luns, 27 de xullo de 2015

A NOSA CASA



A NOSA CASA: LUIS MOSQUERA GÓMEZ.

 (Retrato da esposa do pintor, Carmen Pedrosa)

Como saberedes moitos de vós, a nosa casa vai cumprir 125 anos. Faremos festa. Celebrarémolo. Unha das cousas que estamos preparando é un artigo bonitiño onde aparecerán algunhas das personalidades máis ou menos relevantes que pasaron (como alumnas, alumnos ou docentes) por ela. Francamente, meus amigos, évos un luxo de casa...

 (Foto no estudio de Román Navarro, mestre de Mosquera, a quen vemos coa cabeza inclinada achegándose a el)

 (Retrato da coruñesa María Casares; ten moita razón Luis Caruncho cando fala, a propósito deste cadro, dun certo aire que nos relembra a Modigliani)


 (Retrato do Nóbel galego, Camilo José Cela, nos tempos en que viaxaría pola Alcarria)

 (Retrato do membro da chamada Xeración do 98, o vasco Pío Baroja)

 (Retrato de Pedro Barrié de la Maza: a fundación que leva o seu nome -á que lle debemos a publicación do libro de L. Caruncho sobre a obra de L. Mosquera- desenvolve actualmente un labor de mecenado a prol da cultura de Galicia)

Falaremos hoxe –día grisallo do mes de Santiago- de Luís Mosquera Gómez, pintor coruñés nacido en 1899, bo retratista. Mosquera empezou sendo discípulo de Román Navarro (o que pintou o teito do noso Salón de Actos, nalgunha páxina do blog aparecen os seus cabalos bebendo en san Roque de Afora) con oito anos. Fixo os seus estudos de bacharelato no Instituto (daquela inda non se chamaba oficialmente ‘Eusebio da Guarda’, era o Instituto por antonomasia). Sendo Navarro Director da Escola de Artes e Oficios (aínda recordo eu perfectamente esa Escola sita na primeira planta do edificio do Instituto), nomeouno con apenas 18 anos profesor adxunto de Debuxo. Logo chegaría a ser membro correspondente da Real Academia Galega,  académico de honor da Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario (o nomeamento ten lugar  no ano 1974), vogal do Real Padroado do Museo do Prado, profesor da Escola Superior de Belas Artes de San Fernando, membro da Real Academia de Belas Artes de San Fernando... (tendes máis información na páxina do Prado: //www.museodelprado.es/enciclopedia/enciclopedia-on-line/voz/mosquera-gomez-luis/). 

 (Resulta difícil elixir un bodegón, hainos moi bos)

(Espido de muller)

(Preto de Labañou, monte de san Pedro, antes do paseo, pero xa estaba a canteira)

(Bastiagueiro: a praia dos domingos da nosa infancia, cando se ía andando, cruzando polas Xubias na  barca... Aínda non está o "chalé do mexicano" -á esquerda-, nin creo que estea o merendeiro que logo houbo e hoxe xa non hai, e dubido que estean os "chalés dos madrileños")

E ademais, foi un home que tivo bos amigos: Luis Caruncho (autor do libro de onde atiramos as fotografías), Cela, Quiroga, Lloréns, por citar só algúns. Cultivou o retrato, os espidos, os bodegóns, a paisaxe... E se tivese que destacar algún trazo esencial do seu bo facer, destacaría –seguindo a Caruncho- a mesura cromática, a perspicacia con que sabe captar a psique do retratado, a sobriedade expresiva, a luz amable dos rostros, trazo este que dalgunha maneira nos fai pensar en que era un home alegre, que amou a vida e amou os seus.

