xoves, 21 de setembro de 2023

COLABORACIÓNS ESPECIAIS. LENDO A MARTÍN DE PADROZELOS

 

A ACTUALIDADE DAS CANTIGAS MEDIEVAIS DE AMIGO E AMOR

DE MARTÍN DE PADROZELOS

 

(Alumnos de 1º F de bacharelato que representaron varias cantigas de Martín de Padrozelos. Ano 2022)

 

Volver a ollada ao mundo medieval énos cada vez máis difícil; é difícil facelo en liberdade e dunha maneira limpa, clara, ausente deses prexuízos que embazan o cristal e que perturban a percepción dunha realidade tan descoñecida, complexa e afastada no tempo. É difícil comprendermos que durante todo o medievo houbo xente que esencialmente era coma nós, nin máis nin menos; a vida fundamentábase en solucionar as necesidades diarias, sobrevivir, e de ser posible, mellorar as condicións de vida, mais sempre, tanto no século XI como no XXI, na procura da felicidade. Tendemos a pensar que a poboación desa época vivía triste, sumida na miseria e a angustia, e que a súa sabedoría era máis ben escasa; mais o seu coñecemento era o do seu tempo, un saber diferente ao noso, pois coñecían ben o mundo que os rodeaba igual ca nós hoxe sabemos do que temos á man e precisamos cada día. Hoxe temos tanto coñecemento sobre recursos tecnolóxicos como a poboación galega medieval sabía dos recursos naturais; mais a esencia das persoas, os sentimentos, as ansias, as preocupacións, así como os obxectivos na vida, eran os mesmos ca os nosos.

 

 

(Cantiga de amigo de Martín de Padrozelos “Ai, meu amigo, coitada” (B 1242 / V 847)


 Se para nós, docentes e persoas adultas, resulta difícil volver a ollada a ese mundo antigo, a dificultade para o noso alumnado vese multiplicada. A importancia desa apertura de perspectiva nace da necesidade do alumnado actual de abranguer un espazo conceptual cada vez maior, necesidade establecida desde o currículo de diferentes materias como Historia, Historia da Arte, Música, Lingua e Literatura Galegas ou Lingua Castelá e Literatura. De que vexamos a necesidade de  deseñarmos estratexias eficaces para  achegarmos o actual e  o medieval, facilitando a interrelación e comprensión de feitos históricos, literarios, musicais, artísticos, que se deron e se dan simultaneamente nunha mesma xeografía e sociedade, a galega, que en coordinadas cronolóxicas diferentes.

Por que é difícil entender hoxe o medievo? Porque temos en mente poderosos estereotipos que poñen barreiras para unha percepción clara e libre. Cómpre tirar con elas, derrubalas e ver o que hai detrás. Martín de Padrozelos, poeta da montaña luguesa igual que o foron Uxío Novoneyra e Fiz Vergara Vilariño, igual que o son Marica Campo ou Vicente Reboleiro; será pois este o punto de partida para volver os ollos a ese mundo afastado no tempo e coincidente no noso espazo, co cal temos moito máis en común do que nun principio puidemos pensar. E se o vemos nós, vaino ver tamén o noso alumnado.

Por volta de 1994 defendín a miña tese de licenciatura sobre Martín de Padrozelos, a edición crítica e estudo das súas dez cantigas amorosas, baixo a dirección do profesor da UDC Carlos Paulo Martínez Pereiro. Seguindo a intuición do poeta Uxío Novoneyra procuramos as orixes de Martín por terras de Samos, no fermoso val de Lóuzara, onde se sitúa o lugar chamado Praducelo, e nel a coñecida por todos como “Casa de Martín”, aínda que ninguén lembre xa a razón de tal nome. As portas da casa de Martín abríronse para nós, e José, Amelia e mais a señora Oliva relatáronnos con detalle os indicios que facían supor a importancia no pasado desa casa grande (a “casa do poeta” como é coñecida aínda hoxe polos veciños), na cal vive a familia desde tempos inmemoriais. Sería ese poeta Martín de Padrozelos? A toponimia da contorna e mais a antigüidade das construcións contribuían a apoiar a hipótese, dada a presenza da antiquísima ermida de San Salvador do Mao e da proximidade do monte Valongo; mais había que confiar unicamente na tradición oral, pois a documentación  que  podería validar a hipótese fora devorada polas lapas en sucesivos incendios, e as partidas de bautismo non comezaran a facerse ata máis tarde, segundo nos informaron os monxes do Mosteiro de Samos. Ata chegou a investigación.

