xoves, 21 de xullo de 2022

COLABORACIÓNS ESPECIAIS

“Meu Córgomo de Valdeorras

é bocarribeira clara…”

(Galicia infinda)

Florencio Delgado Gurriarán, de Córgomo a México

Dulce Fernández Graña.

Poeta da súa terra e das súas terras, a de nacencia e a de acollida. Un percorrido pola poesía de Florencio Delgado Gurriarán guíanos polas súas vivencias e preocupacións ao longo da vida, os seus lugares, os seus amores e tamén as súas aversións. Podemos atopala recollida en tres volumes, Bebedeira, Galicia infinda, O soño do guieiro (Galaxia, 2021, ed. Dulce Fdz. Graña), ou compendiada nun único volume, con edición anotada e precedida dun estudo crítico (Obra poética, Xerais, 2022, ed. Xosé Ramón Pena).

 


 

A obra de Gurriarán ábrenos camiño a través do costumismo, neotrobadorismo e hilozoísmo de Bebedeira, obra primeira que converte en poesía a natureza (“Cousas do outono”, “Ruada”) e os lugares dos amores primeiros (“Arelas”, “Quince anos”) e as vellas tradicións (“Cantiga da vendima”, “Muiñada”, “Festas. Folión de verán”) vividas por Florencio na infancia e xuventude. Na sentida homenaxe que manifesta n’ O soño do guieiro  nos poemas dedicados aos seus máis admirados persoeiros (Castelao, Rosalía, Curros, Celso Emilio Ferreiro entre outros), combínanse as súas paixóns máis ardentes polas terras, a música, o baile (“Descordo do sin e do non”, “Poemiñas da terra asolagada”), coa repulsa máis profunda á represión do fascismo, e a todo o que este representa (“As cabalgadas de Farrucón Farruquiño”, “Levan a Cristo por fóra”), posicionándose inequivocamente como defensor da lingua (“Falan castelán”, “Louvanza dos nomes enxebres”). Nesta liña da poesía social manifesta o autor unha inquedanza precursora do ecoloxismo actual, ao denunciar a desaparición dos soutos e a invasión dos eucaliptos (“Tristeza do souto mudo”).

Entre unha e outra obra sitúase Galicia infinda, que incorpora como nova liña temática a reflexión sobre o país con “elástica fronteira” por mor do exilio e a emigración, incluída a do autor. Engadida á da propia terra,  percíbese nesta obra a querenza polo país que o recibiu, os ritmos, bailes, vexetación, beleza, dun México exuberante que engaiola ao exiliado, acolléndoo para curar as feridas da guerra (“Morelia”, “Atotonilco”, “Paricutín”, “Tabachín”).  A carón dos poemas mexicanos, ábrese paso a idea do retorno á terra (“Volta”). Esta variedade de liñas poéticas entrecrúzase, asoman unhas  e ocúltanse outras, convivindo e sen chegaren a desaparecer por completo en ningún dos tres libros, malia que en cada un se produza un predominio dunha sobre as outras. 

(Mapa antigo de 'Nova Galicia', México, cantada polo noso poeta. Dinos o historiador Tello: "O 25 de xullo de 1540 foi cando se cambiou a cidade de 'Santiago de Galicia de Compostela' á súa situación actual; durante a época colonial a poboación foi coñecida como 'Compostela de Indias'. Actualmente coñécese como Compostela e forma parte do estado de Nayarit" -tradución ao galego nosa).

 

Quen se aproxima á obra de Gurriarán fica envolto decontado na musicalidade dos seus versos (“Rumba”, “Nocturno da noiva jarocha”, “Xarope Tapatío”) e por veces devolto aos xogos da infancia (“Domadora de serpes”). Sérvese de variedade de metros e rimas, xogos coa disposición dos versos no poema, explorando camiños cara ao caligrama, e asemade a harmonía no ritmo dos textos que fan bailar a quen le, mesmo nas pasaxes en prosa (“Asasinos”).

A lingua de Gurriarán é sincera, espontánea e enxebre, cun léxico ricaz acugulado de formas dialectais que en moitas ocasións evidencian con fachenda a súa orixe valdeorresa (teis, maus, choupís, dragós, morreno, riu). Caracochas, cepeiras, vidras e castiros campan polos poemas sobre a natureza, ademais de multitude de aves (pinchaflores, chinchos, milpéndoras, mostaceiras) e outros animais (recoteixo, boi, besta, cobra, andoriña); verbos moi específicos como apadumar, apouvigar, escozomelar,  estordegar, remelar e adrolar choutan de verso en verso. En ocasións, atopamos variantes dun mesmo vocábulo, como a tradicional reiseñores e mais a provenzalizante roxinois; e outras, a utilización de vocabulario específico ou de certas expresións, chega a dificultar a comprensión do texto (andar ao bago relú -ao rebusco-, froxar –recuar-, ralvar –saltar, cambai brunedo –capa escura-).