(Mª Rosario Soto Arias).

luns, 20 de xullo de 2015

GALICIA INMORRENTE



HISTORIA DO HIMNO DE GALICIA

 (Carta da man de X. Fontenla Leal)

(Fotos pertencentes aos fondos da Real Academia Galega: Pondal, á esquerda, Pascual Veiga e Fontenla Leal)

O himno é un dos principais elementos da identidade nacional a través do cal unha nación proclama a súa identidade e soberanía. Foi precisamente na década de 1880 cando comezaron en Galiza as primeiras propostas hímnicas. Cando o Orfeón Coruñés nº 4, dirixido por Pascual Veiga, decidiu organizar un Certame Musical en 1890, o texto poético para a composición de partituras foille encargado a Eduardo Pondal, o poeta nacional galego nesa altura. Pascual Veiga interpretou o himno en diversas ocasións a través dos coros que dirixiu posteriormente até a súa morte en 1906.


(Fotos coa caligrafía de Eduardo Pondal: podedes ver que nas primeiras versións hai variantes con respecto á versión definitiva do himno)

Non obstante foi en Cuba onde o himno foi “oficializado” por primeira vez mercé ao traballo entusiástico de Xosé Fontenla Leal, sendo interpretado por primeira vez o día 20 de decembro de 1907, no Gran Teatro da Habana. O himno ten presenza en todas as actividades oficiais da comunidade galega en Cuba, que “reenvía” en 1909 o texto e a partitura para Galiza. Foi con ocasión da translación dos restos de Pascual Veiga a Mondoñedo, cando o himno ten a súa primeira interpretación explícita, pública e solemne nos actos conmemorativos, para comezar a aparecer en celebracións e solemnidades ligadas a figuras sobranceiras galegas, especialmente Rosalía.
Con todo, é a partir dos anos 1915-1916, grazas ao impulso do alcalde Manuel Casás á súa interpretación, que o himno comeza a ser ouvido publicamente na cidade da Coruña, con grande éxito. Neste ano 1916 fúndase na Coruña, as Irmandades da Fala, que adoptan este himno pondaliano como Himno Nacional Galego. Comeza a consolidarse como símbolo nacional, sendo interpretado en todo tipo de celebracións. Desde o comezo da expansión do himno se establece o cerimonial ligado á súa interpretación: público de pé, homes coa súa cabeza descuberta e ambiente solemne. A acción das Irmandades é percibida con clareza por observadores e medios xornalísticos. Desta maneira, un himno inicialmente descoñecido, comeza agora a consolidarse e a converterse nun verdadeiro himno nacional: está presente en todo tipo de actividades culturais.


En 1923 prodúcese o golpe de Estado e comeza a ditadura de Primo de Rivera, que amortece as expresións públicas do himno, que sobrevive traballosamente até 1931, final da ditadura e proclamación da república. Coa reorganización das sociedades e agrupacións nacionalistas e coa fundación do Partido Galeguista, o Himno constitúese definitivamente como expresión oficial nos actos galeguistas, de acordo coa súa presenza por todo o país.

 (Carta de man de Pascual Veiga a Pondal, marzo de 1890)

A guerra civil e a posterior ditadura franquista prohibe de facto calquera aparición pública do Himno, que se converte nun símbolo máis de antifranquista, antifascista e de reivindicación política democrática de Galiza. O Homno sobrevive “exiliado” na conciencia dos cidadáns e nas comunidades galegas en  América.
Coa morte de Franco e a desaparición da ditadura, o Himno é recuperado con normalidade polas organizacións políticas democráticas. En 1981 apróbase o Estatuto de Autonomía onde se recoñece que Galiza ten himno “de seu”. O Himno Galego é definitivamente institucionalizado na Lei de Símbolos de 1984 aprobada polo Parlamento galego, dando cumprimento á súa esixencia “no ánimo e no pensar do pobo”, oficializando a letra e a música que “Pondal e Veiga puxeron na memoria e na boca dos galegos”.
(Texto seleccionado e copiado por Francisco J. Lodeiro Prieto e Antón Varela Gestoso, 1º de Bacharelato: o texto pertence á publicación do ano 2007, publicación con que se celebrou por parte da RAG e mais das tres Universidades galegas o centenario do Himno Galego; nesa publicación colaboraron persoas concretas tamén: Hugo Arias (UDC), Julia Núñez (UDV), Manuel Ferreiro (UDC), amais de empresas como ‘Imaxe Free’ (UDC) e ‘Tórculo’ (USC); todos os documentos reproducidos nesa publicación do centenario pertencen á RAG).

