mércores, 25 de agosto de 2021

BUSCANDO PALABRAS

BUSCANDO PALABRAS

Outro posible galeguismo no español de América: “Regalado se murió”

 


 

Chegou ás nosas mans o libro Fraseologia & Cia. Entabulando diálogos reflexivos, volume 2, un feixe de interesantes artigos cuxa edición foi coordinada pola profesora brasileira Suzete Silva. Nun deles, o titulado “Coincidencias fraseológicas entre Cuba y Canarias”, o doutor Luis Alberto Alfaro Echevarría, da Universidade Marta Abreu de Las Villas, Cuba, achéganos como fraseoloxísmo común tanto a Canarias como a Cuba, este dito: regalado se murió.

 


 A frase, en galego, nós témoslla oído á nosa nai valdeorresa, octoxenaria. Volvímoslle preguntar este día e díxonos sen dubidar un só intre: “O regalado morreu. De toda a vida, xa o dicía a miña avoa”. Para maior seguranza, comunicámonos cun noso curmán vinte e tantos anos máis novo ca a nosa nai, tamén valdeorrés, que vive no Barco, Manuel Trincado, e confirnóunola, con variante, con explicitación: “Regalado morreu… e morreu pobre”.

(Foto tirada de Internet da Rúa Vella, Valdeorras)

 

No título desta páxina, desta nova entrega no noso blog, xa deixamos claro o enfoque: é posible, non hai ciencia certa nestas elucubracións, que esteamos diante doutro galeguismo no español de América. O uso do indefinido outro débese a que non é esta a primeira vez que escribimos sobre o tema: fixémolo no blog cando falamos da frase como rata por tirante e algunha vez temos publicado algunha cousiña ao respecto, á lóxica e esperable tras séculos de presenza galega en América (só Bos Aires foi considerada con xustiza a quinta provincia galega), pegada do idioma de Galicia no español americano [Luis González García, María del Rosario Soto Arias (2016): “Galeguismos no español de América: coincidencias semánticas entre unidades fraseolóxicas galegas e do español de América”, en: Lingua, pobo e terra: estudos en homenaxe a Xesús Ferro Ruibal, Manuel González González (ed. lit.), págs. 245-301].


 

Os que ledes con certa frecuencia o blog recordaredes aquela entrega sobre fraseoloxismos lúdicos tomados case todos da fala da nosa nai: cada unha daquelas frases respondía, diciamos, á función lúdica da linguaxe e tamén á fática, en canto que algunhas viñan responder coma un eco a unha palabra anterior… Esta de hoxe, regalado morreu pertence a un conxunto máis amplo de UFs, caracterizadas por negar ironicamente, son negacións lúdico-irónicas. A ironía fica patente en canto observamos que todas elan presentan a modalidade afirmativa pero negan.

Vexamos casos, todos eles documentados en galego:

1. A confianza levouna o inglés (da oralidade, informantes de Muros) [Máis datos en: http://mardehistoria.villademuros.com/lendasdavila.htm]

2. O que regalaba era da Rúa i-ahora morreu (nº 1105, Vázquez Saco; recolleuno tanto na Rúa de Valdeorras como en Lugo)

3. (O) regalado morreu (e morreu pobre) (da oralidade, informantes de Valdeorras)

4. (O) tranquilo morreu cagando (na vía do tren) (oído na Coruña; hai máis variantes con explicitación ou especie de estrambote. Por exemplo esta: – ¡Tranquilo! / -¡Tranquilo morreu “caghando”! pero peor foi seu irmán, ¡que morreu mirando! [recollido en Noia, en: https://orellapendella.gal/tranquilo/].

5.  Señor Escrúpalo morreu de fame (nº 13815, Vázquez Saco)

6. “Toca-de-balde”  morreu (nº 6204, Vázquez Saco; recolleuno en Mondoñedo) [Hai variante, aboada por Noriega Varela: Toca-de-balde morreu coa gaita á cabeceira]

7. Xa se morreu o emprestar que o matou  o  mal  pagar (nº 19854, Vázquez Saco).

 


 

Pensamos que a este paradigma tamén se lle pode adxuntar:

8. A seguro levan preso (moi común en Galicia, e tamén noutras partes da península).

Podemos tirar un esquema sintáctico-fraseolóxico común (cunha soa excepción, a UF nº 7, con tematización do adverbio):

ARGUMENTO + VERBO.

O ARGUMENTO pode cumprir a función de SUXEITO (n 2, con salvidades porque hai unha coordinación; nn 3,4, 5 e 6), de CD (nn 1 e 8).

O verbo é predominantemente o verbo MORRER (no seu defecto un sinónimo tamén tamén con capacidade negadora ou bloqueadora), fixado en 7 casos no pretérito simple.

Observamos tamén, como reforzo do aspecto lúdico, unha tendencia a facer do ARGUMENTO (un substantivo ou infinitivo ou cláusula substantivizados nos máis dos casos) un ente humano: de feito, “Regalado” pode ser un nome antigo (hai lugares en Galicia que se chaman Regalade e consérvase como apelido), o “escrúpulo” aparece antecedido polo “señor” e as accións verbais como “levar preso” ou o propio verbo “morrer” piden máis ben actantes vivos.

