venres, 21 de xullo de 2023

GACICIA INMORRENTE

GALICIA INMORRENTE: A CORUÑA DE PICASSO

A PROPÓSITO DA ESTADÍA DE P. RUIZ PICASSO NA CORUÑA


 

Celébrase este ano o 50 aniversario do pasamento do pintor malagueño. Como moitos de vós sabedes, aquí na Coruña estivo vivindo entre 1891 e 1895. E na nosa casa, no edificio onde aínda continúa a estar o Instituto da Guarda cursou boa parte do bacharelato, ao tempo que estudou materias artísticas na planta baixa, na Escola de Artes e Oficios na que daba clase o seu pai, D. José Ruiz Blasco. Para esa etapa resulta fundamental a lectura do libro O Primeiro Picasso A Coruña 2015 [PPC, a partir de agora], editado polo Museo de Belas Artes da Coruña en colaboración co Concello da Coruña e a Xunta de Galicia co gallo do centésimo vixésimo aniversario da primeira exposición de Pablo Picasso celebrada na Coruña en 1895. Nese libro hai artigos valiosos de Xosé Ramón Barreiro, Antón Castro, Malén Gual, Rafael Inglada,  Marilyn McCully, César Antonio Molina, Elena Pardo, Ángeles Penas e Rubén Ventureira.


 

Este ano houbo tamén unha exposición conmemorativa no Museo de Belas Artes da Coruña, moi interesante e ben montada, con parte importante da obra picassiana da etapa coruñesa. Nesa exposición a unha servidora chamoulle a atención a gravación musical, unha cantiga tradicional galega cantada pola filla do pintor, por Maya, se non nos falla a memoria. A estimanza de varios membros da familia, incluído o noso xenio universal, pola cultura de Galicia é digna de ser subliñada. Non toda a crítica da obra de Picasso soubo recoñecer iso, a curiosidade e amor pola nosa terra, de Pablo Ruiz Picasso. Pero aí está a súa obra: as gaitas, a romaría (probablemente de Santa Margarida), o baile galego, o mar de Orzán, a torre, as cabezas de muller galega (unha delas soberbia, co brinco rebrillando na orella), a vestimenta tradicional, o porquiño, a muller agardando pola quenda coa sella, a carta con voces galegas da súa irmá Lola… E está o cariñoso trato que recibiron galegos con nome propio que se relacionaron con el: Tenreiro Rodríguez, Luis Seoane, Camilo J. Cela, Juan Pardo… Están as palabras de Olano, que nos recorda que a Picasso lle encantaba oír falar de Galicia. 

(Foto do libro do que falamos previamente de María Aurora Chavert. Vese á dereita da imaxe a casa na que viviu Picasso. Observaredes que ben se ve a península da Torre. Tiña que estar o pintor universal ben familiarizado con esa orografía)

 

(Entrada da casa da familia Ruiz Picasso na coruñesa rúa Paio Gómez)

 

Houbo outros galegos que se ocuparon de escribir con acerto sobre os anos coruñeses de Picasso: é case un deber amentalos e agradecerlles os seus escritos ao respecto. Eles son: J. L. Bugallal Marchesi (Boletín da Real Academia Galega nº 309-320, ano 1956), Eduardo Blanco Amor (artigo publicado en La Región, nº 18733, 24 de outubro de 1971), Juan Naya Pérez (Boletín de información municipal: Ano XIV Número 145 al 150 - 1977 xullo. Aí dísenos que en 1969 o Instituto “José Cornide” solicita do Concello a colocación dunha placa na casa da rúa Paio Gómez en que viviu o pintor e engade que ese mesmo Instituto de estudos coruñeses conmemorou o 90 aniversario do nacemento de Picasso celebrando unha solemne velada no Concello o 25 outubro de 1971 na que tomaron parte Miguez Tapia, Labra Suazo, Mon Rodríguez e Fernánde-Albalat Lois) e A. Padín Panizo (pódese ver a súa bibliografía en: https://dialnet.unirioja.es/servlet/autor?codigo=1797277), a quen lle dedica o relembrado Barreiro Fernández estas palabras: Á memoria de Ángel Padín, que foi quen máis traballou e mellor coñeceu a vida de Picasso na Coruña (PPC, P. 47).