 


 

(Igrexa de San Salvador do Val do Mao, próxima ao monte Valongo (O Incio). Fotografía de Dulce Fdz. Graña)

 

Varios anos máis tarde, en 2005, Xulio Pardo de Neyra publicou Martín de Padrozelos, o primeiro Trobador da Galiza. Neste libro, á luz da descuberta dos documentos do tombo do mosteiro de Samos, o investigador identifica Martín de Padrozelos coa figura de Martín Peres, activo por volta do século XI no val de Lóuzara, concello de Samos.

Un tempo despois, Luis Celeiro deu en espertar definitivamente o trobador do seu sono, e por iniciativa súa, en 2018 xuntamos os nosos esforzos ao abeiro dun proxecto común de recuperación e difusión da figura do trobador; este proxecto deu como resultado varias mesas redondas, o disco Trobador no camiño do grupo musical A Quenlla coas dez cantigas de Martín de Padrozelos musicadas, e o documental Trobador no camiño. Andares pola lírica de Martín de Padrozelos, de Xoán Piñeiro Cochón; máis recentemente, viu a luz a exposición composta polos carteis coas cantigas de Martín de Padrozelos, nunha edición facsímile e actualizada, e mais o catálogo e guía didáctica que a acompañan.

As dez cantigas están recollidas nos códices manuscritos da Biblioteca Nacional de Lisboa e no da Biblioteca Vaticana, e como é sabido, ambos os dous son copias realizadas a man polos monxes dos mosteiros no século XVI a partir doutros códices máis antigos. Como todas as nosas cantigas medievais, os poemas de Martín de Padrozelos tiñan música e tamén letra, mais por desgraza, nas sucesivas copias realizadas polos amanuenses perdeuse a música; malia a que se reservou o sitio para ela, nunca se chegou a anotar nos códices que chegaron aos nosos tempos. Podémolo comprobar nos magníficos carteis que compoñen a exposición, os cales presentan o texto de cada cantiga tal como o transmite o cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa, acompañados da edición crítica, froito da comparación textual deste manuscrito e mais o da Vaticana. Formalmente son poemas moi elaborados compostos por tres ou catro estrofas, onde o autor utiliza artificios como o refrán, a finda, a atá finda, a cansó redonda ou a lei de Mussafia na métrica.

 


 

(Porta da igrexa de San Salvador do Val do Mao e caveiras incrustadas nas paredes. Fotografías de Dulce Fdz. Graña)

 

Estas dez cantigas tratan dos diferentes momentos nunha relación de amor e desamor, dos sentimentos demandados,  correspondidos e traizoados,  das promesas e das mentiras, do desexo e da vinganza, do arrepentimento e da posible reconciliación. A perspectiva é fundamentalmente feminina, pois é a muller quen expresa os seus sentimentos, pensamentos e reflexións, que chaman a atención pola actualidade dos mesmos e pola forza do carácter e actitude firme e decidida que manifesta ante o seu amigo, nai e amigas. Esta cantiga fainos chegar a voz ilusionada da moza namorada pedíndolle permiso á nai para ir a “San Salvador”, locus amoenus onde tería lugar a festa ou romaría, ao encontro do seu amado; e para ir velo, ela será a moza máis fermosa. A gradación descendente que estrutura esa hipérbole paralelística, é única nas nosas cantigas.

Por Deus, que vos non pês,

mia madr'e mia senhor,

d'ir a San Salvador,

ca se oje i van tres

fremosas, eu serei

a ũa, ben o sei.

Por fazer oraçon

quer'oj'eu ala ir,

e por vos non mentir,

 se og'i duas son

fremosas, eu serei

a ũa ben o sei.

I é meu amig', ai

madr'!, e i-lo-ei veer

por lhi fazer prazer;

Se og'i ũa vai

fremosa, eu serei

a ũa, ben o sei.

