xoves, 23 de setembro de 2021

A NOSA CASA

A NOSA CASA

A ARCADA DO INSTITUTO ‘EUSEBIO DA GUARDA’

(A arcada do Pavillón Novo. Foto feita por Charo Soto)
 

Na vida pasa moitas veces así: hai cousas que estás canso de ver e que pasan desapercibidas, non chaman especialmente a nosa atención por formar parte, precisamente, do cotián. A min pasoume cos arcos da parte posterior do noso Instituto, a arcada que dá á avenida de Pedro Barrié de la Maza. Un día, hai moitos anos xa, comentou Mercedes Sampayo -amiga, contertuliana, profesora de matemáticas que foi de varios de vós-, ao tempo que as sinalaba, o Concello retiroulles a protección… E nós preguntamos: -E logo?, por que estaban protexidas? E así foi como tivemos noticia por primeira vez de que eses arcos procedían do vello hospital coruñés, en cuxa fundación interveu a moi relembrada Teresa Herrera, chamado da Caridade e tamén vinculado a Isabel Zendal (traballou nel) e á expedición da vacina a América, a chamada Expedición Balmis. Sobre ese hospital falaremos outro día. 

 

(Foto tomada de Internet. Vense ben os arcos no vello hospital coruñés, parte dos cales están hoxe na nosa casa)


 

Hoxe bástenos recordar que a súa construción foi iniciada en 1791, que o seu arquitecto fora Fernando Domínguez Romay e que estaba situado na zona entre as dúas murallas, preto do Convento das Capuchinas, na rúa que conserva o nome(Hospital). A demolición do hospital ten lugar na década de 1960 pero algo daquela fábrica é conservado: algúns arcos son transladados á nosa casa e parte mínima é levada á casa-pazo de Cornide. Os arcos eran moi altos e houbo que rebaixalos un pouquiño para que encaixasen no novo destino. Se non erra a nosa memoria os orixinais son nove, contando desde a rúa Modesta Goucouría. A quen lle debemos que se conservasen, a quen lle debemos ese traslado? No que nós sabemos ao daquela arquitecto municipal, o señor Antonio Tenreiro, a quen Deus teña na merecida gloria. 

 

(Fotos de arquivo. Vemos a sinatura do arquitecto municipal Antonio Tenreiro)

Volvo apelar á memoria (que xa non é o que era…): se non erramos, rompeu unha lanza a favor desa conservación o señor Ángel del Castillo (merece tamén unha páxina do noso blog: foi profesor -brevemente- no noso Instituto, grande coñecedor dos nosos monumentos, de Galicia, académico, ilustre persoeiro).

 

(Señores Estelles e Tenreiro, foto tomada de Internet)
 

 Permitídeme que vos diga que parte destes datos xa os publicamos no libro conmemorativo dos 125 anos de Instituto da Guarda: no artigo titulado “Breve historia do Instituto. Datas relevantes” (p. 154) aludimos ao profesor Alfredo Vigo, quen nun seu libro publicado no 2007 nos ilustra sobre eses restos arquitectónicos importantes. Hónrome en poder engadir que a miña promoción de bacharelato foi a primeira en inaugurar o chamado ‘Pavillón Novo’, con eses arcos a el incorporado. 

 

 


 
(Planos de J. González Cebrián custodiados na nosa casa. Pavillón Novo)

O deseño dese pavillón foi obra do arquitecto cordobés J. González Cebrián, un home ben establecido na Coruña (onde deixou sólidas raíces), ganador dun Premio Nacional de Arquitectura. Antes de despedirnos, réstanos volver ao asunto da protección desa arcada coruñesa de importancia histórica innegable. Quixemos saber que pasa coa súa protección institucional. Puxémonos en contacto co noso apreciado colega Manuel Regueiro, tamén ex profesor dalgúns de vós, e de contado -grazas desde aquí pola xentileza para connosco- achegounos información fidedigna do Concelleiro de Urbanismo: os arcos non gozan xa, efectivamente, da protección integral (categoría máxima da que desfruta o edificio principal do noso Instituto), pero seguen a gozar dunha certa protección, protección ambiental. Se esa recategorización é ou non suficiente eu non logro afirmar nin negar nada. Pero voces entendidas (por exemplo, a arqueóloga ben versada en leis do noso patrimonio, Purificación Soto) din que si. Así o esperamos e queremos, os que amamos a nosa cidade, A Coruña. Feliz inicio do outono!

 

(Colocación dos arcos do vello hospital na parte posterior do noso Instituto. Sobre eles ou a partir desa instalación proxectarase a construción do Pavillón Novo. A foto, tirada de Internet, é da década dos 60, por forza anterior a 1966, cando nós inauguramos ese pavillón, en primeiro de bacharelato)


(Foto do Hospital da Caridade. Tirada de Internet)
 

 

 

mércores, 8 de setembro de 2021

GALICIA INMORRENTE

 

GALICIA INMORRENTE

 

(A pedra onde habitaba o trasno chamado 'Estrago')

 

Hoxe presentámosvos unha páxina que responde tamén ao epígrafe Visitando… mais con todo cremos que un dos relatos que oímos este día ten un certo valor transcendente e esa é a razón pola que preferimos ampliar o marco referencial.

