escena francesa: “Apreciamos en el Señor de Madariaga sus virtudes ejemplares de hombre libre y entero que no inclinó jamás la cabeza, ni humilló su inteligencia ante ninguna tiranía triunfante, ni en su patria ni en el extranjero, ni de oriente ni de occidente”)

 

 (No xardín da casa en Oxford, ano 1966)

En 1947 é nomeado primeiro Presidente da Internacional Liberal, viaxa a EEUU, alí coñece e conversa con Einstein e é proclamado Doutor Honoris Causa pola Universidade de Princeton.
Volve a España morto o ditador. O 3 de maio de 1976, por fin, Madariaga leu o seu discurso de ingreso na Real Academia de la Lengua, ante máis de 800 persoas. Cun enorme simbolismo de reconciliación [...], ao seu discurso [...] contestoulle Julián Marías.
Tamén no 76 chega á Coruña. O Instituto Cornide de Estudos Coruñeses e mais o Concello prepáranlle unha sentida e merecida homenaxe. No citado Instituto deixou este noso coruñés universal un importante fondo documental e fotográfico. As súas cinzas foron esparexidas no mar da Coruña.
Foi un grande conversador, unha persoa que valorou o amor, un home leal ás orixes, un ser pragmático. Un perfil complexo no que o pensamento político se compón basicamente de dúas pezas: antitotalitarismo de calquera tendencia e democracia liberal. Pero tamén o proxecto europeo federal...


 (Esta foto e mais as seguintes foron feitas por Charo Soto no expediente escolar de Salvador de Madariaga que custodia o Instituto histórico coruñés que leva o seu nome. Madariaga estudou no noso Instituto -o Instituto da Guarda- pero os expedientes académicos dos alumnos varóns foron trasladados na década dos 40 ao novo edificio, o situado na chamada Cidade Escolar. Agradecemos á Dirección do IES 'Salvador de Madariaga' a súa total dispoñibilidade á hora de permitirnos acceder aos seus arquivos)








 
:::::::::::::::::
(NOTA:
Todos os textos, en cursiva, atirados do libro do prof. Grandío Seoane, foron traducidos por nós ao galego).

xoves, 21 de setembro de 2017

GALICIA INMORRENTE



LUZ DE GALICIA

 (A poeta Luz Pozo representa a Real Academia Galega no ano 2012 na celebración no salón de actos do noso Instituto do 150 aniversario do primeiro Instituto provincial na cidade da Coruña. Día 13 de novembro).



(Acto do 150 aniversario de Instituto Provincial na Coruña. Salón de actos do Eusebio da Guarda. Luz Pozo Garza aparece na compaña de distintas autoridades civís e académicas. Ela representa a Real Academia Galega)
 
Celebra este ano a poeta Luz Pozo Garza noventa e cinco anos de vida. Con ese gallo organizou a Real Academia Galega –unha das casas que gozosamente habita Luz- unha homenaxe. Nós sumámonos a esa celebración na medida das nosas posibilidades. Relembraremos os vínculos que nos unen con ela, ás persoas que amamos e participamos do labor do Instituto Eusebio da Guarda. Pequenos mais poderosos fíos: Luz impartiu clases de galego no Salón de Actos do Instituto antes de que a aprendizaxe do noso idioma se impartise no currículo; Luz acolleu no seu seo amantiño a algunhas das nosas mellores docentes (vid. Nota) e esa amizade perpetúase ata hoxe a través incluso dos seus fillos; Luz representou á Academia en actos importantes do centro e importantes para a cidade; Luz, en fin, acolle sempre hospitalaria e rica en virtudes, os nosos máis prezados ex alumnos na súa casa coruñesa. Faremos esta grata relembranza por medio dunha serie de fotos.


 (O grupo Gelría, integrado por Elena Tarrats, Mario G. Cortizo e Federico Mosquera -Mario e Federico son ex alumnos nosos-  publican o seu traballo discográfico "Cantos de Poeta" no ano 2016. Entre os poetas galegos escollidos nese traballo figura Luz Pozo. Na foto vémolos na casa coruñesa de Luz, quen os recibe amorosa. Vemos tamén a Olga Patiño, outra das grandes voces poéticas de Galicia. Olga foi a persoa que preparou o encontro entre Luz e os membros de Gelría, un labor digno de agradecemento, así nolo fan saber os nosos ex alumnos)


(Na casa coruñesa de Luz. Fala Gelría: "Luz tratounos moi ben... E descubrimos unha faceta dela para nós descoñecida, que é a súa vocación musical. Agasallámoslle unha partitura da canción que fixemos súa, que ela mesma leu tocándoa no piano. E amosounos algunha melodía súa. Unha caixa de sorpresas...")

En segundo lugar, presentarémosvos tres poemas dos dez da autora seleccionados por outros tantos  insignes poetas galegos e que aparecen no libriño Un Pozo de Luz editado pola RAG con data 21 de xullo de 2017. Mil primaveras máis para a poesía de Galicia!



