mércores, 9 de marzo de 2022

COLABORACIÓNS ESPECIAIS

 

INVERNO (DESPEDIDA)

 

(Vivaldi, véneto mais cunha avoa friulana, compuxo 'O Inverno' arredor de 1721)

Estamos na estación que se resume en días curtos, noites longas, chuvia e frío, humidade e xeadas.

Asubía o vento polo medio das tellas, baten as contras das ventás. O vento corta os sentimentos na rúa e nas corredoiras.

Inverno, tempo frío sempre co lume aceso. Invernía de lodeiros, pozas e lama. Inverneira de neve, laradas de lume e leña no unllar. 

La Nevada (1786), Goya. A nevarada ou o Inverno, titúlano algúns



Naceu o "neno", pasamos a un tempo novo, necesario para que a terra durma e os terróns entumezan. Aterecidos de friaxe cambiamos o ciclo vital abrindo os nosos corazóns a primaveira, de camiño o san Antón (17 de xaneiro), o san Vicente (22 de xaneiro), a Candelaria (2 de febreiro) e o San Brais (3 de febreiro), e o Entroido.

Na Candelaria medio inverno vai fóra, vaise descobrindo o día, vai recuperando o seu sitio fronte a noite.

San Xoán Evanxelista (27 de decembro), patrón da parroquia que me veu nacer, e mañán os santos Inocentes, sempre o ocasión para bromas e inxeniosas falcatruadas.

Nesta tempada pechamos ben portas e fiestras, apuramos os rescoldos no lar, contamos historias e contos arredor da chama, chama que alumea os nosos sentimentos,  facemos partícipes os nosos ancestros que xa non volverán fisicamente.

O frío conxélanos, fainos desfrutar da neve e dos pratos de culler. Lentece en nós, seréanos, fainos repousar nas longas noites do fin de ano propicias para soñar, para que se cumpran os máis ansiados sonos.

 Son días de reunión, amizade, familiaridade, son ou intentan selo, añoramos por segundo ano consecutivo períodos invernales sen xel hidroalcólico, sen límite de aforo nin protocolos sanitarios. As celebracións tiñan discusións e debates protocolarios, "que vai antes, o centolo ou as ameixas?", ou en que lugar se sentaba cadaquén.

 

(Nevarada en París, decembro de 1938; ao fondo podemos ver un muíño desaparecido pero mítico grazas á arte, é o famoso Moulin de la Galette)

 

 O INVERNO é como o lusco e fusco da vida, o día adormece e esperta un novo, a vida esmorece e xorde unha nova.

Así agardamos un 2022 cheos de esperanza e quen de brincar por enriba de balados e cancelas, por enriba de protocolos e restricións.

 

Antonio Fondo Rodríguez (27 de decembro do 2021).

 

::::::::::::::::::::::::::::::

Nota: as fotos están tomadas de Internet, agás a de París, esa tomámola dun libro: Chronique da La Rue Parisienne, de Jean Luis Célati e Rodolphe Trouilleux

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario