xoves, 21 de abril de 2022

LENDO A...

 

LENDO A CERVANTES. NOTAS SOBRE OS NOMES PROPIOS EN LOS TRABAJOS DE PERSILES Y SIGISMUNDA

 

(Cervantes, nos seus últimos días, escribe a dedicatoria da derradeira obra ao seu protector, o Conde de Lemos. Óleo do palentino Eugenio Oliva y Rodrigo datado en 1883 e depositado no Museo do Prado)

 

Lemos Los trabajos de Persiles y Sigismunda (TPS) e gustounos. Quitados certos parágrafos algo plúmbeos, con demasiada digresión para o noso gusto e paciencia actuais, podemos dicir que o lemos coa ansia xuvenil con que liamos a Verne ou a Baroja, esporeados polo afán de saber que lles depara o destino ou a caprichosa fortuna aos protagonistas. Dá un pouco de medo atreverse a valorar -unha vez máis- aspectos da derradeira obra cervantina, pero sabedes xa cal é o noso pensamento primeiro cando collemos a verea da escrita: fóra temores, procuremos aprender sempre en liberdade, e con iso e coas mellores intencións de aproximarnos ao xenio hispano, aque-me neste labor (aque-me nesta prison, a do amor, deixou dito o rei trobador don Denis: o arcaico pero fermoso aque equivale a un ‘velaquí’, en castelán sería heme aquí). Cervantes liberábase da prison do tempo finito, malia desexar seguir vivindo -arela sempre humana- mais tamén liberou a súa prodixiosa mente de grande parte do seu enciclopédico saber. Humildemente cremos que foi feliz escribindo esta obra, que reflexionou moito, que escolleu ben escollidos os nomes. E aí imos nós, detrás deste seu espírito onomasiolóxico, á par que seguiremos o ronsel da crítica especializada. En concreto e principalmente seremos guiados polas documentadas opinións de: Ignacio García Aguilar (edición de TPS da Real Academia Española), Carlos Romero Muñoz (CRM), Jean-Marc Pelorson (PEL) e Dominique Reyre (DR).

Di esta última:

Cervantes brinda el hilo de Ariadna onomástico para que pueda orientarse por el intrincado laberinto de su última novela. Sirvan estos ejemplos de preliminares al análisis de los nombres de los personajes del Persiles y ayuden a no olvidar que su autor, Cervantes, pertenecía a un mundo cultural regido por un pensamiento prelógico, de tipo analógico, en el que aún prevalecía una concepción del lenguage basado en la adecuación de los nombres y de las cosas. Pues el mismo autor, como buen onomaturgo (‘forjador de nombres’), brindó a sus lectores, en las primeras páginas de su Don Quijote, unas valiosas instrucciones para el descifraje de los principales nombres de sus personajes, haciéndoles asistir a la génesis de los mismos.

É esta unha idea que en xeral compartimos, aínda que ás veces xulgamos excesiva a etiquetaxe, o ríxido encadramento. Por exemplo, do nome Alonso a crítica di Nombre folclórico y convencional para los mozos de mesones e DR comenta:

Cervantes caracteriza al personaje como un campesino ignorante y bobo, siguiendo la tradición paromiológica del nombre Alonso/asno (vide Lope de Rueda, Coloquio de Camila y Correas, 724).

Pero non é menos certo que Alonso é o nome que escolle Cervantes para o seu quixotesco protagonista (Alonso  Quijano, a quien mis costumbres me dieron renombre de "bueno") e no propio Quijote cítase o autor de La Araucana, don Alonso de Ercilla; Don Alonso de Marañón, caballero del hábito de Santiago. En La Galatea enxalza a: Alonso de Leiva, Alonso de Morales, Alonso de Valdés, Alonso Picado, Alonso de Estrada, Alonso Rebolledo. E comopersonaxes, ademais de Alonso Quijano, está o rexedor do entremes dos alcaides, Alonso Algarroba, e nunha obra teatral Don Alonso de Córdoba, conde de Alcaudete, xeneral de Orán. A verdade é que debía ser un nome común e con iso ten que haber de todo…

