mércores, 23 de febreiro de 2022

LENDO A ROSALÍA

 

FRASEOLOXÍA ROSALIANA II

 


 

Este ano a nosa pequena homenaxe será outra mostra fraseolóxica con certo valor simbólico: as últimas pescudas dinnos que Rosalía naceu o día 23 de febreiro, de aí que nós estudemos 23 unidades fraseolóxicas. Son todas de Cantares Gallegos (1863) na edición do Patronato (1982).

Deberemos relembrarvos que amamos a Rosalía e que nos encanta reler a súa obra? Así é. Eu teño unha amiga da alma, británica, que cando era nova e non necesitaba lentes relía todas as primaveras a Tolkien. Sempre me dicía que era un pracer, un reencontro, unha homenaxe… Súmome a ese carro: reler a Rosalía significa para moitos de nós o mesmiño.

As 23 Frases:

1.      Ao pé (de) ((n.º 3: por non morrer, coitadiña, / ó pe dun valo tumbada). Sinónimo de ‘xunto a’, ‘ao lado de’. Admite varianza simplificada: pé de.

2.      Ben haia quen te pariu (n.º 3: ¡Ben haia quen te pariu! / ¡Ben haia, amén, quen te cría!). A frase ben haia (do latín habeat, con caída do be e con ausencia da palatalización do i antihiático, haxa) funciona coma unha interxección e é a orixe da forma benia, pouco usado no galego actual (só 5 casos no CORGA), aínda que unha servidora hai moi pouquiño que a usou e o meu interlocutor entendeuna perfectamente.

3.      Buscar o pan de todos os días (n.º 3: E cando a vida se pasa / cal vida de pelgrina, / que busca pelegrinando/ o pan de todo-los días,). Sabedes que fala unha muller pobre, de pedir por portas… Debe buscar o pan de todos os días, tamén pode dicirse o pan de cada día. Refírese ao sustento, ao necesario para subsistir. Esta unidade admite variantes, coma a que documentamos en Castelao: Rañolas defende a súa vida e gaña o seu pan como pode (TILG). Aí ganar conmuta con buscar. A frase o pan de cada día rexístrase con maior frecuencia, debido, sen dúbida, á súa concorrencia na oración que recibimos ao dereito dos Evanxeos, do Mestre. E, ademais, cobra novos valores fraseolóxicos: á parte do sustento pode significar algo moi cotián, que non ten por que ser tanxible e connotado con semas negativos, algo que se repite e non é precisamente gustoso… Porén, non é difícil documentar a frase tal como nola legou Rosalía: Quen vos ha de levar o pan de tódo-los días! Morrerei nun hespital e vós morreredes de fame! (X. Magariños, TILG).

4.      Cada coello ao seu tobo (n.º 3: Mais xa ven a noite vindo […]; cada conexo ó seu tobo, / lixeiro, lixeiro tira, / que é mal compañeiro a noite). Esta é unha frase con valor proverbial: variantes súas de idéntica estrutura e semántica figuran nos repertorios paremioloxicos. Así, no refraneiro de Vázquez Saco lemos: Cada moucho no seu souto, Cada moucho ó seu portelo. Úsase como exhortación para que cada quen se dirixa á súa casa. Ás veces, a ese valor xeral súmaselle unha connotación expeditiva (ala, ala!), a modo de exclamación para meter présa. Nós (López e Soto 2008) recollemos unha variante con encovo. A frase rosaliana, tal cal, rexistrámola en Ferrín (2001), pero cun valor semántico engadido, do tipo cada un foi para a súa casa e adeus, moi próximo ao que queremos significar cando dicirmos e se te vin non me acordo.

