A NOSA CASA: O
RELOXO.
A nosa casa ten
faiado, un faiado de película, absolutamente. Eu cando era estudante nunca
subín e nin tan sequera soñaba con que fose como é: digno de ser soñado por un
neno ou por un escenógrafo. Un día destes dedicámoslle unha páxina ou dúas en
exclusiva. O conto é que para ir ver a maquinaria do reloxo hai que pasar polo
faiado, anicándose un algo de cando en
vez para non chocar coas trabes enormes e cacarañadas da couza.
(Reloxo do Pazo de Capitanía, na Praza da Constitución; toca o himno nacional de España ás oito en punto da mañá)
Este noso reloxo
foi xa citado no blog da biblioteca, nunha entrevista na que o avó dun alumno
contaba que el nacera no reloxo do Instituto... Unha forma metafórica de dicir
que a familia vivía no faiado, porque –efectivamente- in illo tempore, os
conserxes tiñan vivenda no edificio das escolas e/ou institutos. O reloxo daba
as horas en voz alta, unha nosa colega recorda que de nena vivían na praza de
Pontevedra e as badaladas do reloxo do Instituto atroulaban a un... Agora non
soan, pero o reloxo funciona.
(Reloxo do edificio do vello Real Consulado do Mar da Coruña)
Todas as santas
semanas do ano vén poñelo en hora un home nacido en Oleiros, o señor Antonio
González Mallo, de familia de reloxeiros (polo sogro, de Ambroa, Tordoia). Leva
36 anos vindo á nosa casa, que se di logo... É reloxeiro municipal, quer dicir,
que é o Concello coruñés o que lle paga. Achegámonos á esfera. Tocamos a pedra,
quedan restos na man. Di Antonio: “É pedra chorona” (frase digna dun canteiro,
eis os grandes canteiros de Galicia, da Terra de Montes, de Noia, de Canduas de
Bergantiños, os que arrincaron con suor pedra de santa Margarida, de san Pedro
de Visma...). Pregúntolle, que me explique o concepto. É doado: é areosa. “Había
que restaurar a esfera, o contorno en xeral, pega moito o sol, estropea a
esfera...”, engade, case filosofando ou case destilando escepticismo. Digo eu,
“Este reloxo debe ser dos máis antigos de Coruña, será máis ou menos vello có
do Obelisco?”. Responde el: “Ai, o do Obelisco debe ser máis antigo... –ton de
respecto total-, ese leva catro transmisións para as catro esferas...”. Logo
axiña averiguo que non, o Obelisco inaugúrase estando Picasso entre nós, en
1895, se non me falla a memoria. E o noso é tan vello coma a casa e imos facer
agora 125 anos de historia. O reloxo do Instituto, se non marro, é o terceiro
en antigüidade da cidade: o primeiro é o de Capitanía (canda o pazo da segunda
metade do XVIII , pero, tamén é verdade que xa fallou, o actual é novo, o
orixinal está no Museo do Exército aquí na Coruña, e que conste que é unha peza
única); o segundo é o da Palloza, o da Fábrica de Tabacos (de 1804) pero creo
que agora está parado, xa sabedes que están obrando porque a fábrica deixou de
funcionar como tal e vanse reutilizar as dependencias, ben reformadas –como
debería estar reformado o interior do noso Instituto- para seren usadas polos
funcionarios de Xustiza. E o terceiro, mais coa vantaxe de ter un funcionamente
ininterrompido, é o noso. Podedes miralo ben. Todo un símbolo do paso do tempo.
(Reloxo da vella Fábrica de Tabacos, na Praza da Palloza)
Dinos tamén Antonio
que son igualmente antigos os do Museo do Concello, o floral dos xardíns e o do
“Museo de Panadeiras” (aquí xórdenos unha dúbida, porque este reloxo da rúa de
Panadeiras, o que está –e en feliz funcionamento, incluso canta con voz pequena
as horas- enriba do edificio de fins do XVIII do Real Consulado do Mar da
Coruña, non logramos datalo, aínda que xa volo direi, porque me vai facer o
favor de averigualo se pode unha ex profesora –e moi querida- do Instituto, Mª
Josefa Sánchez Posse, estreitamente vinculada á Biblioteca do Consulado;
sabemos, iso si, que é un engadido, non consta nos gravados antigos do edificio
do Consulado).
(As interioridades do noso vello reloxo, do Instituto na Praza de Pontevedra; a foto é xentileza de Olga Vázquez)
Non me digades que
o tema dos reloxos non é precioso... Cando eu traballaba en Údine –Udín en
friulano-, como lectora de español, e me interesaba pola vida e milagres da
cidade que chegou a ser tan amada –foron tres anos felices da miña mocidade-,
vin saber que alí estaba a sé dunha das fábricas de reloxos máis importantes de
Italia. Daquela a miña mellor amiga era María, nacida e criada en Londres; pois
ben, cando fun á súa casa por primeira vez, ao baixar do tren na Estación
Victoria da vella Londinium, María chamou a miña atención sinalándome o grande
reloxo redondo da estación, “Mira, que ves?”. E vin que debaixo da esfera
estaba escrito UDINE.
(Reloxo do noso Instituto, nun gravado de principios de século XX, cando o edificio aínda estaba exento)
O reloxo do
Instituto noso non sei dicirvos a ciencia certa onde se fabricou, pero D.
Antonio, o reloxeiro, calcula que en Eibar: de alí viñan case todos os reloxos
coma este, case todos “os reloxos de torre”, a casa máis coñecida de Eibar era
“Viúva de Murúa”.
Rematamos coas
palabras del: “A campá soaba pero está estropeada, polo menos hai 6 anos que
non soa. A corda dura exactamente 8 días. Este é un reloxo clásico. Manter estes reloxos está ben, despois de
tantos anos...”
Ningún comentario:
Publicar un comentario