luns, 28 de novembro de 2016

Berrogüetto: "O preciso movemento"


 Velaquí un tema deste eterno grupo folk galego, interpretado no tamén eterno programa da televisión "Luar".

mércores, 23 de novembro de 2016

LENDO A



LENDO A CASTELAO I


Lendo a Castelao coas rapazas do Club de Lectura dos venres (falaremos outro día das cousiñas interesantes que xurdiron), veume á cabeza algo que me contara o meu colega e profesor voso, Raúl Trillo, sobre un cadro que obra en poder da súa familia pintado por Castelao. Así que lle pedín que nolo presentara e que nos dixera algo sobre el. Velaquí tedes as súas palabras:



“Trátase dun retrato. Retrato de Llamazares. É unha pintura ao óleo sobre lenzo da autoría de Alfonso Rodríguez Castelao. Neste retrato de Castelao podemos ver tres aspectos que caracterizan o autor:  o gusto pola caricatura para acentuar unha visión realista, crítica pero humorística; o interese polo pobo desamparado: cegos, mendigos, labradores pobres... E en terceiro lugar, a execución rápida e solta da pintura coma un exercicio expresivo.
Esta pintura non está datada pero con certeza debeu realizarse no verán de 1906 ou 1907 nunha localidade próxima a Santiago, Santa Mariña do Barro, onde estaba a casa familiar duns compañeiros  de medicina e farra e onde recalou o pintor nalgunha ocasión estival convidado pola familia.


Este retrato masculino, asinando na parte superior dereita, é coñecido polos seus propietarios co nome de Retrato de Llamazares. Mostra un paisano co sombreiro no momento de acender unha cabicha cun chisqueiro. Parece ser que este tal Llamazares era un borrachín moi popular que frecuentaba as tabernas de Santiago e bebía sen tino convidado polos estudantes. Agradecido, exhibía as súas habilidades, sendo unha delas engulir un chourizo fritido sen masticar, tal como o faría unha boa, tantas veces coma fose necesario mentres llo pagaran. É de supoñer que esta atracción compostelá non debeu ter unha longa traxectoria no tempo.
Esta pintura de Castelao e outras do mesmo autor permaneceron na casa de Santa Mariña ata finais dos anos setenta coincidendo co recoñecemento oficial da figura do autor, e continúan sendo propiedade da familia”. 

 (As fotos foron feitas polo Catedrático de Debuxo do noso Instituto, D. Raúl Trillo Docampo)
                                                                             

mércores, 16 de novembro de 2016

A CORUÑA



A CORUÑA


A GRANXA
  




Xosé Antón Fraga lévanos a tempos pretéritos a través da súa palabra e de vellas fotografías rescatadas (moitas conservadas grazas ao labor tenaz e loable dos homes que traballan en Mabegondo) e dixitalizadas. Entre elas vemos o plano inicial da Granxa Agrícola de Monelos, un proxecto que data o seu nacemento no ano 1891, inda que oficialmente haxa que ir ao 1878. O plano está asinado polo enxeñeiro Víctor Lobo, é de 16 hectáreas. Como dono das terras cítase a Luciano Puga, inda que tamén se mentará o vello nome de La huerta del General (Martínez Cermeño, un personaxe sobre o que escribiremos nun futuro, díxose que tiña coma un pazo ou casa grande no Corgo, que moitos de vós recordaredes, mais eu non logrei rescatar esa lembranza...). Vemos outro plano datado esta vez en 1909, e calculou Fraga que deben estar depositados no Arquivo Municipal. Coma unha sucesión de lampos no ceo van pasando as fotos na pantalla: con capacidade poderosa para conducirnos á infancia feliz, para levarnos unha vez máis de paseo pola Granxa, coma cando eramos rapaces e o avó Manuel nos collía, imos dar un paseo á Granxa. A porta: foto da porta da Granxa. Pechada. Pregúntase en voz alta Tino (hai confianza: visitou varias veces a nosa casa, o Instituto, colaborou connosco no libro dos 125 anos, velaquí outro dos privilexios –ou así o sinto-  de ser parte desta comunidade educativa que tantas cousas boas nos deu) se esa porta permanecería pechada en xeral e cando é que se abriría... Pregúntolle aos meus a ver que relembran... Recordámola sempre aberta (pero nós vivimos o último período da súa existencia –desde 1960 máis ou menos- , cando era xa unha especie de magnífica sala de xogos, de paseo público paradisíaco). Foto do edificio onde vivía o Director, casa branca en estilo modernista; foto do despacho do Director; foto da Estación de Fitopatoloxía, a partir de 1928 (menciona Tino a Juan Rodríguez Sardiña, un luxo de científico que veu destinado e “castigado” polo réxime, fóra de Madrid, e chegou á Coruña, á súa terra); foto da galería-especie de sequeiro onde vemos uns froitos estentidos. Foto do camiño central, abeirado de plataneiros: fala Tino de impacto emocional. Marca indeleble ou magdalena de Proust ou veloz valquiria que nos leva alí, aos catro, cinco, seis aniños. Fotos que documentan que había campeonatos, concursos. Unha da estación que se constrúe en Bastiagueiro (hoxe é a sede do INEF-Facultade de Ciencias do Deporte). Daquela, en 1921, formáronse alí por primeira vez en Galicia, perítos agrícolas. Érguese a voz dun asistente á conferencia (estamos no Fórum Metropolitano: fálase da Granxa de Monelos respondendo a unha iniciativa da asociación Alexandre Bóbeda mais a A. de Veciños de A Gaiteira-Oza-Os Castros) para recordar o arquitecto que deseñara o pazo de Bastiagueiro, o galego e Premio Nacional de Arquitectura, A. De la Sota (en 1948 deseña a denominada Escola de Capataces).

