domingo, 20 de marzo de 2022

ENTREVISTAS

ENTREVISTA A CÉSAR DE LA FUENTE


 

-M.ª R. S.: Moitas grazas, César, por concedernos parte do teu precioso tempo. Sabemos ben que non andas sobrado de tempo de lecer nin moitísimo menos. Empecemos, pois. Dinos que recordos gardas do noso Instituto, se houbo algún profesor en especial que che deixase impronta, dos compañeiros talvez…

- Charo, é para o min unha verdadeira honra poder conversar contigo a través do teu blog. Gardo recordos marabillosos do Eusebio. Nesas aulas e corredores formeime como persoa e puiden explorar a miña curiosidade. Durante ese tempo, tiven a sorte de estar rodeado de xente excepcional. Fixen grandísimas amizades durante o Instituto, moitas das cales manteño a día de hoxe incluída a do teu fillo Suso. Recordo con moito agarimo os ensinos de Lola, profesora de Ciencias Medioambientais, e de José Luís, profesor de Filosofía. As súas clases eran un recreo para o pensamento.

 

(O profesor José Luis Suárez, citado por César. Sentimos non ter a man nestes momentos unha imaxe da profesora M.ª Dolores Rodríguez; ambos profesores do noso Instituto cando el cursaba o bacharelato)

 

-Canto tempo levas establecido nos EEUU ou en xeral, en Norteamérica? Gustábanos que nos falases das vantaxes e dos inconvenientes da vida por alá, en contraposición aos costumes e modo de vida galaicos…

- Levo en Norte América 13 anos, desde o ano 2009 xa que fixen o doutorado na University of British Columbia en Vancouver, Canadá. En Estados Unidos levo 7 anos, desde o 2015 cando fun ao MIT. Estados Unidos é moi diferente a España. É unha sociedade mais individualista e capitalista. Estados Unidos ten moitas cousas negativas e  criticables pero unha moi boa: que valoran á persoa que quere facer algo.

 

(Foto tomada de Internet de Filadelfia, Pensilvania, cidade na ribeira do río Delaware, onde traballa actualmente o noso ex alumno e brillante científico, César de la Fuente)

 

-Falemos do teu pensamento científico: que che preocupa máis nun futuro a medio prazo, a pandemia ou o problema da resistencia das novas bacterias aos antibióticos?

- Ambos problemas preocúpanme. As enfermidades infecciosas en xeral, ben sexan causadas por virus ou bacterias, son preocupantes. No contexto da pandemia actual penso que estamos xa en transición cara a unha endemia parecida á que temos co virus da gripe, por exemplo.

A resistencia aos antibióticos é unha pandemia silenciosa. Hoxe en día morren 1.27 millóns de persoas cada ano no mundo como consecuencia de infeccións intratables causadas por bacterias. A proxección é que para o ano 2050 isto vaise a multiplicar por 10, matando a 10 millóns de persoas no mundo. É un problema de saúde global e necesitamos novos antibióticos. No meu laboratorio, estamos a tentar desenvolver novos antibióticos a partir de ordenadores. 

-Cambiemos de terzo: veñamos a cousas máis agradables. De todos os recoñecementos e premios recibidos hai algún que valores especialmente?

 

(César recibiu,  entre outros, o Premio Fundación Princesa Girona de Investigación Científica 2021. A foto está tirada da prensa)


- Valoro o traballo do día a día. Iso se, o máis bonito para un científico é descubrir algo por primeira vez. Ese momento en que che dás conta de que o que sabes ninguén máis o sabía antes. Pasa poquísimas veces, pero cando ocorre é un sentimento único, difícil de describir. Ese é o premio de verdade polo que traballamos cada día. Para poder descubrir algo novo que poida, algún día, axudar a mellorar o mundo.

-En que estás traballando agora, César?

- Estamos a traballar en 1) o deseño e descubrimento de novos antibióticos usando ordenadores e intelixencia artificial; e 2) o desenvolvemento de tecnoloxías baratas de diagnóstico para enfermidades infecciosas. Teño o privilexio de traballar xunto a científicas e científicos de moitas disciplinas distintas, desde a enxeñería informática, a química, bioloxía, á microbioloxía.