Un estudo pormenorizado de todos os nomes propios do libro, da autoría de Pelorson (PEL) e Reyre (DR) témolo en https://books.openedition.org/pumi/1944

En TPS hai moitos nomes que hoxe consideramos comúns, como Antonio, Félix, Flora, Francisco, Juan, Julia, Luis, Luisa, Manuel, Pedro, Sebastián etc. De Antonio, poñamos por caso, Reyre comenta que é un nombre que Cervantes suele dar a los caballeros. A matización parécenos xa máis pertinente, toda vez que tamén encontramos no Quijote cun Antonio que é un cabreiro. A escolla dalgúns destes nomes que consideramos comúns está condicionada: Cervantes quixo honrar en ocasións neste seu derradeiro libro a determinados personaxes históricos. Este é o caso,  por exemplo, de Francisco Pizarro ou Juan de Orellana

PEL:  Recuerdo de don Juan de Orellana, llamado Pizarro por parte de su madre, hijo de don Fernando de Orellana (habitante y regidor de Trujillo en 1607) y de doña Francisca de Pizarro, dos familias emparentadas con los Cervantes de Extremadura. El autor debió de conocerles; vide CRM, 729.

DR: Uso de nombres y apellidos famosos para crear un efecto de verosimiltud y anclar el relato en la historia de los lectores.

Ou de Manuel de Sousa Coutinho, a quen Cervantes coñeceu sendo cativo en Arxel (documenta a súa biografía Aurelio Vargas Díaz-Toledo, en:   https://library.oapen.org/bitstream/id/04ccc7ee-7a5c-4180-a296-5f82d5905fa1/9783631778173.pdf)

 


 

Este nome, Manuel, parece por antonomasia un nome portugués, e a crítica destaca o posible xogo aliterativo entre ‘Coitiño’ e ‘coitas’ por aquilo que o propio Cervantes di, «por tener casi en costumbre el morir de amores los portugueses». Pasará logo algo parecido na península co nome (En)Manuel, será asimilado a Galicia na literatura das panxoliñas. Non esquezamos, porén, que non todos os Manueis son galego-portugueses. Sen ir máis lonxe, Cervantes serviu ao capitán Manuel Ponce de León en Agrigento, Sicilia.

 

(Agrigento: Val dos Templos)

 

Hai nomes que, sen discutir que poidan ser “arquetípicos” para unha dama, tal como sanciona a crítica especializada, tiveron que ser para Cervantes especialmente queridos: é o caso de Leonora e Isabela. O primeiro tráenos ao pensamento a esforzada e valerosa Leonor de Cortinas, nai do escritor e o segundo a única filla por el habida. Luisa, pola súa banda, é un nome que algúns críticos etiquetan como nombre folclórico y convencional para una fregona. Quizais sexa convencional mais seguramente foi moi estimado polo noso autor: Luisa é o nome da irmá de Cervantes que logo chega a ser priora no convento carmelita de Alcalá.

Un importante grupo de nomes de TPS foron escollidos polas súas resonancias literarias. É este un criterio ou factor fundamental. Vexamos algúns:

Arnaldo (príncipe de Dinamarca, namorado de Auristela). DR di o seguinte:

Arnaute, nombre de caballero con juegos aliterativos con «nao», «nave», «navegar». Ejemplo de etimología por asociación sonora y de nominación por un objeto simbólico.

Innegable a beleza sonora: imprescindible ao noso entender relembrar o infante ou conde Arnaldos do romanceiro (fonte de inspiración cervantina), de quen dixo o mestre coruñés Menéndez Pidal:

El [romance] del conde Arnaldos, en el que intuía Longfellow todo el misterio del mar y Berchet todo el encanto de la poesía popular. Y estos romances no se han contentado con vivir su vida propia, sino que además, por aquel su extraordinario poder expansivo, han dado al teatro español, cuando estaba en la cuna, la inspiración y la sustancia que necesitaba.

