martes, 27 de febreiro de 2018

A CORUÑA



24 de febreiro: Día de Rosalía.


A Coruña na vida de Rosalía de Castro e familia.

(Camiño Real Vello, logo Rúa de Garás, hoxe Av. de Linares Rivas, ano 1883, fotografía feita sobre outra procedente dunha exposición comisionada pola cronista da Coruña, dona Mª de la O Suárez)


MURGUÍA:


O pai de Murguía tiña unha farmacia en Garás, na cidade herculina. Aquí, na Coruña, pasou boa parte da súa infancia o neno Manuel: ¡Adios! Bajo ese cielo que bordan las estrellas, / Endulces embelesos mi infancia se pasó; / Te juro, mi Coruña, la bella entre las bellas, / Te apartas de mi vista, de mi memoria, no” (última estrofa dun poema escrito cando se despide da cidade para ir talvez a Madrid, en setembro de 1851). No Boletín da RAG lemos tamén esta nota de agradecemento: “Aunque algo tarde, pues me lo impidió la carencia de tranquilidad necesaria para ello, doy, desde el fondo de mi corazón, gracias á cuantos me honraron con su presencia, su estimación, sus votos y aplausos en momentos para mí inolvidables de los obsequios que debí á la Coruña, mi ciudad natal, en la celebración del 80 aniversario de mi nacimientos. Dios pague á todos esta deuda de mi gratitud, porque siendo tan grande como es, no puede mi corazón rendirla si nó con mi eterno reconocimiento” (vemos que Murguía interpreta o nacemento en Froxel, san Tirso de Oseiro, Arteixo, como un accidente; en calquera caso un “accidente” que enaltece ese municipio ártabro).

Estando na Coruña Murguía (como xefe do arquivo da delegación de facenda da Coruña, a onde vén trasladado desde Santiago) é cando recibe desde a Villa Rica de Veracruz a carta de Valle Inclán para que lle prologue Murguía o seu primeiro libro, Femeninas (relembremos que xa o pai, don Ramón, do pontevedrés profesaba grande amizade a don Manuel M.M.).Na carta, que publica Naya no Boletín da RAG, escrita en 1893, o mozo Valle chama a Murguía o vate por antonomasia, o que encarna o espírito e amor á Terra.

O tempo máis longo que pasarán na Coruña Murguía e Rosalía é na década dos 70 (entre 1871 e 1875: máis datos no libro Rosalía de Castro. Estudios sobre a vida e a obra, de Andrés Pociña e Aurora López, Laiovento, 2000), cando nomean a Murguía xefe do Arquivo Rexional de Galicia, instalado na Audiencia, no pazo de Capitanía, situado moi cerca da casa onde vivía a familia, na rúa do Príncipe.

Sobre ese traslado precisamente escríbenlle algúns seus amigos: En carta datada en Padrón a mediados de 1870, Felipe –non consta apelido- dille a Murguía: “Su traslado a la Coruña me viene bien porque me proporcionará más ocasiones de verle, aunque ahí estaría U. mucho mejor en todos conceptos”. E Bernardo Barreiro escríbelle desde Santiago 31 xullo 1871 e di que xa están na cidade: “Había encargado a mi amigo Fuentemayor que está en la Coruña de vice cura en Santa Lucía [neste momento histórico a igrexa de Santa Lucía está na barriada do mesmo nome, aldea que fora de pescadores, moi preto da Palloza] diese a U. mis recuerdos pues le haría una visita y nada me dice en su última carta”.

Veremos que na Cova Céltica tiña Murguía moitos amigos, pero hai máis. Para coñecelos (se non a todos, si algúns, botaremos man da correspondencia publicada –xa citada noutra ocasión neste blog- por Barreiro e Axeitos). Centrémonos só nos que lle escriben desde A Coruña: Ramón Rúa Figueroa (nunha carta desde Madrid 8 abril 72) di: “Ya he visto que esa Capital [A Coruña] nos manda a Costales que vendrá aquí a charlar como si se dirigiese a la gente del barrio de Santa Lucía” (Ramón Pérez Costales, médico e republicano, elixido deputado polo distrito da Coruña en 1872, no 73 foi Ministro na 1ª República; foi o médico da familia Picasso e aparece como personaxe nalgunha obra de dona Emilia Pardo Bazán); Antonio Mincha Fernández (escribente do Arquivo da Coruña, súa é a obra: Catálogo Descriptivo de los escribanos antiguos y modernos que correspondieron al partido judicial de la Coruña, desde el siglo XV al presente...Coruña, imprenta de Puga, 1866).

Sempre grazas ás cartas sabemos en que se entretén Murguía: por exemplo, pídelle a Rúa Figueroa que vaia á Biblioteca Nacional a mirar códices –carta desde Madrid 8 xuño 72-, en concreto fala do códice dun tal Varela sobre o cerco dos ingleses á Coruña, códice que non logra atopar.

Tamén sabemos que ás veces Rosalía escribe para os periódicos: “Espero con ansia algunos trabajos de U. y Rosalía para el periódico” (carta de Juan Manuel Paz desde Ourense datada 7 outubro 72) (Paz é o autor de Los foros en Galicia, 1872, presenta no Congreso, xunto con outros parlamentarios, unha proposición de lei para a abolición dos foros).