 (O paseo da Granxa, por onde nós -os rapaces nacidos nos anos 50- corriamos, xogabamos, camiñabamos da man dos avós... Ao final deste paseo inda recordamos a fábrica de "Leyma")

Pasa logo a enumerar as actividades nucleares da Granxa de Monelos: Selección de Gando (está a Granxa detrás da creación da raza rubia galega: vemos fotos coa etiqueta “Raza Gallega”, vemos orgullosos paisanos fateados, e con gravata incluso, a carón das vacas, mulleres incluídas, a muller si está presente no agro puntualiza preciso Tino). Labor divulgativo: a plantación de árbores, un logro no que se implica o estamento escolar (no libro do 125 aniversario do Instituto da Guarda hai unha foto de 1911, celebración na praza de Pontevedra do día da árbore, con participación da xente, do profesorado, do alumnado... unha marabilla de interrelación produtiva e cívica asemade). Prácticas de poda. Movemento cara ás aldeas: levan a técnica alá onde se necesita que prenda, á aldea: son como as unidades móbiles actuais de RTV ou de Transfusión de Sangue (Cátedra ambulante lemos nun dos vehículos inmortalizados nunha das fotografías, que concepto, señores, que concepto para quitar o sombreiro!).



Unha das claras virtudes daquela xente e daquel proxecto que sintetizamos baixo a frase A Granxa de Monelos era a feliz comunicación coa xente así como a integración na vida social da cidade (un exemplo: a foto de grupo onde lemos Amantes del campo, onde aparecen –entre outros- o alcalde Casás, o galeguista Uxío Carré e xente da Granxa como Hernández Robredo).

No ano 1899 sae o primeiro número do Boletín da Granxa: falan de novidades na fabricación de maquinaria, publican cartas dos labregos (unhas 200 ao ano): é un órgano de comunicación directo e a pé de obra.



Dá o noso conferenciante, home de ciencia, home preocupado polo país, unha certeiras pinceladas sobre a situación do agro galego a finais do XIX. A internacionalización da agricultura nesa altura prexudica a Galicia: ata 1892 exportaba gando vacún a Ingleterra mais a partir desas datas a construción cara de barcos con frigoríficos fai que aos británicos lles saia máis barato comprar a carne en Arxentina e EEUU (onde había moita produción e venden barato, así enchen os barcos) que vir aquí por ela. A gandería de Galicia afúndese, e a agricultura sofre unha forte competencia e ten que pandar coa trasmisión de enfermidades que veñen de fóra, como a tinta dos castiñeiros e o mildiu da uva. 