(Foto da coidada edición con que no ano 2007 a RAG e as tres Universidades celebran o centenario do Himno. Dentro dunha especie de caixa gárdanse os cinco caderniños: a historia, a correspondencia, manuscritos autógrafos d'Os Pinos, do Certame Musical de 1890, e a Partitura do Himno de Pascual Veiga).

luns, 13 de xullo de 2015

GALICIA INMORRENTE



O ESCUDO DE GALICIA (I).



(Imaxe do Segar's Roll, armorial inglés de finais do XIII, onde aparecen tres cálices simbolizando o reino de Galicia)
 
Agora que estamos de vacacións e temos o ánimo distendido, é tempo de elucubrar sobre temas fascinantes. No último trimestre, mentes traballabamos con Pondal, dous alumnos de primeiro de bacharelato interrogáronme sobre o porqué da escolla do poema pondaliano para o himno e ampliaron a cuestión interrogando ademais sobre o nacemento do propio himno. Ofrecinlles a posibilidade de aprender investigando e faciliteilles material para un pequeno traballo que máis adiante subiremos a este blog.
Así naceu asemade a vontade de pretender saber da orixe do escudo de Galicia, e especialmente do seu símbolo máximo, o cálice.
Diredes –sobre todo se tendes tendencia á retranca ou escepticismo,  vaia, este si que é un tema de actualidade... E eu direivos, nunca se sabe, hai constantes na humana natureza..., e somos animais simbólicos, creo que a propia escrita ou as matemáticas son boa proba diso.
Para o cálice, por exemplo, hai explicacións míticas: recordo ter lido nun libro do que fora prof. de literatura no noso Instituto, D. Enrique Chao Espina, verbo da copa na que viaxaba o heroe solar –en paralelo á viaxe da barca do faraón- de leste a oeste, así chegaría precisamente Hércules aos nosos lares... , onde, efectivamente, o sol se deita no mar Atlántico coma nun cálice profundo, para pasmo daqueles lexionarios romanos cando o viran por primeira vez, un sol de lume que adoraban os nerios e ao que se lle dedicaran aras ou altares na costa noroccidental ártabra, neria, fisterrá... a divinización do sol é un feito en todas as cuturas que chamamos primitivas, ao sol dedicóuselle en Europa un día da semana, o primeiro, un día que inmediatamente no mundo cristián se converteu no “Día consagrado ao Señor”, máis tarde “Domingo”; no século II o apoloxista san Xustino  describe como celebran os cristiáns a Eucaristía ou Santa Misa e di así: “O día chamado do Sol reúnense todos nun lugar, o mesmo os que habitan na cidade cós que viven no campo (...) e reunímonos todos o día do Sol, primeiro porque este día é o primeiro da creación, cando Deus empezou a obrar sobre as tebras e a materia, e tamén porque é o día en que Xesucristo, o noso Salvador, resucitou de entre os mortos” (tomado de “El Porqué de la Orientación de las Iglesias”, de J. Delgado Gómez, en Lucensia 33,  a tradución ao galego é nosa); este mesmo autor fala logo da simboloxía Cristo-Helios, ou Sol Divino e menta a Orígenes (s. III) quen lle dá a Xesús o atributo Sol de xustiza.