5.      Cal ela ningunha: (n.º 1: ¡Galicia frolida! / Cal ela ningunha). Bonita frase, dá idea de unicidade; recórdanos aqueloutra que dá lugar ao nome de Miguel (‘Quen coma Deus?’). Non hai quen. A unidade fraseolóxica, ponderativa en grao máximo, ten unha estrutura comparativa, como moitas outras. Admite variantes: por exemplo, ninguén coma + pronome persoal/nome propio (Ninguén coma il para…, en Ánxel Fole, TILG).

6.      Cantar os galos para o día (n.º 4: Cantan os galos para o día; / érguete, meu ben, e vaite). Como sabedes moitos de vós, Rosalía glosa, desenvolve cantigas populares. Esta frase, que anuncia a chegada da alba, sinónimo de ‘amencer’, é un exemplo prototípico. Na súa magna obra de documentación de poesía popular galega, xa recolle este verso Domingo Blanco (TILG).

7.      Con mil amores (n.º 4: Con mil amores cho dera). Significa ‘gustosamente’, ‘con toda a vontade’. Alterna con de mil amores, sobre todo na fala do XIX (TILG). Actualmente non se documenta no CORGA (pero, doutra banda, de mil amores só se rexistra unha vez). Vemos no CORDE que os 42 casos rexistrados coa preposición con son serodios (desde o s. XVIII, os máis son tamén do XIX).

8.      Correr mundo (n.º 3: Déixate estar, miña filla, / nin procures correr mundo, / nin tampouco lonxes vilas). A unidade fraseolóxica pode construírse con outros verbos: andar e ver. Significa ‘viaxar’ ou ‘coñecer outras terras’.

9.      De porta en porta (n.º 3: desde que nasín orfiña / de porta en porta pedindo /tiven que pasar a vida). No TILG hai 104 concorrencias desta frase, a maioría co verbo pedir e sinónimos. En realidade a frase é un subtipo do modelo xeral de + SUBS. + en + O MESMO SUBS. (de día en día, de flor en flor, de fracaso en fracaso, de man en man…) e dá idea de repetición, frecuencia e secuencialidade. Porén, a frase rosaliana úsase moito con verbos como pedir, pedichar ou verbos sinónimos de demandar = solicitar/preguntar, ata o punto de que andar de porta en porta vén sendo sinónimo de andar á pedicha ou simplemento ‘pedir’.

 

(Debuxo para "Cousas" de Castelao)

 

10.  Deixarse estar (n.º 3: “Quen ben está, ben estea.” / Déixate estar, miña filla, / nin procures correr mundo). Este tipo de frases co verbo deixar (deixa andar/correr/ir…) son moi usadas e valen para exhortar a alguén a que desista dunha idea ou que se despreocupe por algo. E incluso ás veces algunha destas leva implícito un valor, non exento de certa ironía, do tipo non che fai falla ningunha, mellor estás sen iso (unha vez unha persoa maior preguntoume se eu traballaba o sábado -cando eramos nenas recordaba que o sábado había clases tamén- e cando lle dixen que xa non, díxome rauda déixao ir…). Ese mellor estás como estás, mais sen ironía, é o que expresa Rosalía neste poema.

11.  ¡Dios diante! (n.º 1: Coidá, que comenxo… / Meniñas, ¡Dios diante!). A frase indícanos 2 cousas: unha, a fonda tradición, o sentido da relixiosidade popular que a autora respirou e bebeu na crianza na terra, e que respecta e non dubida en transmitir por fidelidade ao pobo, e segunda, a frase comunica -diría eu- ánimo, parece enfatizar o bo camiño, aquel que se debe emprender sen medo. A unidade fraseolóxica, en xeral, conmuta por Se Deus quere.

12.  Do demo: (n.º 1: Canta, si queres, / rapaza do demo;). Valor ponderativo. Precedida dun substantivo, a frase significa ‘tremenda, -o, terrible’. Expresa tamén +algo de impaciencia ou enfado.

