luns, 28 de setembro de 2015

A NOSA CASA





A NOSA CASA. DAVID FERNÁNDEZ DIÉGUEZ.



Un dos homes que vestiron toga na nosa casa foi o catedrático de matemáticas David Fernández Diéguez (A Coruña, 1875 -1936). A primeira vez que oín falar del foi a Mercedes Sampayo, matemática e amiga, quen me contou dúas cousas que me quedaran gravadas, unha que o señor Fdez. Diéguez rescatou do anonimato entre nós a un ilustrado galego, Juan Díez Freile,  que acompañou a Cortés nas primeiras viaxes a México e alí chegou a publicar o primeiro libro de matemáticas en América, en 1556; e dúas, que sentía moita admiración e escribira sobre Durán Loriga. Un non pode deixar de pensar que Galicia é terra bastante descoñecida en canto aos seus matemáticos e científicos en xeral...

 (Na nosa casa conservamos varias destas figuras feitas polo catedrático de matemáticas, este icosaedro está asinado por el, por D. Fernández Diéguez)

Logo o noso colega e amigo Mario García mandounos por guasap un par de fotos sobre o multitudinario enterro no 36 de Fernández Diéguez e eu pensei :“Ca!, na miña vida vin cousa ao paso na Coruña, se exceptuamos os enterros de Curros Enríquez e Alfonso Molina... Este home debeu de ser moi apreciado...” E así quixen saber máis del. 

 (Foto do enterro de Fernández Diéguez no ano 1936. Con palabras da súa sobriña-neta: “Tiveron –el e mais a muller e as cuñadas- alumnos que lles querían tanto que unha vez mortos, lles levaron flores aos dous nichos que temos en san Amaro durante anos e anos” )

Coma as fermosas figuras poliédricas que conservamos feitas da súa man no Instituto, así son os seres humanos: polifacéticos. Si que foi un home moi querido por moitos mais non por todos.  Temos rica información da súa obra científica e das súas andainas políticas na páxina web que aparece citada abaixo. Agora, porén, imos oír a unha súa sobriña neta, dona Fernanda Marzo Nogueras, profesora de Lingua Castelá e  Literatura no IES Lucus Augusti, quen de forma viva e xentil nos aproxima a aqueles tempos difíciles en que republicanos e non republicanos convivían daquela maneira na nosa cidade.

“Na miña familia sempre oín dicir, des que era nena, que o tío David era un sabio matemático, un home moi sabio, viña nos libros e nas enciclopedias sendo eu aínda unha nena... E era un home moi recto. Rectísimo. Fíxate como sería que cando as súas sobriñas (a miña nai e mais a miña tía), que estudaban no Colexio del Ángel, que fora fundado polas súas cuñadas e que estaba na Praza de Lugo, tiñan que examinarse de Matemáticas no Instituto, sendo el o profesor dese curso, non o facían: quedaban para o ano seguinte e examinábaas o outro profesor...  E era extremadamente relixioso. Moi relixioso: foi presidente de Acción Católica... Houbo un momento en que chegaron a ter medo pola súa vida, ata o punto de que pasaba tempadas en que non paraba na casa, durmía no colexio (El Ángel), entraba por sta. Lucía, por detrás... Anque tamén se dicía na casa, non muller non, non teñas medo de que lle pase nada, non ves que vai escoltado por obreiros...” [traducimos ao galego as súas palabras].

 (Nota na prensa no ano 1936)

 Ademais de presidir Acción Católica, tamén presidiu a Real Academia Galega e –dato este aínda sen confirmar debidamente- presidiu ou dirixiu a nosa casa, o Instituto ‘Eusebio da Guarda’. Aquí pechamos esta páxina por hoxe. Non sen antes agradecer a Fernanda que exhumase lembranzas familiares.

 (Recepción de Castelao na Real Academia Galega na Coruña o 25 de xullo de 1934.  De pé, de esquerda a dereita: Sebastián González, Eladio Rodríguez González, Enrique Peinador Lines, Gonzalo López Abente, Pura González Varela, Celia Brañas Fernández, Ramón Otero Pedrayo, David Fernández Diéguez, Ángel del Castillo López e Fernando Cortes Bugía.       Sentados: Fernando Martínez Morás, Castelao, Manuel Lugrís Freire, Antón Villar Ponte e Félix Estrada Catoyra)

