luns, 10 de agosto de 2015

BUSCANDO PALABRAS



BUSCANDO PALABRAS

A IRMANDADE FRASEOLÓXICA GALEGO-PORTUGUESA

(Madeira. Foto tomada da Internet) 


Este tema, o da irmandade lingüística entre o galego e o portugués actuais tomando como pé a fraseoloxía xa foi abordado por Bouza Brei (Cuadernos de Estudios Gallegos I,2,1944; 296-297), por  Xesús Ferro (no seu discurso de entrada á RAG, unha preciosa parrafada que podedes ler libremente na rede) e antes aínda por Vicente Risco (revista Nós, nº 27, creo relembrar, non teño a man a revista, pero recordo que cita un profesor miñoto e as frases que entran na comparanza son do tipo: máis vello có demo, seco coma rabo de bacallau, etc.), entre outros. Nós cultivaremos un pouco máis este campo, que tanto nos gusta, todo hai que dicilo.
Por que hai tantas e tan curiosas coincidencias fraseolóxicas, e non perdamos de vista o dato de que a fraseoloxía é unha caixa que garda as esencias, quer dicir, formas específicas e identitarias en grao sumo para cada dominio lingüístico,  por que hai tantas concomitancias específicas entre o galego e o portugués, meus queridos (falo máis ben para os alumnos, para os que entran por primeira vez nesta parte da historia da península)? Porque houbo un tronco común, unha orixe histórica única: tal e tamaña unidade se pode enfocar no noroeste histórico (a vella Gallaecia en boa medida) que non necesitamos un punto en concreto a partir do cal se expande o galego vello, o galego-portugués medieval, o galego actual e o portugués actual: nin Verín e arredores (quizais un círculo entre Verín e Calem ou Calóbriga), como pensaba o defunto Isidoro Millán, que en gloria estea, nin outro punto concreto aquén ou alén do Miño...
Ora ben, estas unidades fraseolóxicas tan estrañas que trataremos, tan difíciles de explicar como “mera coincidencia” (por exemplo, un pensa na frase “bo coma o pan” ou “como o can e o gato” e a ninguén lle estraña que dous idiomas en puntos distintos do planeta  cheguen cada un polo seu lado a formalas) fannos ter en mente dúas vías digamos de chegada: 1. Proceden do vello tronco común e a súa xénese é , xa que logo, anterior á Idade Media (ou desa época), e 2. Baixaron do norte ao sur en calquera momento sen necesidade de concretar, coa migración humana. Porque as palabras, meus amigos, dicían os neogramáticos de finais do XIX, nacen, multiplícanse –forman familias-, e morren. Ao que nós sen dúbida podemos engadir: “e viaxan ou (e)migran”.  É unha imaxe bioloxicista pero moi útil e plástica.
Vexamos casos concretos de unidades fraseolóxicas documentadas tanto en galego como en portugués:


A dar cum pau (DEPP) (Dicionário de Expressões populares portuguesas, Gulherme Augusto Simões) (moi común en galego)
A esmo ‘ao acaso’, ‘ás toas’ (DEPP) (en galego, documéntase no DdD, Dicionario de Dicionarios, que coordina o prof. Antón Santamarina, dispoñible na rede)
Comer-lhe as papas na cabeça ‘enganar outrem’ (DEPP) (en galego ten dous valores lixeiramente distintos: 1. Avantaxar, ser superior a, 2. [claramente acepción secundaria] Ser máis alto)
Comer pão com côdea ‘ser já homem’ (DEPP) (relativamente común en galego)
Como sardinha em canastra (DEPP)
Dar ao canelo ’andar moito’ (DEPP) /Dar à canela/  Sebo nas canelas! (DEPP) (en galego documentamos Dar canela, Darlle á(s) canela(s) e Darlle sebo ás canelas [contáronnos un conto por Pastoriza, montaña lucense, onde a ovella era perseguida polo lobo e dicía: “des que son ruza e vella nunca tanto lle dei á canela”])
Dar á taramela ‘falar de mais, falar muito’ (DEPP) (en galego actual é máis común a variante con –b-, darlle ao tarabelo, pero tamén trae o DdD ser unha taramela ‘falar moito’)
Dar como em centeio verde (DEPP) ‘golpear’ (moi común en galego)
Fazer-se lucasfazer-se desentendido’ (DEPP) (en galego hai moitas frases con este valor, Chamarse andaina/Andrés/de covas/Xan de nega; Facerse de Angrois, e unha delas é precisamente Chamarse Lucas, documéntase na narrativa de Martínez Oca, por ex.).
Feita a machado ‘feito grosseiramente’ (DEPP) (común en galego, desde Bergantiños a Valdeorras; hai variantes co feminino, a machada)
Fino como um alho ‘moito esperto’ (DEPP) (común en galego, sobre todo cos adxectivos ‘agudo’ ou ‘listo’; algún alumno curioso pregunta que teñen que ver os allos coa calidade de ‘listo’, supoño que a resposta está na imaxe da planta: érguese dereita, tesa, e de aí, de ir dereitiña, en liña recta, pásase por derivación á idea de rapidez mental ou axilidade)
Fio do lombo ‘coluna vertebral’ (DEPP)
Levar às carranchas ‘às cavalitas’ (DEPP) (figura esta frase no DdD, hai variantes – ás carrancas, a carranchapernas,  ás carrancholas-; forma parte dunha familia moi común e rica en galego, a ela pertence o vbo. escarranchar ‘abrir as pernas’,  e inda que non temos a man os libros de consulta por estarmos fóra de casa, sóanos que Corominas entronca estas voces con garra [de feito, en castelán dialectal temos co mesmo valor a garraminchas]; na nosa opinión hai que relacionalas con esparrancar e demais voces emparentadas que dan idea de abertura e/ou espallamento, todas caracterizadas por unha matriz de oclusiva + erre forte, *Karr-/Parr-)
Levou-o a breca ‘Morreu de doença’ (DEPP); cfr.  galego  Estar levado da breca  (DdD, onde ‘breca’ conmuta por ‘demo’)
Lusco-fusco, lusque-fusque, lusquifusque (DEPP)
Ter cara de lua cheia ‘cara muito gorda’ (DEPP) (tamén común en galego)
Tintim por tintim ‘con todos os pormenores’ (DEPP) (en galego a frase correspondente é tintín por barín, viva por exemplo na fala da nosa amiga Carmela, concello de Arzúa, Coruña, co mesmo valor có portugués; a voz tintín é onomatopeica, do son que produce o metal, e en concreto unha moeda: a imaxe fraseolóxica virá de aí, de contar algo coma quen conta moedas, unha a unha, sen que se perda nada no cómputo ou no conto).
O dos pés marelos: Esta é a derradeira frase que estudaremos hoxe, quedan outras no tinteiro (ou na man, que se di en galego), para outra ocasión. Esta frase, Carme López Taboada e mais unha servidora, tiñámola rexistrada en galego co valor de ‘O fillo primoxénito’, pero perdemos o dato da localización; vemos no TILG (dispoñible na rede) estoutro contexto: “Coidou que era mellor traé- la para a súa [traer a muller que ama á casa] , ou mellor dito para a de seus pais , que anque el ía ser o dos pés marelos , logo non o foi “ (dun relato de Manuel Vázquez Fernández), onde, evidentemente, o significado non pode ser exactamente o de primoxénito.  Pedímoslle axuda ao prof. Santamarina (pregúntolle ao que fora o meu profesor se cabe pensar nun posible lusismo) e velaquí o que amablemente nos di:
Teño oído esa frase algunha vez. O sentido é “o  fillo máis querido (que en xeral é o máis pequeno)”.  Téñoa sentido moitas veces a Couceiro e aprendeuna en Feás. (Aranga e non nos libros de portugués). O sentido que tén no exemplo de Manuel Vázquez parece ser o de ‘fillo mellorado’ (na herencia).  O sema común que teñen  as dúas acepcións é a de ‘fillo preferido’. Outra cousa  é a motivación. Por qué lle chaman “dos pés marelos” ao ‘fillo preferido (mellorado ou benxamín)’.
Nós non podemos asegurar nada da orixe desta frase curiosa, pero si nos é dado elucubrar cunha orixe bíblica. Unha das historias máis prototípicas sobre pés e primoxénitos é a do nacemento de Esau e Xacobe (no libro da Xénese): son xemelgos, e como daquela o dereito de primoxenitura valía moito, Xacobe agarra polo pé ao seu irmán para estorbarlle a saída, pero inda así o que nace primeiro e Esau, e dáse a casualidade de que a Biblia o describe como rubio, roxo, pero xa sabemos que rubio e amarelo van da man: o sol pode describirse como louro ou loiro, e de feito vemos que nalgunha tradución da Biblia, o primoxénito Esau é descrito como rubio (en castelán), non como rojizo. Así que temos aí, nesa imaxe bíblica, un primoxénito de pés amarelos-rubios.
E en lingua portuguesa? Pois en portugués das Illas de Madeira documentamos na Internet os pés amarelos na frase ficar com os pés amarelos ‘quedar para vestir santos’, tradicionalmente referido á muller (en: http://o-rabo-do-gato.blogspot.com.es/2005/08/ficar-com-os-ps-amarelos.html, a autora do artigo é Lília Mata).
Variante: Morrer com os pés amarelos, ‘morrer solteira’  [en: http://gangdoserrado.no.sapo.pt/Falares.htm , consultado 26 de Santiago 2015] (Termos retirados do dicionário "Falares da Ilha" de Abel Marques Caldeira , 2ª edição – 1993).
Lília Mata ofrécenos, á súa vez, outra hipótese para explicar a unidade fraseolóxica da súa terra madeirense: trataríase dunha semellanza coas patas das galiñas, que se volven marelas cando se fan vellas. Observación moi curiosa, aínda que sospeitamos ser mera coincidencia cromática. Quizais haxa que optar por ver na acepción madeirense unha variante secundaria, a partir da primoxenitura: o primoxénito sempre é o máis vello dos fillos. Con respecto ao que di Santamarina de que o fillo mellorado soe ser sinónimo do máis querido, pode ser, evidentemente, pero na terra do meu home, e non creo que sexa a única, o mellorado (o que queda coa casa) era normalmente o maior; está claro, e xa rematamos, que ser o maior non é sinónimo de ser o chichí, o preferido. En todo caso, poderíase dar como sema común non tanto “fillo favorito” como “fillo favorecido”.
Como diciamos, hai máis materia, a ver outro día...
(Charo Soto)

 
 (Rubens: "A reconciliación de Esaú e Xacobe", foto tomada da Internet)

2 comentarios:

  1. Compráceme dicirvos que o meu pai (un nativo de Orosa, Aranga) foi a única persoa a quen lle escoitei esa expresión "dos pés marelos" e con ese sentido. Estaba por pensar que o imaxinara, pero vese que non. Graciñas! :-)))

    ResponderEliminar
  2. Por certo que el se refería a unha muller, "a dos pés marelos". Cando lle preguntei díxome que era a herdeira que quedaba na casa.

    ResponderEliminar