En conclusión, e a falta de estudos sistemáticos que nos falen da vitalidade deste esquema fraseolóxico en Asturias, Salamanca (en xeral ámbito do NO hispano: en Correas, por exemplo, documentase Ya  se  murió  el  emprestar,  que  lo  mató el malpagar), podemos hipotizar a orixe galega deste produtivo esquema fraseolóxico, tan retranqueiro… Mirade o uso estupendo que lle dá Manuel Rivas, en Os libros arden mal:

¿Sabes unha cousa Samos? Seguro morreu de vello, desconfiado aínda vive.

De feito, a produtividade do esquema serve para xerar variantes semanticamente contrarias: velaquí o caso: O seguro morreu de vello, que contradí o coñecido O seguro levan preso, é dicir, que pondera o esforzo por asegurar algo ou por facer seguras as circunstancias posibles [O seguro morreu de vello documéntase en: José Augusto Ventín Durán. Fraseoloxía de Moscoso e outros materiais de tradición oral, http://www.cirp.es/pub/docs/cfg/cfg_anexo1.pdf, e aí aparece como sinónimo de O seguro non levan preso].

Quédanos por dicir aínda que a unidade fraseolóxica esténdese noutras áreas do español de América. Está na obra de Miguel Ángel Asturias, por poñer un exemplo paradigmático:

—Sí, déme seis con cuatro...

—¿Y esos cuatro?

—Al fiado...

—¡Regalado  se  murió  y  fiado  es finado! (Miguel Á. Asturias, Hombres de maiz).

Claro que, á vista deste fiado es finado do premio Nobel guatemalteco, non podemos obviar que esoutra frase paralela (xerada polo mesmo esquema fraseolóxico ca as anteriores) é moi común no ámbito luso-brasileiro: (O) fiado morreu (de velho). Tamén o fraseoloxismo O seguro morreu de velho é, no que nós sabemos facilmente documentable en portugués. En troques, non coñecemos O fiado morreu dentro do dominio galego. Si temos oído e documentamos (2 veces no TILG, sen ir máis lonxe), a unidade fraseolóxica Hoxe non se fía, con semántica e ironías paralelas pero esquema sintáctico distinto (C Adverbial + VERBO na modalidade negativa); hai variantes: Hoxe non se fía, mañá si, ou hoxe non se fía nin mañá tampouco. Moi común igualmente no dominio do castelán peninsular.

Logo, e rematamos aquí por hoxe, pendentes sempre de posteriores estudos, quizais sexa prudente variar a hipótese: a orixe deste fraseoloxísmo, o regalado morreu,  mellor ca galega, é galego-luso-brasileira. Feliz inicio de setembro cos seus traballos e seus días.


 

 

 

xoves, 12 de agosto de 2021

A CORUÑA

A FONTE DE PAREDES


 

Preséntovos unha fonte coruñesa que moitos de vós seguramente non coñeciades. Unha humilde fontiña. Cousa bonita, as fontes. Non é raro que se publiquen folletos, libros, estudos sobre este tema… Relembro que a Xunta publicara hai anos unha colección de marca-páxinas con fontes galegas… Creo que ma regalara Carmela pero -seguindo un discutible costume que daquela tiña- repartín e quedei con poucos e nin sequera sei arestora onde os gardei…


 

Nos documentos antigos as fontes son espléndidos puntos de referencia. E xunto ás fontes ocorren marabillas de todo tipo nos relatos lexendarios, míticos, haxiográficos e folclórico-contísticos. Neste noso blog falamos xa varias veces dalgunhas galegas (coruñesas: a dos Frades, luns 14 setembro 2015; a do Corgo, 26 novembro 2014; galegas en xeral: A fonte de Ana Manana, 4 xaneiro 2017).

A fonte da que falamos hoxe está camiño do Portiño e deita todo o ano un pequeno fío de auga. O meu amigo, cuxo nome non quere publicar, o meu amigo mariñeiro díxome isto dela (el foi quen baixou connosco e nola fixo ver): un de Labañou cerrara todo con pedras moi ben cerrado e tiña alí coma un estanque de auga, un depósito grande, pero unha vez veu unha vaga criminal e tiroulle con todo, porque o mar chega ata aló enriba...


 

A fonte non ten, polo que puiden averiguar, nome, pero eu vouna bautizar igualmente. Chamarémola A fonte de Paredes, porque está moi próxima a ese microtopónimo ou talasónimo. Paredes e Galera están próximos un ao outro: o primeiro é coma unha grande parede vertical (vese ben desde o mar), chega ata a furna e vén estando en fronte das primeiras rochas que constitúen -vindo da cidade e indo ao Portiño- o primeiro illote, As Cornadillas (moi preto tamén está o Aguillón). 


 

As fotos con que vos ilustro esta páxina xa son de hai un par de anos, pero a fonte segue deitando auga impertérrita e impertubable ante o paso do tempo. Que siga, que siga. Sempre necesitaremos auga.