13.  Facer feira (n.º 1: ¡Qué feira, rapaza, / si cantas, faremos…!). Algún día seguro que vos teño falado da “reutilización” das unidades fraseolóxicas: tamén elas, coma as palabras simples, cobran novos valores e, poderíase dicir, multiplican os graos de distanciamento do valor primeiro: se “facer feira” tivese como valor n.º 1 o signifcado fisico, literal, de ‘armar, montar unha feira’, sería o valor n.º 2 o significado de ‘facer un bo negocio’. Este valor secundario é típico en galego, é o que aparece, por exemplo, nos refráns: Coa hucha valeira non se fai feira, Dúas mulleres e un cesto fan feira, Con leña de romeiro e pan de panadeira o labrador non fai a súa feira. Vedes que tanto significa ‘facer bo negocio’ como ‘tirar proveito’. No uso rosaliano damos un paso máis neste proceso de cambios metafóricos ou de metaforización ou de desviación daquel uso recto primeiro. En Rosalía a frase significa ‘facer boa feira = facer algo bo e ben feito = facer unha festa’.

 

("Feira" de Colmeiro. Todas as fotos están tomadas de Internet)

 

14.  Falar coma un avogado (n.º 3: Falás como un abogado, / e calquera pensaría / que deprendestes nos libros). Pondera a elocuencia, a facilidade de palabra. Moi probablemente a frase estaba fixada na lingua popular da época. Unha editora de Cantares Gallegos, M.ª Xesús Lama, así o entende (“Mais decote os personaxes acoden a expresións xa tópicas fixadas na linguaxe popular: falar coma un avogado”, 1995, p.79), pero o certo é que nin pasou ao galego moderno (con valor fraseolóxico, non literal, queremos dicir) nin se documenta, fóra de Rosalía, no TILG. Actualmente a frase correspondente é falar coma un libro (aberto). Tamén se di falar máis ca un avogado ‘falar moito’, pero xa vedes que o significado non é o mesmo.

15.  Morrer de pena (n.º 1: Has de cantar, / meniña gaiteira; / has de cantar, / que me morro de pena). Forma hiperbólica de ponderar a saudade, a dor psíquica, o sufrimento. Na nosa lírica medieval galego-portuguesa a expresión prototípica do máximo sufrimento causado polo amor compartía o verbo morrer. Era a morte por amor ou morrer de amor.

16.  Negro coma a noite (n.º 3: outros [pecados], coma a noite negros). Ferro (2006) dá como frecuente escuro coma a noite. No TILG documentamos trenzas mouras coma a noite. Vale tanto para ponderar o negror coma a escuridade; e dando un paso cara á metaforización, tamén pondera a tristeza, ou, coma neste uso rosaliano, pondera o mal. Igual ocorre nun outro contexto (en Follas Novas): Non vaiades nunca, eu volo aconsello, ás torres de Hoeste co corazón negro. Aquí o corazón negro pondera un grao elevado de tristeza, de fonda desesperación.

17.  O mundo dá malos pagos (n.º 3: nin procures correr mundo, / nin tampouco lonxes vilas, / que o mundo dá malos pagos / a quen lle dá prendas finas).  A unidade fraseolóxica é máis ben dar malos pagos ou dar mal pago, no sentido de ‘ser ingrato, desagradecido’. Documéntase con maior frecuencia en singular, mal pago. Así atopamos en Xesús San Luís Romero: ¿Qu'a xente non o agradece? ¿Que o mundo mal pago dá? (1921, TILG), e modernamente, en X. M. Martínez Oca: Si, muller, é verdade, o malo é iso, o mal pago que dan (CORGA, referido aos fillos). Tamén no refraneiro de Hernán Núñez (s. XVI, un dos máis antigos da península): No hagas bien al malo y no te dará mal pago. Con todo, tamén se rexistran casos paralelos ao rosaliano en plural, como este de Albino Núñez: Ben que o meu destino é sempre escalar na terra, recebín moi malos pagos na miña, pra que na allea me agarden outros mellores (TILG, caso interesante pola procedencia da ingratitude: terra é sinónimo parcial de mundo). Na baixa Idade Media documéntase moito a fórmula fixada ben pago, frecuentemente acompañado de e ben entrego, en temas de pago de foros e semellantes. Adoitaba ir co verbo outorgarse (por) ou ser, co valor aproximado de sentirse ben tratado e satisfeito (XELMÍREZ).