En 1873, José Villamil y Castro escríbelle desde Mondoñedo: “Sospecho que estará U. trasladado de nuevo a Simancas por el arreglo que he visto del cuerpo. Aunque a U. no le agrade creo que reconocerá que es más natural y propio que esté el Jefe en Simancas que no en la Coruña; pues no puede ponerse en parangón la importancia de un establecimiento con la del otro”.

Recibe tamén cartas do coruñés Ramón Segade, e nunha asinada en Vilaboa, Coruña, en setembro de 1881 alude a “nuestro amigo e, Sr. Linares” (Aureliano Linares Rivas, deputado daquela no Congreso polo distrito da Coruña).

É de supoñer que na Coruña é onde lle nace a Murguía o interese pola heroína coruñesa: “la casa y calle que U. dice es, o pertenece a Sta. María y no a Santiago. Lo de la Mayor, no podía ponerse en la partida, porque no es nombre de bautismo” (carta de Ramón Segade, set. 82), e desde Buenos Aires , outubro 82, Manuel Barros dille: “Recibí su artículo biográfico de María Pita”. Noutra interesante carta de Segade desde Coruña de 15 de febreiro do 83 alude aos sentimentos de Murguía en contra de Emilia Pardo Bazán; e tamén noutra do 83 menta Segade a Pablo Iglesias, a quen Murguía aludía, dicindo que non sabe quen é ese cajista. Sempre desde A Coruña escríbelle no 84 o seu “apasionado e invariable amigo” Narciso Pérez Reoyo. Recibe así mesmo varias desde a nosa cidade do grande amigo (e padriño dos fillos), don Andrés Martínez Salazar: nunha datada 19 maio 84 eloxia En las orillas del Sar e felicita a Murguía polos dotes pictóricos de Alejandra  (nalgunha carta de Martínez Salazar figura na cabeceira Librería de Martínez. Luchana 16. Coruña).

Na Coruña presidira non só a Academia senón tamén a Cova Céltica: O grupo asumira ao apelativo de “Cova Céltica” co que fora bautizado xocosamente polos seus detractores. O alcume fora empregado por primeira vez por Pedreira (1894) e, máis tarde, por García de la Riega, ambos inimigos declarados de Murguía, para nomear a tertulia que tiña lugar na biblioteca de Carré Aldao [...]. A maior parte dos contertulios estaban ligados ós proxectos rexionalistas políticos e culturais da época: a Liga Gallega (fundada en 1897), a Revista Gallega (o seu xornal extraoficial ata 1907, fundado en 1895), a “Escola Rexional de Declamación” (establecida en 1903), e o “Monumento aos mártires de Carral” (inaugurado en 1903). Lugrís Freire, o representante máis novo desta “xeración” no período Nós lembraba a algúns deles no seu “Discurso de ingreso no Seminario de Estudos Galegos” (20/11/1923): “Euxenio Carré, o libreiro literato; Manolo Banet, abogado e prosista de xeito crásico; Marcial de la Iglesia, o entusiasta e bon escolante da rua da Barreira que insinaba a lingua galega aos neniños na súa escola; Salvador Golpe, o poeta mariñán, elegante e tenro; Urbano González Varela, poeta, pintor, alma xenerosa (...); Evaristo Martelo, que vive no corazón de Bergantiños, en Vimianzo (...); Florencio Vaamonde, crásico con sonoridades camonianas e correición anacreôntica; Andrés Martínez Salazar, sabio, xeneroso, leonés, conquerido pra a causa nosa por unha santa dona galega (...); Manuel Murguía, o mestre dos mestres e... Eduardo Pondal, o bardo grorioso” (Lugrís 1935: 262). A este núcleo coruñés ligado a Murguía e a “Cova Céltica”, e máis tarde á Academia Galega, deberiamos engadir a: Pérez Costales, Ramón Bernárdez, José Pérez Ballesteros, Galo Salinas, Eladio Rodríguez, e Pérez Barreiro (en: Benigno Fernández Salgado: Os rudimentos da lingüística galega. Un estudio de textos lingüísticos galegos de principios do século XX (1913-1936)). Tamén se reunirá  cos seus colegas e amigos no Café Oriental, inaugurado en 1884 (no edificio do hotel Palace).

 (Esta fotografía da Coruña foi tomada en 1879. Poucos anos antes por aquí pasearía Rosalía)


ALEJANDRA

Foi, con palabras de Naya Pérez, la mejor amiga de su madre. Ela foi a encargada de cumprir a vontade materna queimando tras a morte de Rosalía, os seus manuscritos inéditos. Foi boa pintora e iniciou na arte pictórica ao irmán, Ovidio. Faleceu na Coruña o 23 marzo de 1937, con 78 anos de idade.