Ao longo destas tres breves obras poéticas observamos a proliferación de hiperenxebrismos (crara, paisán, fror), arcaísmos (ren, vegada), lusismos (respeito, sin, aldeia, xaruto, floresce), vulgarismos (eistranxeiro, arbres, probe, repinican, antre, a iauga) mais pola contra, escasean os castelanismos (escravitú, baraxa), que poñen de relevo o coidado na escolla do vocabulario, buscando a enxebreza e fuxindo da influencia do castelán, así como a reflexión previa á escrita sobre a mellor opción gráfica para o uso das contraccións  de preposicións e pronomes (coel –con el-). Como imos vendo, a escrita de Gurriarán é froito dun proceso de reflexión lingüística, de aí que Francisco Cobo Rodríguez no seu achegamento á lingua de Florencio, propoña considerala como supradialectal, pois integra solucións enxebres de diferentes zonas de Galiza, e non só de Valdeorras, na procura dun “galego común” “no sentido que o usara o mesmo Carballo Calero para titular a súa gramática do idioma, é dicir, un idioma supradialectal” (Babel, nº 15, setembro 2021).

Non faltan a retranca e o humor, como se pode ver en “A galega en París” ao pór de relevo Gurriarán o galego afrancesado que fala a protagonista (randevús, sinemá, chambre), e mesmo o sarcasmo e a ironía na “Carta de Guan de la Era al Doutor Nuevo Campito” entre outros poemas, criticando a quen fala un castelán inzado de galeguismos por evitar falar galego. Tampouco faltan os estranxeirismos (cow boys, western, set, Chiricauas) e neoloxismos, como as creacións de novas palabras con intención retranqueira (fantrapo, xermantrapo, anglotrapo, ianquitrapo).

Asemade, Florencio louva e defende a enxebreza da toponimia valdeorresa, contrastándoa coa sonoridade da mexicana (“Nomes”, “Louvanza dos nomes enxebres”) e pon de manifesto a propia cultura literaria, galeguista e republicana, que utiliza, como fonte de inspiración nos seus poemas en homenaxe a  Castelao, Rosalía, Alexandre Bóveda, Cunqueiro, Curros, Otero Pedraio, Alexandre Bóveda, Celso Emilio Ferreiro ou Paio Gomes Charinho; xunto con certas referencias literarias latinas (“Ranae ad solem”, “Per me regis regnam”) e mesmo á nosa lírica medieval (“Per me regis regnam”) son boa proba do acervo cultural do valdeorrés.

(Valdeorras soubo homenaxear o poeta de Córgomo)

 

En conclusión, a poesía de Florencio Delgado Gurriarán, católico, republicano, antifranquista, amante da natureza, do tradicional e do exótico, da música e da festa, defensor dos dereitos e das liberdades do pobo e ideoloxicamente antifascista, permítenos coñecer de máis preto un escritor inconformista, crítico e reflexivo, que non agacha a súa decepción final diante dunha humanidade e dun pobo que non aprende dos seus erros. Nas súas reflexións chega a definir a propia identidade galega, que recolle neste poema titulado de forma antonomásica “O galego”, publicado en 1979 e que nos transmite o seu pesimismo ao non ver cumpridas as súas expectativas.

O galego é un home que envexa os macacos,

o galego é un cisne que quere ser pato,

o galego é unha aguia que imita os morcegos

para minimizarse, sendo sobranceiro.

Tendo fala prócer, tatexa en castrapo;

De egrexia liñaxe, anda a ser criado;

era circio e rexo, hoxe é brando, é mol,

doente de abulia, desleixo e langor.

O seu non reclama, inda deixa agora,

que a reo o gobernen as xentes de fóra;

non ten nunca arelas de ser, do seu, dono,

sempre mergullado nun sono sen soños.

 

Ignora que cómpre non ser “miña xoia”,

pois a liberdade non a dan de esmola.

(O soño do guieiro)

 

(A flor da xacaranda, tamén presente na obra de F. D. G)

 

 

mércores, 6 de xullo de 2022

LENDO A

 

LENDO A

LENDO Dime quen leva o meu nome

 

No Instituto, o 13 de Xuño, na presentación do libro

 

Moitos de vós xa sabedes que acabo de publicar un libro sobre nomes. Levoume case catro anos facelo. É unha selección subxectiva de nomes propios pero hai un montón de nomes e de personaxes que levan este ou aquel nome dos que aparecen no libro. Saíron máis de cincocentas páxinas e aínda así e con todo quedaron moitas cousas na man. Por exemplo (ah!, fráxil memoria), esquecín integrar un personaxe fundamental para a xénese deste libriño ou libraco. 