(Galería Waterloo, Londres, en dous momentos da historia)

 

Nós temos só un par de pequenas precisións (non exactamente claras, a modo de aproximacións talvez…) que engadir:

Unha toca a unha vívida, e neboenta asemade, lembranza persoal. En 1981 (o ano é indubidable, porque a nosa estadía durante o mes de xullo en Londres coincidira cos fastos da voda da defunta Diana de Gales co daquela Príncipe de Gales) a miña amiga María, londinense, e mais eu fomos ver unha exposición dedicada a Picasso. Relembro perfectamente a frase titular: “Picasso at La Coruña” (dúbidas en canto á ortografía, Coruna?) e relembro perfectamene ficar moi sorprendida porque descoñecía totalmente que Picasso vivise e pintase na miña cidade natal. Recordo tamén con absoluta precisión que fixen (aos irmáns de María, a algún coñecido…) o comentario It is my hometown!, e recordo ver moitos debuxos… Non podo precisar, en troques, o lugar da exposición. Xuraría que foi na Galería Waterloo. Pero pasaron moitos anos e non había Internet. Creo que a día de hoxe esa galería de arte non está digamos operativa. Pero estar estivo porque, navegando en Internet, logrei dar cunha referencia dunha exposición ese mesmo ano, doutro artista (That’s how they started to work on the Muzi multi-media installation, some sort of evolving work in progress that eventually took place at London’s Waterloo Gallery in August 1981, en: https://www.forcedexposure.com/Artists/GILBERT.LEWIS.MILLS.html). O dato podería ser importante, digo o da existencia dunha exposición dedicada á etapa coruñesa de Picasso hai corenta e pico de anos, no corazón de Londres. A miña amiga María non está para nada segura de que fose na galería Waterloo e remíteme  á Hayward Gallery, tamén de Londres. Aí houbera outra exposición (17 xullo-11 outubro 1981) dedicada a Picasso, titulada Picasso’s Picassos. Puidemos manexar o libro-catálogo desta exposición pero non vemos por ningunha parte a frase que unha servidora retivo na memoria gravada a lume: “Picasso at La Coruña”. Vemos, doutra banda, que nesa exposición da galería Hayward só hai tres catro mostras da obra na Coruña e paréceme a min que na exposición que eu vin había bastantes máis (os do catálogo da Hayward veñen coincidir cos debuxos da portada do libro PPC , mais a corrida de touros na praza Coruñesa, datada a obra o 2 setembro 1894).

(Autorretrato de Román Navarro)

 

A outra cousa da que vos quero falar é da relación entre o mozo Pablo e o seu mestre, Román Navarro. Non foi o único profesor bo que tivo na Coruña, desde logo. Tivo o pai, Amorós e I. Brocos, por poñer unha tríade fundamental. Pero eu vou arrimar a ascua á sardiña de Navarro porque sentimos unha especial predilección por ese pintor coruñés, ao noso entender non suficientemente coñecido nin valorado actualmente.

Hai varias concomitancias interesantes entre o profesor e o seu xenial discípulo, algunhas (especialmente as temáticas) xa sinaladas pola crítica: en primeiro lugar, o sentido do humor e ou da ironía e a caricatura como medio de plasmalos. Navarro foi un bo caricaturista. Así, lemos: Las caricaturas del Sr. D. Román Navarro, que tienen gracia y soltura (en El Correo gallego : diario político de la mañana: Ano IV Número 1003 - 1881 decembro 31). Publicaba no Almanaque Gallego, do que foi codirector. Incluso o título das revistiñas do neno Ruiz Picasso, tituladas Blanco y Azul, querendo, deixan destilar un certo recendo ao seu profesor. Certo que a revista Blanco y Negro era lida por moita xente na época, pero non perdamos de vista que Navarro colaborou en varias ocasións con esa publicación. En segundo lugar, o tema dos mendigos e/ou anciáns: sen ser Román o único pintor en sentir certa predilección por tales tipos (a crítica recolle neste sentido cadros de Ovidio Murguía e Jenaro Carrero, véxase a páx. 227 do artigo de Antón Castro, en PPC ), tampouco pode deixarse a un lado a súa contribución pictórica ao respecto: “O Vello”, “O Señor Cristóbal”, “El anacoreta” e a caricatura de Adolfito (Don Adolfo ou Adolfito era unha figura tipicamente coruñesa do momento, era un violinista, un trobador, un pobre mendicante que, conforme  lemos na súa necrolóxica [en: El regional : diario de Lugo: Num. 7197 23/02/1904], levou unha vida desgraciada, de cans). Sabemos que Navarro fixo, polo menos, unha caricatura deste ser humano. Non logramos vela. Sabemos que o chamado Home da gorra (que non é o único ancián pintado na etapa coruñesa) de Picasso era un mendicante coruñés. Velaquí a concomitancia posible. 

 


(Anciáns: Anacoreta, Vello e O señor Cristovo, de R. Navarro)




