xoves, 31 de marzo de 2016

Video de Iciar Bollaín para Aldeas Infantiles SOS

OS OUTROS BLOGS, AS OUTRAS PÁXINAS NA REDE

Todos os días necesitamos nutrirnos: como necesitamos respirar: como necesitamos sentirnos parte dun todo. Hai, porén, días en que nos cómpre un plus dese arquetipo (a unión amorosa e solidaria). Vivimos días de ira, logo procuremos enchouparnos ben de humanidade. Déixovos nas mans desta boa xente con quen moitos de nós colaboramos. Déixovos nas mans de Iciar Bollaín, por exemplo... 

(Mario S. García e Charo Soto)

domingo, 27 de marzo de 2016

VISITANDO

VISITANDO EXPOSICIÓNS



O enigma desvelado: O Pergamiño Vindel

Con motivo da inauguración da  exposición na sede de Afundación de A Coruña, Tesoros ocultos: los manuscritos iluminados más valiosos de Europa,  o editor Manuel Moleiro, ourensán, afincado en Barcelona, un referente no eido da publicación de facsímiles, inclúe o Pergamiño Vindel,  que reproduce coa mesma fidelidade que caracteriza os seus traballos.

 (Fotografía do actual arquivo da Torre do Tombo; a torre medieval onde antes estaba veuse abaixo tras o terremoto do século XVIII)
 
A conferencia de inauguración correu a cargo da profesora de filoloxía galega da USC dona Mariña Albor e titulouse O enigma desvelado: O Pergamiño Vindel. Nela deu conta da historia do Pergamiño, folla que atopou ao azar o libreiro Pedro Vindel , que lle daría o nome,  en 1914 como gardas dun volume de Cicerón De Officiis .  Nel atópanse as sete cantigas de amigo de Martín Codax, aínda que o realmente importante é a música que as acompaña, concretamente a seis delas, por non aparecer esta nos Cancioneiros da Lírica galego-portuguesa onde si están os textos do xograr do mar de Vigo.
Este feito tan significativo da música foi o que lle chamou a atención ao musicólogo catalán Rafael Mitjana que llo mercou a Vindel e levouno a Suecia onde exercía de diplomático, a pesar das reticencias do libreiro madrileño a que saíra de España.
Durante décadas estivo en Upsala, case perdido, e despois da morte de Mitjana foi poxado xunto con outros libros e adquirido pola la libraría Sandbergs Bokhandel por setenta e oito coroas suecas (o equivalente ao prezo dunhas cervexas, como ten apuntado M. Moleiro).
En 1977 finalmente, mercouno a  Morgan Library de Nueva York, onde segue despois dun percorrido tan azaroso como os lamentos da protagonista dos versos: ”Ondas do mar de Vigo,/ se vistes meu amigo?/ e ai Deus , se verra cedo?”


Na conferencia deuse conta tamén dos traballos realizados por cinco especialistas coordinados pola mesma doutora Arbor sobre o punto de vista histórico, o punto de vista da escritura, da música e o propio texto como tal.  Apuntando un dato a destacar,  o Pergamiño sería un bifolio do século XIII,  procedente dun escritorium que contaba con medios, tanto humanos como materiais, xa que o estudo do mesmo revela que participaron dous copistas, dous rubricadores e un músico. Respecto da música é moi complexa e do estudo da mesma encargouse Antonio Calvia, investigador de Filoloxía musical. Os estudos especializados sobre o Pergamiño son de Simone Marcerano, que abordou a descrición codiciolóxica, Antonio Ciaralli, que afroutou a paleográfica e Rip Cohen que se encargou da edición e comentario.

 (Foto tomada da Internet do Profesor Harvey Leo Sharrer, iberista, profesor emérito da Universidade californiana de Santa Bárbara)
 
O profesor emérito Harvey L Sharrer,  presente igualmente no acto, participou tamén nos traballos sobre o Pergamiño Vindel e fixo o prefacio do volume que acompaña ao facsímil.





Non remato sen darvos conta da autoridade que representa na Filoloxía galego-portuguesa o profesor Sharrer, titular na Universidade de California, que en 1990 no Arquivo da Torre do Tombo, en Lisboa, descubriu un pergamiño do século XIII coas sete cantigas de amor do rei Don Denís de Portugal, tamén coa música. Desde aquela, leva o seu nome, Pergamiño Sharrer.



Benigna Vidal Tomé
Profesora de Lingua e Literatura galegas no IES ‘Eusebio da Guarda’. A Coruña.

domingo, 20 de marzo de 2016

ENTREVISTAS A SERES QUE AMAN



ENTREVISTA A HOMES QUE AMAN A MÚSICA. E  OS LIBROS TAMÉN. 