Fomos convidados á casa dos afillados duns nosos amigos, en terras de Chantada, por riba do río Miño. Aló enriba, entre socalcos de viñedos, nunha tarde espléndida de sol, agasalláronnos con bo viño, bo queixo, embutidos da casa, empanadas de Anzo e como aperitivo insuperable, un par de historias míticas. A avoa do anfitrión, Hortensia, que en gloria estea, natural de alí mesmiño, de San Fiz de Asma, fora a encargada de transmitirlle ao neto, de rapaz, estes relatos que como vedes non caeron no esquecemento. 

(Foto feita por Charo Soto desde a adega Scintila, San Fiz de Asma)

 

Centrarémonos na que xulgamos máis interesante. A outra, por ser máis coñecida, ímola deixar para outro día. Vouvos explicar por que lle chamamos Strago [así escrito, latinizada a forma] a este viño… Era o nome dun trasno. A miña avoa, coma as persoas da súa xeración, crían nos trasnos… Había trasnos e había perellos [aquí a nosa amiga Fita, dezá,  interrompeu: “perello?”, teño oído antes esa palabra, “este neno é un perello”, dicíase… Eu pensei no meu pai, xa defunto, coruñés, que usaba a variante perecho, son -perecho ou perello- demiños, demos menores…]. Cada vez que pasaba algo que trastornaba a normalidade, era o trasno… que se perdía ou desaparecían cousas? O trasno… Os trasnos non eran exactamente malos, gustáballes xogar… e había moitos, pero cando fixeron o encoro, aló embaixo, o de Belesar, con tanto ruído que houbo escaparon todos e só quedou un, Strago, que habitaba nesa rocha de aí [preto da adega onde estabamos], debía de estar durmindo ou así e foi o único que quedou… Os outros saíron correndo todos, entraron na porta do inferno que estaba no fondo do río, aló embaixo, aínda lle quedou o nome a unha viña próxima, a Viña do Inferno… A porta canda as explosións quedou atrancada tamén para sempre…

(Foto da pedra do trasno con Fita e Charo, vese ben o tamaño inconmesurable do monumento lítico)

 

Xa vedes que é unha historia marabillosa. Absolutamente. Non coñezo eu moitas variantes da porta do inferno en territorio galaico. Exactamente na memoria só teño unha. Localízase en Ons, alí hai o Buraco do Inferno e seino trala lectura de Pedro Feijoo, Os fillos do mar, onde aparece mentado. Tamén vos podo dicir que a boca do inferno xorde de novo na fraseoloxía: máis escuro ca a boca do inferno (TILG). Nese mesmo corpus, no TILG, podes ver a concorrencia do tópico nos contos populares e na obra En salvaxe compaña de M. Rivas. E comprobamos que un dos pozos máis famosos de Galicia, o Pozo Meimón ou Maimón, tamén no Miño (falamos neste blog del no capítulo “A fonte de Ana Manana”, xaneiro 2017) tamén é denominado “Boca do Inferno”. Tras a cristianización destas terras inspiran medo e pasan a morar nestes lugares seres demoníacos en maior ou menor grao (demos maiores e menores ou trasnos) pero noutrora non foi así. Estas portas comunicaban o mundo en que vivimos co inframundo. Jean Markale fala ben do tema en varios lugares: por exemplo no libro Contos e lendas dos países celtas publicado en Toxos Outos. Concretamente, en 2 relatos localizados na Bretaña: “O remuíño da Falcoeira” e “Historia de Jopig das Silveiras”, onde se nos di que os encoros de Yeun Ellez son unha das portas do inferno. Na tradición celta irlandesa esas portas de comunicación entre mundos, dos vivos e dos defuntos, ábrense no Samain. Tampouco para os católicos apostólico-romanos están esas portas pechas: pénsese na Comuñón dos Santos.


 

Rematamos xa. Quixera someter ao voso xuízo este relato, no que nós sabemos inédito, que recollimos hai lustros dunha nosa boa alumna coruñesa (en sentido amplo, da provincia, de aquí preto: terras ártabro-bergantiñás): esa montaña que se abre… recorda moito as vellas portas ás que acabamos de referirnos.

Contan as xentes de San Román (Cabo Vilaño-Laracha) que no Monte do Castro vivían unhas xentes moi grandes, xigantes: eran os xentiles. Eran persoas que durante o día se escondían e só saían durante a noite. Din que o que fora petar tres golpes na pedra onde sentaban (que aínda existe, con forma de asento) os xentís, na noite de san Xoán, era papado pola montaña: esta abríase e caían dentro. Os xentís, xa digo, polo día agachábanse no interior da montaña e pola noite saían a traballar. Eran moi grandes e fortes e durante a noite batían as ferramentas de ferro, dende o Monte do Castro ata o Monte da Estrela, en Monteagudo, onde traballaban na construción dunha capela.

            Así, ninguén saían polas noites ao monte. Actualmente existen os restos da capela no Monte da Estrela e existe ou existía a pedra de asento no Monte do Castro e tamén hai unha pegada en pedra de máis de medio metro de longo” (Iria Rodríguez Martínez, oído en San Román, Laracha)