Sen esquecer o grande Arnaut Daniel, trobador provenzal activo a finais do s. XII, creador da sextina e que aparece como personaxe en A Divina Comedia (Ieu sui Arnaut, que plou e vau cantan ‘Eu son Arnaldo, que choro e vou cantando’, canto 26 do Purgatorio).

Carino, Croriano (formado sobre Cloriano), Leoncia e Rosanio,  son tomados da novela pastoril.

Selviana e Solercio tamén son considerados pola crítica como nomes arquetípicos da novela pastoril pero cómpre matizar: Selviana, malia estar formado sobre os latinos Silvanae  e Silvanus, deusas e deus das fragas, non o documentamos con anterioridade a Cervantes; logo pode integrarse no listado dos nomes inventados polo noso escritor. Con respecto a Solercio, e inda que DR (seguindo posiblemente a CRM, quen di -nun lapso desculpable entre tanta erudición- que o nome se rexistra en La Galatea [edición de TPS de Cátedra, 1997, p. 342, nota 12]) o considere un nombre bucólico para un episodio pastoril, nós non logramos documentalo en ningunha novela pastoril. Hai un Galercio en La Galatea, con terminación semellante. Solercio ten etimoloxía latina (sollens, sollentis ‘hábil, destro’, cuxa raíz permanece no galego e castelán solercia e na familia galega de solerma, solermiño, solerte etc.). Como personaxe histórico documéntase a principios do XIV un tal Mestre John de Solercio, que fora enviado polo papa a investigar os templarios en Irlanda ou Escocia en tempos de Eduardo II de Inglaterra (en: Maeve Brigid Callan (2015): The Templars, The Witch, and the Wild Irish.  Cornell University Press). Como personaxe literario o nome Solercio -bastante alegórico: na liña de Jocundo, Didáscalo, Delator-  aparece no Dialogo de methodo studendi, composto probablemente a finais do XVI polo xesuíta Andrés Rodríguez, bo expoñente do teatro universitario e humanista da época (en M. Molina Sánchez: “La poesía dramática latina del jesuita Andrés Rodríguez: su presencia y significación en el Dialogo de methodo studendi[*]”, http://parnaseo.uv.es/ars/teatresco/estudios/demetodo.htm). Andrés Rodríguez compuxo obras en colaboración con outro xesuíta, o sevillano Juan de Pineda, de quen sabemos que estaba en Sevilla a finais do XVI, ao igual que Cervantes (o complutense entra no cárcere de Sevilla en 1597 e con anterioridade, durante 1587, xa estivera nesa cidade).

 

(Plano de Sevilla no século XVI)

 

Outro nome de fortes resonancias literarias é Guiomar. A crítica di que é un nome moi apropiado para unha personaxe portuguesa. Entre nós, herdeiros da tradición do occidente atlántico, o nome énos familiar: Guiomar Affonso Gata aparece nunha cantiga de escarnio (1240) de Roy Queimado, e con anterioridade, no XII, xa se documenta tamén en territorio galaico (ego domna Guiomar, CODOLGA). Na Materia de Bretaña, Guyomar é nome masculino e vémolo na Historia de Merlin o Encantador. Cervantes usa este nome de muller tamén en El celoso extremeño (1613) e no Entremés del juez de los divorcios (1615).

Outro importante feixe de nomes, aínda participando algúns dun certo fondo literario, débense á forza creadora, á inventiva do autor de apelidos galegos. É o caso de Auristela, Bradamiro, Cenotia, Deleasir, Libsomiro, Persiles e Ricla (¿?).