ENTREVISTA A NANI GARCÍA. 



Mª R. Soto- Grazas, Nani, por dedicarnos parte do teu precioso tempo. Comezamos con algo de información sobre ti para os nosos alumnos máis novos. Es coruñés, cofundador na década dos 80 do grupo Clunia; non creo esaxerar nada se digo que es unha figura senlleira do jazz galego. Tamén compós, traballas como profesor (cursos teórico-prácticos sobre Composición Musical para Imaxe) e como director artístico (festival Imaxina Sons de Vigo); fixeches música para películas (eu lembro con especial abraio De profundis), para operetas (A Berenguela)... Que che queda por experimentar, Nani?

-A verdade é que o mundo da música é inabarcable e polo tanto teño aínda moito que aprender e experimentar. De feito non vou ter tempo de poder facer todo o que me gustaría. Ou polo menos así o sinto neste momento. Moito do que fago ou ben é por encargo ou ben é consecuencia de compromisos que adquiro pero paralelamente hai moitísimos proxectos que teño en mente facer,  ou que polo menos me gustaría levar ao cabo algún día, para os que teño que buscar momento e/ou financiación.





- Cal foi o primeiro libro en galego e/ou en castelán que liches?



-¡¡Buf!!, Nin me lembro. Supoño que algún dos que me veñen á memoria: Corazón de Edmundo de Amicis, Plarero y yo, algún libro de Enid Blyton ou Allain Quatermain de Rider Haggard. Tamén lembro As aventuras de Arthur Gordon Pym de Poe. Algún deses debe ser. Pero estaban en castelán. Curiosamente empecei a ler en galego durante a miña estadía en Suecia. Por esa época tiña xa 22 anos e como non tiña acceso a moita literatura galega pois matriculeime en portugués na universidade de Estocolmo e comecei a ler en portugués. Lémbrome vagamente dalgún libro de Carlos  Casares, Fole ou Dieste nesa época.



-     E en sueco?

-En sueco estaba máis dedicado a os libros ou apuntes da universidade que había que ler en sueco ou en inglés. Fóra deses libros non me lembro ningún. Hai uns anos intentei ler a saga de Millenium de Stieg Larsson en sueco comecei con “Flyckan som lekte med elden” (A rapaza que xogaba con lume) pero deixeino enseguida. Resultoume difícil de máis.

(As fotos foron tomadas da Internet)



-Agora coa música: cal foi o primeiro disco, o primeiro tema, o primeiro músico do que gardas memoria, que marcara un fito importante, iniciático, na túa vida?

-Ben, o primeiro disco non é pero si foi un dos que máis me marcou. Lémbrome dun LP que me abriu a cabeza para sempre no seu momento. Chamábase “LLena tu cabeza de Rock” e editouse alá polo principio dos anos 70. Era unha recopilación de grupos americanos da época que aínda non chegaran a España neses momentos. Foi todo un descubrimento. Acabo de buscalo en internet e efectivamente non foi unha ensoñación. Existiu.

Había grupos como Chicago, Flock, Taj Majal, Leonard Cohen, Janis Joplin, etc. Foi un fito para min e unha das cousas posiblemente que definiu a miña vida para sempre. Esas cousas nunca se saben onde e cando poden aparecer pero aparecen nalgún momento da túa vida.





- Que libro che prestaría ler agora en galego e/ou en castelán? Que disco che prestaría comprar?

-Non compro cds dende hai tempo. Son socio de plataformas como Spotify e con iso e coa librería que xa teño e moitos cds que recibo de agasallo teño de abondo para escoitar ata o final dos meus días. Sempre pode aparecer algunha cousa que tería que comprar pero iso cada vez é máis raro. É o sino dos tempos que xa nos tocan vivir, polo menos en canto á música se refire.

En canto a libros gustaríame ler o último de Rivas ou descubrir algún novo (novo para min). A verdade é que hai tantos…





- Algún título (libro/disco) para agasallar a un amigo ou amiga?

-La embriaguez de la metamorfosis de Steffan Zweig. En música, non sei. A verdade é que hai tempo que xa non penso en cd físico. Recomendaría a escoita dalgún autor.

E son tantos… Jarret, Richard Strauss, Arvo Pärt, Bill Evans, Mikael Wolny, Joshua Redman, Brad Mehldau, Tigran Hamasyan, todo Miles, John Williams, John Adams, Herbie Hankock, Jonh Zorn, Bach, Ligetty, Magnus Lindberg…

- Que libro/disco tes neste momento enriba da mesiña de noite, no e-book, no lector de CDs?