 (O lúpulo aparecía como unha interesante explotación agrícola industrial; a principios do s. XX Hernández Robredo viaxa ao sur de Inglaterra e ve o ben que por aló se dá esa planta e pensa en traela a Galicia, onde tamén se dará de marabilla; traballarase en colaboración coa familia Rivera; este cultivo retomarase tras a guerra)



Pero o país basea a súa economía neses sectores (campo e gando). Formula o conferenciante unha interrogación retórica clave: Como é posible que carecésemos de centros de investigación?

A resposta é simple: pola desatención. A Granxa xorde en boa medida para paliar ese panorama. Se a principal produción é a gandería e a agricultura pois incorporemos aí os coñecementos dos que dispoñemos. Tamén era moderno o enfoque: baseouse no diálogo co sector destinatario.

Para que se entenda ben a importancia dese principio alude Fraga á experiencia habida en Ortigueira en 1876: viñeron de Madrid e montaron unha estaciónde ostricultura –tendo en mente o modelo francés-, pero non contaron cos paisanos: cando era inverno e volvían para Madrid os expertos e dirixentes, a xente desatendía as instalacións e incluso déronse casos de vandalismo: nunca fixeron súa a estación (e poucos saben sequera que existiu, fora a primeira en Galicia). Non se pode chegar en plan déspota ilustrado, non convén, é mellor escoitar as demandas dos interesados, as necesidades.

Volvendo á Granxa de Monelos, souberon atraer o público, coa cátedra ambulante foron aos sitios e trouxeron aquí a Coruña á xente, dábanlles sementes gratis: foi un auténtico apostolado, traballaron co boca a boca e puideron ver como se producía máis e mellor. Teceron unha rede [boa metáfora de Tino], as redes cústaas desenvolver pero logo resisten e funcionan moi ben. En Galicia e na Coruña en concreto houbo máis asociacións interesadas polo progreso (o Consulado, as Sociedade Económicas de Amigos do País...), houbo si, pero poucas coma a Granxa souberon establecer vínculos directos coa xente a quen realmente lle interesaba o seu labor. Foron, ademais, uns avanzados noutro aspecto clave: a ecosensibilidade. Nesa interacción coa sociedade coruñesa e galega procuraron esperatar a sensibilidade ambiental: boa proba diso é a Festa da árbore, que se oficializou en 1914 (di o conferenciante que tras a guerra desapareceu, pero moi paseniñamente, durou aínda, había unha certa conciencia social que fixo que durara: eu mesma recordei en voz alta que me levaba a miña avoa Pura, a coruñesa, á plantar unha árbore tal día ao ano, sendo nena, á Granxa e alí había máis rapazada...). Le Fraga unhas fermosísimas palabras de Hernández Robreda, a quen Deus teña na gloria, O sacho por pluma, o rego por tinta escribirá hoxe o neno...

Por hoxe xa chega. A ver se nos animamos a escribir unha segunda parte sobre o tema. Ben o merece. Sobre todo, falta analizar a reflexión final do señor Fraga: Merece a Granxa de Monelos unha lembranza imperecedoira por parte da Coruña e dos coruñeses: algo económico, axustado... Que se busque algún tipo de recoñecemnto... Como é posible que non teñamos esta parte da nosa historia coma un activo máis da cidade?

Habémolo meditar: nós, os nosos fillos, os nosos alumnos. Nós os coruñeses. Nós os galegos. Que menos que un merecido e digno recoñecemento!


 (Foto histórica: os "Amantes do campo"; debemos esta copia á xentileza impagable de Xosé Antón Fraga)


mércores, 9 de novembro de 2016

BUSCANDO PALABRAS


BUSCANDO PALABRAS

Volksgeist.  


 (Dieter Kremer minutos antes de impartir a súa conferencia: ao seu carón a lingüista Isabel Boullón, a quen o romanista dirixira a Tese de Doutoramento; a foto, de discutible calidade, é de Charo Soto)

Os neorrománticos (tamén os tradicionalistas como o coruñés Menédez Pidal) crían no espírito do pobo. Os homes do Grupo Nós, que estamos estudando estes días en segundo de bacharelato, teñen moito de neorrománticos e non marramos se dicimos que eran homes de espírito (desprezaban o materialismo). Castelao preocúpase no seu momento de cifrar cales serían ou son (depende da prótase ou condición “se iso existe”) os trazos diferenciais do ser galego. Supoñendo que iso exista, insisto, facendo un pobre xogo de palabras, mais debedes comprenderme: eu como o personaxe diestiano do relato sobre a morte do Bieito, tamén dubido. Insistamos un pouco máis: se existimos como pobo, os trazos identitarios que Castelao formula paga a pena relembralos: somos inevitablemente líricos, invádenos con frecuencia o sentimento da saudade, amamos o verde nutricio ata o infinito e posuímos un sentido do humor, ora tenro, ora escarniño.

