VISITANDO ALMERÍA
II
Toda paisaxe nos
conmove, e máis aínda se cadra aquela que nos comunica saudade do ido. A modernidade, o turismo e, sobre todo, os
plásticos, mandaron ao esquecemento sistemas de cultivo doutrora. Adeus aos
valados, ás norias e aos alxibes: na disxunctiva entre progreso ben entendido e
progreso-apisoadora, loitamos por conservar certa memoria. E aínda que non
sempre podemos tanto como quixeramos, sementamos... “Sementa, que algo queda” é
un aforismo amado que me transmitiu Uxía.
Tamén desaparecen
oficios. En Almería como en Galicia como en todas partes do Occidente
civilizado. Os almerienses eran alcumados legañosos
polo tradicional cultivo do esparto (pola poeira do esparto víñanlles
enfermidades aos ollos e ao non teren medios para curarse nin ir ao médico,
acababan con grandes males na visión). Contábanos Carlos Belmar a tradición da
Virxe do Esparto, a de Atocha, segundo a cal os reis ían levarlle a ramiña do
esparto, nunha especie de querer facer ver que tamén eran reis dos humildes (os
campos de esparto chámanlles os almerienses atochares,
en relación filolóxica cos nosos toxos
–raíz fitónima; eu recordeilles a cantiga do milagre mariano da Virxe de Atocha
versificada polo rei Afonso, a meniña que acompaña na sega os pais, mete na
boca unha argana e morre asfixiada,
entón suplican á Virxe –logo chamada de Atocha porque aí están, no antigo prado
de Atocha, en Madrid- e esta sálvaa de contado, facendo que bote para fóra a
espiga que se lle atragoara).
(Noria: vimos algunha reconstruída, a da foto é en Guadalquilar; había outra preto de san José, en Boca del Fraile, refeita por un carpinteiro do lugar)
(Alxibe, hainos tres veces máis longos, non todos están igualmente conservados)
(Cerámica tradicional de Níjar: rameada, chinesco de gota pequena e de manchas; vese tamén a alcuza para "pintar a perilla")
Van desaparecendo,
digo, vellos oficios como os oleiros: en Níjar había unha rúa enteira, gremial,
de oleiros... Atendeunos amablamente unha muller, con filla casada en
Barcelona, que nos contaba que acababa de traspasar milagrosamente o negocio a
un home novo, un estranxeiro, creo que alemán.
Segue funcionando
bastante ben, en troques, o negocio das jarapas.
Preto da igrexa, no alto de Níjar, compramos dúas, a rapaza nova que atendía
amosounos orgullosa as fotos da familia real, había pouco que pasaran por alí e
a raíña dona Letizia comprou unha para a habitación dunha filla, amosóunola
rapidamente. Tamén nos amosou o tear onde as fan. A raíz da voz jarapa é a mesma da nosa farroupeira: con varianza de xénero, equivale ao noso farrapo, co mesmo sufixo despectivo (presente
tamén no cast. guiñapo, paralelo ao
noso -oupa; a base farra, con permiso de Corominas, queda
para outro día). En castelán, harapo, o efe inicial
aspira e cae –desaparece- no norte pola acción do substrato vasco, pero no sur
vedes que non sempre desaparece, mantense a aspiración velar forte, grafada co jota de jarapa.
E visitamos Los Millares, e quixemos visitar La cueva de los Letreros. O poboado dos
Millares pertence ao Calcolíto (dentro do tradicionalmente chamado período
neolítico), botemos a vista atrás, preto de 4000 anos antes de Xesucristo. Foi
unha das citanias ou cidades máis grandes da Europa Occidental. Xunto co
esteiro do río Teixo, as máis grandes concentracións humanas da península
daquela. Coincide esa cultura, a dos Millares, co florecemento do noso
megalitismo. O que máis chama a atención –o espazo todo é espectacular,
espléndido de luz e calor, quizais sexa precisamente ese un dos factores que
entran en xogo á hora de cuestionarnos a eticidade ou a pertinencia de arrincar
dese chan nutricio e familiar os restos humanos que logo se expoñen no
escaparate museístico, e digo isto case ao meu pesar, porque o Museo de
Almería é unha beleza, e ten detrás un labor ben feito, un coidado exquisito,
pero non podo por menos, meus amigos, de cuestionar ese tratamento dos restos
humanos aínda que sexan do calcolítico, aínda que non teñan parentes próximos
vivos, salvo nós mesmos, que nos
interrogamos sobre este criterio de ofrecer á vista eses ósos...-, son os
campos de túmulos funerarios, hainos ás
mans cheas, había clases sociais ben diferenciadas, e había enterramentos
colectivos, familiares ou tribais, de ata cen individuos.
(Enterramentos en 'Los Millares'. Arriba, in situ; abaixo, no Museo de Almería, as portas cos círculos son de louxa, de pizarra, belísimas; fixádevos que hai ídolos, representacións posiblemente dos propios defuntos: hainos tamén nos nosos monumentos megalíticos, como Dombate)
Non puidemos atopar
–tristemente hai que dicilo, tiven que oír varias veces a frase é que estamos en España...- un só libro sobre Los Millares,
nin nas instalacións do propio xacemento, nin no Museo de Almería, nin na
Alcazaba (a onde amablemente telefonaron desde o museo). Nada de nada:
progresar tamén é arrequentar as estruturas do turismo cultural.
Remato coa cova dos
letreros. Outro aviso para
navegantes: levabamos un libro sobre Almería comprado un mes antes e datada a
reedición no 2015. A información sobre horario de visitas estaba obsoleta
totalmente. Así que chegamos conforme o libro ás doce en punto para recoller
entrada á cova e todo o noso gozo nun pozo. O libro falaba de visitas diarias
(que menos en agosto!) pero nada, eran tres días á semana e estabamos lonxe de
san José, máis de 200 km. Ida e volta. Non volvimos. Nesa cova está o famoso
gravado do bruxo (demonio para algúns autores, como
Maringer, por ex.). Vedes na foto que ten unha especie de fouciño nunha man
(pero se comparamos con outros debuxos de España debuxudos polo abade Breuil,
podía pensarse nunha machada ritual) e na outra un corazón, o que fai pensar en
sacrificios, talvez humanos (hai moita literatura sobre costumes funerarios
prehistóricos, quero só lembrar aquí a Cueva
de los Murciélagos, na veciña Granada, onde se encontrara o esqueleto dunha
muller cun diadema de ouro na cabeza –sacerdotisa?, raíña?- e ao seu arredor,
xacentes, doce esqueletos femininos en semicírculo sostendo nas mans cestas de
fino esparto, sen dúbida de vellas ofrendas florais ou así).
(O 'Bruxo', reprodución fiel no Museo de Almería; está na chamada cova dos Letreros, en Vélez Rubio).
Ningún comentario:
Publicar un comentario