Sobre Auristela pouco podemos engadir ao xa dito pola crítica especializada. Admítese unanimemente a significación de ‘Estrela de Ouro’, recoñécese a asociación coa Virxe como estrela que guía (así a personaxe cervantina brilla pola beleza case que absoluta -salvados os celos que por veces a devoran: contrapunto novelesco importante e motivo recorrente na literatura global cervantina, e guía a Periandro na peregrinación, na vida), insinúase tal vez a resonancia mítica con Compostela; procúrase a pegada primeira en Horacio dunha muller cualificada xa como sidus aureum ‘estrela de ouro’ (en: Clark Colahan (1988): “Auristela y Cenotia, personalidades horacianas en el Persiles”, Anales Cervantinos, Vol. XLIV, pp. 173-186); rastrexouse a conexión coa Aurismunda da novela bizantina Los amores de Clareo y Florisea y los trabajos de la sinventura Isea de Nuñez de Reinoso etc. Só nos cabe unha pequenísima matización: correspóndelle a  María a caracterización de estrela (dos mares ou matutina, nas ladaíñas do Rosario), mais tamén a Xesús, o seu fillo (o lux auctor luminis. alfa et omega, initium. et finis; radix et genus dauid. stella splendida et matutina, século IX, CODOLGA).

Aquí quedamos por hoxe. Darémoslle remate na próxima quincena. Estade preparados, porque aí vén o maio

 

(Todas as fotos están tomadas de Internet)

 

luns, 4 de abril de 2022

VISITANDO MEMPHIS

VISITANDO MEMPHIS

 


 

Pasamos case unha semana en Memphis, Tennessee. Suso tiña traballo alí e viaxamos con el desde Birmingham, Alabama. A viaxe en autopista de ida (non así a volta, con sol, coa primavera máis presente, coa mente tranquila analizando topónimos…) fíxoseme longa, monótona e perigosa pola forte chuvia e a ameaza (real en condados próximos) de tornados… Esa é unha tremenda realidade en boa parte do país… hoxe mesmo fomos celebrar un cumpreanos dunha curmanciña do meu neto á casa dos pais preto de Selma e paseando pola propiedade vimos tres ou catro árbores enormes caídas, coas raíces poderosas ao aire, impúdicas case na súa descarnada esencia, e contábanos que o causante foi un furacán de hai un ano… Logo no coche comentáballe eu aos meus: “francamente, creo que si é plausible a explicación que daba un axente indio no século XIX para explicar por que os Chickasaws nunca se asentaron de forma permanente nas terras do oeste do río Tennesse, moita chuvia, inundacións e uns ventos moi fortes” (1). Máis ou menos. 

(Popular lugar para comer barbacoa)

 



O caso é que me gustou bastante a cidade.  E non se come mal. O primeiro día quixen probar a barbacoa de porco, que é o típico e fomos a un establecemento que tiña boas críticas en Internet de españois que pasaron por alí. Era un local típico, popular, un pouco xa para turistas, pero iso, meus queridos, é dífícil de evitar, aínda que tamén xantamos en sitios auténticos, que só coñecen os autóctonos (Suso xa non é a primeira vez que está en Menphis, ten colegas que levan anos vivindo na cidade e logo estaba a prima da miña nora, aquí establecida de vello, que nos guiou). Eu pillei costela ben adubada, e algo doce, aquí gústanlle moito a mestura de sabores, xa comín en Birmingham touciño e coles de Bruxelas tamén doces, bañado todo sabe Deus se en mel ou en xirope de arce: se a barbacoa está ben feita, o porco resultante case sabe tan ben coma o xamón… Había unha montoneira de xente, dás o nome e dinche “chamarémosvos en 20 minutos”. En vez de quedar na cola fomos dar unha volta ata a famosa rúa Beale (que recorda moito a Broadway de Nashville, chea de bares con música ao vivo), e volvimos xusto cando se cumpría o tempo e si, chamáronnos. Olía que arrecendía ao churrasco. Os cubertos de plástico branco: todo non se pode pedir; a cervexa moi boa; Suso pediu brisket (carne de peito de vaca) e non estaba tan bo coma as miñas ribs. A gornición, servida en vasiños de plástico, moi propia do sur: unha especie de papas de millo, un tipo de col -cole slaw- e beans (fabas escuras doces).