AMARA

Amara Honorata María del Carmen Murguía de Castro naceu na Coruña o 17 de xullo de 1873 no segundo piso da casa nº 3 da rúa do Príncipe, chamada daquela de Padilla. Foi bautizada na igrexa de Santiago. Reproducimos a acta de bautismo (publicada por Pociña y López en 2000):

El diecisiete de agosto de 1873, bauticé a una niña, que nació en la casa número 3-2º piso del Príncipe, hoy Padilla (El Comunero). Le puse el nombre de Amara, Honorata, Mª del Carmen, nacida el diecisiete de julio anterior. Hija legítima de D. Manuel Murguía, natural de Santa María de Pastoriza (La Coruña) y de Dª Rosalía Castro, natural de la Parroquia del Hospital de Santiago. Abuelo paterno, D. Juan Martínez Castro, natural de San Benito de Santiago; y de Dª Concepción Murguía, natural de Ayerzún (Guipúzcoa), difuntos; y materna Dª Teresa Castro, natural de Iria Flavia. Madrina, Alejandra Martínez Murguía, hermana de la bautizada. Firma la partida el Ecónomo de la Parroquial de Santiago, Estanislao de la Peña González.

Faleceu na Coruña o 28 de decembro de 1921. O seu médico, amigo íntimo da familia, foi o republicano coruñés José Búa Caróu. Descansan os restos mortais de Amara coa familia (agás Rosalía) no cemiterio herculino.

AURA

Aura, a segunda filla do matrimonio, nada en Santiago en 1868, contraeu matrimonio por poderes e a cerimonia celebrouse aquí na Coruña, na igrexa de san Nicolás o 30 agosto de 1897 e como testemuñas asinaron dous amigos de Murguía, Andrés Martínez Salazar e don Juan de la Oza y Guerrero; en representación do esposo –don Francisco Prats Pérez, nado en Monóvar, Alicante- asiste un residente na Coruña, o comandante de infantería don Alfonso Romero Herrera. Dinos Naya que daquela a contraente vivía co pai e irmáns no piso segundo da casa nº 6 da rúa de Panderas. Os restos deste matrimonio (dona Aura e don Francisco) repousan na sepultura familiar do noso coruñés cemiterio do santo Amaro.

 (Dona Gala e dona Aura Martínez-Murguía de Castro, foto tomada do libro citado de Juan Pérez Naya, publicado pola Deputación coruñesa)


GALA

Gala Blanca Eleonora, que nacera nas Torres de Lestrove, en 1871, tamén falece na Coruña o 18 de xaneiro de 1964, con 92 anos. Casou no coruñés santuario de Pastoriza (onde Murguía fora bautizado) o 30 de marzo de 1922, con don Pedro Izquierdo Corral, madrileño, autor de certos traballos literarios. Algún deles, publicado na nosa cidade: Cristóbal Colón español por Galicia y gallego por Pontevedra (1935), editado por Roel na Coruña.  O señor Izquierdo falecerá na Coruña en 1942, sendo o seu enterro presidido polo presidente da RAG, don Manuel Casás. En maio de 1956, a Real Academia Galega acorda nomear a dona Gala membro de honra da institución que cofundara e presidira o seu pai. Gala tivo moitas amizades e foi entrevistada por varios ilustres nomes. Pero de todas elas hoxe e aquí queremos destacar a dous coruñeses: a que fora alumna do noso Instituto, dona Victoria Armesto e o que fora cronista da nosa cidade, presente e conferenciante nos actos do centenario do Instituto da Guarda, o señor Juan Naya Pérez. Tanto el como a súa esposa honraron coa súa amizade a filla de Rosalía e foron honrados en xusta reciprocidade pola amizade de dona Gala durante máis de  sesenta anos. Juan Naya publica no libro que manexamos (espléndida edición da Deputación coruñesa: Juan Naya Pérez, Estudios acerca de la familia Murguía-Castro, 1998; conta cun rico estudo introdutorio da autoría de quen fora director moitos anos do noso Instituto, o catedrático Elisardo López Varela) o testamento de dona Gala, onde vemos a xenerosa disposición de bens e mandas testamentarias para a Real Academia Galega,  a Deputación provincial e mais para o Concello da cidade brigantina.

(Nesta foto, tomada do libro de Juan Naya, vemos entre outras persoas, a Gala e mais a esposa do que fora cronista da Coruña)


OVIDIO

Ovidio e Gala eran irmáns xemelgos. Falece Ovidio Murguía na Coruña. Cando está na agonía, o un de xaneiro de 1900, sabemos por Naya (no seu discurso de ingreso como académico de número na Real Academia de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario) que o acompañaba o seu querido amigo, o tamén artista coruñés, Pepe Lorman.

 (Ovidio, fillo de Manuel M. Murguía e Rosalía de Castro)