 (Mapa da Romania: territorio onde se fala unha lingua románica)

Fomos a Santiago de Compostela este día outonizo oír unha conferencia impartida por un sabio alemán como alemá é a palabra Volksgeist, Dieter Kremer, un dos maiores expertos vivos sobre Onomástica galega. De volta na casa inevitablemente matinei querendo aprofundar coma o barbeiro de Castelao nalgunhas das cousas que dixo Kremer e entrei a bucío (esta frase tampouco é miña, débolla á lectura de No ventre do silencio) no Corpus Xelmírez, guiada nun principio pola curiosidade de ver cantos apelidos con orixe nos oficios atopaba (Kremer contounos que en Europa predominan eses apelidos, mentres que na península abundan máis os patronímicos –orixe no nome ou apelido do pai- e detoponímicos –orixe na terra, no lugar de nacemento e/ou quizais na casa familiar). A verdade é que atopei unha morea referidos a oficios, aínda que estatisticamente non sexan moi relevantes... Déixoos para outro día: o que verdadeiramente me fascinou e é o motor do movemento desta man que vos escribe hoxe, é a riada de alcumes cos que tiven a fortuna de dar. O Corpus Xelmírez, de libre disposición na rede, é outra sorte de tesouro. Engaiolante e divertido.
Sobre os alcumes como fonte posible de apelidos xa hai publicadas algunhas cousiñas. O propio Kremer e tamén César Oro, sen ir máis lonxe, teñen escrito certas páxinas. De feito, algún dos alcumes que recollo aquí xa foi citado por eles. Non importa: xa sabedes que é facultade marabillosa da comunicación literaria, escrita, a interrelación sempre produtiva entre tema, mensaxe e emisor: a mirada, o enfoque, a mente do emisor condiciona sempre o tema: nacen así novas mensaxes. Nun diálogo permanente, mentres haxa un lector interesado en recoller a remuda, en tender a man receptora e receptiva. Pero quería subliñar unha idea nuclear antes de lanzarme e lanzarvos os datos coas súas pequenas hipóteses interpretativas. A idea crucial de que o espírito escarniño é noso, galaico, galaico e portugués, galaico e hispano. O escarnio, o realismo sanchopancesco, esa incisiva voz con que cantamos e dicimos. E nos alcumes medievais hai moito escarnio. Podedes crelo.

AlCUMES MEDIEVAIS

(Dividímolo en 7 subtipos, dos cales hoxe subiremos ao blog 2 ou 3. Non sempre recollemos a data do documento;  non sempre temos seguranza, certeza absoluta nin moito menos á hora de procurar unha explicación, simplemente elucubramos o mellor que podemos, tomando como base o tesouro lexicográfico do DdD –Dicionario de Dicionarios, de libre consulta na rede-; todos os alcumes están tomados do Corpus Xelmírez; moitos dos alcumes son apelidos documentados na Galicia actual, verémolos outro día; á derradeira, deixádeme que vos faga unha observación sobre a Casa: a casa é tan importante como o lugar pero non é sinónimo total ou sinónimo perfecto do lugar; hoxe en día vemos en moitas parroquias como se denomina ás persoas pola casa, formando novos sobrenomes diferenciais e por veces alcumes: por exemplo, na parroquia do meu esposo fálase de Pepe de Vitorino, Xosé Ramón de Varela, Os de Casanova, Teresa de Elías, na de Rolán ou o propio Rolán (este último en Silleda), e non necesariamente esas persoas levan xa ese apelido ou ese nome, hai casos en que se refire ao pai ou ao avó, pero hai casos en que xa nin se sabe quen levou ese nome ou ese apelido, e noutros casos é o nome da casa; tamén a casa pode denominarse cun nome de oficio  e ese nome pode incluso pasar á persoa que por matrimonio, foi vivir a esa casa; se isto é así hoxe, tamén puido ser así na Idade Media, naturalmente).