-“Francamente, Frank” de Richard Ford, “Crimen e castigo” de Dostoyevsky, “O capital no secúlo XXI” de Thomas Piketty, Madame Bovary (no ordenador) e un ensaio, que me leva moitisimo tempo, sobre o concepto infinito de David Foster Wallace. Tamén ando carretando dun lado para outro dende hai moitos anos “The catcher in the rye” en inglés, que retomo de cando en vez. Sobre todo cando viaxo a visitar a miña familia en Minesotta. Sérveme de estimulador e recordatorio para cando teño que poñerme en situación no contexto anglo-parlante. Outras lecturas nas que me gusta bucear son ensaios sobre a música e a súa contorna.

- E cal está agardando hai moito tempo por ti?

-Non o sei. A verdade é que vou picando aquí e alá segundo me pida o corpo. O que si adoito facer é combinar narrativa con ensaio para non saturarme. Por exemplo gustaríame volver  ler “Cien años de soledad”. Supoño que o farei en breve. Ou mesmo rematar algún dos relatos que me quedan de Roberto Bolaño no seu 2666. Tamén me apetece ler algún da serie de Mario Conde de Leonardo Padura. Lín hai pouco “La novela de mi vida” e abraioume. En canto a ensaios sobre música poden ser libros ou simplemente artigos que atopo en internet ao chou ou que alguén  me recomenda.



- Houbo algún textos ou autores (tanto libro como música) que che quedasen na memoria para sempre? Algúns versos dun dos teus poemas/cancións favoritos?

-Non sou moito de reter na memoria frases ou poemas pero si que hai libros ou músicas que sempre recordarei. Moitas das músicas da época de rapaz e que se agora me poño a escoitar xa non o fago da mesma maneira. Algunhas desas músicas volvinas comprar en CD, a maioría non. Mirando coa vista atrás dáste conta que cada época ten a súa música e iso ao final remata sendo un signo distintivo que compartes con certa xente. Dende a música determínase de forma clara o Zeitgeist dun tempo.

En canto a libros, pois moitos seguro. Na época de universidade lémbrome con moito cariño da inmersión no mundo de Herman Hess ou de Samuel Beckett. Cando vivía en Estocolmo lémbrome tamén dun libro que lin en Portugues, “Meu nome é Asher Lev” de Chaim Potok. Trátase da vida dun neno que quere ser artista. Impactoume moito. Hai poucos anos busqueino e resulta estar editado nunha editorial de libros relixiosos, pois este Potok debe de ser ortodoxo xudeu. De feito é rabino. Recoñezo que cando o lin non fun nada sensible ao  seu proselitismo. Haber había seguro. Pero no seu momento a historia epatoume.



-Grazas por todo, Nani. Unha aperta. Os nosos mellores desexos para o futuro.




domingo, 13 de marzo de 2016

VISITANDO



VISITANDO


Este día, 4 de marzo, visitounos o escritor Santiago Lopo. Os rapaces leran unha súa novela, A diagonal dos tolos, publicada no 2014. Xuntámomos todos no Salón de Actos, como adoitamos facer nas visitas importantes e alí escoitamos e participamos do pracer de podernos interrelacionar co autor nunha especie de foro con preguntas e respostas. Unha das cousas que máis me gustaron a min foi o afán con que, nun momento dado, Santiago quixo saber por outros finais. Demostrou un auténtico interese por coñecer os pensamentos dos seus lectores a medida que estes se aproximaban á fin da historia. Pensastes noutro final distinto ao que eu escribín? Que final escribiriades vós? Hai algo de humildade e moitas ganas de aprender aínda nese enfoque, creo eu.



A maior parte do tempo dedicouna a provocar interrogantes: máis que falar del ou da súa novela, quería oír as preguntas e comentarios de todo tipo dos lectores. Dá gusto estar na presenza dun autor tan pouco dado a falar, a oír a súa voz, e tan consciente da importancia do receptor.



Así que nós ímonos centrar basicamente naquelas cuestións que xurdiron directamente ou por derivación das preguntas que os rapaces lle fixeron ao escritor vigués.

