CONCURSO PRINCESA DE GIRONA
(Todas as fotos nolas pasou a nosa alumna María Vázquez Arjomil, a quen relembramos cando cursaba a ESO como espléndida participante no Club de Lectura. A foto superior saíu xa na prensa e nela podemos ver a Raíña de España e ao seu carón, o Presidente da Xunta de Galicia e o Vicepresidente do Goberno de España)
O venres 28 de febreiro, oito
alumnos de 1º de Bacharelato do IESP Eusebio da Guarda participamos nun
concurso a nivel autonómico. A nosa directora propúxonolo e todos aceptamos de
boa gana, para así desconectar un pouco dos exames finais que tiñamos á volta
da esquina. Foi promovido pola fundación Princesa de Girona e nel lanzouse un reto
social co tema “ideas para evitar a soidade das persoas maiores”.
(De esquerda á dereita: Noa Ferreño, Uxía Carrero, Marcos Quiroga e Alejandro Brenlla)
O día anterior quedaramos todos
no insti para decidir cal sería a nosa idea e como a presentariamos no certame,
pero as ideas que xurdiron no “brainstorm” non foron satisfactorias,
e marchamos para casa coas mans baldeiras. Cando chegamos á Ágora, onde se
celebraba o evento, estabamos rodeados de rapaces e rapazas da nosa idade e
maiores ca nós de toda Galicia. Ó ver tanta xente, non contabamos con gañar nada
xa que a nosa idea era máis ben mediocre, pero decidimos que iamos gozar ó
máximo da experiencia. Mandáronnos sentar cada grupo arredor dunha caixa enorme
de cartón duro e volvemos pensar
algunhas innovacións para mellorar a nosa idea principal. De súpeto,
acendéusenos a lámpada e atopamos a idea definitiva. Pensamos: se unha das
opcións máis utilizadas e consideradas máis seguras pola sociedade son os
seguros de vida, por que non ter a garantía de recibir compañía cando máis a
necesites?
E así naceu “Pycassus: seguro de compañía”. Paseniño, fomos
clasificándonos ata ser seleccionados entre as dúas mellores opcións
presentadas. Chegados a este punto tivemos que explicala diante de todo o
auditorio, cheo de rapaces e dos invitados de honra como S. M. a raíña Leticia
ou o presidente da fundación. Ó final o noso proxecto foi o elixido polo voto do público como o gañador!
Estabamos sorprendidísimos!
O mellor veu despois: a fundación nomeou ó gañador do premio social. Estes premios buscan recoñecer a traxectoria persoal e profesional de rapaces de entre 16 y 35 anos que destacaran polo seu traballo, os seus méritos e a súa exemplaridade. O merecedor do premio foi Guillermo Martínez, quen deseña e envía próteses impresas en 3D a persoas sen recursos de calquera parte do mundo a través do seu proxecto “Ayúdame3D”.
Ó finalizar o acto, algúns xornalistas presentes comezaron
a facernos entrevistas, e aparecemos en varios medios de comunicación como La Voz de Galicia ou
La Opinión, e sacamos unha foto coa raíña. Como premio, recibimos unha viaxe a
Barcelona para asistir á entrega de premios de todos os premiados. En conclusión,
foi unha experiencia xenial e moi enriquecedora, xa que nos axudou a encontrar
a mellor solución a un problema nun espazo moi reducido de tempo, sacando o
mellor de nós á superficie. Un último consello: apuntádevos sempre a estas
actividades porque o máis inesperado sempre pode pasar!
(De esquerda á dereita: Luis Estévez, Sabela Rodríguez, María Vázquez e Laura Valles)
::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::
::::
Nota:
PRINCESA DE XIRONA
O primeiro en deter este título é
Xoán I de Aragón (1350-1396), alcumado Amador de toda xentileza: era
fillo de Pedro IV e de Leonor de Sicilia. Xa vedes que simetría curiosa: unha
Leonor entra en danza cando falamos do primeiro nobre co título xirundés e unha
nova Leonor está presente no último ou actual. Aquel Xoán era, entre outras
titulacións, Duque de Xirona, e servía -de igual maneira que segue servindo na
monarquía española do século XXI- para identificar o herdeiro, daquela á coroa
de Aragón. Este Xoán casou dúas veces con mulleres de nomes fermosos: Marta de
Armañac (na miña familia algún membro gusta en ocasións especiais de beber un armañac)
e Violante de Bar. Tivo sete fillos (e varias fillas, pero nesa parte da
península só contaban os homes para herdar, rexía a rei sálica) pero como todos
morreron antes ca el, sucedeulle no trono o seu irmán, outro rei con bonito
alcume: Martín I o humano. Unha servidora relembra da súa última viaxe a
Barcelona unha placa a este Martín dedicada, non sei se rúa ou praza xa…
Xirona asóciase para sempre na
mente de moitos de nós, amantes da boa literatura, ao nome do derradeiro gran
trobador en lingua provenzal, Cerverí de Girona. Agora que estamos confinados
no desterro interior e teoricamente dispoñemos de moito tempo para ilustrarnos,
quizais sexa o momento de adentrarnos en maior ou menor grao no coñecemento da
súa obra. Foi un home culto, sensible ao Amor, viaxeiro, coñeceu a corte do rei
Sabio, enchoupouse das nosas cantigas de amigo, é o autor dunha rara avis, unha
viadeyra, amou tamén os proverbios, foi contemporáneo doutro grande
levantino Ramón Llull, as variantes do seu nome (Cerverí de Girona e/ou Guillem de Cervera) foron obxecto dunha
polémica filolóxica entre dous pesos pesados cataláns da filoloxía (Martí de
Riquer e Joan Coromines)… En fin, aconséllovos que como mínimo leades un riquísimo
artigo daquel, o noso sempre admirado M. de Riquer, dispoñible na rede: ASPECTOS
DE LA LÍRICA DE
CERVERÍ DE GIRONA POR
MARTÍN DE RIQUER (https://dugi-doc.udg.edu/bitstream/handle/10256/5963/53323.pdf?sequence=1&isAllowed=y)
(Nota de Mª Rosario Soto Arias)
Ningún comentario:
Publicar un comentario