luns, 21 de setembro de 2015

A CORUÑA



A CORUÑA.  O TEMA DAS AUGAS (II).
Volvemos ao tema das augas que abastecían á cidade en tempos pretéritos. Isabel Martínez Barbeito –arquiveira do Concello xa falecida, alma e conservadora do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses, alumna que fora do noso Instituto- publicou un artigo titulado: “Algo más sobre acueductos y el gran arquitecto Casas y Novoa”, en Notas de un archivo (2004). Na descrición da obra que  fai Francisco Monteagudo (ou Montaigú), enxeñeiro xefe, asistido polo enxeñeiro Diego Montojo, di que as augas que baixaban de san Pedro terían ao seu servizo un depósito xeral, unha construción de arcos que a conducirían ata “el arca de los Cristales”, continuando o seu camiño por el Arenal hasta Capuchinas.
 Volvemos topar coa arca “de los Cristales”. Xa vimos no mapa do outro día ese nome (Fuente Nueva de los Cristales).  Hai aquí un enigma para min: non acabo de ver claramente que fonte é nin onde estaba. Alucando aquí e acolá atopei nunha desas ilustradoras charlas de ‘Celtiberia’  que un tertuliano dá Cristales como sinónimo de Payomouro (ambos microtopónimos coruñeses doutrora; este internauta sitúao na actual rúa de Pérez Cepeda), pero non é de todo exacto, no mapa que adxunto vense como lugares próximos pero distintos:


(Planos históricos [1879-1900] tomados da páxina web de libre disposición do Concello da Coruña: á esquerda, nunha disposición irregular –inclúe o perímetro dunha fábrica de gaseosas o lugar de Paiomouro; debaixo, onde se ven as árbores da esqda, indica “Lugar de Santa Margarita; á dereita, o polígono irregular máis próximo ás árbores da dereita, reza “Lugar de Cristales”. Vese ben o trazado do acueduto).
O catedrático da USC, Alfredo Vigo Trasancos, no libro que citamos abaixo, reproduce un texto de 1748 (fala da necesidade de revisar todos los meses del año las arquetas y cañerías de las dos fuentes de San Andrés y de los Cristales) e explica que a dos Cristales quedaba fóra da liña defensiva (das murallas), muy cerca del campo llamado del Carballo. De novo xulgámolo impreciso, inda que –efectivamente- preto si que tiña que estar. Mirade de novo o mapa:




(Neste mapa –que xa reproducimos a semana pasada- lese á esquerda ben  Fuente nueva de los cristales; vese polo menos o trazado, o acueduto, mais non resolvemos onde está a fonte: por riba percibimos o alto de santa Margarida –macizo de árbores- e as hortas da Agra do Orzán; o rectángulo de árbores con disposición xeomética case no centro da imaxe ten que ser o chamado ‘Campo do Carballo’, que coincide en parte coa igrexa de sta. Lucía actual, en parte coa Praza de Lugo).

Agora ben: se observamos no mapa de Felipe Gianzo de 1819 a zona en cuestión, vemos que o acueduto se nutre da Fonte de santa Margarita:


(Fragmentos do mapa de Felipe Gianzo, 1819. A estrada ou camiño que corre en diagonal é o “Camiño de Bergantiños”, actual avda. Fisterra; cos nn. 53 vemos os muíños de vento-monte de sta. Margarita; co nº 43 a capela de sta. Margarita; e co nº 42, pegada á estrada, a Fonte de santa Margarita [a famosa fonte, con grandes escalóns que se conservan en fotos de principios de s. XX,  hoxe trasladada do outro lado da estrada  no interior do recinto do parque, da que aínda declamaba a miña avoa coruñesa, falecida con 95 anos no 2004, Miña santa Margarita/miña Margarita santa, /a auga da túa fonte/curou a miña garganta]. Rodean a fonte unhas hortas numeradas co 54, dun tal Mato, e vese por riba o acueduto, que vén nutrirse á fonte; a construción acarón desas hortas, baixando á esquina inferior dereita da imaxe, sen número, ten que ser o “Lugar de Cristales”; é posible pensar que “Fonte dos Cristales” e “Fonte de santa Margarida/Margarita” ou son a mesma fonte ou se confunden).