Empezamos pola lingua. Preguntaron polo crioulo. Santiago definiuno coma unha mestura de linguas africanas mais francés antigo, coma un produto dun pasado histórico, dunha etapa de colonialismo (logo fomos mirar nos dicionarios académicos: no da RAG fálase dunha lingua europea como unha constante, sendo as variables o substrato de Cabo Verde ou da Martinica, por poñer un par de exemplos, ou da Illa da Reunión, no caso do libro de Lopo; en troques o dicionario da RAE non fala dunha lingua europea e si dá como dato básico a transmisión de pais a fillos, factor que determina a conversión dese sistema comunicativo en lingua común). A profesora Susana Piensos interesouse por coñecer a situación sociolingüística do crioulo, por se había paralelismos coa situación do galego na nosa sociedade. Lopo dixo que apenas ten apoios: as chamadas linguas “rexionais” foron practicamente exterminadas polo estado francés [os que sodes alumnos meus en segundo bacharelato debedes relembrar o que implica o nacemento no XIX dun novo concepto de nación-estado forte que prima os factores unificadores _un único sistema de pesos e medidas, unha soa relixión “oficial”, unha soa lingua “oficial”, unha administración centralizada, etc.- sobre aqueloutros factores susceptibles de convertérense en factores disgregadores, xa sabedes: unha dialéctica entre outras dialécticas: desde o ser ou non ser shakespeariano ata o ser ou non ser lingüístico somos sempre á busca e procura do equilibrio, etc., etc.], de tal forma que na illa o crioulo vese como algo exótico; recordou tamén como outras linguas da Francia continental con proxección histórica coma o bretón ou o occitano, están en vías de extinción (citou o caso do bretón que se estuda como 4ª optativa pouco máis ou menos). Sálvase o caso do corso, en Córcega si que se dan materias en corso, engadiu o escritor convidado [eu mentres falaban deste tema que tan de preto nos toca aos galegos, pensaba na situación do friulano en Friúl, país amado onde vivín e traballei tres anos: non é mellor o seu futuro có do galego: vive unha situación parecida de autodesprezo e de diglosia; e con todo e iso, aquí hai un marco estatutario que aínda nos pode redimir e que dalgunha forma nos permite situarnos legalmente na vangarda lingüístico-cultural de Europa: tede iso en conta e non o esquezades nunca].



Santiago Lopo estivo na Illa Reunión e confesa que por veces sentíase en Galicia: hai zonas con toxos e con vacas. Pero outras di que pensaba estar nas Canarias. Hai relación coa cultura galega? Quizais na música interiorizada (e o baile). Relembrou a Eduardo Galeano cando en El libro de los abrazos [tedes que lelo, nun destes veráns da vosa longa vida...], fala dos nadie que no tienen cultura (=”arte”) sino folclore (=”artesanía”).

A Galeano tróuxoo á palestra noutra ocasión: cando se falou do tema da escravitude e Santiago Lopo nos contou aquela pasaxe da obra do uruguaio en que relata como as mulleres escravas fuxían e levaban agochadas nos cabelos sementes. Logo, cando chegaban á nova terra, movían a cabeza e soltaban a semente: esa semente que faría logo que puidesen vivir unha nova vida...



Quizais ese é o tema dos temas: a existencia da explotación do home polo home. A escravitude. Sen dúbida. Ese é o núcleo duro da novela de Lopo. A orixinalidade e riqueza estrutural tamén conta. Une dúas carreiras, dúas vidas, dúas traxectorias en tempos distintos. Explicábanos como tentou transmitirlle á narración un ritmo semellante ao dunha carreira. Aí, dunha noutra lembranza e asociación, trouxo a Murakami, quen o deixou todo pola escrita e por correr. Correr coma unha maneira de concentrarse.

Unha nosa alumna, Zeltia, pregúntalle por que a Illa da Reunión e non outra. É doada a resposta: neste caso porque se me ocorreu a idea do libro cando estaba alí (Santiago tivo a sorte de ter amigos que o levaron á Illa, confesa ter a sorte de coñecer a carreira desde dentro, a sorte _dubidosa_ de saber de preto o que significa durmir tres horas en tres días, a “sorte” de saber o que é asistir a unha persoa alucinada por deshidratación...).

Alicia Cabana, do Club de Lectura dos martes, pregúntalle se a cova é real. A cova dos primeiros poboadores. A verdade é que hai bastantes covas porque o terreo é volcánico. Pero non, a cova é un lugar imaxinado.

Tamén lle preguntan pola moza mestiza. É a mesma que el coñecera sendo adolescente? Deixo aberto ese punto...

Outro dos membros do Club de Lectura, Javier Enríquez, toca o tema do mito da creación do home, preciosísimo para o meu criterio, que aparece narrado na novela. Contéstalle Lopo que é un mito malgache, posiblemente con influencias cristiás.



E con isto, haberá que ir parando. Lede o libro se non o fixestes, e se vos prace, seguide algún ano a carreira por Internet (á altura de outubro ou novembro). Canal Plus France adoita seguila. Aínda que leva trazas de converterse nun reality show. O nosos autor dinos que hai un corredor catalán que gañou xa varias veces.