En terceiro lugar, a temática militar (remítovos ao artigo de Rubén Ventureira, páx. 172 de PPC; revisade de paso a páx. 186). Na posición cuarta podemos citar o caso concreto e puntual do “Boceto para decorar un techo”, datado en 1894 no que claramente Picasso se inspira nas pinturas do teito do Salón de Actos do noso Instituto, pintadas por Román Navarro. En derradeiro lugar desta serie imos falar dos cabalos. Aquí parece haber unha certa unanimidade entre os críticos. Román Navarro compartiu o maxisterio artístico e o labor creativo pictórico coa súa integración, a súa pertenza ao exército, á arma de Cabalería. A súa familiaridade cos équidos é indiscutible, de continua presenza na súa obra. Certamente, é unha fonte inacabable de beleza. E non só os nobres animais son fonte de fermosura e cromatismo, tamén o son as vestimentas dos xinetes militares da época que lle tocou vivir: lanceiros, húsares, membros da familia real (reis, raíñas amazonas como Victoria Euxenia…), membros do Rexemento de Cazadores de Galicia… Estes últimos tiñan a sede na nosa cidade. Primeiro estaban nun cuartel que non logramos determinar (e non por falta de procura de datos: cando, en 1931, se procede a levalos fóra de aquí, pasa o rexemento para Lugo, e cando saen tamén de Lugo, mandan a información ao arquivo de Ferrol, pero alí só hai información conservada a partir do ano 1940 e pico), aínda que supoñemos que estaría na Mestranza ou Campo da Estrada… Sabemos con certeza, grazas á prensa da época, que a partir do derradeiro terzo do s. XIX, este Rexemento de Cazadores de Galicia está acuartelado en Zalaeta, e os cabalos estabularían nun corralón cuxo nome aínda se conserva, preto do actual Museo de Belas Artes. Aí, nese museo, custódiase precisamente a que non dubidamos en considerar obra mestra de Román Navarro García Vinuesa: Baño de Cabalos, cadro que, sen ser o único que Navarro pintou con cabalos (se contabilizamos o que hai publicado en distintos libros e as ilustracións para a Revista de Cabalería e outras revistas, hai ducias…), é un cadro moi interesante porque, á parte dos valores intrínsecos, existe unha certa relación coa obra do mozo Picasso que asina Cabalos bañándose no ano 1906. A relación é, como mínimo, temática (aspecto sinalado xa por E. Pardo e R. Ventureira, p. 138 PPC).

("Baño de Cabalos" de Román Navarro)

 

Que o xove Pablo se puido inspirar ao dereito nunha escena real, nun baño real de cabalos? Sen dúbida, é posible. Que o amor (temático, se queremos) polos cabalos xa lle viña de vello de ver as corridas de touros e logo talvez os espectáculos circenses con lindas amazonas cabalgando? Tamén factible. E todo iso sen esquecer que Pablo debía saber montar a cabalo (“1906, MEDIADOS DE AGOSTO. Por haberse declarado allí una epidemia de fiebre tifoidea, Picasso y Fernande Olivier abandonan Gósol; van a caballo hasta Bellver y, en carruaje, de Bellver a Ax”, páx. 62 de Jaime Prat, Cati Molina, Ramón Solé, Carlos Dorico (1989):  La obra completa de Picasso Azul y rosa, Barcelona: Origen).

(Cabalos bañándose, obra de Picasso datada en 1906)

 

Pero sendo como foi Navarro o seu mestre, sabendo como sabemos que o coruñés e José Ruiz Blasco foron colegas e amigos (aínda en 1899 vémolos xuntos, a Ruiz Blasco e Navarro García, formando parte do mesmo tribunal de oposición; dato tomado de El magisterio español: Revista General de la Enseñanza, nº 2236, 25 xaneiro de 1899; a oposición é á cátedra de Debuxo de Figura da Escola de Belas Artes de Palma de Mallorca), que na casa de Barcelona da familia Ruiz Picasso había cadros de cabalos de Román (segundo nos conta Bugallal Marchesi, BRAG, páx. 42), non nos cabe dúbida de que o cadro dos cabalos no baño picassiano está inspirado no baño en san Roque de Afora. A obra Baño de Cabalos de Román Navarro é poderosa e impactante. Impacta o realismo xeolóxico, a luz, a pel mollada, a violencia, a forza bruta, a simbiose de home-animal, a presenza milenaria da península e a torre aí, de fronte. Mirade o que di do cadro Eva Llorens: 


 

Ora ben, hai só coincidencia temática entre os dous cadros de cabalos bañándose? Nós atreverémonos a dicir que hai máis. Os dous cabalos que ocupan a posición central comparten a cor, un branco á esquerda e outro acastañado á dereita. Na obra do profesor coruñés podemos trazar un eixe de simetría, no medio e medio e vemos que na metade esquerda os cabalos miran para a esquerda mentres que na metade dereita miran para dereita: no cadro de Picasso trazamos a divisoria entre os catro cabalos do primeiro plano e o da esquerda mira para a esquerda e o da dereita mira para a dereita. O cabalo branco picassiano ten un mechón de pelo, unha especie de perrera simpática botada cara a un lado, recorda moito o cabalo branco que aparece na obra de Navarro titulada “Compañeirismo”, obra que presentou na Exposición Universal de Barcelona de 1890 e que orna o despacho do Director da Academia de Cabalaría en 1903 (en: Revista de Caballería: Ano II, 1 de xaneiro de 1903).

