luns, 6 de xullo de 2015

A CORUÑA



A CORUÑA DE BESCANSA.

(Leoncio Bescansa Casares: 1879-1957)

Como seguramente xa sabedes, este ano cúmprense cen anos des que se fundaran as coruñesas escolas Labaca. Con ese gallo, houbo un ciclo de interesantes conferencias. Unha delas versaba sobre o arquitecto que deseñou o edificio. Impartiuna o señor Fernando Agrasar Quiroga o 19 de febreiro. Pareceunos un pecado non facervos partícipe minimamente do que alí aprendimos. De min podo dicirvos que non coñecía da misa a media. Nunca antes oíra falar do arquitecto Bescansa, e nunca antes fora tan consciente da beleza dalgúns dos edificios coruñeses que –habería que dicir talvez milagrosamente- se conservan del. Xa non é a primeira vez que nos laiamos da case barbarie, do mal entendido progreso que arrasa con xoias arquitectónicas na nosa cidade... O propio Agrasar ten publicado un libro con este elocuente libro: A Coruña: arquitectura desaparecida, cuxa lectura vos aconsello. A ver se aprendemos algo do pasado para enfocar mellor o futuro.

(Igrexa do Sagrado Corazón ou dos Xesuítas: a torre debeuse a unha reforma de Bescansa sobre un proxecto de F. Rabanal de 1899, feita -a reforma- en 1916; demolida en 1992)




Dúas notas informativas atiradas en parte do que lle oímos ao señor Agrasar, en parte atiradas dun artigo escrito por Antonio Garrido Moreno,  e logo déixovos coas fotografías.


Leoncio Bescansa nace na Coruña en 1879, estuda no Eusebio da Guarda e logo fai arquitectura en Madrid. Foi un home que puido viaxar por Europa (o profesor Agrasar fala dunha viaxe iniciática, un concepto de beleza indiscutible que nos fai pensar nas grandes obras literarias con personaxe itinerante, desde Alonso Quijano a Adrián Solovio; Bescansa gozou de estadías longas en Viena, Roma, París...) , un espírito sensible ás empresas altruístas, filantrópicas e relixiosas. Noméano membro da Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario en substitución de Faustino Domínguez Coumes-Gay, tan vinculado ao noso Instituto. Cando Ricardo e Angelita Labaca, filántropos coruñeses que compran un solar no Camiño Novo –actual rúa de Juan Flórez-, lle encargan a edificación das escolas, Bescansa proxecta, en 1912, un edificio de estrutura simétrica en cuxo centro ergue unha torre inspirada no gótico perpendicular, aínda que enchoupada, reinterpretada dentro da heterodoxia das correntes eclécticas de principios de século. Quizais é ese o concepto clave, o eclecticismo arquitectónico, no que destaca unha decoración de caprichoso barroquismo. 

 (O Art Nouveau produce obxectos de beleza; nesta época, dez primeiros anos do s. XX pódese falar dun triunfo planetario deste estilo)
Había na fachada principal unha entrada independente para cada sexo pola torre central e nos pavillóns laterais estaban as clase para os nenos e para as nenas; estaban tamén as casas do mestre e da mestra. En 1922 edifícase un pavillón anexo para música.
Só nos resta agradecer encarecidamente ao señor Fernando Agrasar Quiroga a súa extrema xentileza ao facilitarnos as fotos para que as publiquemos aquí.
(Mª Rosario Soto Arias).


(Exemplos de modernismo arquitectónico en Alemaña, a foto de abaixo é dunha fábrica. A proliferación dos exemplos do A. Nouveau responde a unha nova situación social, ao triunfo da burguesía comercial: canto máis potente máis e mellor responde a estes códigos, de aí que na Coruña o contido sexa "moi contido", en comparanza por ex. á produción da burguesía catalá)

Ningún comentario:

Publicar un comentario