xoves, 26 de marzo de 2020

COLABORACIÓNS ESPECIAIS


CONCURSO PRINCESA DE GIRONA



(Todas as fotos nolas pasou a nosa alumna María Vázquez Arjomil, a quen relembramos cando cursaba a ESO como espléndida participante no Club de Lectura. A foto superior saíu xa na prensa e nela podemos ver a Raíña de España e ao seu carón, o Presidente da Xunta de Galicia e o Vicepresidente do Goberno de España)

O venres 28 de febreiro, oito alumnos de 1º de Bacharelato do IESP Eusebio da Guarda participamos nun concurso a nivel autonómico. A nosa directora propúxonolo e todos aceptamos de boa gana, para así desconectar un pouco dos exames finais que tiñamos á volta da esquina. Foi promovido pola fundación Princesa de Girona e nel lanzouse un reto social co tema “ideas para evitar a soidade das persoas maiores”. 

(De esquerda á dereita: Noa Ferreño, Uxía Carrero, Marcos Quiroga e Alejandro Brenlla)


O día anterior quedaramos todos no insti para decidir cal sería a nosa idea e como a presentariamos no certame, pero as ideas que xurdiron no “brainstorm” non foron satisfactorias, e marchamos para casa coas mans baldeiras. Cando chegamos á Ágora, onde se celebraba o evento, estabamos rodeados de rapaces e rapazas da nosa idade e maiores ca nós de toda Galicia. Ó ver tanta xente, non contabamos con gañar nada xa que a nosa idea era máis ben mediocre, pero decidimos que iamos gozar ó máximo da experiencia. Mandáronnos sentar cada grupo arredor dunha caixa enorme de cartón duro e volvemos  pensar algunhas innovacións para mellorar a nosa idea principal. De súpeto, acendéusenos a lámpada e atopamos a idea definitiva. Pensamos: se unha das opcións máis utilizadas e consideradas máis seguras pola sociedade son os seguros de vida, por que non ter a garantía de recibir compañía cando máis a necesites? 



E así naceu “Pycassus: seguro de compañía”. Paseniño, fomos clasificándonos ata ser seleccionados entre as dúas mellores opcións presentadas. Chegados a este punto tivemos que explicala diante de todo o auditorio, cheo de rapaces e dos invitados de honra como S. M. a raíña Leticia ou o presidente da fundación. Ó final o noso proxecto foi o elixido polo voto do público como o gañador! Estabamos sorprendidísimos! 



O mellor veu despois: a fundación nomeou ó gañador do premio social. Estes premios buscan recoñecer a traxectoria persoal e profesional de rapaces de entre 16 y 35 anos que destacaran polo seu traballo, os seus méritos e a súa exemplaridade. O merecedor do premio foi Guillermo Martínez, quen deseña e envía próteses impresas en 3D a persoas sen recursos de calquera parte do mundo a través do seu proxecto “Ayúdame3D”.

 

 


Ó finalizar o acto, algúns xornalistas presentes comezaron a facernos entrevistas, e aparecemos en varios medios de comunicación como La Voz de Galicia ou La Opinión, e sacamos unha foto coa raíña. Como premio, recibimos unha viaxe a Barcelona para asistir á entrega de premios de todos os premiados. En conclusión, foi unha experiencia xenial e moi enriquecedora, xa que nos axudou a encontrar a mellor solución a un problema nun espazo moi reducido de tempo, sacando o mellor de nós á superficie. Un último consello: apuntádevos sempre a estas actividades porque o máis inesperado sempre pode pasar!

María Vázquez Arjomil, alumna de 1º de Bacharelato do IESP ‘Eusebio da Guarda'. A Coruña.