18.  Pan que onde queira espiga/que en todas partes espiga (n.º 3: Si de pecados falades,/ é pan que onde queira espiga). Hai varianza con forma de refrán (é moi posible que o refrán sexa a ‘matriz’ de onde xebra a nosa autora a frase co pan tematizado): En todos os lados espiga o pan, menos onde non o botan (Cerviño 2013; á vista dos 2 refráns de Vázquez Saco, ben se ve que menos onde non o botan é un engadido, o que se chama unha explicitación), que vén equivaler ao coñecido En todas as casas/partes cocen fabas. En Vázquez Saco: En todas partes cocen pan, En toda (a) terra espiga a pan. Rosalía dálle outra volta á unidade fraseolóxica producindo un chis de “desautomatización” da frase feita, ao integrar un adxectivo negativo en concordancia con pan: ese pan barolento en todas partes espiga (n.º 3), en clara referencia ao pecado.

19.  Polas almas benditas (n.º 3: Mais, polas almas benditas, / hoxe dormirés nun leito / feito de palliña triga). Esta frase, coma outras semellantes, adoita usarse con valor apelativo (para rogar ou pedir algo, apelando aos sentimentos do receptor) ou -como é este caso rosaliano- para xurar ou reafirmarse nun compromiso ou intención. Fóra de Rosalía nós non fomos quen de documentala, tal cal, en Galicia. Hai variantes próximas, iso si: polas almas benditas de teos padres (J. M.ª López, TILG); polas ánimas benditas (2 casos no TILG). No CORGA documentamos estoutras: pola alma dos seus defuntos (implorando) e ¡por tódolos meus defuntiños! (xurando). Só puidemos documentar a frase rosaliana, idéntica, sen engadidos nin variación ningunha, en portugués: dizia com palavras soluçantes: - Não me leve para casa, pelas almas benditas (en Maria Moisés (1876) de Camilo Castelo Branco). Desde un punto de vista digamos histórico, o costume de rezar e deixar mandas testamentarias polas almas de… (daqueles de onde eu veño, daqueles onde entendo que houbo algo que non debía etc.) documéntase desde a Idade Media en Galicia (XELMÍREZ).

(Capela das Ánimas en Santiago de Compostela. Non é frecuente ver a imaxe das ánimas no lume sufrindo...)

 

20.  Poñer medo (n.º 3: E tal medo me puxeches, / que xa de aquí non saíra/ sen levar santos escritos). Temos aquí unha colocación, un tipo específico de frase. Equivale a ‘meter medo, amedrentar’. Na lingua do XIX é frecuentísima (unhas 500 concorrencias no TILG), mentres que na lingua actual cede espazo fronte a meter medo (63 concorrencias no CORGA fronte a 192 de casos co verbo meter).

21.  Saber a noces (n.º 1: Patacas asadas / con sal e vinagre, / que saben a noces). Frase ponderativa, indica o ben que sabe algo. As noces teñen un alto valor nutritivo e son saborosas. Hai nogueiras en Galicia de antigo: en Antonio López Ferreiro (se non falla a memoria) lemos que da terra de Deza partían carros e carros de madeira das súas nogueiras para tallar o altar maior da catedral de Santiago. E no corpus Xelmírez vemos como as noces podían formar parte do foro que lle entregaban a certos mosteiros os paisanos (et detis ad monasterium Palumbarii terciam partem uini et quartam partem panis, et cortinam terciam partem, et de lino quartam partem, et de sirgo terciam, et de castaneas et de noces tercia pars, texto de 1193, San Vicenzo de Pombeiro). Tamén se pode enfocar como frase saber a + SUBSTANTIVO: no refraneiro temos: Pan e noces saben a amores; Uvas, pan e queixo saben a beixo; As berzas en xaneiro saben a carneiro. En Pimentel lemos: o fagot , coa súa voz escura e sabor a noces (en Sombra do aire na herba). En un artigo do lucense Antón Grande volvemos topar a frase rosaliana:  O viño novo, un viño que non ten máis de quince ou vinte días pero que sabe a noces (https://anosaterra.com/wp-content/uploads/2017/09/N%C2%BA-1100-16-de-outubro-de-2003.pdf)