Sabemos, sempre grazas a Naya –e este mercé ás confesións de Gala- que Ovidio tivo unha noiva en Madrid e que esa noiva quedaba embarazada cando el, minado pola tuberculose, veu morrer á Coruña. Preguntou por ela ata o último momento, pero as cartas que ela lle mandaba desde Madrid foron rotas nas mans das irmás (por aforrarlle sufrimentos?, por prexuízos dun espírito pequeno burgués do que logo se arrepentirían?, porque non tiñan “boas referencias” daquela criatura, segundo a opinión de que fala Naya, manifestada polo curmán Alejandro Pérez Lugín? Lonxe do noso ánimo emitir xuízos tallantes de valor: con todo, e tendo en conta que outros son os tempos, cremos que se pode expoñer con liberdade un par de cuestións abertas: primeira, non credes comigo –unha vez máis- que o home tropeza dúas veces na mesma pedra e que se as irmás de Ovidio se puxesen neses momentos no lugar da avoa Teresa se decatarían mellor do que é estar embarazada soa, sen o pai do froito da unión ao seu lado? E segunda cuestión: como é posible que ningún investigador ou ningunha investigadora –no que nós sabemos, claro está- se preocupase por averiguar ao longo do século XX se o sangue rosaliano latexa vivo en Madrid ou onde for que fose? Imaxinemos que Visitación Oliva (así se chamaba a noiva madrileña embarazada de Ovidio) dá a luz a finais de 1899 e que ese ser ten forza e vida suficientes como para vivir, poñamos, 80 anos. Estariamos falando do último terzo do século XX, con medios e avances máis que suficientes como para saber... En fin, limitémonos a formular en voz alta os mellores desexos para ese neto ou neta de Rosalía. Oxalá vivise, oxalá fose feliz. Só nos resta insistir -Juan Naya así o asegura- en que as irmás de Ovidio Murguía Castro deploraron o resto da súa existencia ese seu comportamento silenciador pouco edificante.

 (Gala pintada polo seu irmán Ovidio, cun amorciño no regazo, foto tomada do libro mentado de Naya)


ROSALÍA

Rosalía foi, en liñas xerais, feliz na Coruña. Gustáballe bastante a nosa cidade. “La Coruña estaba hermosísima. Una temporada de primavera y un sol brillante. Estaba por quedarme yo en ella” (carta datada en 1861: máis información en: “Momentos estáticos y estéticos de Rosalía de Castro en el espacio urbano de A Coruña”, de Lucía García Vega, dispoñible na rede:. En: http://dx.doi.org/10.5209/rev_ANRE.2012.v4.n1.39283).

Engade Lucía García: La reputada escritora databa en 1871 en A Coruña el poema26 intitulado “Na tomba do xeneral inglés Sir John Moore”, integrado en la obra lírica Follas novas (1880) y, hasta que no se demuestre lo contrario, única composición rubricada por ella en A Coruña.

Na partida bautismal de Gala (20 xullo 1871) consta, efectivamente,  que o matrimonio Murguía-Castro reside na Coruña). Pero quizais debamos engadir como redactada na nosa cidade a estrofa que compuxo para o abano da tamén coruñesa Emilia Pardo Bazán, por quen sentía unha certa admiración (admiración mutua: a ver se un día lle dedicamos un par de páxinas neste blog á influencia rosaliana en Emilia). Relembra Naya o relato de Rodríguez Yordi do encontro de dona Gala e dona Branca nas escaleiras da casa en Rúa Tabernas 11: nese intre recita a filla de dona Emilia os versos que Rosalía puxera no seu abano: Mimada polas musas,/ servida polas grasias / cun corazón que vive de armonías, / nobre cantora das gallegas praias, / ben merecés reinar como reinades, / magnífica, ausoluta soberana.

 (Plano da cidade tal como era aproximadamente na época rosaliana)

(Praia do Parrote, principios de século XX)


E na nosa cidade vería sen dúbida Rosalía como se embarcaban os seus compatriotas cara a América no Parrote. Ese microtopónimo coruñés tan antigo (juan de santa maria del parrote, documéntase nun texto do ano 1400, corpus XELMÍREZ) aparece citado en Follas Novas:

De humanos seres a compauta línea /que brila ó sol adiántase e retórcese, / mais preto e lentamente as curvas sigue / do murallón antigo do Parrote (do poema “¡PRA A HABANA!”, Follas Novas, ed. do Patronato, 1982).

 (Esta coñecida foto foi feita no ano 1884: están os pais e están Alejandra, Aura, Amara, Gala e Ovidio)



 (Retrato de Rosalía pintado por Brocos)



.




martes, 20 de febreiro de 2018

BUSCANDO PALABRAS



Doce verbas para Isidro

 (O escritor lucense Isidro Novo, recentemente falecido. Foto tomada de Internet)
 
Coñecimos a Isidro Novo hai pouco, nunha xuntanza sumamente entretida e grata en Lugo. Como non podía ser menos, era un lucense apaixonado pola terra. Un bo moderador na mesa co público diante. Un amante e xardineiro fiel das palabras. A parca cortoulle cedo o fío da vida. Séxalle a terra leve! Dirixía un proxecto fermoso de recolleita universal (entendendo aquí por universo o territorio galego) de voces non inventariadas nos dicionarios (como modelo e espello no que contrastar tomaba o DdD, Diccionario de Dicionarios que dirixe o profesor Antón Santamarina). Homenaxeamos o escritor lucense con doce verbas inéditas. Todos aqueles interesados en saber máis dese proxecto do noso homenaxeado, podedes ler o seu artigo “Orfanato para ágrafas: Palabras ao ventimperio” (publicado nas Actas da X Xornada de Literatura de Tradición Oral, editadas pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, en decembro de 2017. Tamén podedes entrar na páxina web da Asociación e buscar a sección correspondente, Palabras con memoria.


