mércores, 11 de marzo de 2020

VISITANDO


VISITANDO ALABAMA I

 (Fotografía de James "Spider" Martin, 1965. Está no Museo de Arte de Birmingham, Alabama. Chamo a vosa atención sobre a bandeira, a de Alabama, que parece estar inspirada na de Florida, coa cruz do santo André, a de Borgoña, que foi usada durante anos como bandeira de España e que inda conserva, por exemplo, a garda real española)

 

(A xente de Alabama é sumamente hospitalaria. A xente deste estado tamén sabe ser valerosa. A acción histórica de Rosa Park tivera lugar un ano antes de ser tomada esta fotografía, en 1955, e fora na capital de Alabama, Montgomery)


O primeiro que chama a nosa atención é o verdor, a paisaxe verde, e agora no inverno, a nudez soberbia, esguía, das árbores. Sabedes moitos de vós que teño un netiño nacido aquí. Paso un certo tempo xogando con el, e un dos seus xoguetes favoritos meus é un de encaixar pezas no oco correspondente nun rectángulo de madeira. Cada peza, tamén de madeira, é unha folla de árbore: aprendo nomes bonitos: ash (e penso que se simplificou ao máximo a forma latina (fr)ax(inus), aspen (e penso ‘que me aspen’), maple (por aquí hai moitísimas cousas que levan precisamente xirope de arce), alder (e penso na raíz de aliso e no d  de bido), walnut etc. Desde a galería posterior da casa vexo o solpor: normalmente unha franxa horizantal de ouro que se estende á altura da metade da cristaleira. Entre fraga e fraga as urbanizacións, as casas individuais, moitas de madeira, outras de ladrillo, moitas con bufardas, todas co seu anaquiño de céspede máis ou menos coidado, non vexo moita xardinería, inda que Birmingham ten un espléndico xardín botánico. Hai urbanizacións (non sei se será a verba axeitada, aquí chámanlles drivers, son como barriadas pero sempre coa casa individual) de tipo medio, a maioría das que eu vin, hainas como degradadas, máis pobres -oín o concepto de trush white, creo recordar que é un concepto vello, sóame do libro famoso de Margaret Mitchell- e hainas de xente rica, casas preciosas de estilo victoriano, din por estes lares, estas non son de profesores de instituto, si poden ser de doutores en medicina. Como en case todas as partes, aquí nótanse moito as diferenzas sociais (1). 


 (Por aquí xogan moito ao "cornhole" -mirade na wikipedia onde está ben explicado o xogo. Tamén xogan nos espazos habilitados con herba, verdadeiros centros de reunión de familia e amigos, das cervexarías)

Esta mañá, mentres conducía desde a cidade á casa, pregunteille a Suso, e logo, con tanta árbore, onde se supón que están as plantacións de algodón do sur? -Pois estarán máis ao sur do estado, supoño… Nós estamos xa preto do comezo dos Apalaches…  Algodón haber haino, no museo estupendo de Birmingham podes comprar calcetíns chuliños feitos con auténtico algodón de Alabama, un recordo orixinal e práctico. Unha característica que se pode observar tamén por estes territorios é o amor polos pets, os animais domésticos. Na maioría das casas hai cans e/ou gatos. Na nosa hai dous e dous (Nano, Leo, Buddy e Grey). Nas nosas aldeas galegas tamén hai diso, pero no que eu sei, dormen fóra da casa. Este día quedei soa e ladraban coma descosidos. Non me deixaron ver a peli que quería ver, Incepted. Non estou moi versada en como tratalos… Suso traballa en Atlanta pero di que lle gusta máis Birmingham para vivir, é como máis “vivible”, hai un bo ambiente e a xente xúntase moito por exemplo nas brewerys (asimilable a raíz á da nosa beberaxe) para tomar unhas birras e petiscar algo mentres escoitas boa música. A cervexa en Alabama é punto e á parte, moi moi boa, e fabrícana aquí mesmo, hai varias fábricas (se vindes por aquí algún día, vouvos recomendar a miña favorita, fabricada no propio Birmingham, Light Visions). Esta mañá fun a unha que levou premios e está situada, a cerveixa que fan, entre as mellores de todo o país. Os nomes que lle poñen tamén son guapos, e podes pedir unha cata. Daquela sérvenche 4 vasiños. Logo busco fotos.



