luns, 15 de abril de 2024

A CORUÑA

 

SESENTA ANOS DE INSTITUTO JOSÉ CORNIDE DE ESTUDOS CORUÑESES

 


 

O día 2 de abril tivo lugar no Concello da Coruña un acto en que, dunha banda celebrábase a incorporación de doce novos membros colaboradores ao Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses (IJCEC), e doutra, iníciase unha serie de actos para conmemorar sesenta anos da amentada institución coruñesa. 

 

(Mesa presidencial. De esquerda á dereita: Ana Mª. Romero, Inés Rey, Mª. de la O Suárez)

 

O acto estivo presidido pola alcaldesa da cidade, Dª. Inés Rey: ao seu carón, na mesa presidencial, estaban tamén Dª. Ana María Romero, directora do Instituto e Dª. María de la O Suárez, secretaria-conservadora do mesmo. Entre o público había autoridades políticas (a Subdelegada do Goberno, Dª. María Rivas López; concelleiros do Goberno Municipal coruñés, dos cales unha servidora puido recoñecer a tres que tiñamos moi preto: D. Francisco Xesús Jorquera, Dª. Mercedes Queixas e D. Carlos San Claudio, quen se dirixiu a nós dándonos a man e preguntándonos quen eramos [Nós -a nosa nai e mais eu- somos familiares dun dos novos membros. Entón explicounos que el era o concelleiro máis novo na historia da cidade en democracia; o seu pareceunos un xesto simpático e desexámoslle o mellor na súa traxectoria política]) e autoridades académicas (o Reitor Magnífico da Universidade da Coruña, D. Ricardo José Cao Abad) e había representantes das distintas academias con sé na Coruña (estaba presente  D. José Ramón Soraluce Blond, membro da Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, estaba presente Dª. Mª Dolores Sánchez Palomino, membro da Real Academia Galega, e un dos novos membros, o señor Pardo, pertence á Real Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación; quizais houbese máis académicos pero amentamos aquelas persoas que puidemos identificar, o salón estaba cheo de xente a rebordar). Pasemos agora a citar nomes e mínimos datos curriculares dos doce novos membros:

(O historiador herculino Xosé Alfeirán Rodríguez. Todas as fotos están tomadas do vídeo institucional)

 

D. Xosé Alfeirán Rodríguez: historiador e investigador de temas tocantes á historia de Galicia e gran divulgador da historia coruñesa, así como elaborador de material didáctico. Unha servidora le con gusto sempre as súas colaboracións na prensa local.

Dª. Mª. José Carralero Conde: arpista de sólida formación académica. Concertista, docente e investigadora. Espléndida mostra do seu saber musical déunola como brillante remate do acto.

D. Carlos González Guitián: historiador vinculado á bibliografía farmacéutica galega. Gran divulgador e bibliotecario documentalista no ámbito das bibliotecas e publicacións virtuais.

Dª. Beatriz López Morán: historiadora, autora de monografías de imprescindible consulta, así como de numerosos artigos sobre a historia de Galicia no XIX e no XX. Actualmente traballa nunha historia da cidade da Coruña no s. XIX.

D. Xosé Luis Martínez Suárez: arquitecto, docente, comisario de exposicións sobre etapas de arquitectura e urbanismo da Coruña. Desenvolve proxectos relacionados co urbanismo e desenvolvemento sostible.

D. Jaime Oíza Galán: con formación de historiador e arqueólogo, centrou a súa actividade profesional no mundo dos museos. Organizou exposicións instaladas nas sala municipais, exposicións das que tanto desfrutou a cidadanía coruñesa (e diso damos fe…).

D. José Ricardo Pardo Gato: pertence ao mundo da avogacía, é autor de numerosos traballos centrados na peregrinación xacobea, achegando novos aspectos históricos e xurídicos. Dirixe e coordina novas revistas.

D. Xoán Antón Pérez Lema: avogado, é membro de varios gabinetes técnicos da Xunta de Galicia. Colaborador da prensa escrita, radio e televisión; ten varias publicacións de carácter xurídico e económico e desempeña cargos directicos en distintas asociacións empresariais.

D. José Manuel Sánchez Santos: desde a cátedra de Economía da Universidade da Coruña promove e potencia investigacións na área da economía e empresa pública. Pódese consultar a traxectoria das súas investigacións na páxina correspondente da UDC.

Dª. Purificación Soto Arias: arqueóloga e activa participante en grupos de traballo e investigación a prol da conservación do patrimonio cultural e das paisaxes históricas; céntrase tamén na elaboración de itinerarios e recursos culturais vinculados ao turismo rural e cultural.

 

(Todos e cada un dos novos membros colaboradores recibiron un prego co nomeamento, un recordatorio da man da alcaldesa herculina. Permítaseme escoller a fotografía da nosa irmá en representación dos doce)

 

Dª. Ana Dorotea Tarrío Tobar: desde a cátedra de Matemáticas Aplicadas da Universidade da Coruña, potencia os estudos, no ámbito da xeometría diferencial e as súas aplicacións, impartindo conferencias e publicando artigos neste campo, dedicando especial atención á visibilidade das mulleres matemáticas.

D. Carlos Vales Vázquez: biólogo. A súa actividade céntrase no estudo e defensa do medio ambiente, especialmente desde a dirección  do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia. Destaquemos o seu traballo en educación ambiental, fomentando as boas prácticas ambientais neste eido.

O discurso principal do acto conmemorativo correu a cargo do historiador D. Xosé Alfeirán. O primeiro que fixo foi subliñar o carácter multidisciplinar dos novos doce colaboradores (natureza, historia, avogacía, arqueoloxía…). Referiuse logo ao prestixio acadado polo Instituto: recordou como o IJCEC bota a andar nun contexto complicado, na ditadura e recordou as palabras do membro do Instituto, D. Carlos Martínez Barbeito, o 10 de febreiro do 1965 (no seu discurso de ingreso, tras a constitución en abril de 1964 do Padroado do futuro Instituto, presidido polo alcalde da Coruña, D. Eduardo Sanjurjo de Carricarte: téñase en conta que o Instituto foi creado polo Concello da Caoruña e medrou baixo o seu patrocinio, de aí que sexa lóxico que rexurda e se proxecte cara ao futuro da man desa nobre institución representativa da vontade do pobo coruñés), cando subliñaba xa ese carácter interdisciplinar que o Instituto debía ter: estudo do pasado, presente e futuro (da cidade), marcando como requisito básico o de adoptar unha visión extensa de cando afecta á vida coruñesa, desde unhas directrices pluridimensionais, punto de vista histórico, xurídico e económico, industrial, urbanístico, científico e social, facéndose eco da versatilidade do propio Cornide. Don José Andrés Cornide de Saavedra e Folgueira, relembrou Alfeirán, foi fidalgo, anticuario (no sentido que daquela tiña o termo, persoa interesada polas antigüidades históricas), conservador (grazas a el conservamos a lápida do Duque de Uceda que está no Museo Arqueolóxico), xeógrafo preocupado polas cousas antigas (investigou sobre a localización das Illas Casitérides na costa occidental de Galicia) e modernas (descrición das costas galegas), economista, promotor de actividades pesqueiras e mineiras e espía. E no medio desa sentida e rica referencia a Cornide, fixo votos importantes: Ogallá que a súa casa -o chamado palacio Cornide- volva ás mans da cidadanía (oxalá, desexamos tamén nós, que ben lle viña ao Instituto que leva o seu nome, esa sede, con todos os tesouros que ten… con todo o que historiadores e investigadores de Galicia, de España e de Europa poderían pescudar neses fondos arquivados nun espazo que se nos antolla insuficiente).

 

(Fotografía parcial. En primeiro plano aparece Carlos Vales: xuntos estudamos as primeiras letras na escola de Pura 'a Ferreña', inesquecible. Ao fondo podemos ver o señor Reitor da UDC)
 

Insiste Alfeirán no concepto do prestixio da institución: para el é unha honra que a incorporación como novo membro coincida coa celebración do 60 aniversario. O Instituto naceu co obxectivo de non ser unha institución marxinal senón que debía incorporarse ao ritmo dos tempos, con palabras do que fora o primeiro director do Instituto, o señor Enrique Míguez Tapia[1]. Palabras que nos permiten entender -segue dicindo o historiador coruñés- determinadas actividades que se desenvolveron, actividades relacionadas con republicanos perseguidos polo sistema, como foi o caso de Salvador de Madariaga e Picasso…

Continúa Alfeirán trazando un pequeno bosquexo, con luces e sombras (ideolóxicas) dos primeiros 25 membros do IJCEC. Brilla con luz propia Dª. Isabel Martínez Barbeito, a primeira muller secretaria desta instutución. Amenta, entre outros, a D. Manuel Iglesias Corral, alcalde republicano; D. Andrés Fernández Albalat, arquitecto; D. Luciano Yordi de Carricarte, enxeñeiro a quen lle debemos o Encoro de Cecebre; D. Manuel Sánchez Salorio, prestixioso oftalmólogo; D. Juan Rof Carballo, médico e notable ensaísta lucense; D. Eugenio Torre Enciso, xeólogo; o famoso pintor D. José Seijo Rubio; o arqueólogo fundador e primeiro director do Museo Arqueolóxico de San Antón, D. José Mª. Luengo Martínez; o xa amentado D. Carlos Martínez Barbeito… 

(María José Carralero agasallounos coa súa arte musical)

 

Repasa a continuación a importancia dos fondos arquivísticos que custodia o Instituto: o fondo importantísimo cedido por Salvador de Madariaga e o non menos importante de Víctor López Seoane. Ten palabras de encomio para con distintos membros de número, como por exemplo Dª. Mª Jesús Garea Garea, secretaria do Instituto. Recorda que tras o paso de D. Xosé A. Fraga Vázquez pola Dirección (2016) e de Dª Ana Romero Masiá (2023), o Instituto está en plena renovación, coa reedición da revista Cornide e o nomeamento de novos membros de número, como o acabado de nomear, D. Alfredo Vigo Trasancos e proximamente, Dª. Ascensión Cambrón Infante.

Volve Alfeirán, para rematar, ás palabras fundacionais: Presente, pasado, futuro do chamado polo cronista Pacheco, O pobo hercúleo, hercúleo por vencer naquela loita mítica o heroe ao tirano (o monstruo das tres cabezas), hercúleas as mulleres e as persoas todas que venceran o ataque de Drake en 1589, hercúleo na defensa da Constitución e os valores constitucionais, ben representado ese afán no libro-Constitución enriba do escudo coruñés, libro que o franquismo quitou e que ninguén na democracia reivindicou (ata o momento, engadimos nós) como símbolo da liberdade do pobo. Hercúleo e rebelde, como se ve se se estuda a rebelión de 1893 cando, contra os intereses da cidade, se pretendía trasladar Capitanía. Rebelde contra a intolerancia e cita Alfeirán a Curros: todo un símbolo tamén herculino. Conclúe: É unha sorte estar aquí.

A alcaldesa, Dª. Inés Rey García, amosa o seu agradecemento ao Instituto polo traballo, polo talento. Di que os membros desta institución son herdeiros daquela Coruña ilustrada, vangardista e aberta. E conclúe cunhas palabras que, como comprenderedes, teñen para nós un significado esencial. Son verbas que dalgunha maneira honran os membros do Grupo Nós. Dixo a alcaldesa: Por iso o coruñesismo é por definición galeguista e tamén universal.

Que así sexa, dicimos nós.

 

(Retrato do ilustrado coruñés D. José Cornide Saavedra)



[1] O señor Enrique Díaz Tapia, catedrático de Xeografía e Historia, fora secretario durante o período de D. Antonio Respino e posteriormente director accidental do noso Instituto (‘Eusebio da Guarda’) no curso 1942-43, antes de cesar para dirixir o novo Instituto, o “Masculino”. Chama a nosa atención a serie de nomes propios citados nestas páxinas, vinculados ao Instituto da Guarda: Madariaga, Picasso, Eduardo Sanjurjo Carricarte, Manuel Iglesias Corral, Juan Rof Carballo, Luciano Yordi de Carricarte,  Isabel Martínez-Barbeito e Purificación Soto Arias foron alumnos; Eugenio Miguel E. Torre Enciso asume a cátedra de Ciencias Naturais no noso centro en  1940 (e antes xa se examinara aquí por libre…). O pintor José Seijo Rubio cursa estudos na Escola de Arte e Oficios, situado nos baixos do Instituto e logo obtén a cátedra de Debuxo e Caligrafía no noso centro en 1902. Inda se conserva no Instituto algún dos seus cadernos, os usados para aprender a escribir. Ascensión Cambrón exerceu a docencia durante anos connosco, antes de pasar á Universidade. A señora directora do IJCEC foi profesora durante un breve período no ‘Eusebio’. Pido desculpas se me quedou algún nome propio vinculado ao ‘Eusebio’ na man ou no tinteiro.