 

("Compañeirismo" de R. Navarro)

 Hai unha certa coincidencia cromática: dominan ambas as dúas obras as cores azul, branca, castaña, verde e a cor carne das rochas realistas de Navarro é substituída pola tonalidade amarelo pálido de Picasso. E logo está o marco xeográfico: nós pensamos que a península da torre e a zona contigua (Monte Alto: son como dous promontorios separados pola fenda do areal das Lagoas) están presentes nas dúas obras. Realistamente debuxado en Román, gardando as proporcións reais, porque os cabalos están na cala de san Roque e hai unha distancia dunha certa consideración (en liña recto vén habendo un quilómetro e medio). Mentres que esa xeografía coruñesa está transformada pola distancia no tempo na mente, na lembranza do artista, pero é esa a xeografía que enmarca a escena do baño picassiano. Se enfocamos a vista no ángulo superior esquerda  case podemos imaxinar a silueta da torre de Hércules. Esa xeografía atlántica e galaica o pintor coñeceuna ben. Moi ben. Deixounos un par de mariñas de intenso azul en que esa parte ártabra xoga un papel nuclear.

 

("Torre de Hércules", Picasso 1895)

Como tamén hai diferenzas. Dicía este día o noso amigo, o pintor Martínez Pereira, na xuntanza ou tertulia semanal, falando da influencia posible de Brocos ou de Navarro sobre o neno Picasso que o xenio xorde a partir das diferenciacións (palabras aproximadas). Habelas hainas. As figuras vivas están desprovistas de ataduras (nin roupa nin colares nin fustes nin selas), non hai violencia. A crispación do brazo alzado para someter co látigo no cadro do coruñés é substituída por un dobre aceno de saúdo. Todo sinal de edificación humana brilla pola súa ausencia. Hai unha fermosa simetría na figura da dereita: o home inclina a cabeza cara o animal e o cabalo inclina a cabeza coma se bebese (ou quizais beba: daquela o azul non sería mar, senón auga doce, ou é unha pura licencia poética). Unha sincronía de terra e pel, de colores en harmonía. Unha unidade home e animal nobre que parece darse nun universo silencioso e primixenio. Así podería ser este recanto posiblemente ártabro antes de que se fixesen as murallas, as torres, as casas, os cárceres…


 

Diráseme que hai un problema coa datación. Baño de cabalos está sen datar pero din os expertos que o debeu pintar en 1917. E o de Picasso está datado con anterioridade, en 1906, como dixemos. Pero hai bosquexos. Iso seguro. E deses bosquexos, cantos e cando foron debuxados, nada sabemos. Hai moitos interrogantes abertos sobre o cadro de Román Navarro.

(Cadro de Román Navarro, propiedade do Casino da Coruña. Vese retratada a Cidade Vella)

 

Por exemplo, unha servidora cría en tempos que eses cabalos baixarían do monte de San Pedro de Visma ou de Labañou a bañarse ao mar de San Roque de Afora (se mirades ben arriba á esquerda creo que poderedes ver parte da base da capela dedicada a ese santo avogoso da peste). Pero un artigo da prensa do XIX abriunos os ollos (*). Son cabalos militares, con toda probabilidade da arma de cabalaría da que falamos antes, ao referirnos ao famoso no seu momento Rexemento de Cazadores de Galicia. Así explícase ben que dúas ou tres figuras humanas teñan o mesmo bañador de raias, coma quen loce unha prenda uniformada. Igualmente, puidemos constatar que o gorro dun dos xinetes da esquerda é un gorro militar (agradecemos este dato á xentileza da xefa de negociado do Centro de Historia e Cultura Militar Noroeste, D.ª Sandra Liste Morlán). E ata aquí chegamos por hoxe. Quede talvez para outro día toda unha serie de datos curiosos, anecdóticos pero enriquecedores para sabermos máis da vida coruñesa de hai un cento de anos, sobre a mantenza, compra, oficios que xeraban a existencia de tantos cabalos dese rexemento amentado.

(Detalle: bañadores que posiblemente formen parte da indumentaria militar)

 

(Detalle do baño de cabalos de Navarro, gorro militar)


 

::::::::::::::::::::::::::::::

(*) NOTA:

O artigo de prensa ao que nos referimos é este: 


 

(artigo tirado de: El Orzán, Ano II, nº 419, 21 de maio de 1919. Malia o erro de localización xeográfica, non é a praia da Berbiriana a que aparece no cadro, senón unha das calas de San Roque de Afora, está claro que se refire ao cadro que figura no actual Museo de Belas Artes, o famoso Baño de Cabalos. Habería que modificar o termo ante quem; non é 1920, como figura na información oficial do cadro do museo [sinalan neste arco de tempo para a composición do referido cadro: 1878-1920], senón 1919, é dicir, o cadro tivo que ser pintado en 1919 ou antes de 1919 e non despois).

E en El Orzán, Ano XI Número 3128, 30 de xuño de 1928, lemos (falando do cadro Baño de caballos de Román Navarro): Vimos este cuadro hace lo menos diez años, cuando se expuso en un local que ahora ocupa un café.