 

(As dúas fotos do entrevistado son propiedade súa)

-E que libro ou libros les neste momento?

-Gústame moito ler biografías. Permítenme aprender das vivencias doutra xente con moita máis experiencia que eu. Ultimamente, gocei moito das biografías de Alex Ferguson e Andre Agassi, por poñer dous exemplos. Agora estou lendo a de Rafa Nadal. Encántame ler para aprender.

-Só nos resta felicitarte: por saber compaxinar o labor profesional co amor aos teus, á esposa, á familia, aos amigos, a nós, os antigos profesores do ‘Eusebio’. Quería tamén darche parabéns porque non só brillas con luz propia como científico, senón como humanista, como ser humano comprometido coa xente desfavorecida polo reparto das riquezas do planeta. Mil primaveras máis para a ciencia da man dos bos e xenerosos!

-Charo, moitísimas grazas polo interese en charlar comigo. Eu son un privilexiado e non concibo a vida sen tentar axudar. Polo menos tentalo. Sen a miña familia, amigos, profesores, e o Eusebio non estaría onde estou nin moito menos. Grazas a vós por formarme. Ata a próxima!

 

mércores, 9 de marzo de 2022

COLABORACIÓNS ESPECIAIS

 

INVERNO (DESPEDIDA)

 

(Vivaldi, véneto mais cunha avoa friulana, compuxo 'O Inverno' arredor de 1721)

Estamos na estación que se resume en días curtos, noites longas, chuvia e frío, humidade e xeadas.

Asubía o vento polo medio das tellas, baten as contras das ventás. O vento corta os sentimentos na rúa e nas corredoiras.

Inverno, tempo frío sempre co lume aceso. Invernía de lodeiros, pozas e lama. Inverneira de neve, laradas de lume e leña no unllar. 

La Nevada (1786), Goya. A nevarada ou o Inverno, titúlano algúns



Naceu o "neno", pasamos a un tempo novo, necesario para que a terra durma e os terróns entumezan. Aterecidos de friaxe cambiamos o ciclo vital abrindo os nosos corazóns a primaveira, de camiño o san Antón (17 de xaneiro), o san Vicente (22 de xaneiro), a Candelaria (2 de febreiro) e o San Brais (3 de febreiro), e o Entroido.

Na Candelaria medio inverno vai fóra, vaise descobrindo o día, vai recuperando o seu sitio fronte a noite.

San Xoán Evanxelista (27 de decembro), patrón da parroquia que me veu nacer, e mañán os santos Inocentes, sempre o ocasión para bromas e inxeniosas falcatruadas.

Nesta tempada pechamos ben portas e fiestras, apuramos os rescoldos no lar, contamos historias e contos arredor da chama, chama que alumea os nosos sentimentos,  facemos partícipes os nosos ancestros que xa non volverán fisicamente.

O frío conxélanos, fainos desfrutar da neve e dos pratos de culler. Lentece en nós, seréanos, fainos repousar nas longas noites do fin de ano propicias para soñar, para que se cumpran os máis ansiados sonos.

 Son días de reunión, amizade, familiaridade, son ou intentan selo, añoramos por segundo ano consecutivo períodos invernales sen xel hidroalcólico, sen límite de aforo nin protocolos sanitarios. As celebracións tiñan discusións e debates protocolarios, "que vai antes, o centolo ou as ameixas?", ou en que lugar se sentaba cadaquén.

 

(Nevarada en París, decembro de 1938; ao fondo podemos ver un muíño desaparecido pero mítico grazas á arte, é o famoso Moulin de la Galette)

 

 O INVERNO é como o lusco e fusco da vida, o día adormece e esperta un novo, a vida esmorece e xorde unha nova.

Así agardamos un 2022 cheos de esperanza e quen de brincar por enriba de balados e cancelas, por enriba de protocolos e restricións.

 

Antonio Fondo Rodríguez (27 de decembro do 2021).

 

::::::::::::::::::::::::::::::

Nota: as fotos están tomadas de Internet, agás a de París, esa tomámola dun libro: Chronique da La Rue Parisienne, de Jean Luis Célati e Rodolphe Trouilleux