(De esquerda á dereita: Luis Estévez, Sabela Rodríguez, María Vázquez e Laura Valles)
::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::
::::
Nota:
PRINCESA DE XIRONA
O primeiro en deter este título é Xoán I de Aragón (1350-1396), alcumado Amador de toda xentileza: era fillo de Pedro IV e de Leonor de Sicilia. Xa vedes que simetría curiosa: unha Leonor entra en danza cando falamos do primeiro nobre co título xirundés e unha nova Leonor está presente no último ou actual. Aquel Xoán era, entre outras titulacións, Duque de Xirona, e servía -de igual maneira que segue servindo na monarquía española do século XXI- para identificar o herdeiro, daquela á coroa de Aragón. Este Xoán casou dúas veces con mulleres de nomes fermosos: Marta de Armañac (na miña familia algún membro gusta en ocasións especiais de beber un armañac) e Violante de Bar. Tivo sete fillos (e varias fillas, pero nesa parte da península só contaban os homes para herdar, rexía a rei sálica) pero como todos morreron antes ca el, sucedeulle no trono o seu irmán, outro rei con bonito alcume: Martín I o humano. Unha servidora relembra da súa última viaxe a Barcelona unha placa a este Martín dedicada, non sei se rúa ou praza xa…
Xirona asóciase para sempre na mente de moitos de nós, amantes da boa literatura, ao nome do derradeiro gran trobador en lingua provenzal, Cerverí de Girona. Agora que estamos confinados no desterro interior e teoricamente dispoñemos de moito tempo para ilustrarnos, quizais sexa o momento de adentrarnos en maior ou menor grao no coñecemento da súa obra. Foi un home culto, sensible ao Amor, viaxeiro, coñeceu a corte do rei Sabio, enchoupouse das nosas cantigas de amigo, é o autor dunha rara avis, unha viadeyra, amou tamén os proverbios, foi contemporáneo doutro grande levantino Ramón Llull, as variantes do seu nome (Cerverí de Girona e/ou  Guillem de Cervera) foron obxecto dunha polémica filolóxica entre dous pesos pesados cataláns da filoloxía (Martí de Riquer e Joan Coromines)… En fin, aconséllovos que como mínimo leades un riquísimo artigo daquel, o noso sempre admirado M. de Riquer, dispoñible na rede: ASPECTOS DE  LA LÍRICA  DE  CERVERÍ  DE GIRONA POR MARTÍN  DE  RIQUER (https://dugi-doc.udg.edu/bitstream/handle/10256/5963/53323.pdf?sequence=1&isAllowed=y)
 (Nota de Mª Rosario Soto Arias)




mércores, 11 de marzo de 2020

VISITANDO


VISITANDO ALABAMA I

 (Fotografía de James "Spider" Martin, 1965. Está no Museo de Arte de Birmingham, Alabama. Chamo a vosa atención sobre a bandeira, a de Alabama, que parece estar inspirada na de Florida, coa cruz do santo André, a de Borgoña, que foi usada durante anos como bandeira de España e que inda conserva, por exemplo, a garda real española)

 

(A xente de Alabama é sumamente hospitalaria. A xente deste estado tamén sabe ser valerosa. A acción histórica de Rosa Park tivera lugar un ano antes de ser tomada esta fotografía, en 1955, e fora na capital de Alabama, Montgomery)


O primeiro que chama a nosa atención é o verdor, a paisaxe verde, e agora no inverno, a nudez soberbia, esguía, das árbores. Sabedes moitos de vós que teño un netiño nacido aquí. Paso un certo tempo xogando con el, e un dos seus xoguetes favoritos meus é un de encaixar pezas no oco correspondente nun rectángulo de madeira. Cada peza, tamén de madeira, é unha folla de árbore: aprendo nomes bonitos: ash (e penso que se simplificou ao máximo a forma latina (fr)ax(inus), aspen (e penso ‘que me aspen’), maple (por aquí hai moitísimas cousas que levan precisamente xirope de arce), alder (e penso na raíz de aliso e no d  de bido), walnut etc. Desde a galería posterior da casa vexo o solpor: normalmente unha franxa horizantal de ouro que se estende á altura da metade da cristaleira. Entre fraga e fraga as urbanizacións, as casas individuais, moitas de madeira, outras de ladrillo, moitas con bufardas, todas co seu anaquiño de céspede máis ou menos coidado, non vexo moita xardinería, inda que Birmingham ten un espléndico xardín botánico. Hai urbanizacións (non sei se será a verba axeitada, aquí chámanlles drivers, son como barriadas pero sempre coa casa individual) de tipo medio, a maioría das que eu vin, hainas como degradadas, máis pobres -oín o concepto de trush white, creo recordar que é un concepto vello, sóame do libro famoso de Margaret Mitchell- e hainas de xente rica, casas preciosas de estilo victoriano, din por estes lares, estas non son de profesores de instituto, si poden ser de doutores en medicina. Como en case todas as partes, aquí nótanse moito as diferenzas sociais (1). 


 (Por aquí xogan moito ao "cornhole" -mirade na wikipedia onde está ben explicado o xogo. Tamén xogan nos espazos habilitados con herba, verdadeiros centros de reunión de familia e amigos, das cervexarías)