 

 

 

 

 

 

 




(Anciáns pintados por Picasso na etapa coruñesa)

luns, 3 de xullo de 2023

A NOSA CASA

 

A NOSA CASA

CONMEMORACIÓN DOS 160 ANOS DE INSTITUTO NA CORUÑA

 

(Foto feita por Pedro Rodríguez Porca)

 

O día 27 de xuño celebramos na nosa casa un entrañable acto de clausura de curso e mais de conmemoración de 160 anos de Instituto de Ensinanza na Coruña. Con ese gallo a catedrática de Xeografía e Historia do noso centro, Dona María Aurora Chavert Díaz, presentou un interesantísimo libro: Instituto Eusebio da Guarda 1890-1950. Ela mesma tomou a palabra para explicarnos brevemente o valor da publicación, especialmente das fotografías, algunhas inéditas, todas dignas de pasar á historia. Honestamente pensamos que este libro merece estar na biblioteca non só de cantas persoas estamos vinculadas dalgunha maneira a este centro histórico, senón tamén daqueles concidadáns interesados na vida e historia da Coruña.

 


 

No acto participaron tres alumnos de terceiro da ESO do Instituto, Artai Miragaia Valencia, Pablo Tomé Cortizas e Aleksander Mkrtychyan, auténticos virtuosos da guitarra e do piano. Agasalláronnos cunha homenaxe ao guitarrista Paco de Lucía e mais cunha composición propia, titulada Choro.

Tamén se dirixiu a nós, o público asistente, a directora do Instituto, Dona María Isabel Ruso de Lago, quen nos ilustrou cunha serie de datos riquísimos e inéditos, con información sobre documentos, planos – en parte froito de xenerosas doazóns recentes- e cadros relacionados coa nosa casa. Anunciou a señora Ruso a súa intención de proceder a un estudo sistemático con vistas a que esa información cobre forma de libro para o ano próximo.

Nas liñas que seguen, estenderémonos en comentarios que toman como punto de partida ou como pretexto fragmentos do libro de María Aurora Chavert.



 

Quixera empezar, se mo permitides, dedicándolle unha lembranza aos canteiros, obreiros e mestre de obras que participaron na construción do edificio, da nosa casa. Unha construción que, como supoñedes, foi carísima. Nas noticias da prensa fálase do orzamento das obras do Instituto, dise que ascenderán a máis de dous millóns (en El Eco de Galicia: revista semanal de ciencias, arte y literatura, nº 77, 16/12/1883). Honremos, agora a memoria de persoas de curta vida, persoas heroicas, persoas humildes que dificilmente saen nas inauguracións oficiais. Que descansen en paz todas elas. A prensa dá conta da morte de Isidoro Arias, golpeado polas ondas contra as penas cando se bañaba en Riazor. Tiña só 22 anos de idade, era canteiro e dísenos que traballaba nas obras do Instituto Da Guarda (en El Eco de Galicia, nº 1013, 17/09/1989). Tamén a prensa relata a heroicidade dun obreiro do Instituto, José Leis Conde, de 18 anos de idade, monfortino, que se lanzou ao mar que baña o Caramanchón ao oír as voces dos nenos que clamaban axuda para un compañeiro de xogos que se estaba afogando pero non chegou a falecer grazas a José Leis (en: El regional: diario de Lugo, nº 117, 25/09/1887).

Nos labores de construción do Instituto traballaron douscentos canteiros:

Tan intenso ha sido el frío que estos días se dejó sentir en La Coruña que los 200 canteros ocupados en las obras del Instituto Da Guarda dejaron el trabajo durante dos días (en: El regional: diario de Lugo, 19 marzo 1887).

E o mestre de obras foi D. Manuel Ferro:

Las obras de construcción del grandioso Instituto da Guarda han sido adjudicadas por este querido patricio al maestro D. Manuel Ferro en la cantidad de 192 á 193.000 duros, comprendiendo, con arreglo á los planos, edificio y enverjado (en: El Anunciador: diario de La Coruña y de Galicia, 07/07/1886).

Ese enreixado que rodeaba a fachada dianteira do Instituto tivo unha vida efémera. Podémolo ver nunha das espléndidas fotografías do libro de María Aurora: 


 

Momento clave na historia da nosa casa é o día da inauguración. Traemos de novo á palestra ese día, da man do xornalista Ricardo Caruncho:

 

(Por cuestión de espazo non aparecen as palabras con que finaliza o acto, pronunciadas por Linares Rivas, con expresivo agradecemento para Eusebio da Guarda)

Con anterioridade tivo lugar a entrega do Instituto ao concello coruñés:

Anteayer á la una, verificóse en el salón de actos del Instituto da Guarda de la Coruña la solemnidad de levantar, por el señor Pérez Porpo [sic, pero é erro por Porto; sabemos que nese momento Pérez Porto é un coñecido notario coruñés], el acta de entrega del edificio por el generoso patricio coruñés al Ayuntamiento de su ciudad natal. En el momento de firmarse el acta, izose el pabellón nacional, hízose una salva de bombas reales, y muchas casas se apresuraron á ostentar colgaduras. A primera hora de la noche, la Reunión de Artesanos obsequió con una serenata al Sr. da Guarda, y éste, á la Comisión de la sociedad que con tal motivo pasó à cumplimentarle, le manifestó que aun acariciaba màs proyectos en beneficio del pueblo de la Coruña (en: Gaceta de Galicia: Diario de Santiago. Decano de la prensa de Compostela, 29/08/1890)

A cesión ao Estado terá lugar no ano 1947 (hai noticia en: El Correo gallego, 2 abril 1947). Como sabedes, a día de hoxe o Instituto depende da Xunta de Galicia (Real Decreto 1763/1982, de 24 de julio, sobre traspaso de funciones y servicios de la Administración del Estado a la Comunidad Autónoma de Galicia en materia de educación).

Desde o primeiro día (tede en conta que aínda non se construíran outros nobres edificios da cidade, tales como o Palacio Municipal, o de Xustiza, o Banco Pastor, a Casa de Correos, a Escola Normal etc.) o edificio do noso centro é cualificado de suntuoso ou considerado un “palacio”:  Que el solar que se ofrece en la calle de Ramón la Sabra reune condiciones, no me cabe la menor duda, puesto que en él se puede edificar un Palacio como el Instituto Da Guarda (palabras de Julio Suárez Ferrín en: Acción Coruñesa, 2 de maio 1921).

Desde a súa inauguración a nosa casa aparece constantemente na prensa e na vida pública coruñesa: é visitada por viaxeiros, turistas e ilustres personalidades (da visita dos Reis ao Instituto dá conta El Correo de Lugo, nº 318 (24/08/1900):

Terminado el magnífico Instituto da Guarda, se procurará que durante las fiestas de “Maria Pita” pueda ser visitado por los forasteros, mediante tarjeta (en: Gaceta de Galicia: Diario de Santiago, 18/07/1890)

Así lo reclama el embellecimiento de la población, que verdaderamente es vergonzoso, que semejante asqueroso casucho, se halle inmediato al elegante “Instituto da Guarda” tan visitado de forasteros (en: El Duende: Semanario satírico, defensor de las clases productoras, utile et dulces, 2 de outubro de 1892).

Ao igual ca hoxe, é núcleo neurálxico da sociedade herculina: aquí celébranse congresos, exposicións, festas de fin de curso. É un auténtico escaparate da vida urbana coruñesa. Poñamos algúns exempliños:

Na Segunda Exposición de Arte Gallego que se celebrou no Palacio Municipal, o pintor Sotomayor toma a palabra e relembra a celebración da primeira exposición, en 1912 e di que se celebrara no Instituto da Guarda (en: El Ideal gallego, nº 140, 27/08/1917)

Reunión da sociedade Subalterno: del Estado (El Eco de Galicia, 31/08/1912).

En una de las aulas del Instituto Da Guarda se reunieron anteayer los empleados de Hacienda dependientes de la Delegación de esta provincia, con objeto de Tratar de asuntos relacionados con las mejoras de la clase (en: El Diario de Pontevedra, 30 outubro 1913).

Recepción a excursionistas-exploradores con merenda ofrecida pola esposa do catedrático de agricultura, Hernansáez (El Eco de Galicia, nº 2479, 06/07/1914). Previamente pasaran revista os exploradores no xardín posterior do Instituto.


 

(Foto tirada do libro de A. Chavert. É a recepción á tuna ovetense e o espazo correspóndese coa biblioteca situada no primeiro piso. Aquí sería verosimilmente onde a señora Hernansáez serviría a merenda aos congresistas)

 

II Congreso Penitenciario (El Diario de Pontevedra, 1 agosto 1914).

Reunión no salón de actos da Comisión de codificación (reúnde representantes das catro deputacións, dos colexios de avogados e do colexio notarial) e os puntos para discutir son Foros, Apariencia y Estudio de la Sociedad familiar gallega (en: El Eco de Galicia, nº 2713, 21 de feb. De 1915).

Exposición de frutas, plantas y flores que organizó la Cámara Agrícola (en: El Diario de Pontevedra, 17 outubro 1921).

Hai un interesante artigo de Amor Meilán titulado Riquezas Regionales. Los Mármoles de Sasdónigas, mármores mindonieneses que chaman a súa atención cando visita a Feria de Muestrario instalada no Instituto da Guarda (en: Eco de Galicia: revista ilustrada y de información de la colonia gallega en Cuba, nº 215, 18 de maio de 1924).

Congreso Regional Pedagógico que reuniu durante varios días ao Maxisterio de Galicia Domecq en Galicia: revista mensual, nº 11, 1 nov. 1926. 