(B 1243/V 848)

 

O lugar do encontro (ou desencontro) amoroso é San Salvador de Valongo, o cal sitúa esta serie de poemas no ámbito das cantigas de romaría ou santuario. Un dos textos permítenos entender que o amigo non acode á cita. A moza comenta a súa preocupación coas amigas nesta breve cantiga en que destaca no terceiro verso a metáfora hiperbólica e o pleonasmo (vv. 3-4), ademais do emprego do tópico da morte por amor referido á muller, cando é propio das cantigas de amor.

 

Amigas, sejo cuidando

no meu amigo porque non

ven, e sal-m'este coraçon

e estes olhos chorando,

que me non pode guarir ren

de morte, se cedo non ven.

 

E ando maravilhada

porque tanto tarda, se é

viv'e sab'én, per boa fe,

ca viv'oj'eu tan coitada

que me non pode guarir ren

[de morte, se cedo non ven.]

(B 1244/V 849)

 

A personaxe da nai aparece en varias composicións, ben no seu papel protector como guarda que acompaña a filla á romaría ou ben conciliador como mediadora na relación entre os namorados. Nesta cantiga pode percibirse así mesmo a forza de carácter da voz feminina desta composición ateúda, en que as cobras aparecen encadeadas entre si.

 

Madr'enviou-vo-lo meu amigo

[o]je dizer que vos veeria

se ousasse, par Santa Maria,

se o vós ante falardes migo;

se el vir vós nen per meu grado,

San Salvador mi seja irado

 

de Valongo. Pero sospeitada

son de vós, ca lhi quero [tan] gran ben,

nunca lho quix pois naci e por én,

se creverdes, [mia] madre loada,

se el vir vós nen per meu grado,

[San Salvador mi seja irado]

 

de Valongo, ca se foi el d'aqui

sen meu mandad'e non me quis veer,

 e ora manda-vos preito trager;

que vos veja, por tal que veja min;

se el vir vós nen per meu grado,

[San Salvador mi seja irado.]

 

E sei ben que non é tan ousado

que vos el veja sen vosso grado.

(B 1241/V 846)

 

Así pois, ao longo do breve cancioneiro de Martín de Padrozelos, é doado recoñecermos a semellanza das situacións a través dos tempos: a moza que anima ao seu namorado, e pide permiso á nai para ir á festa, o feito de embelecerse para ir ver o mozo, o “plantón” do home ao non acudir ao encontro, a furia da muller ao xurar que nunca máis ha de crer no amor ao verse enganada, a reflexión arrepentida do namorado ao darse conta dos seus verdadeiros sentimentos, os consellos e mediación da nai para axudar a parella, a resistencia da filla, e finalmente o diálogo da parella, coa advertencia vingativa da moza traizoada, esta vez con encabalgamento entre a última cobra e a finda.

 

-Amig', avia queixume

de vós e quero-mi-o perder,

pois veestes a meu poder.

-Ai, mia senhor e meu lume!,

se de queixum'avedes,

por Deus, que o melhoredes.

 

-Tant'era vossa queixosa

que jurei en San Salvador

que nunca vos fezess'amor.

-Ai, mia senhor mui fremosa!,

se de que[ixum'avedes,

por Deus, que o melhoredes.]

 

-Amigu'en poder sodes meu

se m'eu de vos quiser vingar,

mais quero-mi vos perdoar.

-Ai, senhor!, por al vos rogu'eu:

se de min quei[xum'avedes,

por Deus, que o melhoredes]

 

de min, que mal dia naci,

senhor, se vo-lo mereci.

(B 1240/V 845)

 

Unha vez presentadas estas cantigas de amigo, sentimos a necesidade de aventurarnos polo camiño aberto pola investigadora medievalista Ria Lemaire, profesora titular de literatura portuguesa e brasileira da Universidade de Poitiers (Francia); ao seu xuízo, cabería a posibilidade de que os trobadores fosen realmente os compiladores duns cantares xa existentes creados por mulleres, que acabarían figurando  nos códices  atribuídos a eles. Así pois, é hora de preguntarnos se esas voces femininas das cantigas de amigo, que cantan agachadas detrás da atribución ao trobador, xorden enteiramente da fértil inspiración empática do poeta ou desempeñan un rol con maior peso no proceso creador?