Doce verbas para Isidro Novo:
Nº 1.  Acarrouxar
Acarrouxar ‘Arrolar a un cativo’ (o noso informante era do Incio ou do Páramo, Lugo).
Nº 2.  Ambradas
A frase Ás ambradas documentámola en Lubre, Bergondo, A Coruña (e debémoslla á nosa amiga Uxía López Meirama). Significa ‘en abundancia’ e aplícase, por exemplo, aos froitos da terra que son recollidos ás ambradas. Inicialmente pensamos que talvez houbese relación etimolóxica coa forma galega ámboa ou amboa (variante en DdD, ámoa). O erre remitiría á base grega ánfora. A unidade fraseolóxica integraríase no mesmo paradigma ideolóxico ao que pertencen outras frases semellantes, do tipo de ás caldeiradas. Logo vimos que o señor Elixio Rivas (en Pan, sega e malla. Medidas, 1999, p. 387) cita ambozada (asturiano, Vigón) co valor de ‘puñado’, e di que se corresponde co español ambuesta ‘porción que cabe no oco de ámbalas dúas mans xuntas’, e cita tamén a Corominas que o trae do céltigo *ambosta, de *ambi ‘ambos’ e *bosta ‘oco das mans’ (irlandés boss, bass; bretón boz). Está espallado pola metade norte de España e Pirineos franceses, ademais de no territorio de linguas celtas.
Nº 3.  Amorón
Os amoróns son os amorodos silvestres (informante de Cruceiro de Roo, Coruña). No DdD hai toda unha serie de variantes: amorillón, amorodo, amorodio, amorolo, amorote, morodo, morote, e inda falta a variante amores que se documenta na coruñesa dona Emilia Pardo Bazán. A voz castelá mora tamén se pode aplicar ao froito silvestre chamado en castelán frambuesa. O étimo é latino (latín vulgar MORA).
Nº 4.  Baduar
Baduar a barca: cando repunta a marea (dise que está no repunte cando terminou de subir e non empezou a devalar) a barca (ancorada) anda sen tino, badúa (o informante –o que fora profesor de filosofía do noso Instituto longos anos, José Luis Suárez- asegúranos que se usa esta expresión tanto en Cabanas de Pontedeume, como en Ponteceso). En galego común é moito máis usada a voz baduar ‘falar sen tino, divagar ou desvariar’. A presenza dese u (tamén presente na voz galega, portuguesa e castelá badulaque) remítenos ao latín BATTUERE, étimo distante doutras voces como o badalo da campá (é de supoñer que de aí, por un proceso metafórico, veña a imaxe do que badúa falando, porque se asemella a lingua que vai e vén ao badalo). Seguindo esa imaxe do vaivén, chegamos á barca oscilante…
Nº 5.  Burrusco
“Fai burrusco” di ás veces a nosa nai (valdeorresa) para dicir que vai frío. Un frío cortante e penetrante. Témoslle oído tamén a variante borrusco. A falantes de Peisaco, aquí en terras bergantiñás coruñesas, oímoslles borrugho (con gheada) co mesmo valor. A familia debe ser a mesma de borra, borralla e borrasca (con permiso de Corominas: el mesmo na entrada BORRASCA cita o asturiano borrina ‘néboa’ e nós temos borralleira –DdD- para designar unha néboa mesta: a imaxe borrallenta, da cor e case da textura da cinza, do tempo borrascoso permítenos pensalo así).
Nº 6.  Esperrearse
Non te esperrees tanto” ou “non fai falta que te esperrees” son usos do verbo na fala da nosa nai cando eramos nenas e nos alporizabamos e faciamos aspaventos con brazos e mans. Así, o significado de esperrearse vén sendo ‘mostrar alporizamento por medio dos xestos e do ton elevado de voz’. Sen dúbida ningunha para nós a palabra pertence á familia léxica de perrencha, berro, berrar, espirrar ou esbirrar e ten orixe expresiva. Se non nos falla a memoria é en Fole onde se documenta outro uso curioso do verbo esperrear: uns cazadores descansan nunha aldea remota da montaña lucense e a velliña da casa que os acolle ofrécelle sopas de allo. Como queren os allos, normais ou esperreados? E eles, por probar algo novo, contestan que esperreados. Entón a vella colle as salugas (aquí vale por ‘dentes de allo’), méteas na boca, tritúraas cos dentes, e logo bótaas, cúspeas, enriba da sopa. Así eran os allos esperreados, triturados e  expulsados como expulsamos o aire ao espirrar.