22.  Ser máis doce ca o mel (n.º 4: Si máis que a mel eres dulce / e máis que as froles suave). Frase comparativa. Pondera a dozura.

23.  Trubar a vista: (n.º 1: Tan vivos colores / a vista trubaban). O DRAG define a frase Turbarse a vista ‘apanarse a vista’, é dicir, perder nitidez a imaxe que vemos. A perda de nitidez xa está no propio verbo ‘turbar’ e así o percibimos no refrán Maio turbado e san Xoán claro fan un ano temperado, onde turbado entra en oposición a claro. No uso rosaliano, claramente metafórico, desviado, a unidade fraseolóxica realmente o que fai é ponderar a riqueza cromática das vestimentas dos danzantes da muiñeira: eran tan poderosas e ricas as cores que un xa perdía a noción, o sentido… O efecto é ponderativo, claramente.

:::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::

 

Seguiremos o ano que vén. Quedan aínda frases no saco rosaliano. Algunhas xa as vimos neste blog. Con todo e iso, a fala da filla da Amaía é inesgotable, ou case.

 

Referencias bibliográficas e internáuticas:

Cerviño Ferrín, M.ª Victoria (2013): “Fraseoloxía e paremioloxía de Sebil, 2” en Cadernos de Fraseoloxía Galega 13, 441-462.

CORDE = REAL ACADEMIA ESPAÑOLA: Banco de datos (CORDE) [en línea]. Corpus diacrónico del español. <http://www.rae.es> [

CORGA = Centro Ramón Piñeiro para a investigación en humanidades: Corpus de Referencia do Galego Actual (CORGA) [4.0] <http://corpus.cirp.gal/corga/>

DRAG = Diccionario da Real Academia Galega. Dispoñible en https://academia.gal/dicionario/rag

Ferro Ruibal, Xesús (2006): “Locucións e fórmulas comparativas ou elativas galegas” en Cadernos de Fraseoloxía Galega 8, 179-265.

Lama López, M.ª Xesús (ed.) (1995): Cantares Gallegos. Rosalía de Castro. Vigo: Galaxia.

López Taboada, C. e Soto Arias, M.ª R. (2008): Diccionario de Fraseoloxía Galega. Vigo: Xerais.

Méndez Ferrín, Xosé L. (2001): Un escritor nos xornais: artigos periodísticos, 2000. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela.

Vázquez Saco, Francisco (2003): “Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral” en Cadernos de Fraseoloxía Galega 5. Dispoñible en: https://www.cervantesvirtual.com/obra/refraneiro-galego-e-outros-materiais-de-tradicion-oral--0/

TILG = Santamarina, Antón (dir.) (2003-): Tesouro informatizado da lingua galega  (4.1)  [web].  Santiago  de  Compostela:  Instituto  da  Lingua  Galega.  Dispoñible en http://ilg.usc.es/TILG/

XELMÍREZ = Corpus Xelmírez - Corpus lingüístico da Galicia medieval. Dispoñible en http://sli.uvigo.gal/xelmirez/

 

 

 

(Documentación descubereta pola investigadora galega Sagrario Abelleira no Archivo Histórico Diocesano de Madrid, coa colaboración da arquiveira Irene Galindo: é a base para sabermos que a poeta de Galicia naceu un 23 de febreiro).