 (Os vasiños das típicas catas de cerveixa, soen ir de sabores máis lixeiros ao máis intensos, con café ou cacao ou menta...)

(A música: aquí estabamos nunha cabana -Gip's-, un lugar de reunión onde se facía blues -Blues joint-, un dos últimos lugares, xa pechado. Gip tiña uns cen anos, o fundador. Logo compramos un disco del, de Sam Frazier Jr., "Take me back")

(Outra actuación, soberbia, na mesma cabana, Gip's)

(Solpor nunha cervexaría de Birmingham, Alabama. A xente xúntase e toca bluegrass...)

(Din que aquí, en Nashville, outro estado -Tennessee-, naceu o bluegrass...)

Preto da casa hai un moll -non usan esa palabra, usan máis store- estupendamente surtido de comida, e de viño. Unha moi boa selección de viños. De California, de Oregón, pero tamén viños europeos. Caros, iso si. Deixas unha pasta. Pero aquí se traballa tan duro, se tira un tantas horas no coche volvendo a casa, que unha copa de bo viño se presenta ao final do día coma unha chamada á alegría de sabernos vivos. No coche podes conectar as emisoras que queiras, con leria relixiosa todo o santo día, ou con leria política tamén a fartar, e logo está a música. Persoalmente gústame case toda a música que lles gusta aquí aos que me rodean (2): bluegrass, blues (cada vez hai menos bluesman, e os que van quedando son vellos; os seus descendentes optan polo hip hop e outras herbas… ves claramente que a música coma calquera arte, coma a literatura por exemplo, é unha creación humana fortemente vinculada a un contexto determinado, que facilita ou bloquea o seu desenvolvemento), folk etc. E hai cidades fortemente musicais, coma Nashville (moito nos gustou); tamén hai espléndidas voces femininas que unha servidora antes descoñecía… Polo de agora non atopei moitos españois, pero si xente que fala español, por exemplo na aduana do aeroporto e non sabedes que gusto no trato, que afortunada me sinto cando topo falantes que me facilitan a vida… En Atlanta fomos xantar unha pasta exquisita e maitre ou o que fose era un brasileiro que vivira anos en Bolivia e tamén se comunicou connosco en español. Xa me dixo Caleb que xente que fala español habela haina, o que non hai -dixo el- é españois de España. Seguiremos aínda…


 (Foto de Xácome diante da entrada do famoso teatro de Birmingham)

(Vulcano é o símbolo de Birmingham, a cidade máis importante de Alabama, que cumpriu xa 200 anos -en 2019-, e que naceu grazas á minería do ferro das montañas circundantes)




Notas:

(1) Leo nunha reportaxe do New York Times asinada por un prestixioso sociólogo Matthew Desmond, Premio Pulitzer 2017, estes datos esclarecedores, a propósito das desigualdades sociais neste país: In the United States, the richest 1 percent of Americans own 40 percent of the country’s wealth, while a larger share of working-age people (18-65) live in poverty than in any other nation belonging to the Organization for Economic Cooperation and Development (O.E.C.D.). (en: https://www.nytimes.com/interactive/2019/08/14/magazine/slavery-capitalism.html).

 (2) Canto á música, sería o conto de nunca acabar dicirvos todo o que me gustou… Pero voume atrever. Deberiades buscar algo, como mínimo, de: Shovels and rope (son de Carolina do Sur), de Shakey Graves (son texanos), de The Secret Sisters (son de Alabama) e por suposto, indo máis ao norte, resulta imprescindible coñecer a Brandi Carlile (é de Seattle).
::::::::::::::::::::::::::

Ningún comentario:

Publicar un comentario