Nº 7.  Gasano
Na fala do noso sogro (nacido e criado en Bendoiro, Lalín) un gasano era un trueiro. Voz enigmática, parece un xermanismo. Ocórresenos emparentala coa voz gasado ‘rodo, pala para retirar brasas ou cinza do forno’ (DdD). Que teñen en común? Quizais esa mesma idea de “arrastrar ou raspar,  apañar”, co gasano apañábanse peixes. Vemos no dicionario portugués Dicionário de Expressões Populares Portuguesas, de Guilherme Augusto Simões, que se documenta a voz gasmar co mesmo valor de ‘abichar, apañar’. Quen non nos di que hai algunha conexión coa familia de (a)gasallar? Unha das acepcións fundamentais dese verbo en galego é ‘abastecer, fornecer’ nada distante semanticamente de ‘a(rre)pañar’. Sería estupendo poder coñecer o significado da voz con que Laureano Prieto nos agasalla: agasanar, agasanado (DdD).
Nº 8.  Mallado
Ser mallado a ‘ser cuspido a’ (oímoslla nun monólogo ao arousán Carlos Blanco unha vez que actuara no teatro Colón aquí na Coruña, fómoslle preguntar e díxonos que era de toda a vida, moi común para el). Di Vicente Risco: Non embargante, atopamos na tradición popular a idea de certos «axentes» ou «forzas», que poideran ser referidos, sin moito estirar as cousas, ó tan mallado e remallado mana dos etnólogos (texto atirado do TILG). Aí mallado equivale ao castelán trillado, moi repetido, sempre igual a si mesmo, e de aí atiramos a idea de igualdade. O mesmo proceso lóxico dáse á hora de explicar a xénese da unidade fraseolóxica castelá ser calcado a (se ben aquí entra tamén en xogo o uso do papel de calco que se poñía nas máquinas de escribir para facer copias; con todo, calcar tamén significa ‘apertar, trillar ou pisar co pé’).
Nº 9.  Pismado
“A comida está pismada”, dise así en terras lucenses cando ten moito sal. Parece haber aquí un cruzamento entre a familia de palabras que comparten a raíz pis- e a palabra bisma (ou todo é unha mesma familia, calquera sabe…). A  raíz pis- , raíz comparténa co latín tanto o galego como o castelán,   aparece en vbos. como galego e portugués pisar, castelán pistar ‘esmagar’ (cfr. o refrán portugués o machado grande se non corta pisa) e moi en estreita relación con ese valor, probablemente tamén se sume o sema [+SECO] (pénsese en accións de esmagar certos alimentos como peixes e uvas, ao perder o líquido restan secos), de aí que sexa posible relacionar eses verbos con voces máis infrecuentes como pistraca (figura no DdD, con valores semánticos do tipo ‘persoa seca de carnes’). Tamén a comida con exceso de sal produce sensación de sequidade e ao remoela na boca pode ser comparada a algo esmagado, unha pasta, un emplasto, é dicir, iso que en galego tradicionalmente se chama bisma , voz  que alterna coa variante (preferida no diccionario académico) bilma (castelán bizma, do lat. EPITHEMA, segundo o DRAE, aínda que un tendería a pensar en novo cruzamento con pis-. En portugués coa voz bisma desígnase un emplasto moi específico, o que se fai co unto da cobra (Dicionário de Expressões Populares Portuguesas, de Guilherme Augusto Simões).
Nº 10.  Pistrino
Os pistrinos son doces do entroido: coa masa das orellas e bañado con almibre de azucre e anís, dánselle forma redonda, e bótase a fritir (informante de Mera, concello de Ortigueira). A familia léxica á que pertence volve ser a dos derivados do latín PISTUS ‘mallado, batido’ (como a voz pestiño que se usa en moitas partes de España para designar outro doce).
Nº 11.  Relouza
A relouza ou rilouza é como lle chaman aos brotes novos que nacen con forza ao pé da planta (informante de Camporrapado, parroquia de Cortegada, Silleda). A voz pertence á familia de louzán, louzá. Comparten o sema de [+VIGOR]. O étimo parece estar na palabra latina LAUTIA, pero o que predomina é o valor derivado (a louza fina sobre a que se serven as viandas) quizais, só a título de hipótese, haxa que ir a documentacións moi antigas para localizar un posible valor primario: lemos nun libro publicado no XIX, a propósito desa voz, lautia, o seguinte: “C’étaient surtout des provisións de bouches et non de présents, car lautia est presque toujours suivi de munera”, en : Oeuvres de Tite-Live, de M. Nisard, Paris, 1839, p. 782; para chegar a esa conclusión o autor examina as concorrencias de lautia non só en Tito Livio, senón tamén no Corpus Inscriptionum  de Gruter; se esas viandas se servían a hóspedes de distinción irían servidas en pratos de fino barro e por metonimia a palabra pasa a significar iso mesmo (a louza fina, pero se inicialmente se aplicaba ás cousas de comer, aí está a idea orixinaria, a materia “fresca” e viva…).
Nº 12.  Tirapuxar
“O cura tirapuxaba…” ‘insistía, porfiaba’ (“quería levarlle o san Brais [a imaxe], estaba empeñado, pero o dono non quería) (Informante de Soutolongo, parroquia do concello de Lalín, e casada nos Chaos, parroquia de Cortegada, Silleda). O verbo formouse sobre a base do substantivo tirapuxa. En galego común, porén,  o normal é usar a locución andar á tirapuxa.



martes, 13 de febreiro de 2018

VISITANDO



VISITANDO OURENSE



Visitamos a exposición In tempore sueborum na cidade das Burgas. En conxunto, valorámola como exposición magnífica, malia botar en falta algunha cousa. A cidade recibiunos cun tempo de inverno máis que soportable, apenas necesitamos abrir os paraugas. A carón do aparcadoiro lucían case medievais os postos (algúns, os máis feitiños, con tellado de tella) do mercado, con mulleres expresivas –lembranzas da Auria de Blanco Amor- que ofertaban a viva voz os seus produtos (preguntei: -Para que son eses vimes [alí estaban, acaroados, deitados contra as árbores en feixes alaranxados] –Para atar as vides [miroume dubidando do meu coñecemento talvez de voces patrimoniais], para facer o viño, sabe? Sabía si, pero para min os vimbios tamén se asocian á matanza, iso non llo dixen). Logo camiñamos cara ao edificio onde se abría a primeira das tres etapas en que se dividía a exposición: O Centro Cultural Marcos Valcárcel (recordamos a Marcos Valcárcel: a parca cortoulle cedo  o fío da vida, recordámolo vital e comunicativo un día en que visitara para impartir unha pequena charla o noso Instituto, séxalle leve a terra!), o Museo Municipal de Ourense e a Igrexa de Santa María Madre (ou Santa María a Nai). 