1.      ALCUMES ZOONÍMICOS.


Eu Martin Peres dito avellon / Iohan Perez, dito boy / et de seu móórdomo ia dito Pedro Martíj́z nomeado Boy  (XIII) / Domingo Paiç Paiç dito Cabrita / Affonso Pelaz, dito Carneyro  (s. XIV) / Juan Carneyro / Pero iohannis dito cavalo / Pedro Ares, dito Corçino (DdD: corciño, diminutivo de corzo) / Domingo Perez dito Corço de Milmanda / Nuno da Curuja (S. XV) (podería tratarse dun toponímico, Nuno pode ter a casa alí onde canta a Curuxa) / Pero Esquio de Beba (S. XV) / Tareya eans falcoa (filla ou muller dun Falcón?) /  Pedro Moogo dito Gallina (1281) / Afonso de Galljñaas / Eu Johã Perez, dito Gallo / Martin Galos / Eu Pedro Eanes dito Gando / Johan Ganso (s. XIV) / Tereixa Gata / Johan perez dito gibarro (DdD: Xibarro ‘especie de cetáceo’) / Pedro Martinez dito Grilo / Pedro Lagosta /Iohan Fernandez dito Leyton /  Moni Martin dito Ossa (a escolla do xénero feminino talvez se deba á proverbial bravura ou crueldade da femia cando ve perigar os fillos) / Iohan Martin dito Poonbo / Afonso Fernandes Poupelo  (posiblemente da familia de poupa ‘bubela’) /Johan Martinez, dito Pulga / Vaasco Ratón / Gomes Rodriges Martin Serpe / Afonso Tenrreyro / Eu Lopo Uermuit dito Tibouba (DdD: Tiopa ‘toupa’; nós temos oído a variante Tioupa) / martin iohannis dito tourinno / Ruy Paez, dito Zerbo.

2.       ALCUMES-OFICIOS (OU CARGOS OU CONDICIÓN SOCIAL).


Iohan Perez dito Barroso (DdD: ‘canteiro’) / Domingo Perez dito Biteyro (Biteiro pode ser variante de bitilleiro, ‘persoa que fai vitillos’ e daquela sería alcume-oficio; dubidamos, en troques, que poida conmutar por bitelo/vitelo, se fose así sería alcume zoonímico) / Pedro Perez, dito bofom (DdD: bofón ‘buhonero’) / Domingo Eanes, dito Bozera (Parece estar por voceiro ‘avogado’, valor que se documenta ben na lingua medieval: , a quen polas nossas coitas | roga senpr ' e é vozeira, nunha cantiga mariana afonsí) / Ffernan portugaez e Pero eanes dito bulla clerigos de Bayona (pódese pensar nun clérigo como aquel do Lazarillo, que vendía bulas; ou é alcume escarniño por crer que ten bula para todo, por crerse autorizado para facer sempre a súa vontade) / Johan Perez, dito Carrella (O DdD di que carrella é un certo tipo de carrasco, e se buscamos a páxina inesquecible que escribe Eugenio Reguera y Pardiñas –sempre no DdD- sobre a voz carrasco, podemos talvez imaxinar que o dito Carrella podería ser un home pobre que tamén sobrevivía grazas a esa planta) / Fernan Gomes Pero Anes dito choupeyro pescadores (1318) (pescadores vai en plural porque se citan máis persoas antes; está claro que este Fernan Gomes se dedicaba  a, ou era especialista en pescar choupas) / J Lopez dito Conllaço (DdD: collazo ‘(ant.) Colono, persona que con la tierra, pasaba á poder del señor, el que cobraba el cánon por ello’) / Pedro Iohannis dito Corneyro (ou indica oficio – DdD: corneiro ‘el que trabaja en obras de asta ó cuerno’--, ou indica un atributo físico –dise do que ten amplas entradas na testa-, ou ben alude a un testalán) / Pedro Martinz dito dorna de Ponteuedra (sería propietario dunha dorna para pescar, ou máis probablemente, colleitaría –el ou un seu ancestro- viño, vendo o predominio absoluto no Corpus Xelmírez de dorna referida ao viño; DdD: dorna ‘nombre de vasija o artesa de madera, pero en especial aquella tinaja que se pone en los lagares para recibir el vino exprimido’; non é imposible ver un alcume escarniño para un bebedor)/  Roy Peres dito Ferreyro / Martin Ares, dito fuseyro (‘que fai ou vende fusos’) / Nuno Martinz dito Justiza / Iohan Fernandez dito Lavor (pensamos en que se gañaría a vida no traballo da terra, pero cabe pensar nun atributo) /  Eanes d -Arcos, dito meestre / Pedro Eanes dito mestre / Pero Perez dito mercador / Johan Martinez dito monteyro / Johan Iohanes dito Nateyro (DdD: “A los de Furcos (Cuntis, Po.) les llaman nateiros por dedicarse al negocio de la leche (nata)”) / Migeel Eanes de Puga dito Pedreyro / Iohan Perez dito pedreiro / Meen Rodriges dito pedreyro, caualleyro (aquí, visto que Meen era un cabaleiro, parece deducirse que o alcume pode referirse a un ancestro, como cando na parroquia dezá do meu home din Antonio do xastro, ou Alfonso do muiñeiro, porque o pai ou o avó exerceron ese oficio) / Iohan Perez dito Peon / Pedro Uidal dito Porteyro /  Eu Johan Marinz dito peyteeyro (DdD: peiteiro ‘peinero, el que hace ó vende peines’) /  Iohanis Eanis dito torneyro.