luns, 21 de setembro de 2015

A CORUÑA



A CORUÑA.  O TEMA DAS AUGAS (II).
Volvemos ao tema das augas que abastecían á cidade en tempos pretéritos. Isabel Martínez Barbeito –arquiveira do Concello xa falecida, alma e conservadora do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses, alumna que fora do noso Instituto- publicou un artigo titulado: “Algo más sobre acueductos y el gran arquitecto Casas y Novoa”, en Notas de un archivo (2004). Na descrición da obra que  fai Francisco Monteagudo (ou Montaigú), enxeñeiro xefe, asistido polo enxeñeiro Diego Montojo, di que as augas que baixaban de san Pedro terían ao seu servizo un depósito xeral, unha construción de arcos que a conducirían ata “el arca de los Cristales”, continuando o seu camiño por el Arenal hasta Capuchinas.
 Volvemos topar coa arca “de los Cristales”. Xa vimos no mapa do outro día ese nome (Fuente Nueva de los Cristales).  Hai aquí un enigma para min: non acabo de ver claramente que fonte é nin onde estaba. Alucando aquí e acolá atopei nunha desas ilustradoras charlas de ‘Celtiberia’  que un tertuliano dá Cristales como sinónimo de Payomouro (ambos microtopónimos coruñeses doutrora; este internauta sitúao na actual rúa de Pérez Cepeda), pero non é de todo exacto, no mapa que adxunto vense como lugares próximos pero distintos:


(Planos históricos [1879-1900] tomados da páxina web de libre disposición do Concello da Coruña: á esquerda, nunha disposición irregular –inclúe o perímetro dunha fábrica de gaseosas o lugar de Paiomouro; debaixo, onde se ven as árbores da esqda, indica “Lugar de Santa Margarita; á dereita, o polígono irregular máis próximo ás árbores da dereita, reza “Lugar de Cristales”. Vese ben o trazado do acueduto).
O catedrático da USC, Alfredo Vigo Trasancos, no libro que citamos abaixo, reproduce un texto de 1748 (fala da necesidade de revisar todos los meses del año las arquetas y cañerías de las dos fuentes de San Andrés y de los Cristales) e explica que a dos Cristales quedaba fóra da liña defensiva (das murallas), muy cerca del campo llamado del Carballo. De novo xulgámolo impreciso, inda que –efectivamente- preto si que tiña que estar. Mirade de novo o mapa:




(Neste mapa –que xa reproducimos a semana pasada- lese á esquerda ben  Fuente nueva de los cristales; vese polo menos o trazado, o acueduto, mais non resolvemos onde está a fonte: por riba percibimos o alto de santa Margarida –macizo de árbores- e as hortas da Agra do Orzán; o rectángulo de árbores con disposición xeomética case no centro da imaxe ten que ser o chamado ‘Campo do Carballo’, que coincide en parte coa igrexa de sta. Lucía actual, en parte coa Praza de Lugo).

Agora ben: se observamos no mapa de Felipe Gianzo de 1819 a zona en cuestión, vemos que o acueduto se nutre da Fonte de santa Margarita:


(Fragmentos do mapa de Felipe Gianzo, 1819. A estrada ou camiño que corre en diagonal é o “Camiño de Bergantiños”, actual avda. Fisterra; cos nn. 53 vemos os muíños de vento-monte de sta. Margarita; co nº 43 a capela de sta. Margarita; e co nº 42, pegada á estrada, a Fonte de santa Margarita [a famosa fonte, con grandes escalóns que se conservan en fotos de principios de s. XX,  hoxe trasladada do outro lado da estrada  no interior do recinto do parque, da que aínda declamaba a miña avoa coruñesa, falecida con 95 anos no 2004, Miña santa Margarita/miña Margarita santa, /a auga da túa fonte/curou a miña garganta]. Rodean a fonte unhas hortas numeradas co 54, dun tal Mato, e vese por riba o acueduto, que vén nutrirse á fonte; a construción acarón desas hortas, baixando á esquina inferior dereita da imaxe, sen número, ten que ser o “Lugar de Cristales”; é posible pensar que “Fonte dos Cristales” e “Fonte de santa Margarida/Margarita” ou son a mesma fonte ou se confunden).