Algo máis de 200 pezas e varios paneis informativos, mapas interesantes e miniaturas non menos ricas. Pezas vindas de varios lugares de Europa: Hungría (terra segundo a teoría estándar –hai quen pensa que era de Panóias, no norte de Portugal- do santo Martiño de Dumio, o chamado Apósotolo dos suevos), Alemaña, Francia, Portugal, e España (basicamente de Galicia e outros territorios da Celtiberia, da vella Lusitania –Mérida-, e mais da capital do reino -pezas emprestadas polo Museo Arqueolóxico Nacional). Denominador común? O tempo: o tempo dos suevos na Gallaecia (411-585), cando se institúe o primeiro reino medieval –e católico- de Occidente. Excelente o catálogo. Un tocho de 544 páxinas, marabillosamente editado, con riqueza de fotografías e con comentarios, maiormente interesantes –e algún sublime, diría eu: o do Crismón de Quiroga seduciume, pero non é o único-, que pretenden chamar á reflexión sobre esa difícil e misteriosa época no noso país e parte do veciño. Pódese criticar o caro que resultou montar esta exposición (logo vos facilito información nese sentido) pero desde logo, non pode un por menos de recoñecer que os vinte euros que custou este pedazo de libro é un prezo bo. Deixádesme que destaque algún aspecto que nos chamase máis a atención: as xoias. Hai un montón, moitas vinculadas a enterramentos, e case todas en corpos femininos. Moito ouro, moito ámbar e moi boas sínteses das interrelacións entre o N.O. hispano e outras partes de Europa. Fálase da moda danubiana (hai un esquema ou modelo que se repite en contextos funerarios da Europa central e que os expertos denominan como Hochfelden ou Untersiebenbrunn: entran en xogo obxectos característicos dos enterramentos vinculados ás grandes migracións de inicios do século V e cuxos protagonistas foron vándalos, alanos, suevos e godos). Con ámbar vemos pezas dunha beleza incuestionable (o ámbar era un produto de luxo altamente valorado como adorno feminino xunto cos metais e pedras preciosas, pero ao mesmo tempo servía de talismán contra certas enfermidades de garganta e como elemento propiciatorio do descanso dos defuntos..., p. 342 do catálogo: artigo de Isabel Arias Sánchez e Luis J. Balmaseda Muncharaz).

 (Capitel de extrema beleza feito en mármore azul do Incio)


Un segundo aspecto que chama especialmente a nosa atención é o das cecas. Para un profano, non especialista no tema, a información e riqueza numismática deste período con que nos fornece esta exposición merece un sobresaínte. Para empezar, sabiades que hai unha tipoloxía de moedas deste período que se coñece como tipo Galaico A? Vemos Tremis de suevos de distintos tipos, de ouro a maioría (todos custodiados fóra de Galicia: Braga, Porto, Lisboa, unha moeda en Alemaña en o resto en Madrid). Pero na Gallaecia da época sueva e visigoda si había cecas, cito nomes: Aliobrio, Calapa, Nandolas, e Toriuiana. Interésame especialmente falarvos da ceca de Georres [vid. páx. 107 do catálogo], que segundo todos os indicios hai que localizar en Valdeorras (Plinio cita a antiga Gigurri: aparece Geores en moedas do tempo de Recaredo I, Georres con Witerico e Giorres con Gundemaro, Sisebuto e Suintila). Outro topónimo/ceca galaico discutido é Laure (a crítica divídese entre Laura en Matosiños-Porto e Laure (así nun documento do 853, cerca do Lor en territorio lucense, de Carioca-Quiroga).

 (Pensouse primeiro nun "osculatorio", logo nun "removedor" de perfumes, pero é unha pequena roca de dedo; atopouse en santa Eulalia de Tábara, Zamora, e é de bronce)

(A verdade é que hai pezas preciosísimas, esta sen ir máis lonxe, é de bronce e foi atopada no Castro de Santo Adrián, Triacastela, Lugo)

(Outra peza marabillosa: trátase dun broche de cinturón, do séc. V ou VI, é bronce chapado en ouro con elementos de pasta vítrea. Atopado en Pol, Baamorto, Monforte de Lemos, Lugo)


Podiamos seguir durante páxinas, porque son moitas as cousas que nos impactaron, moitísimas as que descoñeciamos. Por exemplo, ficamos abraiados pola cantidade de pezas de inusitada beleza que nos falan dun labor importantísimo, cultural-arqueolóxico, de catalogación loable, arredor do vello Vigo. Vicus spacorum ou Vicus Helleni, Vigo aparece neste período ben destacado como un porto, núcleo comercial de primeira orde, de interrelación coa Europa do Norte e mais co Mediterráneo. A presenza de pezas procedentes de escavacións arqueolóxicas efectuados nos últimos tempos na cidade olívica merece, insistimos, que nos congratulemos. Cada día avanzamos un pouco máis no coñecemento de nós.