(Fragmento ampliado: se vos fixades ben, apreciaredes dúas cousas sobre o acueduto: que baixa ao areal para topar coas murallas; e veredes tamén como empalma un brazo de acueduto que vén, verosimilemente,  de Nelle, da fonte de Nelle, pretiño do ángulo inferior esquerda da imaxe; as fontes de Nelle e  de Vioño quedan para outro día).
A fonte dos Cristais e a de santa Margarita ou son a mesma ou estaban moi próximas. De nena,  cando subía desde o Instituto á casa dos meus avós, que vivían na Praza do Comercio recordo que ao chegar ás ruínas da Imprenta Roel (distante uns metros máis arriba, seguindo a liña da estrada, da recolocada igrexa de san Francisco), había un par de enormes eucaliptos e xusto aí había unha fonte-lavadoiro. Quen sabe se non sería a dos cristais...
Tocante á presenza de Casas Novoa entre nós, é interesante  o que di Isabel Martínez Barbeito: “O rango deste excepcional artista explica mal a súa intervención como construtor dun acueduto planeado por outro, que se ben require categoría técnica non precisa de dotes artísticas tan fóra do común. Quizais a causa se ache no feito de que por tales datas debería estar na Coruña dirixindo a obra do convento e igresa das MM. Capuchinas, que el ideou e executou” (tradución ao galego nosa).
Posiblemente ese é un factor pero hai outros: a obra non é tan desprezable, ao contrario, é unha obra moi grande, con tres puntos de onde toma a auga –A Fonte dos Frades, Nelle e un terceiro punto que talvez sexa a Fonte dos Cristais/Fonte de santa Margarita-;  vimos que non carece de monumentalidade e a cuestión económica vai parella,  fálase na documentación manexada pola ilustre arquiveira coruñesa dun orzamento que supera os 300.000 reais; e a iso sumémoslle un par de datos máis a ter en conta: para empezar digamos que Fernando de Casas e Novoa está na flor da vida –arredor dos corenta anos-, con enerxías como para acometer varias obras ao tempo; doutra banda, no ano 1923 moi posiblemente non ten a aureola de prestixio que o rodea hoxe en día, aínda tardará quince anos para chegar ao cume da súa traxectoria, a fachada do Obradoiro, e ata o de agora –as Capuchinas da Coruña- sempre traballaba con alguén, indicador de que debe compartir (gloria e pecunio). Incluso aquí na Coruña, na documentación que manexa Alfredo Vigo Trasancos (en La Coruña y el siglo de las luces. La construcción de una Ciudad de Comercio (1700-1808)) figura traballando no acueduto (ou na viaxe de Visma/de san Pedro) con outro mestre, Francisco Velasco (o doutor Vigo Trasancos achega un documento de 1730 que di literalmente: “En este Ayuntamiento se ha visto un memorial del Sr. Francisco Velasco y Fernando de Casas maestros a cuio cargo estuvo la grande obra de la fuente de los Cristales por que piden la satisfacción de 7142 reales y 10 maravedís de vellón, resto de la obra que hicieron y la ciudad acordó...” (negriña nosa).  Está claro que non pode permitirse o luxo de traballar en balde ou por motivos espirituais (cita neste sentido o señor Vigo a Domingo de Andrade, quen traballou no convento das capuchinas  uns 55 anos antes “por su devoción y sin interés ninguno”). Non, non é o caso do escultor Casas e Nóvoa, quen –á marxe das comúns motivacións- ten moitas bocas que alimentar: tivo cinco fillos e a algún sabemos que lle deu carreira (pasou á historia un licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago).

2 comentarios:

  1. Descubrín onte o teu blog e gustoume moito. Sobretodo este artículo. Sabes onde se pode consultar o mapa de Felipe Gianzo?

    ResponderEliminar
  2. Ponte en contacto comigo. Mándame unha carta ao IES 'Eusebio da Guarda'. Son Charo Soto Arias. Sinto tardar tanto en ver o teu comentario.

    ResponderEliminar