(Fragmento ampliado: se vos fixades ben, apreciaredes dúas cousas sobre o acueduto: que baixa ao areal para topar coas murallas; e veredes tamén como empalma un brazo de acueduto que vén, verosimilemente,  de Nelle, da fonte de Nelle, pretiño do ángulo inferior esquerda da imaxe; as fontes de Nelle e  de Vioño quedan para outro día).
A fonte dos Cristais e a de santa Margarita ou son a mesma ou estaban moi próximas. De nena,  cando subía desde o Instituto á casa dos meus avós, que vivían na Praza do Comercio recordo que ao chegar ás ruínas da Imprenta Roel (distante uns metros máis arriba, seguindo a liña da estrada, da recolocada igrexa de san Francisco), había un par de enormes eucaliptos e xusto aí había unha fonte-lavadoiro. Quen sabe se non sería a dos cristais...
Tocante á presenza de Casas Novoa entre nós, é interesante  o que di Isabel Martínez Barbeito: “O rango deste excepcional artista explica mal a súa intervención como construtor dun acueduto planeado por outro, que se ben require categoría técnica non precisa de dotes artísticas tan fóra do común. Quizais a causa se ache no feito de que por tales datas debería estar na Coruña dirixindo a obra do convento e igresa das MM. Capuchinas, que el ideou e executou” (tradución ao galego nosa).
Posiblemente ese é un factor pero hai outros: a obra non é tan desprezable, ao contrario, é unha obra moi grande, con tres puntos de onde toma a auga –A Fonte dos Frades, Nelle e un terceiro punto que talvez sexa a Fonte dos Cristais/Fonte de santa Margarita-;  vimos que non carece de monumentalidade e a cuestión económica vai parella,  fálase na documentación manexada pola ilustre arquiveira coruñesa dun orzamento que supera os 300.000 reais; e a iso sumémoslle un par de datos máis a ter en conta: para empezar digamos que Fernando de Casas e Novoa está na flor da vida –arredor dos corenta anos-, con enerxías como para acometer varias obras ao tempo; doutra banda, no ano 1923 moi posiblemente non ten a aureola de prestixio que o rodea hoxe en día, aínda tardará quince anos para chegar ao cume da súa traxectoria, a fachada do Obradoiro, e ata o de agora –as Capuchinas da Coruña- sempre traballaba con alguén, indicador de que debe compartir (gloria e pecunio). Incluso aquí na Coruña, na documentación que manexa Alfredo Vigo Trasancos (en La Coruña y el siglo de las luces. La construcción de una Ciudad de Comercio (1700-1808)) figura traballando no acueduto (ou na viaxe de Visma/de san Pedro) con outro mestre, Francisco Velasco (o doutor Vigo Trasancos achega un documento de 1730 que di literalmente: “En este Ayuntamiento se ha visto un memorial del Sr. Francisco Velasco y Fernando de Casas maestros a cuio cargo estuvo la grande obra de la fuente de los Cristales por que piden la satisfacción de 7142 reales y 10 maravedís de vellón, resto de la obra que hicieron y la ciudad acordó...” (negriña nosa).  Está claro que non pode permitirse o luxo de traballar en balde ou por motivos espirituais (cita neste sentido o señor Vigo a Domingo de Andrade, quen traballou no convento das capuchinas  uns 55 anos antes “por su devoción y sin interés ninguno”). Non, non é o caso do escultor Casas e Nóvoa, quen –á marxe das comúns motivacións- ten moitas bocas que alimentar: tivo cinco fillos e a algún sabemos que lle deu carreira (pasou á historia un licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago).

luns, 14 de setembro de 2015

A CORUÑA



A CORUÑA: A FONTE DOS FRADES.


 (Arriba: mapa de Montaigú, de 1723; na liña superior que discore en paralelo ao mar, ao "Orsán", lese: "Conducto de las Aguas de San Pedro que están haciendo para la ciudad", esas augas veñen desde a Fonte dos Frades; no mapa de abaixo, tamén do XVIII fálase da Nueva fuente de los cristales)

Hoxe quero presentarvos unha fonte que moitos de vós descoñeceredes totalmente. Eu mesma vivía na ignorancia dela ata que a miña irmá, arqueóloga, ma amosou a través das fotos que ela e o meu irmán político fixeran.  Unha auténtica sorpresa. Ten tes nomes, aínda que a “oficial”, a que Puri me presentou,  é A fonte dos frades. Foi un namoro a primeira vista. Nunca vos dixen que esta nosa terra está chea de tesouros? Seguro que si, adoito repetirme... Esta fonte é un deses tesouros. Sen dúbida ningunha. A fábrica é da primeira metade do XVIII (logo cumprirá 300 anos), o proxecto foi dun enxeñeiro con apelido foráneo, francés de orixe se non erro, Montaigú (do corpo de enxeñeiros militares; este en concreto, D. Francisco Montaigú, desenvolveu varios proxectos na Coruña –e tamén en Ferrol-, como ampliación de estruturas defensivas no perímetro do núcleo vello ou cidade alta, a ampliación do Hospital do Bo Suceso que rexían os irmáns de San Juan de Dios, etc.), e a fábrica é obra, en colaboración, do ilustre Casas e Novoa. Xa con estes méritos creo que chega para apreciar esta coruñesa fonte. Durante máis de 200 anos estivo operativa: recollía augas que logo, por medio da chamada Viaxe de Visma, por medio do acueduto de santa Margarita (agora chamado do Paseo das Pontes), conducía a auga á cidade, concretamente levábaa á Fonte de san Andrés.
A Fonte dos Frades ten unhas dimensións importantes, que non se aprecian facilmente, porque vai baixo terra:  ten 12,10 metros de lonxitude, 4,10 de anchura e 2,83 de altura, cunha forma de bóveda de canón. Esta magnífica obra do XVIII periga. Pola desidia das Instituións (ah, dor!, co orgullosos que estamos de ser desta cidade e desta autonomía) e pola desidia nosa (sabemos ben que a ignorancia non sempre exime de culpa). Que conste que hai asociacións de veciños que xa clamaron e supoño que seguirán clamando xustiza para esta xoia de fonte. Na prensa tamén vemos que hai publicadas cousas. Pois sigamos contribuíndo tamén nós, alumnos coruñeses que me ledes, seres na flor da vida, en proceso educativo aínda... 