 (Colar de ámbar, atopado en Vigo)

(Adornos de pasta vítrea, procedentes de escavacións na cidade olívica)

(Magnífico colar de ámbar procedente tamén de Vigo. Este é un exemplar único na península con contas en forma de oito)



E A Coruña? E Elviña? Brillan pola súa ausencia. Non hai nin unha soa peza procedente nin da cidade brigantina nin do importante –un dos máis importantes, senón o máis, do norte de España- castro veciño, o de Elviña. Por que? Esa é unha das preguntas gravísimas que esta exposición formula aos visitantes que, efectivamente, tiveron a ben, reflexionar sobre o exposto. Sabemos polas últimas escavacións que existen niveis tardorroanos en Coruña e Elviña, falándose neste último castro de “niveis xermánicos”. Onde están as probas materiais que o acreditan? Por que non hai ningunha na exposición de Ourense? Hai pezas procedentes do Museo Arqueolóxico de San Antón, pero ningunha da cidade nin de Elviña; as pezas máis próximas remítennos a san Tirso de Oseiro –pouca cousa, por outro lado, tendo en conta a importancia da necrópole arteixá aí descuberta-, hai pezas de Moraime-Muxía, da Vila de Novelle-Mugardos e da Cidadela-Sobrado, pero nada en absoluto da vella Brigantium nin de Elviña, como tampouco hai mención ningunha á temperá cristianización do arteixán santuario de Pastoriza, moi preto do lugar de Suevos. Pero existir existen: logo hai que criticar a falta de comunicación cos responsables da museística herculina (onde están as pezas, nos almacéns?, falta espazo ou faltan cartos para a oportuna sistematización e posta en valor, posta á vista do público?)?

Dunha exposición coma esta, de tamaña categoría, e malia as críticas (hóuboas moi positivas, por parte das autoridades lusas, por parte da prensa, pola nosa modesta parte tamén: mais tamén as houbo negativas, din algunhas voces entendidas que se puxeron á vista pezas sen o suficiente contexto arqueolóxico), necesariamente deben saír propostas construtivas para o futuro. Nós, como coruñeses, xa lanzamos unha proposta: a museística arqueolóxica dunha cidade con poderoso pasado histórico como A Coruña debe mellorar, deben ampliarse os espazos ad hoc (o castelo de San Antón xa queda pequeno), débese avanzar na posta a punto do espazo cidadán didáctico e intercultural de Elviña. No catálogo lánzanse outras propostas: por exemplo, dísenos que xa é hora de acometer empresas arqueolóxicas completas. Recórdasenos que non hai nin un só castro, nin un tan sequera!, no ámbito peninsular do Noroeste enteiramente escavado; os autores dalgúns dos artigos lanzan propostas completas: por exemplo, instan a acometer empresas concretas arqueolóxicas en Setecoros (Igrexa parroquial do Divino Salvador de Setecoros, Valga, Pontevedra) e mais en San Pedro de Rocas. Por exemplo. 

 (Colar ou diadema de 44 elementos de ouro, século V. Achado en Ponte de Lima, terra de trobadores galaico-portugueses)


(Moitos dos enxovais áureos do s. V aparecen en enterramentos, sobre todo femininos: gardan relación os atopados por exemplo na vella Lusitania -coma este en Mérida- con outros horizonte funerarios de princesas bárbaras do Mar Negro e Baixo Danubio)


Sinceramente, meus queridos, creo que debedes ir a Ourense e visitar cos ollos ben abertos esta exposición. Gastouse, dinos Mª do Carme García Negro, medio millón de euros nesta exposición (artigo publicado en El Progreso o 29 de xaneiro do 2018): é moito diñeiro, logo non debe caer en saco roto todo ese esforzo. Ide, enchédevos de orgullo de canto tesouro houbo na vella Gallaecia e no resto de España, apreciade o que vale que nos tocase vivir un período sen guerras nin invasións na nosa terra, e logo exercitade libremente a vosa crítica. Que vos guste sempre visitar espazos culturais!

Outro día, a ver en marzo, dirémosvos que outros aspectos botamos en falta: referencias lendarias e míticas da presenza sueva en Galicia.
 (Escena do Códice Albeldense, pintada aló polo 976, representa algúns dos participantes no I Concilio de Braga, celebrado na capital do reino suevo na Gallaecia, a cidade bracarense, no 561. Preside Lucrecio, bispo de Braga, o primeiro pola esquerda; á dereita de todo está o rei suevo Teodomiro. Asinan as actas: Lucrecio, Martiño, Ilderico, Timoteo, Andrés, Coto, Lucecio e Mailoso -que nos recorda o bretón Maeloc-; Martiño é o que está a carón do rei)

 (Extremo occidental do imperio romano tal como aparece na chamada Tabula Peuntigeriana: vedes a Torre brigantina, hoxe chamada de Hércules, debaixo de Irlanda-Ibernia. Está botando fume)