Esta mañá, mentres conducía desde a cidade á casa, pregunteille a Suso, e logo, con tanta árbore, onde se supón que están as plantacións de algodón do sur? -Pois estarán máis ao sur do estado, supoño… Nós estamos xa preto do comezo dos Apalaches…  Algodón haber haino, no museo estupendo de Birmingham podes comprar calcetíns chuliños feitos con auténtico algodón de Alabama, un recordo orixinal e práctico. Unha característica que se pode observar tamén por estes territorios é o amor polos pets, os animais domésticos. Na maioría das casas hai cans e/ou gatos. Na nosa hai dous e dous (Nano, Leo, Buddy e Grey). Nas nosas aldeas galegas tamén hai diso, pero no que eu sei, dormen fóra da casa. Este día quedei soa e ladraban coma descosidos. Non me deixaron ver a peli que quería ver, Incepted. Non estou moi versada en como tratalos… Suso traballa en Atlanta pero di que lle gusta máis Birmingham para vivir, é como máis “vivible”, hai un bo ambiente e a xente xúntase moito por exemplo nas brewerys (asimilable a raíz á da nosa beberaxe) para tomar unhas birras e petiscar algo mentres escoitas boa música. A cervexa en Alabama é punto e á parte, moi moi boa, e fabrícana aquí mesmo, hai varias fábricas (se vindes por aquí algún día, vouvos recomendar a miña favorita, fabricada no propio Birmingham, Light Visions). Esta mañá fun a unha que levou premios e está situada, a cerveixa que fan, entre as mellores de todo o país. Os nomes que lle poñen tamén son guapos, e podes pedir unha cata. Daquela sérvenche 4 vasiños. Logo busco fotos.



 (Os vasiños das típicas catas de cerveixa, soen ir de sabores máis lixeiros ao máis intensos, con café ou cacao ou menta...)

(A música: aquí estabamos nunha cabana -Gip's-, un lugar de reunión onde se facía blues -Blues joint-, un dos últimos lugares, xa pechado. Gip tiña uns cen anos, o fundador. Logo compramos un disco del, de Sam Frazier Jr., "Take me back")

(Outra actuación, soberbia, na mesma cabana, Gip's)

(Solpor nunha cervexaría de Birmingham, Alabama. A xente xúntase e toca bluegrass...)

(Din que aquí, en Nashville, outro estado -Tennessee-, naceu o bluegrass...)

Preto da casa hai un moll -non usan esa palabra, usan máis store- estupendamente surtido de comida, e de viño. Unha moi boa selección de viños. De California, de Oregón, pero tamén viños europeos. Caros, iso si. Deixas unha pasta. Pero aquí se traballa tan duro, se tira un tantas horas no coche volvendo a casa, que unha copa de bo viño se presenta ao final do día coma unha chamada á alegría de sabernos vivos. No coche podes conectar as emisoras que queiras, con leria relixiosa todo o santo día, ou con leria política tamén a fartar, e logo está a música. Persoalmente gústame case toda a música que lles gusta aquí aos que me rodean (2): bluegrass, blues (cada vez hai menos bluesman, e os que van quedando son vellos; os seus descendentes optan polo hip hop e outras herbas… ves claramente que a música coma calquera arte, coma a literatura por exemplo, é unha creación humana fortemente vinculada a un contexto determinado, que facilita ou bloquea o seu desenvolvemento), folk etc. E hai cidades fortemente musicais, coma Nashville (moito nos gustou); tamén hai espléndidas voces femininas que unha servidora antes descoñecía… Polo de agora non atopei moitos españois, pero si xente que fala español, por exemplo na aduana do aeroporto e non sabedes que gusto no trato, que afortunada me sinto cando topo falantes que me facilitan a vida… En Atlanta fomos xantar unha pasta exquisita e maitre ou o que fose era un brasileiro que vivira anos en Bolivia e tamén se comunicou connosco en español. Xa me dixo Caleb que xente que fala español habela haina, o que non hai -dixo el- é españois de España. Seguiremos aínda…


 (Foto de Xácome diante da entrada do famoso teatro de Birmingham)

(Vulcano é o símbolo de Birmingham, a cidade máis importante de Alabama, que cumpriu xa 200 anos -en 2019-, e que naceu grazas á minería do ferro das montañas circundantes)




Notas:

(1) Leo nunha reportaxe do New York Times asinada por un prestixioso sociólogo Matthew Desmond, Premio Pulitzer 2017, estes datos esclarecedores, a propósito das desigualdades sociais neste país: In the United States, the richest 1 percent of Americans own 40 percent of the country’s wealth, while a larger share of working-age people (18-65) live in poverty than in any other nation belonging to the Organization for Economic Cooperation and Development (O.E.C.D.). (en: https://www.nytimes.com/interactive/2019/08/14/magazine/slavery-capitalism.html).

 (2) Canto á música, sería o conto de nunca acabar dicirvos todo o que me gustou… Pero voume atrever. Deberiades buscar algo, como mínimo, de: Shovels and rope (son de Carolina do Sur), de Shakey Graves (son texanos), de The Secret Sisters (son de Alabama) e por suposto, indo máis ao norte, resulta imprescindible coñecer a Brandi Carlile (é de Seattle).
::::::::::::::::::::::::::