 (A fonte, por fóra e por dentro: as fotos fixémolas onte, domingo: comesta pola vexetación e con pintadas inmisericordes; o interior do túnel está cheo de papeis e lixo)

Oístes falar do enfoque comunicativo? O enfoque é un elemento básico da Comunicación: traza rectas, perspectivas: liñas para chegar ao núcleo (o que se pretende que sexa a verdade temática: o tema por excelencia, trazado con ánimo de informar ben e verazmente). Nunha boa comunicación hai que escoller o mellor que se saiba e poida o enfoque. Se un é libre de falar é máis doado centrar o enfoque. Afortunadamente, aquí falamos en liberdade. E amor ao noso. Porque me temo que van da man: liberdade e amor polo outro, por comunicarlle ben ao outro. Aquí, na fonte, caben tres enfoques: un pragmático e utilitario (destruámola sen pena nin gloria e construamos casas que dan cartos), un segundo a medio camiño (conservómola pero como aí estorba, trasladémola a onde non amole) e un terceiro enfoque, o do progreso que toma como núcleo xerador de novos discursos a beleza entendida como Patrimonio artístico, monumental, histórico, orixe de nós.
Opto pola terceira vía. Creo que a miña irmá tamén. Díxome hai pouco: “Respecto á fonte, o mellor é deixala onde está porque ademais do elemento arquitectónico, forma parte dun conxunto mais amplo, de canles, acueductos, arquetas e fontes e porque ademais ten un manancial que é vital respectar. Será a nova urbanización, de facerse, a que terá que adaptarse á fonte. Ou iso sería a lóxica e o sentido común”.

 (Interior da fonte hai uns anos, con mellor aspecto; a fonte está moi preto das Casas dos Mariñeiros, e é un pecado non conservala ben).

Con respecto aos nomes, a xente tamén lle chama Fonte romana (polas grandes pedras de sillería, pola pura monumentalidade) e Fonte da Gramela (porque está aí, no lugar da Gramela). Sobre o topónimo Gramela (tamén hai rúa, rúa Gramela, en lembranza do lugar) leo en certos blogs publicados coas mellores intencións, que o nome orixinal tivo que ser Agramela. Discrepamos (Gramela documéntase en Portugal, é voz común en galego, xa hipotizarei outro día do étimo [hai dúas hipóteses básicas, ou relacionar co garamelo para cazar lobos ou raposos, ou irse á voz americana, arxentina, gramilla, que figura no DRAE], e figura xa así nun inventario de microtopónimos nun catastro de 1847, e na Gran Enciclopedia Galega figura outra Gramela ; iso sen contar con que Agramela carece de bases sólidas, dos derivados de ager, agri non hai ningún agram-, salvo en composición, Agromaior). A voz Viaxe  (citada na frase A viaxe de Visma) figura como ‘acueduto’ no DdD, Dicionario de Dicionarios  que dirixe o profesor-doutor Santamarina. Veremos como tratamos os coruñeses esta fonte no futuro próximo. Sabedes que procuro confiar sempre. Pero...

 (O acueduto de santa Margarita na Coruña, nutríase coa auga da Fonte dos Frades e mais coa da Fonte de Nelle)

(Outra foto, tomada coma a anterior da Internte, do que se conserva do acueduto de sta. Margarita)

Sobre o porqué do nome dos frades, unha informante alude a que os xesuítas tiñan aí propiedades. Sabe Deus... En: https://es-la.facebook.com/Emalcsa/photos/a.347547035287476.74199.183247251717456/473550442687134/
Tamén din que aí se lavaban uns frades dun convento que había na Gramela. Deixémolo para os historiadores; polo que eu sei, non é necesario que houbese convento, abonda con que membros dunha das congregacións que houbo na Coruña tivesen aí algunha propiedade, granxa, leira, hortas..., e con iso xa se explicaría o microtopónimo]