(Foto do Congreso Pedagóxico tirada de Internet. Está tomada no Salón de Actos do Instituto)

 

Podía dicirse que a nosa casa non daba abasto. Aquí residía e residiu durante décadas a Biblioteca Pública, estivo a Escola de Maxisterio, quixeron instalar a Escola de Comercio (quede este dato para outra entrega, polo interese persoal que temos no tema, por ser o noso pai alumno dese centro), estivo instalada a Comisión Provincial de Monumentos… Houbo un momento en que se pensou en botar un piso máis, cousa que, afortunadamente, non chegou a facerse (podedes imaxinar como sería de feo e inadecuado o resultado: tamén para a Casa Cornide se pensou en aumentar o espazo en altura e sería outro crime estético-arquitectónico; diso falou co gallo da presentación da revista Cornide nº 4 o eximio coñecedor da Coruña histórica, o profesor universitario A. Vigo Trasancos, pero ese é outro tema…). Incluso se pensou en situar aquí un museo:

hai un interesante artigo-editorial da revista que dirixe Galo Salinas sobre a necesidade que ten a nosa cidade dun digno Museo arqueolóxico e de pintura. Unha reclamación que moitos de nós subscribimos no s. XXI, no tocante a un Museo Arqueolóxico Provincial na nosa cidade,  por mor dos múltiples hallazgos arqueológicos verificados en la Coruña -palabras literais da editorial do século XIX-. Nese artigo lemos estas palabras relativas ao noso Instituto: hoy por hoy, y dado el lugar que ocupan los cuadros en el Instituto da Guarda, viene á ser como si no existiesen, por su mala colocación, respecto á luz, y por lo impropio del lugar que ocupan. A espaldas del Instituto hay sitio de no encontrar otro mejor, para la construcción del edificio museo (en: Revista gallega: semanario de literature e intereses regionales, nº 131, 12 setembro 1897).

Noticia sobre a Normal: Hai medo de que leven fóra da Coruña a Normal. Lemos na prensa: En la Coruña funciona una Escuela de Náutica y nada percibe para material, edificio y personal administrativo. ¿No podía suceder otro tanto con la Normal de Maestros instalada en el Instituto da Guarda? (El Eco de Galicia, nº 2548, 13/09/1914). Non debeu estar moito tempo a Normal aquí: na década dos 20 vémola instalada nunha casa de María Pita, incómoda e deficitariamente instalada, engadiremos:

En la Escuela Normal, se recojen durante toda la mañana, de 60 a 70 alumnas en cada clase, en locales que solo tienen cubicación para domicilio particular (en: Acción coruñesa, 2 xaneiro 1922).

Non é de estrañar que nos actos de final de curso veñan retratarse ao noso Instituto, que tamén foi a súa casa.

 

(Foto do libro de A. Chavert. Promoción de Maxisterio. Están no xardín do Instituto)

 

Pero non só atrae visitantes e recibe atención da prensa pola beleza (hoxe en día discutible para moitos expertos historiadores e arquitectos) e amplitude do edificio: tamén pola riqueza que alberga no interior. O profesor de moitos de vós e colega noso, D. Xulio Cuba Orosa dixo no seu día que o principal capital do Instituto ‘Eusebio da Guarda’ é o capital humano. Importantes palabras. Valen para o pasado: Aurora Chavert ofrece no seu libro a que, polo de agora, é a foto máis antiga tirada no interior do Instituto: son expedicionarios, tribunicios fanse chamar, que son fotografados por Morais na estanza que dá acceso ao observatorio meteorolóxico. 

 

(Do libro de A. Chavert)

(A excursión tribunicia:

A excursión foi organizada por Alejandro Pérez Lugín, xornalista de “La Tribuna” de Madrid. No tren viñan uns 500 excursionistas e foron recibidos en varios puntos de Galicia con verdadeiro entusiasmo popular. A prensa dinos que o xornalista galego A. Barreiro Noya foi a alma desta excursión. Entre outros, viña entre os excursionistas o pintor J. Romero de Torres. Fixeron excursións aos Caneiros, en barcas engalanadas polo artista coruñés Camilo Díaz (Gaceta de Galicia, 8 agosto 1912). Na carta -datada o 20 de agosto- de agradecemento que, tras a excursión, recibiu El Eco de Galicia, asinan os seguintes membros da expedición: Eduardo Bermúdez, Ángel Irañeta, Esteban Areal, Manuel Garrido, Enrique López, Ricardo Flores, Julio Romero de Torres, Manuel Tovar, Félix Lasheras e José Blanco (El Eco de Galicia, 21 agosto 1912))


 

Eis a ciencia! Na charla do día 27 Chavert fixo fincapé na contribución científica do profesor do Instituto V. López Seoane. Os visitantes primeiros á nosa casa eran sorprendidos polos logros científicos daquel insigne profesorado.