Tocando este enfoque (como arquetipo de fertilidade da nai terra, lonxe, moi lonxe dunha valoración histórica ou científica ao gusto actual) tamén se expresou un dos parlamentarios de Galicia, o señor Antonio Olives,  cando se debatía a Lei de Símbolos que logo callou na versión definitiva en 1984.
Nós persoalmente non dubidamos de que, ao igual que o graal famoso da Demanda medieval galego-portuguesa (do ciclo da Materia de Bretaña) responde a un arquetipo mítico orixinal precristiá, un obxecto tan poderoso que pode facer realidade todo o que ao home lle pasa pola mente, (pénsese noutro obxectos máxicos europeos como o anel dos nibelungos ou o caldeiro de Dagda) posteriormente cristianizado (o prato pasa a ser un cálice que recollería o derradeiro sangue na cruz de Xesucristo) aínda que igualmente poderoso (recordemos que o heroe galego-portugués, Galaaz, é tocado de valores que o aproximan a Cristo: santo, puro de corazón, e intocable polos velenos), así tamén o grial do noso escudo pode responder a unha semellante transformación ou asunción de distintos valores, precristiáns e cristiáns.
Di o Señor Ramón Villares que apenas se inventou nada na escolla do noso Escudo, que é unha escolla fiel á tradición (palabra e concepto tan do gusto dos católicos exemplares do noso galeguismo histórico, eis Cabanillas, Risco ou Pedrayo; eis Castelao cando fiel ao espírito do pobo galego, pinta maxistral, tenramente a peregrinaxe nocturna do cáliz-viático).
Teño xa que engadir aquí que o artigo definitivo, a nivel de cientificidade e rigor histórico é o que escribe, a continuación do mentado de Villares, o señor Eduardo Pardo de Guevara (en:http://consellodacultura.gal/mediateca/extras/simbolos_de_galicia.pdf). É un artigo que todos os interesados neste tema deberiades ler. Con independencia de que un poida querer variar o enfoque. A saber: o ilustre articulista di que o símbolo máximo (pola carga simbólica que vai adquirir: pola representatividade ininterrumpida de simbolizar o vello reino durante os derradeiros cincocentos anos) ten a orixe fóra, no estranxeiro (Armorial británico datado cara a 1282): de alí chega a nós, e nós (Galicia/os galegos) ímolo asumindo nun proceso que basicamente fai entroncar o grial estranxeiro co Sacramento en perpetua exposición da Igrexa de Lugo. Lugo ocupa neste proceso un papel nuclear.