 

(Casa de Martín, en Praducelo (Lóuzara, Samos). Fotografías de Dulce Fdz. Graña)

 

 

Polo momento non hai documentación que asegure esta teoría, mais comeza a aparecer algún indicio: un documento do século XII do Tombo do Mosteiro de Caaveiro dado á luz en 1996 (vid infra), conta da doazón a este mosteiro dunhas herdades propiedade de tres irmáns: Martinus Ferrarius (de oficio Ferreiro), Iohannis Regoela (que recolle como antropónimo o topónimo do lugar da casa familiar), e mais a súa irmá Marina Ioglaressa, á cal, con certeza, podemos suporlle un oficio directamente relacionado coa actividade xograresca. Quen nos di que non haxa máis Ioglaressas por descubrir nos documentos aínda inéditos dos mosteiros? Se existen na Provenza ou en Francia, por que non haberían de existir na Galiza? Os nosos documentos antigos gardan aínda moitos e interesantes segredos por descubrir.

 

(De esquerda a dereita, Dulce Fernández Graña, Xulio Pardo de Neyra e Luis Celeiro, na casa de Martín, en Praducelo (Lóuzara, Samos, abril 2018). Fotografía de Antía Celeiro)


 

Para finalizar, cómpre lembrarmos que este proxecto que vencella Martín de Padrozelos e o Camiño de Santiago, hai que agradecerllo a Luis Celeiro, a cabeza pensante que nos subiu a todos e todas neste carro “padrozeliano”, e a quen lle agradecemos de corazón que así o fixese. A investigación literaria realizada hai tantos anos, xunto á pescuda histórica de Xulio Pardo de Neyra, a recreación musical do grupo A Quenlla, a fotografía de José Salgado, o labor audiovisual de Xoán Piñeiro, a Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Santiago, e tantas outras persoas que colaboraron no proxecto, deron froitos gorentosos: deámoslles o uso didáctico tan necesario, e aproveitémolos para podermos desfrutar hoxe, con ollada máis libre e limpa, das nosas cantigas medievais.

 

Dulce Fernández Graña, catedrática de Lingua e Literatura galegas no Instituto ‘Eusebio da Guarda’ da Coruña.

 

 

Bibliografía:

-   FERNÁNDEZ GRAÑA, Dulce, As cantigas de Martin Padrozelos. Edición crítica, Tese de Licenciatura dirixida polo Profesor Carlos Paulo Martínez Pereiro, UDC, 1994.

-   PARDO DE NEYRA, Xulio, Martín de Padrozelos, o primeiro trobador da lírica galego- portuguesa?,

-   VVAA, De amor e de amigo. As cantigas de Martín de Padrozelos, Luís Celeiro Álvarez (coord.), ed. Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Santiago (APECSA) e O teu Xacobeo (Xunta de Galicia), 2021.

Ed. Dixital en https://es.calameo.com/books/0059211221a8d38259bb2

 

-  PIÑEIRO, Xoán, Trobador no camiño. Andares pola lírica de Martín de Padrozelos (reportaxe audiovisual), 2019 https://www.youtube.com/watch?v=nm3bwdWrQ4Q

 

-  A QUENLLA, Trobador no camiño. As cantigas de Martín de Padrozelos (CD audio e libreto), Producciones artísticas C.B., 2019.

-   HERMIDA, Xermán, ”O trobador eran elas”, entrevista a Ria Lemaire, en Cultura Galega, Consello da Cultura Galega, 15/4/2015. Recollida tamén na seguinte reportaxe de Cores no Atlântico (Ponte nas Ondas, PAI música, 2006): https://www.youtube.com/watch?  v=gIU6mciP_FQ

 

-  FERNÁNDEZ DE VIANA Y VIEITES, José Ignacio, GONZÁLEZ. BALASCH, Teresa, DE PABLOS

RAMÍREZ, Juan Carlos, “El Tumbo de Caaveiro, parte”, en  Cátedra, revista Eumesa de Estudios, vol 3, páx 333, Concello de Pontedeume, 1996.

 

(Dulce Fernández Graña. Fotografía propiedade da autora do escrito)