ILLAS CÍES
                Chamóuselles tamén illas das Pombas
                R. Otero Pedrayo
Nas Cíes descubrimos a pericia das aves
e a medida celeste onde reside a luz

Bañámonos nas ondas
a compartir sulagos con dóciles palmípedas
                                               e cunchiñas de nácara

Era o verán
Chegaban ventos fríos do primeiro cuadrante
                                               os ventos tersos do Nordés

Con labios exaltados bicábasme nas tempas
E querías que fora a raíña dos mares
ou deslizabas verbas secretas nos oídos

Nos xogos inocentes
debuxei  no teu peito os signos da alegría
Despois grabei na area os símbolos da patria:
                               espirais
                                               caracolas
                                                               esvásticas solares
Cousas do paraíso...

Naquelas latitudes oceánicas azul
                                                               azul delirio
tracei como remate un labirinto tácito
para salvar o amor

“Demanda do Grial”. Prometo a flor de loto (1992)



ANXOS CON PATÍNS BRANCOS
NA PRAZA DE O GROVE

                               Xaneiro, 1992

Andei as rúas doutros anos na vila mariñeira
Os vieiros que cirnunvalan espacios misteriosos

Meditei na ponte veneciana
No camiño iniciático
Que leva á illa do tesouro
Inda por descubrir

Por debaixo pasaban as ondas coma a vida
                musitaban as aves as puras letanías
                dunha levitación non aprendida

En procura de ti
xurdía a cegadora presencia da Lanzada
en liñas sinuosas que se ofrecen intactas
coma unha arpa
que fire o corazón de emoción sideral
Mística

Soaban as palabras de amor e mais a morte
Non aprendín aínda a escoitalas sen pranto...

...pero ninguén me viu chorar
agás dúas meniñas na praza do concello
cando lía eu a prensa
na apoiatura dun bloque de granito tallado:
                               Viñeron xunta mín
                               Con patíns brancos
                               Con palabras purísimas de rula
                               Con ollos de solsticio
                               Con esguince de arcanxo
                               Con azas a porfía...

Un anxo iniciativo. Outro moderador
Preguntáronme o nome
Preguntáronme a tabla de multiplicar
Os ríos de España
As fontes de enerxía

(Non sei se me aprobaron)

Dixéronme que viñan onda min porque me vían igual ca
rula solitaria: “si no es la tortolica que está
viuda y con dolor”

Non sabían os anxos
que estou aprendendo a vivir...

“A praia da Lanzada”. Prometo a flor de loto (1992)




SUBIDA Ó PÍA PAXARO

                                               Cuanto más alto subía
                                                               San Juan de la Cruz


Chegabamos á luz collidos polo van
                                               en procura de nós

En procura dos cumios para apreixar a terra
                                               na ascese da ascensión

Para abrazar a vida
                               a Galicia en silencio

Para beber amor un grolo de luz viva en presente purísimo
Esquecidos anceios e arelanzas

As aves dominaban os espacios gloriosos
                                                               onde fuxen as sombras

Aspiramos un hálito de xestas e de laxes
                               un recendo de espiños
                               o sobresalto dos insectos
                               o frío delgadísimo da saudade absoluta
                               que fire e cega silenciosamente

Recolle todo na túa alma –dicías-
                                               Este é o meu agasallo

Xúntanse as mans nunha pregaria
e os labios fuxidíos respiran o misterio da luz
A súa potestade sobrehumana

“Demanda do Grial”. Prometo a flor de loto (1992)



 (Luz Pozo con amigas: xantar de xubilación da súa amiga Mª Teresa Rodríguez Taboada, catedrática do noso Instituto,  o 27 de xuño do 2002)

 
 (Acto xubilación no ano 2002. Luz Pozo aparece no medio da imaxe. Salón de Actos do noso Instituto)
::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::

(Nota:

“Somos amigas e Luz veu coas súas fillas ao Hotel Atlántico á miña xubilación. Tiven moito trato con ela a través dunha amiga común, Maruxa Olavide, tamén poetisa e pintora. Eu continúo a relación co seu fillo Gonzalo, quen exercera de profesor de inglés un tempo no Instituto, ao igual que a súa filla Luz... Cando eu cheguei destinada á Coruña, Luz acolleume con grande cariño e levoume á súa casa. Daquela estaba ela en Monelos... Eu sempre a admirei e sempre a quixen moito. Temos compartido disfrazármonos xuntas polos Carnavais e temos viaxado xuntas á casa doutra gran amiga e gran muller, Conchita Teijeiro, de Lugo, creadora de As Nais. Outra gran galega e moi amiga de Maruxa Olavide... “ Estas palabras foron pronunciadas para nós pola Catedrática xubilada do noso Instituto, Mª Teresa Rodríguez Taboada, a quen moito llas agradecemos)