Nin se nos ocorrería remotamente minimizar a importancia de Lugo na historia de Galicia: capital dun convento xurídico, primeira urbe galaica, sé dun bispado que se opón sistematicamente a canta herexía penetra no territorio galaico, sé en sentido amplo dun dos primeiros símbolos de cristianización hispana (o Crismón de Quiroga), sé metropolitana de bispos que asisten a concilios convocados no período suevo, núcleo de resistencia a certos reis da primitiva monarquía astur-galaico-leonesa (ou astur-cantábrica-galaico-leonesa), sé onde Odoario (de discutida existencia pero validado por Sánchez Albornoz) asume en época de crise (invasión árabe) a metropolitana Braga... En fin, e por se fose pouco, resplandece aí, na súa catedral, Deus sabe con exactitude matemática desde cando, a luz perpetua do Sacramento Eucarístico, que como todos sabemos, é representado cun cálice e unha hostia. Quizais, só quizais, está é unha forma brillante de igualarse a vella Lugo coa nova Santiago (tras a inventio).
A cuestión para nós é máis ben: E logo non se pode pensar nun camiño de ida e volta? O armorial británico está inventado totalmente (por aquilo de que Galice e cálice préstanse a unha irmandade pseudofilolóxica), ou é posible supoñer que alí lles chegou algo que aquí se respiraba, se vivía talvez? Camiño aberto haber habíao (o das peregrinacións xacobeas: xa hai peregrinos desde o ano 1000, se queredes nomes propios fornecidos pola historia ou pola lenda, tendes onde escoller: a condesa  franca dona Arxentina, a esposa do conde García Fernández;  o conde Raimundo de Borgoña en 1105; a alemá santa Paulina en 1112; Matilde de Alemaña, filla do rei Enrique I de Inglaterra en 1125; Sofía de Holanda cara a 1150; Cristina de Noruega, filla de Haakon IV, cara a 1254; a princesa Ingrid de Suecia cara a 1270... Todos anteriores a 1282. Esta xente viña co seu séquito, e todos volvían logo aos seus países).
Imposible, dinme na casa, aquí non se necesitaban escudos nin había rei fóra do de Asturias-León, que xa tiña o seu símbolo (o propio león rampante).
E antes?  Porque a ver se se nos esquece que houbo unha monarquí a sueva...
Pero iso está totalmente esquecido, iso  é a prehistoria... retrúcanme os sabios pensantes que teño cerca. Pois que queredes que vos diga...
Depende: Don Ramón Otero Pedrayo aínda recorda perfectamente a importancia de Ourense cando a conversión de Teodomiro/Carriarico/Charriarico se produce na cidade na que posteriormente se edificará un templo en honra de san Martiño. Iso na metade do VI. Pero antes , cen anos antes, na metade do V, Reckiario –impulsado polo bispo de Braga, Balconio, e pode que tamén polo de Astorga,  e pode incluso que grazas á curación milagreira, na que intervén santo Toribio, dunha irmá, dunha filla de Reckila - convértese ao catolicismo: ser católico neste período é algo tan importante que non se pode perder de vista: ser católico no V neste lugar de Europa é pasar á Historia con letras maiúsculas, porque Reckiario (de quen se conservan doazóns á  ártabra Igrexa de Pastoriza, moi preto por certo da chamada “Silla do rei suevo”) é anterior a Clodoveo, é nin máis nin menos que o primeiro rei católico de Occidente.
Ser católico neste momento é crer no Amor maiusculado, o amor máis grande de todo amor posible: que une a vida, a paixón, a morte e mais a resurrección nun só símbolo, nunha mesa en comuñón, nunha forma redondiña e sagrada: e é situarse, asemade, nun espazo de confrontación total e múltiple: contra o paganismo multipanteísta romano, contra a herexía super estendida na propia Galicia de Prisciliano (que nega o corpo real de carne e sangue de Cristo), contra o arrianismo de suevos e de visigodos hispanos (non cren en Cristo como Deus, logo negan a resurrección) e contra outras herexías que daquela nacían e crecían como cogomelos. Iso sen falar da unión poderosísima que ser católico un rei suevo lle dá a favor do pobo galaico-romano e mais hispano en xeral (ata o punto que as únicas veces en que un rei suevo ten idea de expansión peninsular é cando se une, por ser católico, coa Igrexa e co Pobo).

 (San Martiño de Dumio e/ou de Braga e mais o rei Miro; foto tomada da Internet, procedente dun manuscrito depositado na Biblioteca de Viena; o obxecto que tocan coas mans debe ser un códice)

E isto que ten que ver co noso escudo, co grial?
Quizais nada ou quizais moito: á idea pouco verosímil de que ese símbolo estivese presente xa, senón en pendóns e  estandartes (pensade que reis suevos matrimoniaban con princesas de alén das súas fronteiras, e incluso de alén dos Pirineos, como Reckiario, que casa cunha filla do rei godo e arriano Teodorico I, e pensade en todas as embaixadas que circularon, así como as guerras en que participaron: algún símbolo tiñan por forza que portar), en libros dos mosteiros, nos pazos dos bispos, en pedras desaparecidas como desapareceu todo (pazos dos reis, igrexas, pazos daqueles bispos, lugares físicos de concilios, casas de nobres...), contrepoñédelle a idea moito máis plausíbel e de que si houbese un contexto ideolóxico, un ambiente propicio á asunción do grial como símbolo nacional do (vello) reino.
Seguiremos outro día.
(Mª Rosario Soto Arias).
:::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::

luns, 6 de xullo de 2015

A CORUÑA



A CORUÑA DE BESCANSA.