 

(O río Azúmara. O hidrónimo tamén dá nome ás fillas de Galicia)

Cando participaba máis ou menos activamente no proceso de dinamización cultural no Instituto relembro perfectamente como lle gustaba á xente nova saber quen levaba o seu nome. En concreto, a cousa empezou a tomar corpo un día en que unha miña alumna, chamada Sara, me preguntou entón, profe, que personaxe literario se chama coma min? E eu daquela tiña entre mans Caperucita en Manhattan da miña adorada Carmen Martín Gaite e como algúns saberedes ben, Sara é a súa protagonista. E, claro, díxenllo e quedou coa idea de ler esa obra, e eu comencei a darlle forma na miña cabeza ao libro… Pois esqueceume integrar ese relato de C. Martín Gaite! Miña nai diría había que nacer de novo e inda así… 

(Beni Vidal e Charo Soto)

 

 O caso é que tivemos dúas presentacións do libro, unha en Internet e outra, ben guapa, na aula Picasso do noso Instituto. Fiquei gratamente sorprendida da xente que acudiu. Pensei varias veces que do amor adóitase dicir que é cego: un atributo curioso, ben fundamentado na iconografía clásica… Pero tamén pensei que, do mesmo modo, podería dicirse que o amor, a amizade, é hiperbólica. Hipérboles amables e poderosas (causan alegría e contento e dalgunha maneira axudan a emprender novos proxectos) as que oín o día da presentación. Mª Isabel Ruso de Lago e Benigna Vidal Tomé, as primeiras en merecer todo o noso agradecemento. Sentinme na miña casa e que queredes, pouco novo baixo as estrelas: o Instituto sempre será a miña casa. Para reforzar esta familiar impresión, alí estaban o esposo, a nai, os irmáns, os amigos máis próximos. Os amigos, a quen a Providencia garde anos sen termo… E aqueles que non puideron vir e o sentiron, eis igualmente o meu cariño para eles!


 

(Charo Soto, Rosario Arias, Puri Soto: da familia)

 

En fin, son un ser afortunado. Non cabe dúbida. Consciente dos defectos e limitacións do libro, pero persoa sabedora igualmente de que ten moitas cousas boas e interesantes.

Non son unha experta en onomástica como hiperbolicamente dixo de min a xentil xornalista de La Voz de Galicia. Son só unha sempiterna aprendiz. Algo sei e moito aprendín cando estudei os alcumes medievais, guiada pola -esta vez si- experta Ana Isabel Boullón. Algo sei e moito me queda por saber. Se así non fose, que sentido tería a vida? 

(Da epigrafía hispánica: NAVIA en Lousame, A Coruña)

 

Anímovos a ler o libriño (subliñaría o carácter afectivo dese -iño). Nel atoparedes un pouco de todo, coma nas familias (que diría Cunqueiro): hidrónimos (Azúmara, Deva, Ézaro -unha nosa querida colega impúxolle ese nome a un seu fillo, tamén o noso relembrado Ricardo Pardeiro chamou Azúmara a unha súa filla-, Sarela…), orónimos (Chamor: nome elixido para un fillo por A. Alonso Ríos); atoparedes nomes documentados na epigrafía hispánica prerromana, nomes de estirpe puramente literaria, nomes de aquí e acolá nunha mestura real coma a vida mesma, porque, miñas donas e meus cabaleiros, non hai pureza lingüística como non hai pureza racial. Só se concibe desde esta mente pensante que guia esta man escribá, só se concibe -digo- unha certa pureza de corazón.  E xa é moito dicir. Aquí o deixo. Se por amor á arte das letras queredes adquirir o libro, sabede que igual vos tarda en chegar ás mans, pero chega. Está na segunda reedición (tiradas curtas, eh!, non pensedes en moitos ceros). Feliz mes de Santiago!

 

(Cronista da Coruña, María de la O Suárez)

 

(Profesora Coral Cuadrada)

(Profesor Ivo Castro)

 (O meu agradecemento a todas aquelas persoas, como por exemplo, os profesores Coral Cuadrada, Mar Campos e Ivo Castro, a arquiveira Evelia Vega e a cronista Mariola Suárez, por responder amablemente ás miñas preguntas. Eles figuran como personaxes vivas no libro. As súas fotografías foron tiradas de Internet)


(Arquiveira Evelia Vega)

(Profesora Mar Campos)