 (Convento de San Francisco, pé das murallas: hai probas documentais de que existía xa ese convento na Coruña de 1262, nun escrito de Teresa Yañez de Deza: "Et mando fratribus minoribus de Cruna"; noutro documento de 1279 a forma do noso topónimo é "Crunia")
 

3.       ALCUMES TOPONÍMICOS OU CON ORIXE EN XENTILICIOS


Martin Paez dito d –Alfaya (documentamos Alfaya como topónimo claro nun privilexio de 1284, no CORDE) / Johan Pérez dito d ' Asma / Eanes dito Boullon (DdD: boullón ‘Borbollón, erupción que hace el agua al hervir con algún ruido’; na lingua actual a palabra úsase moito na frase feita a boullón(s) ‘a cachón’, mais é posible supoñer un uso substantivo previo, boullón ‘cachón, fervenza’; como alcume pódese pensar nun valor metafórico, persoa que bole, inqueda, chea de vida, pero pódese pensar nun detoponímico: persoa –ou ancestro da familia- que naceu ou procede da casa que está na proximidade dun cachón) /Pedro Eaneſ, dito du Burral (posible topónimo, no Xelmírez documentamos flijgesýa de Burres; supoñemos que lexicamente a voz hai que emparentala con burrea ‘borrea’, da familia de borra/borralla) /  Pedro Pérez dito Carualiços / Petro Perez, dito Coſtas / Ferna Perez dito da Cruna (1280) / Domingo Perez, dito da Deueſa / Iohan Eanes de Gomariz, dito Franco (o máis probable é que aluda a un seu ancestro, desa orixe xermana; actualmente é un apelido relativamente común; en Italia é nome de pía) / Martj̃ Iohaneſ, dito da Maya (na Maya, Oriente, Cuba, viviran os meus avós anos largos: relembrade que as palabras tamén viaxan) / Rodrigo Eanes, dito Mioto (posiblemente nacido nas ribeiras miñotas portuguesas: pero recordade que sempre cabe a posibilidade de que xa non fose el o miñoto de orixe, senón un seu ancestro)/ Pedro Perez dito de Ribadeu / Martin Anes, dito de Ruuial (Ruuial aparece como topónimo, e en concreto como nome dun souto, no Corpus Xelmírez: no galego actual a castaña rubial é un tipo de castaña) /  Pérez dito Siuilla (1274) (a conquista de Sevilla, na que participaran moitos galegos, tivo lugar en 1248: logo este home puido traer de alí o sobrenome) / Pero Fernandez dito De Ual.

 (Foto tomada da Internet da lagoa de La Maya, provincia de Oriente, Cuba)