(Museo para Nenos. O avión e todos os mecanismos que o rodean foron custeados pola empresa de paquetería da que falamos no texto. É un excelente museo, moi didáctico en moitos sentidos)

 

A viaxe nosa está condicionada polo netiño: con el hai que procurar espazos onde poida moverse sen problemas, correr e inteactuar coma un meniño de tres anos con moitísima enerxía. E neste sentido, a cidade prové en abundancia. Unha mañá pasámola tan felizmente no Children's Museum ‘Museo para nenos’, outra no Zoolóxico, no parque Overton, na Pirámide (un templo do consumismo de estética discutible), outra no Fire Museum ‘Museo do Lume ou do Fogo’, outra explorando o famoso Peabody Hotel despois de asistir a non menos famosa camiñada pola alfombra vermella e baño en fonte de mármol dos parrulos do Peabody, entre outras actividades que escuso contarvos. 

 


(Fotos do Xardín Botánico. Unha marabilla: combina sabiamente botánica e construcións para pasar o día cos nenos)

 



Para min foi especialmente valiosa a primeira toma de contacto co río, o Mississipi, non puiden por menos de volver aos dez ou once anos, cando lin por primeira vez a Mark Twain. O río é un mar de auga feraz, unha beleza acastañada, coas ribeiras da outra banda cheas de vexetación despertando á primavera… Imposible non traer á memoria a primeira vez que os europeos, os seiscentos españois comandados por Hernando de Soto (un estremeño que trae entre os seus apelidos un Méndez e un Arias, de máis ca probable raigame na nosa terra) viron este río en 1541 cos seus ollos que podiamos cualificar de virxes… E que sen dúbida cruzarían con barcazas (lin que se estableceron varios meses en campamentos do territorio Quizquiz -quizais onde hoxe está Chucalissa- precisamente para facer barcazas para cruzar o gran río). A memoria de Hernando de Soto é preservada en Memphis: déronlle o seu nome á ponte, ben iluminada pola noite (aí atrás coas luces de cores da bandeira de Ucraína).

 

(Ponte Hernando de Soto, sobre o río Mississippi)

 

Tamén preservaron nesta cidade o nome do galego Manuel Gayoso de Lemos. Vin o letreiro no Dawn Town ‘O centro da cidade’, pretiño da rúa Beale, co nome, ‘Gayoso’ e vexo na cartografía antigo e actual que se conserva parte do bayon ‘especie de arroio’ -creo que unha antiga canle pantanosa- que leva tamén o seu nome. Este pontevedrés (2) foi gobernador de Natchez (xa en 1790) e de Luisiana (nomeamento en 1797) e pasa a historia -entre outros valores- pola capacidade de pactar cos indios (3). En 1795 funda no que logo será o asentamento de Menfis, o Forte de San Fernando das Barrancas, en maio de 1795, tras lograr o consentemento dos chickasaw locais. 

 

(Mapa do XVIII co forte de San Fernando das Barrancas. Á esquerda podedes ver o arroio ou canle Gayoso)

 

A moderna Memphis foi fundada en 1819 por tres estadounidenses sobranceiros: John Overton (que deu nome ao parque arriba mentado), James Winchester e o que logo sería presidente do país, Andrew Jackson. Chamáronlle Memphis en memoria da antiga capital de Exipto, tamén situada no río máis importante do seu territorio; tedes que ter en conta que nesa época, principios do XIX, están frescos os feitos de Napoleón en Exipto e en 1803 aparece a tradución ao grego antigo da Pedra Rosetta (achada alí en 1799 polo soldado Pierre-François Bouchard precisamente durante a campaña francesa en Egipto), que fala precisamente do ‘Decreto de Menfis’.