 

 


Un derradeiro aspecto que tocaremos no día de hoxe sobre os distintos usos de que foi obxecto a nosa casa é lutuoso. Aquí instaláronse varias capelas ardentes. Funcionou o Instituto como casa mortuoria. E noutros enterros, sabemos que aquí paraban, ou de aquí partían. No que nós sabemos falta un estudo sistemático deste tema e non podemos concluír que clases sociais usaban de tales servizos no Instituto. Entre os falecidos que por aquí pasaron documentamos un conserxe do centro, a viúva dun militar de artillaría, unha cidadá da que pouco sabemos e logo documentamos unha serie de persoeiros ilustres: Aureliano Linares Rivas, Eusebio da Guarda (sen capela ardente dentro), Juan Fernández Latorre… Ignoramos cantas máis persoas importantes vinculadas á nosa casa tamén serían protagonistas de tales honras fúnebres, pensamos en profesores como Pérez Ballesteros, Hernansáez, Navarro, Brañas… tan unidos á Coruña. E non dubidamos de que Modesta Goucouría, cuxo enterro non desmereceu ao do esposo, tamén tería aquí a capela ardente, pero morreu cando o edificio aínda estaba en construción. 

 

(Foto do libro de A. Chavert. Posiblemente data de 1912 e talvez se trate, di a nosa docta colega, do enterro de D. Juan Fernández Latorre)

 

El pueblo de la Coruña, que arde en deseos de demostrar á su ilustre convecino, D. Eusebio da Guarda, el afecto sin límites y admiración que le profesa, aprovechó una ocasión bien triste, pero única que se le ofrecía, para probar su cariño al que lo proteje. Era las seis de la tarde la hora anunciada para conducir los restos mortales de la Sra. D.ª Modesta Goicouria. El comercio todo cerró sus puertas y por la calle Real era imposible transitar. Formaban á la cabeza de la fúnebre comitiva los pobres todos del Asilo municipal. Mujeres y hombres, ancianos y niños; seguían cuatro estandartes de diferentes cofradías, los obreros empleados en las obras del instituto Da Guarda y la música de Zamora. Detrás de ésta venia el coche de primera que encerraba el cadáver, numeroso clero, presidido por el párroco de San Jorge, la orquesta y voces de capilla, la corporación municipal en pleno, con los maceros y el gobernador de la provincia, y luego… Luego toda la Coruña marchando á su cabeza el capitan general, el segundo cabo, el presidente de la audiencia, el senador señor Moral, los miembros de la Cámara de Comercio, profesores de la escuela de Bellas Artes, escuela de Comercio é Instituto y representantes de todos los periódicos. Llevaban los cordones del féretro, encima del cual veíase una hermosa corona, los Sres. Barrié, Llanos, Pan (D. J.) y Montero. Cerraban la marcha la música de Reus y 20 lujosos carruajes.(en: El Eco de Galicia: diario de la tarde, nº 91, 18 maio 1889).

El Sr. Da Guarda hizo constar su deseo de que la comitiva pasase por frenta al Instituto, á lo cual sin duda habrá de accederse. En este caso el entierro cruzará por los Cantones dirijiéndose luego por la calle de Sánchez Bregas [sic] á aquel edificio. Penetrará por una de las puertas de la verja que lo circunda y saldrá por otra. Luego se encaminará por la calle de San Andres á la capilla de su mismo nombre. (en: El Alcance, nº 63, 22/03/1897).

Linares Rivas: [Desde la estación do tren] Toda la comitiva se puso en marcha hacia el Instituto. Público inmenso se agolpaba ante la fachada del Instituto Da Guarda cuando allí llegó la comitiva. Ante la escalinata que da acceso al edificio se detuvo la carroza mortuoria. Detrás, formó toda la larga fila de coches […]. El Instituto ostentaba paños negros en su fachada. La bandera nacional estaba arbolada á media asta. Las grandes farolas del vestíbulo aparecían cubiertas con amplios crespones. El pesado féretro fue sacado en hombros […] (logo depositado con moita pompa no salón de actos do Instituto, (en: Gaceta de Galicia: Diario de Santiago, 04/04/1903).

Dona Sara Mendía Castro, esquela con casa mortuoria: Instituto Da Guarda (en: El Ideal gallego, 8 nov. 1917).

Necrolóxica: Don Cipriano Zamora de los Ríos. Conserje del Instituto Da Guarda. Casa mortuoria: Instituto Da Guarda (en: El Ideal Gallego, 26 feb. 1929).

O enterro de David Fernández Diéguez, do que nos fixemos eco neste blog. Ano 1936.

Capela ardente instalada no Instituto do cóengo José Sánchez Mosquera, “director” do Instituto (El Ideal Gallego, 15 maio 1941) (director é como o chama o xornalista, nós cremos que era o “director espiritual”, porque o director aos outros efectos debía ser Antonio Bermejo de la Rica).

 

 

(Foto do libro de A. Chavert. Aí, en primeira fila, vemos o señor Sánchez Mosquera)

Ata aquí chegamos por hoxe. Longos anos de vida ao noso Instituto e en xeral ao ensino público. Feliz mes de Santiago!