(Leoncio Bescansa Casares: 1879-1957)

Como seguramente xa sabedes, este ano cúmprense cen anos des que se fundaran as coruñesas escolas Labaca. Con ese gallo, houbo un ciclo de interesantes conferencias. Unha delas versaba sobre o arquitecto que deseñou o edificio. Impartiuna o señor Fernando Agrasar Quiroga o 19 de febreiro. Pareceunos un pecado non facervos partícipe minimamente do que alí aprendimos. De min podo dicirvos que non coñecía da misa a media. Nunca antes oíra falar do arquitecto Bescansa, e nunca antes fora tan consciente da beleza dalgúns dos edificios coruñeses que –habería que dicir talvez milagrosamente- se conservan del. Xa non é a primeira vez que nos laiamos da case barbarie, do mal entendido progreso que arrasa con xoias arquitectónicas na nosa cidade... O propio Agrasar ten publicado un libro con este elocuente libro: A Coruña: arquitectura desaparecida, cuxa lectura vos aconsello. A ver se aprendemos algo do pasado para enfocar mellor o futuro.

(Igrexa do Sagrado Corazón ou dos Xesuítas: a torre debeuse a unha reforma de Bescansa sobre un proxecto de F. Rabanal de 1899, feita -a reforma- en 1916; demolida en 1992)




Dúas notas informativas atiradas en parte do que lle oímos ao señor Agrasar, en parte atiradas dun artigo escrito por Antonio Garrido Moreno,  e logo déixovos coas fotografías.


Leoncio Bescansa nace na Coruña en 1879, estuda no Eusebio da Guarda e logo fai arquitectura en Madrid. Foi un home que puido viaxar por Europa (o profesor Agrasar fala dunha viaxe iniciática, un concepto de beleza indiscutible que nos fai pensar nas grandes obras literarias con personaxe itinerante, desde Alonso Quijano a Adrián Solovio; Bescansa gozou de estadías longas en Viena, Roma, París...) , un espírito sensible ás empresas altruístas, filantrópicas e relixiosas. Noméano membro da Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario en substitución de Faustino Domínguez Coumes-Gay, tan vinculado ao noso Instituto. Cando Ricardo e Angelita Labaca, filántropos coruñeses que compran un solar no Camiño Novo –actual rúa de Juan Flórez-, lle encargan a edificación das escolas, Bescansa proxecta, en 1912, un edificio de estrutura simétrica en cuxo centro ergue unha torre inspirada no gótico perpendicular, aínda que enchoupada, reinterpretada dentro da heterodoxia das correntes eclécticas de principios de século. Quizais é ese o concepto clave, o eclecticismo arquitectónico, no que destaca unha decoración de caprichoso barroquismo. 

 (O Art Nouveau produce obxectos de beleza; nesta época, dez primeiros anos do s. XX pódese falar dun triunfo planetario deste estilo)
Había na fachada principal unha entrada independente para cada sexo pola torre central e nos pavillóns laterais estaban as clase para os nenos e para as nenas; estaban tamén as casas do mestre e da mestra. En 1922 edifícase un pavillón anexo para música.
Só nos resta agradecer encarecidamente ao señor Fernando Agrasar Quiroga a súa extrema xentileza ao facilitarnos as fotos para que as publiquemos aquí.
(Mª Rosario Soto Arias).


(Exemplos de modernismo arquitectónico en Alemaña, a foto de abaixo é dunha fábrica. A proliferación dos exemplos do A. Nouveau responde a unha nova situación social, ao triunfo da burguesía comercial: canto máis potente máis e mellor responde a estes códigos, de aí que na Coruña o contido sexa "moi contido", en comparanza por ex. á produción da burguesía catalá)