 

(Mapa de Menfis de 1870. Hai numerosas igrexas e hai dous mercados, entre outras construcións)


 

Mapa do río Mississippi de 1699, en tinta e augada de cores a situación dos países, os asentamentos indíxenas e os afluentes e outros detalles (Arquivo de Indias).

(Tratado de Nogales. Vese a sinatura de Manuel Gayoso de Lemos)



A situación da cidade escolleuse porque os altos Chickasaw Bluffs (especie de acantilados) protexían a ubicación das augas do Mississippi. A cidade converteuse nuna das máis grandes do sur polo mercado de produtos agrícolas, de recursos naturais (madeira) e o comercio de escravos estadounidense. Tras a fin da escravitude, a cidade aínda medrou máis no s. XX por ser un mercado a escala mundial do algodón e a madeira. Xa na era dos dereitos civís (no hotel onde asasinaron a Martin Luther King hai agora un museo dos dereitos civís: queda para outra viaxe), Memphis é un importante núcleo de transporte e loxística. Aquí ten a sé a empresa FedEX: o seu fundador é de aquí, estudou en Yale e alí desenvolveu a idea de centralizar todas as operacións nun só punto, Memphis: a aquí chegan e de aquí parten todos os envíos do país. Un só centro de distribución. Parece unha idea simple, de sentido común, pero xa sabedes que a posteriori é máis doado velo, como sabemos que non sempre o sentido común é o máis común dos sentidos. Sexa como for, o caso é a o Aeroporto Internacional de Memphis é por esta razón o segundo máis transitado do mundo e iso asegúrovos que se nota; pola noite parecía estar durmindo nun avión trasatlántico, o ruído de fondo é continuo. Volvemos ao de sempre: todo non cabe no saco. Unha observación que me indica que por hoxe xa chega. Feliz primavera!

 

(A fonte onde se bañan os parrulos dúas veces ao día. Viven 3 meses na casiña da azotea e logo volven á vida na granxa onde os crían. Hotel Peabody)


(Scent of Magnolias, do artista español Juan Rojo (Jay Etkin –

.Gallery)

Foto da exposición Memphis Quarantine, de Jamie Harmon


(Estamos no parque Overton, paseamos pola Fraga Vella, o resto máis antigo de todo Menfis dos bosques de outrora. No medio da imaxe, un sicomoro. A natureza é ricaz, magnífica)   



(Unha honeysuckle nativa: chuchameles)


(Esta é unha 'buckeye')

::::::::::::::::

NOTAS:

(1). I have heard it said that the Indians, when asked why none of them lived permanently in West Tennessee, replied than it leaked too much. For a time after I first went there I thought it rained, hailed, thundered and lightened with more wind than I had known elsewhere (en Tennessee’s Indian Peoples, de Ronald N. Satz, 1979, pp. 13-14; o axente dos territorios indios era Memucan Hunt Howard)

(2) Hai quen di que nacera en Porto, de pai pontevedrés, pero a Real Academia da Historia na súa biografía dáo como pontevedrés, en: https://dbe.rah.es/biografias/55740/manuel-gayoso-de-lemos. Coma sempre, estas páxinas da RAH son excelentes, aínda que neste caso concreto falta un dato: dise ao final que Gayoso está enterrado na Catedral de San Luís (Nova Orleans) e que actualmente hai rúas co seu nome en Natchez e Nova Orleans; porén falta a rúa de Memphis.

(3) De Hernando de Soto a historiografía hispana tamén salienta esa capacidade, mentres que boa parte da historiografía estadounidense destaca dos españois a extrema ambición, a obsesión polo ouro e a crueldade sen matices; non teño interese en comentar este tema, é complexo. Permitídeme, iso si, recordarvos os millóns de falantes de linguas precolombinas en territorios hispanoamericanos: pódese contrastar o dato co número de centos de miles -sendo optimistas- de falantes das correspondentes linguas nativas no actual territorio dos EEUU. Para sermos xustos engadiremos que ese punto de vista negativo tamén é extensible a franceses e británicos na época da colonización de Norteamérica.